Constitúen infraccións os incumprimentos ao disposto neste regulamento e demais normativa de aplicación e, en especial, as que se tipifican no presente artigo. As infraccións clasificaranse en leves, graves e moi graves, en función dos criterios de risco efectivo, intensidade da perturbación ocasionada na tranquilidade ou exercicio de dereitos doutras persoas, a ocasionada no uso da instalación, no normal funcionamento dela, ou a intensidade dos danos causados nos equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos do complexo deportivo, así como da intencionalidade, reincidencia, etc. En calquera caso, constitúen infracións leves as seguintes: - Producir molestias puntuais aos demais usuarios da instalación. - Realizar algún acto puntual de comer, saltar ou xogar na zona de baño da piscina, sen perigo para o infractor ou os demais usuarios. - A falta de decoro ou respecto cara ao persoal da instalación o cara aos demais usuarios, que se produza de forma puntual e facilmente solucionable. Constituirán infracións graves as seguintes: - Cometer máis de dúas faltas leves no prazo dun mes, ou de catro ou máis no prazo dun ano. - Non utilizar de xeito adecuado ao seu uso os aparatos deportivos. - Non se duchar antes de acceder ao vaso da piscina. - Acceder ao interior da instalación con roupa ou calzado inadecuados. - Acceder con roupa ou calzado de rúa á zona de baño. - Acceder á instalación con animais, e/ou facer uso de obxectos que poidan causar molestias aos demais usuarios, tales como aparatos de radio, música ou semellantes. - Beber, comer ou inxerir bebidas alcohólicas no recinto da instalación, a excepción dos refrescos ou snacks que se poidan adquirir no café-bar da instalación. - Xogar no interior da piscina con obxectos non permitidos no vaso. - Desobedecer as indicacións do persoal na utilización da instalación ou cumprimento das normas de comportamento, sempre que non se produzan máis dunha vez, caso no que pasarán a constituír faltas moi graves. - A falta de decoro ou respecto cara ao persoal da instalación ou cara aos demais usuarios. - Producir molestias reiteradas ou de intensidade aos demais usuarios, mentres fan uso da instalación. - Negarse a presentar o carné ou bono de usuario cando o persoal da instalación o requira. - Negarse a identificarse cando sexa requirido para isto polo persoal da instalación. - Sacar as chaves dos armarios fóra da instalación. - Escorrer os bañadores dentro dos lavabos ou duchas. - Correr, saltar ou xogar de forma reiterada na zona de baño, con perigo para o infractor ou para o resto dos usuarios. Son infracións moi graves as seguintes: - Cometer máis de dúas faltas graves no prazo de seis meses, ou de catro ou máis no prazo dun ano. - Desobedecer a prohibición motivada de acceso ao recinto, que proveña dos responsables da instalación e/ou persoal supervisor. - Impedir o acceso ás instalacións doutros usuarios con dereito a isto. - Intentar acceder á instalación utilizando carnés ou bonos caducados, ou pertencentes a outros titulares. - Ensuciar deliberadamente os servizos e instalacións. - Non cumprir as normas hixiénico-sanitarias vixentes para o bo estado de conservación, mantemento e limpeza das instalacións. - Ocultar a existencia de enfermidades cutáneas ou infecto-contaxiosas, para obter a condición de socio ou usuario da instalación. - Non utilizar nas duchas e piscina gorro de baño, bañador e chancletas. - Non utilizar a indumentaria axeitada na sauna, sala de musculación ou sala de aeróbic. - Practicar o nudismo no interior da instalación. - Extraer moedas dos armarios ou obxectos do interior deles, sen prexuízo da responsabilidade penal que se poida derivar. - Causar danos no interior da instalación, aos bens dela ou doutros usuarios, sen prexuízo da responsabilidade penal que poida derivar. - Non aboar as tarifas establecidas, ou utilizar a instalación sen estar ao día no pagamento das cotas que corresponda. - Acceder á instalación por accesos diferentes aos autorizados para tal fin. - Reiteración na desobediencia ás indicacións dos monitores, na utilización da instalación ou cumprimento de normas de comportamento.
|