CAPITULO I.- DISPOSICIÓNS COMÚNS A TODOS OS PROCEDEMENTOS Artigo 11º. Normativa As comunicacións previas e solicitudes de licenzas, axustaranse aos procedementos sinalados nesta Ordenanza que se aplicarán consonte ás disposicións establecidas na normativa de procedemento administrativo, ás especialidades contidas na lexislación local, urbanística e ambiental de Galicia, sen prexuízo do establecido por outras normas de rango superior á presente Ordenanza. Artigo 12º. Clases de procedementos. A intervención urbanística na tramitación das actividades no termo municipal do Concello de Muros tramitarase polos seguintes procedementos: · Comunicación previa. · Declaración Responsable. · Procedemento simplificado de obtención de licenza. · Procedemento ordinario de obtención de licenza. Artigo 13º. Dereitos dos solicitantes. Os solicitantes nos procedementos de tramitación das actividades terán os dereitos establecidos con carácter xeral na normativa de aplicación, entre outros, os seguintes: · Á tramitación do procedemento sen dilacións indebidas. · A obter información e orientación acerca dos requisitos xurídicos e técnicos que a normativa impón aos proxectos, actuacións ou solicitudes, comunicacións ou declaracións que as persoas interesadas pretendan realizar. · A non presentar documentos non esixidos polas normas aplicables ao procedemento de que se trate ou que xa obren no poder dos servizos municipais. · A coñecer, en calquera momento, o estado de tramitación do procedemento no que teñan a condición de interesado. · A que as resolucións denegatorias das licenzas estean debidamente motivadas. · A presentar queixas, reclamacións e suxestións sobre o funcionamento dos servizos. Artigo 14º. Deberes dos solicitantes. Os solicitantes nos procedementos de tramitación das actividades terán os deberes establecidos con carácter xeral na normativa de aplicación, entre outros, os seguintes: · Presentar a documentación completa esixible. · Atender os requirimentos municipais de corrección de deficiencias ou reparos, tanto formais como materiais, derivados das comunicacións previas, declaracións responsables ou solicitudes de licenzas. · Dispoñer, no seu caso, xunto á obra, no caso de obras maiores, de copia autorizada da licenza municipal e a colocación de cartel indicador cos datos que se mencionan no artigo 17.3 do Real decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia ou norma que o substitúa. · Ter a disposición dos servizos municipais copia da comunicación previa ou declaración responsable ou solicitude, no seu caso, debidamente dilixenciadas, facilitando o acceso á obra ou local ao persoal dos devanditos servizos, para inspeccións e comprobacións sobre o cumprimento da normativa aplicable. · Reflectir á entrada do local, en lugar ben visible, o aforo máximo autorizado para o local xunto coa actividade concedida, sempre que se impoña como condicionante da licenza. · Realizar os trámites nos prazos establecidos, téndoselles por decaídos no seu dereito ao trámite correspondente en caso contrario. Non obstante, admitirase a actuación do interesado e producirá os seus efectos legais se se producise antes ou dentro do día en que se lle notifique a resolución na que se teña por transcorrido o prazo. · Notificar a data de iniciación das obras, no seu caso. · Exhibir no interior dos establecementos orixinal ou copia do titulo acreditativo da comunicación previa, declaración responsable ou licenza. · Iniciar e executar as obras nos prazos establecidos pola normativa vixente. Artigo 15º. Presentación da documentación. 1. O Concello terá actualizados os modelos de comunicación previa, declaración responsable ou solicitude de licenza de actividade polos procedementos simplificado ou ordinario, que haberán de ser públicos para o seu xeral coñecemento. 2. A presentación de proxectos ou documentación técnica en soporte dixital realizarase de conformidade coas “Normas para a Presentación de Documentación e Proxectos Técnicos en Formato Dixital” incluídas no Anexo 4 desta Ordenanza. 3. O procedemento de tramitación de comunicación previa, declaración responsable ou licenzas de actividade, iniciarase mediante modelo ou solicitude normalizada para o que terase que achegar a documentación correspondente en cada caso. No acto de presentación da comunicación previa, declaración responsable ou solicitude de licenza de actividade, os servizos competentes verificarán a integridade da documentación achegada, dende o punto de vista formal, sen prexulgar o seu contido. Artigo 16º. Exercicio das actividades. 1. O exercicio de actividades cumprirán as disposicións vixentes en materia de edificación, infraestruturas, seguridade e saúde no traballo. As dimensións e características das actividades non excederán das comunicadas, declaradas ou autorizadas; considerase infracción urbanística calquera extralimitación destas. 2. As condicións manifestadas ao Concello deben de manterse durante o exercicio da actividade, coa obriga de que de producírense cambios na actividade deberán de poñerse en coñecemento da administración a través dos procedementos oportunos. CAPÍTULO II.- DISPOSICIÓNS ESPECÍFICAS NA TRAMITACIÓN DE COMUNICACIÓNS PREVIAS E DECLARACIÓNS RESPONSABLES Artigo 17º. Regulación do procedemento. O acto de control e intervención da Administración municipal, nos supostos previstos na presente Ordenanza, axustarase ao seguinte procedemento: a) A comunicación deberá efectuarse en documento normalizado, acompañado da documentación que para cada actuación concreta se especifique, de acordo co Anexo 1 da presente Ordenanza. b) O rexistro da documentación completa no órgano competente para coñecer da actuación de que se trate, equivalerá á toma de coñecemento por parte da administración municipal. c) As actuacións comunicadas poderán iniciarse dende a mesma data da súa posta en coñecemento na administración ou a data que sinale expresamente o interesado na comunicación previa ou declaración responsable, sempre e cando a documentación este completa nos termos establecidos na presente Ordenanza e a actuación se axuste ao ordenamento xurídico aplicable. Artigo 18º. Tramitación da Comunicación previa e Declaración responsable. Analizada a documentación e en función da adecuación ou non do seu contido ó ordenamento urbanístico e ás prescricións da presente Ordenanza, a tramitación dos actos comunicados axustarase as seguintes regras: 1. Cando a actuación comunicada se adecúe ao ordenamento xurídico e as prescricións desta Ordenanza esta producirá os efectos establecidos na normativa de aplicación, e poderá exercer a actividade de que se trate. 2. Cando a comunicación achegada sexa insuficiente, incorrecta ou inexacta, no prazo de quince (15) días notificaráselle á persoa interesada que se absteña de executar a súa actuación, concederáselle un trámite de subsanación da documentación esixible e advertiráselle da necesidade de volver a poñer en coñecemento da administración o exercicio da actividade, unha vez corrixidas estas. De non atender aos requirimentos anteriores, procederase ao arquivo do expediente sen máis trámite, todo isto sen prexuízo, no seu caso, da tramitación dos correspondentes procedementos de reposición da legalidade urbanística. 3. Cando se estime que a actuación comunicada non está incluída entre as previstas para ser tramitadas por este procedemento, no prazo non superior a quince (15) días hábiles, notificaráselle a/o solicitante coa indicación de que se absteña de executar a actuación, procedendo, de ser o caso, a continuación da tramitación mediante o procedemento de outorgamento de licenzas previa. 4. Cando a actuación comunicada non se axuste ao planeamento vixente e demais normativa de obrigado cumprimento e competencia municipal, no prazo de quince (15) días notificaráselle esta circunstancia ao solicitante e indicáraselle que debe de absterse de executar a súa actuación, concedéndolle trámite de audiencia por prazo de dez (10) días, con carácter previo á resolución de arquivo do expediente. Todo isto sen prexuízo, no seu caso, da tramitación dos correspondentes procedementos da reposición da legalidade urbanística. 5. Cando deban realizarse diversas actuacións relacionadas coa mesma actividade ou no mesmo local en que esta se desenvolva, as comunicacións previas ou as declaracións responsables tramitaranse conxuntamente. Artigo 19º. Cambios de titularidade nas licenzas. 1. A licenzas relativas ás condicións dunha instalación ou servizo serán transmisibles nos termos establecidos na normativa de aplicación. O antigo e o novo titular deberán unicamente comunicalo por escrito ao Concello, facendo expresa referencia á licenza que queren transmitir, sen o cal quedarán ambos suxeitos ás responsabilidades derivadas da actuación. 2 A comprobación por parte do Concello da inexactitude ou falsidade de calquera dato, manifestación ou documento, determinará a imposibilidade de continuar no exercicio do dereito. 3. O consentimento do titular anterior poderá ser substituído polo documento público ou privado translativo da propiedade ou posesión do inmoble, local ou soar. 4. Non poderán ser invocados cambios de titularidade para excluír ou diminuír a responsabilidade civil ou penal en que tivesen incorrido os titulares no exercicio das actuacións autorizadas. 5. En ningún caso, serán susceptibles de cambio de titularidade as actividades comunicadas que deberán ser obxecto dunha nova comunicación previa ou declaración responsable para o inicio de actividade. Non en tanto, e sempre que se acredite o consentimento do anterior titular da actividade comunicada non será preciso presentar de novo a documentación xa achegada anteriormente, sempre que non se alterasen as condicións relativas á normativa de aplicación, nin as condicións e medidas manifestadas que habilitaron o inicio de actividade. Artigo 20º. Cambios de actividade. Cando se produza un cambio na actividade a desenvolver no local, esta deberá ser obxecto dunha nova comunicación previa, declaración responsable ou licenza de actividade, no seu caso, coa documentación completa esixida. Artigo 21º. Efectos das Comunicacións previas e Declaracións responsables. 1. A toma de coñecemento non é unha autorización administrativa para exercer unha actividade senón un medio para que a administración coñeza a existencia da dita actividade e posibilitar o control posterior, distinto da facultade de inspección ordinaria, mediante as oportunas actuacións administrativas. 2. Producirán efectos entre o Concello e o suxeito a cuxa actuación se refiran, pero non alterarán as situacións xurídicas privadas entre este e as demais persoas. 3. As comunicación previas ou declaracións responsables producirán os efectos que determinen en cada caso a lexislación correspondente, a presente Ordenanza e demais normativa municipal, e permitirán con carácter xeral o recoñecemento ou exercicio dun dereito ou ben o inicio dunha actividade, dende a data da súa presentación, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que teña atribuída a Administración municipal. 4. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se achegue ou incorpore a unha a unha comunicación previa ou declaración responsable, ou a non presentación ante a administración competente da declaración responsable ou da comunicación previa, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito ou da actividade afectada dende o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que houbese lugar. Asemade, a resolución da Administración pública que declare tales circunstancias poderá determinar a obriga da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento previo ao recoñecemento ao exercicio do dereito ou ao inicio da actividade correspondente. 5. As actividades comunicadas realizaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros. CAPÍTULO III.- DISPOSICIÓNS ESPECIFICAS NA TRAMITACIÓN DE LICENZAS DE ACTIVIDADE POLOS PROCEDEMENTOS SIMPLIFICADO E ORDINARIO Artigo 22º. Procedemento. 1. As solicitudes de licenza, consonte á súa incidencia urbanística e complexidade técnica, tramitaranse de acordo coa lexislación urbanística e sectorial aplicable, o disposto na presente Ordenanza e Anexos, segundo os procedementos simplificado e ordinario. 2. No momento de achegar a solicitude, e realizada a verificación documental se esta non reúne os requisitos ou se a documentación estivese incompleta requirirase a persoa interesada para que no prazo de dez (10) días corrixa a falta ou achegue a documentación preceptiva con indicación de que de non facelo así teráselle por desistido na súa petición. 3. O transcurso do prazo máximo para ditar resolución expresa interromperase para corrección de deficiencias. 4. Nos casos nos que sexa necesaria a corrección de deficiencias nunha actuación sometida ao procedemento simplificado, este feito suporá o sometemento da devandita actuación ao procedemento ordinario que producirá o correspondente cambio no procedemento, polo que non operará o prazo dun (1) mes do silencio administrativo e non se poderán realizar as actuacións solicitadas, en tanto non se conceda a preceptiva licenza municipal. 5. Se o requirimento non se leva a cabo de forma completa ou se efectúa de maneira insuficiente a licenza será denegada. 6. A vista da documentación achegada, os servizos municipais emitirán os informes técnicos e xurídicos consonte coa normativa urbanística vixente. 7. Agás o disposto nos puntos 3 e 4 do presente Artigo, cando na instrución do procedemento sexa preceptivo informe de órgano distinto a aquel que ten a competencia para resolver, ou doutra administración, este tramitarase no prazo de dez (10) días, agás que unha disposición ou cumprimento do resto dos prazos do procedemento permita ou esixa outro prazo maior ou menor. Artigo 23º. Autorizacións sectoriais. 1. As actuacións que se pretendan realizar en terreos ou bens que esixindo a intervención do Concello precisen ademais de autorizacións sectoriais doutras administración consonte coa normativa sectorial de aplicación, deberán achegarse ou xustificar a súa solicitude pola persoa interesada. No caso de que non conte coa devandita autorización o procedemento de tramitación da solicitude por parte do Concello quedará en suspenso ata que se lle notifique a este a resolución recaída. 2.- No caso de autorizacións sectoriais que resulten preceptivas e previas á solicitude de licenza, deberán ser achegadas pola persoa interesada. En defecto da devandita autorización previa, as solicitudes de licenza non serán admitidas e, no seu caso, non se poderá entender iniciado o procedemento. Artigo 24º. Simultaneidade de obras e actividade. Con carácter xeral, todas as actividades suxeitas a licenza que para a súa implantación precisen da previa realización de obras, tramitaranse simultaneamente, consonte co disposto na normativa urbanística vixente, e segundo a natureza e tipo de actuación, resultaralle de aplicación o procedemento simplificado ou ben o ordinario previsto nesta Ordenanza. Artigo 25º. Subrogación. Durante a tramitación dos procedementos poderá producirse a subrogación dun novo solicitante, sempre que se acredite a aceptación do solicitante inicial. A tramitación do expediente continuará a nome do novo titular e partirase da mesma situación na que se atopaba o anterior. Artigo 26º. Suspensión do procedemento. O procedemento administrativo suspenderase, sen prexuízo do establecido, no seu caso, na lexislación sobre procedemento administrativo, nos seguintes casos : · Cando se precise da obtención de autorizacións sectoriais doutras administracións consonte coa normativa sectorial de aplicación ata que se notifique a resolución recaída. · A solicitude de informes que sexan preceptivos e vinculantes do contido da resolución a órgano da mesma ou distinta administración, suspenderá o prazo máximo legal para resolver o procedemento e notificar a resolución polo tempo que medie entre a petición do informe e a súa recepción, debendo comunicarse ás persoas interesadas tales circunstancias. · Cando se precise a obtención dun informe por parte dalgunha administración sectorial requirirase ao interesado e quedará en suspenso o procedemento de licenza. · Durante o prazo outorgado para corrección de deficiencias. Artigo 27º. Resolución do procedemento. 1. Corrixidas, no seu caso, as deficiencias, emitidos os informes preceptivos e completo o expediente formularase proposta de resolución de: a) Outorgamento con indicación dos requisitos e, no seu caso, as medidas correctoras que a actuación solicitada deberá cumprir. b) Denegación coa motivación detalladamente das razóns desta. 2. A resolución do órgano competente deberá producirse no prazo máximo establecido nesta ordenanza para cada tipo de procedemento, prazo que contará dende a data na que se considere iniciado o expediente. O órgano competente deberá outorgar ou denegar as licenzas urbanísticas resolvendo os procedementos no prazo máximo de tres meses, consonte coa normativa urbanística de aplicación, todo isto sen prexuízo do disposto na lexislación sectorial aplicable. Para os efectos do cómputo de prazos, este comeza a contar dende a data de entrada da documentación completa no rexistro municipal. Nese intre considerase iniciado o expediente 3. Transcorridos os prazos sinalados para resolver as solicitudes de licenza coas interrupcións legalmente procedentes, sen que a administración municipal adoptase resolución expresa operará o silencio administrativo na forma legalmente establecida. Artigo 28º. Vixencia das licenzas. As licenza para o exercicio de actividades, terán vixencia indefinida, sen prexuízo da obriga legal de proceder a súa adaptación á normativa vixente en cada momento. Artigo 29º. Licenzas para instalacións provisionais. Nos supostos establecidos pola lei e polas Normas urbanísticas, poderán concederse licenzas urbanísticas para instalacións de carácter provisional, estas deberán cesar en todo caso e ser demolidas, sen indemnización ningunha, cando o acorde o órgano competente do Concello, unha vez extinguido o prazo indicado, se é o caso. A eficacia destas licenzas quedará condicionada á inscrición no Rexistro da Propiedade do carácter precario das instalacións e a súa renuncia a calquera tipo de indemnización polo incremento de valor que puidese xerar a licenza, así como á prestación da garantía por importe mínimo dos custos de demolición e desmantelamento, no seu caso. Artigo 30º. Extinción das licenzas. As circunstancias que determinar a extinción de licenzas son: a) A renuncia expresa do titular, comunicada por escrito á Administración municipal, e aceptada por esta. b) A revogación ou anulación da licenza ou clausura definitiva do establecemento por parte da administración municipal, consonte cos procedementos e normativa urbanística vixente. c) A data de remate do período de tempo fixado na autorización concedida, no caso de licenzas temporais. d) A solicitude de licenza por distinto titular dun establecemento que xa conte con licenza de apertura ou posta en funcionamento, determinará a extinción automática da licenza preexistente dende o momento que se conceda a nova licenza de apertura ou posta en funcionamento. e) Anulación desta mesma por resolución xudicial ou administrativa ou suspensión temporal dos seus efectos.
|