Artigo 19.-Os tipos de sesións e a súa convocatoria rexerase polo establecido nas Leis reguladora das bases de réxime local e da administración local de Galicia. Artigo 20.-O pleno celebrará sesión ordinaria coa periodicidade que determine o propio pleno a proposta do alcalde, e como mínimo cada dous meses. O pleno sinalará igualmente ó comezo do mandato electoral, os días e horas da súa celebración, que poderán ser cambiados en calquera momento posterior polo dito órgano. Igualmente o alcalde por propia iniciativa ou a petición da xunta de portavoces, e por causa xustificada, poderá variar o día ou a hora nalgunha sesión, comunicando ós concelleiros e publicándoo no taboleiro de anuncios coa maior anticipación posible, tendo sempre en conta a dispoñibilidade de tódolos membros da Corporación para facilitar a súa asistencia. Artigo 21. 1.-O pleno celebrará sesión extraordinaria cando así o decida o presidente ou o solicite a cuarta parte, polo menos, do número legal dos membros da corporación, sen que ningún concelleiro poida solicitar máis de tres anualmente. 2.-As sesións extraordinarias convocadas a solicitude da cuarta parte do numero legal de membros da corporación deberán solicitarse por escrito no que se razoe o asunto ou asuntos que a motiven, asinado persoalmente por tódolos que a subscriban; achegando ó dito escrito tódolos documentos que han estar a disposición dos señores concelleiros na secretaría xeral dende o momento da convocatoria. Presentada a solicitude de sesión extraordinaria o presidente verase obrigado a convocala dentro dos catro días seguintes e a súa celebración non poderá demorarse por máis de quince días hábiles dende que fose solicitada; non podendo incorporar o asunto á orde do día dun pleno ordinario ou de outro extraordinario con máis asuntos se non llo autorizan expresamente os solicitantes da convocatoria. Se o Presidente non convocase o pleno extraordinario solicitado polo número de concelleiros indicado dentro do prazo sinalado, quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte ó de finalización do dito prazo, ás doce horas, o que será notificado polo secretario da Corporación á tódolos membros desta ó día seguinte o de finalización do prazo citado anteriormente. Na ausencia do Presidente ou de quen legalmente o substitúa, o Pleno quedará validamente constituído sempre que concorra o quórum do tercio do número legal de membros deste, sendo presidido polo membro da Corporación de máis idade entre os presentes. Artigo 22.-As sesións poderán ser celebradas en primeira ou segunda convocatoria. A segunda convocatoria será dous días despois da sinalada para a primeira ou ó día seguinte hábil se coincidise en sábado ou festivo. Neste caso non será necesario o envío da orde do día, pero si a notificación da súa celebración en segunda convocatoria. Artigo 23.-Toda sesión, sexa ordinaria ou extraordinaria, haberá de respectar o principio de unidade de acto e se procurará que remate no mesmo día do seu comezo. Artigo 24.-A orde do día das sesións será fixada polo alcalde, asistido do secretario. Así mesmo poderá recabar a asistencia dos membros da comisión de goberno e do interventor, e consultar, se o estima oportuno, a xunta de portavoces. Na orde do día só poden incluírse os asuntos que previamente fosen dictaminados, informados ou sometidos á consulta da comisión informativa que corresponda. O alcalde, por razóns de urxencia debidamente motivada, poderá incluír na orde do día, a iniciativa propia o a proposta da xunta de portavoces, asuntos que non foran informados previamente pola respectiva comisión informativa, pero neste suposto non poderá adoptarse acordo algún sobre estes asuntos sen que o pleno ratifique previamente a súa inclusión na orde do día. Na orde do día das sesións ordinarias incluirase sempre --como parte diferenciada dedicada o control do Pleno dos demais órganos da Corporación, segundo esixe o artigo 46.2.e) da Lei 7/1985, conforme á redacción da Lei 11/1999, de 21 de abril-- o punto de mocións, de rogos e preguntas. Artigo 25.-O alcalde convocará ós concelleiros ás sesións con dous días hábiles de antelación como mínimo, agás as extraordinarias con carácter urxente, nas que a convocatoria deberá ser ratificada polo pleno. Na orde do día figurarán numerados e reseñados suficientemente os asuntos a tratar. Os concelleiros acusarán recibo da convocatoria asinando no duplicado da comunicación cursada ó efecto. A documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día, que servirá de base para o debate, e se é o caso para a votación, estará a disposición dos concelleiros na secretaría da corporación dende o mesmo día da convocatoria. Se varios concelleiros desexasen examinar os expedientes á vez distribuiranos entre eles mesmos; e se non se puxesen de acordo, someterase á decisión do alcalde ou tenente de alcalde presente no concello, que resolverá distribuíndo o tempo e os expedientes de forma que estes poidan ser vistos por aqueles que quixesen facelo. O alcalde ou os presidentes das comisións informativas autorizarán o exame de expedientes ou antecedentes que teñan relación cós asuntos incluídos na orde do día. Artigo 26.-O horario para o exame dos expedientes incluídos na orde do día será de nove a catorce e de dezaseis a dezaoito horas de luns a venres, excepto en horario de tarde cando en xornada de verán non se faga este turno nas oficinas do Concello, e de dez a trece os sábados. Non obstante poderá discrecionalmente ser ampliado pola presidencia cando o número ou a importancia dos asuntos así o requira. A dita ampliación será posta en coñecemento dos/as señores/as concelleiros e da secretaría xeral. Baixo ningún concepto os expedientes poderá extraerse ou sacarse da secretaría xeral. Artigo 27.-O pleno constitúese validamente coa asistencia dun tercio do número legal dos seus membros, que haberá de manterse durante o desenvolvemento da sesión. En todo caso requírese a asistencia do presidente e do secretario da corporación, ou dos que legalmente os substitúan. A ausencia dun ou de varios concelleiros, unha vez iniciada a deliberación dun asunto, equivale á abstención na votación, salvo que se incorpore a tempo de emitir o seu voto. A estes efectos entenderase iniciada a deliberación: a) Se se produce debate con intervencións dun ou varios concelleiros. b) Se ninguén tivese pedido a palabra nin fixese uso dela o presidente, cando rematase a lectura da proposta de acordo do asunto correspondente. Artigo 28.-O disposto no artigo anterior sobre da asistencia mínima enténdese sen prexuízo de que algún dos asuntos a resolver na sesión esixan un número especial na votación para adoptar acordos válidos, nese caso o quórum preciso será o establecido legalmente. No suposto de que na data e hora sinalados na convocatoria non concurrisen bastantes membros da corporación para celebra-la sesión, tal circunstancia acreditarase polo secretario xeral mediante dilixencia, na que se expresará o número e nome dos que asistisen e dos que xustificasen a súa ausencia e reiterarase a convocatoria cantas veces sexa preciso ata lograr a asistencia do número de concelleiros necesarios para celebrar validamente a sesión. Artigo 29.-O público asistente ás sesións non poderá intervir, nin tampouco se permitirán manifestacións de agrado ou desagrado; podendo a presidencia proceder, en casos extremos, á expulsión do salón de sesións de todo aquel que por calquera causa impida o seu normal desenvolvemento. Artigo 30.-Salvo que a Presidencia dispoña outra cousa, a orde en que se tratarán os asuntos nos plenos ordinarios é o seguinte: a) Aprobación da acta ou actas das sesións anteriores que se acompañen á convocatoria. b) Comunicacións da Presidencia. c) Os incluídos na orde do día, dictaminados polas comisións. d) Os que se presenten como urxentes, non dictaminados polas comisións. e) Asuntos urxentes no engadidos na orde do día. f) Mocións, rogos e preguntas que se formulen na parte dedicada ó control dos demais órganos da Corporación. Artigo 31.-As sesións comezarán preguntando o Presidente se algún membro da Corporación ten que formular algunha observación á acta da sesión anterior que se distribuíu antes ou coa convocatoria. Se non houbese observacións considerarase aprobada, se as houbese, debateranse e decidiranse as rectificacións que procedan. En ningún caso poderá modificarse o fondo dos acordos adoptados e só se poderán subsanar os erros materiais ou de feito. Tódolos asuntos debateranse e votaranse polo orde en que estivesen relacionados na orde do día. Non obstante o presidente pode alterar a orde dos temas, o retirar un asunto cando a súa aprobación esixa una maioría especial e esta non poderá acadarse no momento previsto na orde do día. Igualmente calquera concelleiro poderá pedir a retirada de algún expediente incluído na orde do día ó efecto de que se incorporen ó mesmo documentos ou informes, e tamén que o expediente quede sobre a mesa, aprazándose a súa discusión ata a vindeira sesión. En ámbolosdous casos, a petición será votada, tras terminar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto. Se a maioría simple votase a favor da petición no haberá lugar a votar a proposta de acordo. O secretario e o interventor poderán interesar tamén da presidencia que se deixe un asunto sobre a mesa cando deban evacuar informe e non poidan emitilo no acto. Nas sesións ordinarias, concluído o exame dos asuntos incluídos na orde do día, antes de pasar o turno de rogos e preguntas, o presidente preguntará se algún grupo municipal desexa someter a consideración do Pleno, por razóns de urxencia, algún asunto non comprendido na orde do día que acompañaba á convocatoria e que non teña cabida no punto de rogos e preguntas. Se así fose, o voceiro do grupo propoñente xustificará a urxencia da moción e o Pleno votará acto seguido sobre a procedencia do seu debate. Se o resultado fose positivo, seguirase o trámite ordinario de asuntos incluídos na orde do día. A Presidencia poderá limitar ata un máximo de tres as mocións que presente un grupo municipal nun mesmo pleno ordinario. O disposto neste artigo non será de aplicación á moción de censura que se rexerá polo disposto na lexislación electoral. Artigo 32.-A consideración de cada punto incluído na orde do día comezará coa lectura íntegra ou en extracto polo secretario, do dictame formulado pola comisión informativa correspondente ou, se se trata dun asunto urxente, non dictaminado pola comisión, da proposición que se somete ó pleno. Á solicitude de calquera grupo, deberá darse lectura íntegra daquelas partes do expediente ou do dictame da comisión que se considere conveniente para mellor comprensión. Se ninguén solicitase a palabra trala lectura, o asunto someterase directamente a votación. Artigo 33.-Se se promove debate, as intervencións faranse conforme ás seguintes regras: a) Só poderá facerse uso da palabra previa autorización do presidente. b) O goberno municipal, ou o promotor dunha proposición ou moción, poderá facer uso dun primeiro turno de explicación cando así o estime oportuno. c) No debate, os diversos grupos consumirán un primeiro turno. O alcalde velará para que tódalas intervencións teñan unha duración igual. d) Se o solicitase algún grupo, e o Presidente o considerase oportuno, procederase a un segundo turno. e) Poderá solicitar un turno especial por alusións, que será breve e conciso, todo concelleiro que se considere aludido. f) Non se admitirán outras interrupcións mais que as do presidente para chamar á orde ou á cinguirse a cuestión debatida. Os membros da corporación poderán en calquera momento do debate pedi-la palabra para formular unha cuestión de orde, invocando ó efecto a norma da que reclama aplicación. O presidente resolverá o que proceda sen que por este motivo se emprenda debate algún. O secretario e o interventor poderán intervir cando fosen requiridos polo presidente, ou calquera concelleiro, previa autorización da presidencia, por razóns de asesoramento técnico ou aclaración de conceptos. Tamén o poderá facer calquera outro funcionario ou asesor, de forma absolutamente extraordinaria, cando así o acorde a presidencia. Cando o secretario ou o interventor entendan que no debate suscitouse algunha cuestión sobre a que poida dubidarse sobre a legalidade ou puidese ter implicacións económicas poderán solicitar ó presidente o uso da palabra para asesorar á corporación. Artigo 34.-O goberno municipal poderá realizar un turno previo de explicación dos dictames ou proposicións, antes de iniciarse o debate formal dos asuntos, e de igual forma poderá actuar o responsable dunha proposición ou emenda. Nas deliberacións poderá intervir cada grupo municipal mediante o voceiro ou outros membros, pola orde inversa de representantes na corporación e consumindo turno no primeiro lugar o grupo mixto, logo os minoritarios e en último lugar o maioritario. A intervención normal de cada grupo non excederá de cinco minutos. Non obstante, naqueles temas que pola súa importancia ou complexidade así o requiran, e a petición de calquera voceiro, o presidente establecerá a duración das intervencións antes de comezar estas, coma no caso do debate dos orzamentos municipais, de temas obxecto de sesións monográficas ou aqueles outros que requiran maior dedicación ou un debate máis extenso. O segundo turno terá unha duración máxima do cincuenta por cento do turno anterior. O tempo que corresponda ó grupo mixto poderá repartirse por igual entre os representantes das listas que o integran. O presidente poderá acordar, durante o transcurso da sesión que se interrompa a mesma para permitir as deliberacións dos grupos sobre a cuestión debatida ou para descanso dos debates. Estas interrupcións non terán duración superior a dez minutos. Artigo 35.-O alcalde poderá chamar á orde, explicando sempre o motivo desta, a calquera membro da corporación que: a) Profira palabras ou verta conceptos ofensivos ó decoro da corporación ou dos seus membros, das institucións públicas ou de calquera outra persoa ou entidade. b) Produza interrupcións ou de calquera outra forma, altere a orde das sesións. c) Pretenda facer uso da palabra sen que lle fose concedida ou unha vez que lle fose retirada. Tras tres chamadas á orde na mesma sesión, coa advertencia na segunda das consecuencias dunha terceira chamada, o presidente poderá ordenar a un concelleiro que abandone o local en que se está celebrando a reunión, adoptando as medidas que considere oportunas para facer efectiva a expulsión. Artigo 36.-Nos supostos en que, de conformidade co establecido no artigo 76 da lei 7/85, e 230 da Lei 5/97 algún membro da corporación deba absterse de participar na deliberación e votación, terá que abandonar o salón mentres se discuta e vote o asunto, salvo cando se trate de debater a súa actuación como corporativo, no citado caso terá dereito a permanecer e defenderse. Artigo 37.-Para os efectos do desenvolvemento das sesión e para definir o carácter das intervencións dos membros da corporación, utilizarase a seguinte terminoloxía: 1.-Dictame: é a proposta sometida ó pleno tralo estudio do expediente pola comisión informativa. Conten unha parte expositiva e un acordo a adoptar. 2.-Proposición: é a proposta que se somete ó pleno relativo a un asunto incluído na orde do día que acompaña á convocatoria, pero que non fose dictaminada en comisión informativa. Conterá unha parte expositiva ou xustificación e un acordo, así mesmo a adoptar. Non procederá entrar a debater nin votar unha proposición sen que previamente fose ratificada a súa inclusión do asunto na dita orde. 3.-Moción: é a proposta que se somete directamente a coñecemento do pleno ó abeiro do previsto no Regulamento. Poderá formularse por escrito ou oralmente. No caso de que se formulen oralmente durante a celebración dun pleno ordinario, no prazo que termina o día seguinte hábil ó da celebración da sesión, deberá entregarse copia escrita desta na Secretaría municipal, ó obxecto da súa debida transcrición en acta. Para que as mocións poidan ser previamente dictaminadas en comisión antes de ser debatidas no pleno, deberán ser presentadas cunha antelación de oito días con anterioridade á data da celebración do pleno ordinario correspondente. Antes de rexeitar a inclusión na orde do día dunha moción, o alcalde deberá consultar previamente á xunta de portavoces, onde oirá as razóns que se invoquen por cada grupo político, e particularmente polo promotor da moción. Se non fose escoitada, a xunta de portavoces, deberá dirixir escrito motivado ó concelleiro autor da moción da que se rexeita a inclusión na orde do día, ou aproveitando a quenda de respostas, no punto de rogos e preguntas, expresarlle os ditos motivos. 4.-Emenda: é a proposta de modificación dun dictame ou proposición presentada por calquera membro mediante escrito presentado ó presidente antes de iniciarse a deliberación do asunto. 5.-Voto particular é a proposta de modificación dun dictame formulada por un membro que forma parte da Comisión Informativa. Deberá achegar ó dictame dende o día seguinte á súa aprobación pola Comisión. 6.-Rogo: é a formulación dunha proposta de actuación dirixida a algúns dos órganos de goberno municipal. Os rogos formulados no pleno poderán ser debatidos, pero en ningún caso sometidos a votación. Poden formular rogos tódolos membros da corporación ou os grupos municipais ó través dos seus voceiros. Os rogos poderán ser efectuados oralmente ou por escrito. No caso de que se formulen oralmente, no prazo que termina o día seguinte hábil ó da celebración da sesión, deberá entregarse copia escrita na Secretaría municipal, ó obxecto da súa debida transcrición en acta. Serán contestados xeralmente na sesión seguinte, sen prexuízo de que o poidan ser nesta sesión que se formulen se o presidente o estima conveniente. 7.-Pregunta: é calquera cuestión formulada ós órganos de goberno no seo do pleno. Poden formular preguntas tódolos membros da corporación ou os grupos municipais a través dos seus voceiros, ben por escrito ou oralmente. No caso de que se formulen oralmente, no prazo que termina o día seguinte hábil ó da celebración da sesión, deberá entregarse copia escrita destes na Secretaría municipal, ó obxecto da súa debida transcrición en acta. As preguntas formuladas oralmente no transcurso dunha sesión serán xeralmente contestadas polo seu destinatario na sesión seguinte, sen prexuízo de que o preguntado queira darlle resposta inmediata. As preguntas formuladas por escrito con vintecatro horas de antelación serán contestadas ordinariamente na sesión de que se trate ou, por causas debidamente motivadas, na seguinte. Artigo 38.-Rematado o debate dun asunto procederase á súa votación. Antes de comezar a votación o alcalde formulará clara e concisamente ós termos desta e a forma de emitir o voto. Unha vez iniciada a votación non pode interromperse por ningún motivo. Durante o seu desenvolvemento o presidente non concederá o uso da palabra e ningún membro da corporación poderá entrar ou saír do salón de sesións. O voto dos concelleiros é persoal e indelegable. Artigo 39.-As votacións poden ser ordinarias, nominais e secretas. Son ordinarias as que se manifestan por signos convencionais de asentimento, desestimento ou abstención. Son nominais aquelas votacións que se realizan mediante chamamento por orde alfabética de apelidos e sempre en último lugar o presidente, e na que cada membro da corporación ó ser chamado responde en voz alta "si", "non" ou "abstención". Son secretas as que se realizan por papeleta de cada membro da corporación depositada nunha urna ou bolsa. Artigo 40.-O sistema normal de votación é a ordinaria, a non ser que o propio pleno acorde, por maioría simple en votación ordinaria e para un caso concreto, a votación nominal, de acordo co disposto nos artigo 46.2e) da Lei 7/85 e 210.2.d) da Lei 5/97. A votación secreta só se poderá utilizar para a elección ou destitución de persoas, así como para o suposto previsto no artigo 70.1 da Lei 7/1985. Artigo 41.-Cando existan emendas someteranse a votación en primeiro lugar as emendas e por último as propostas ou dictames. Se o resultado dunha votación é positivo non haberá máis debate nin votación sobre o mesmo obxecto concreto da votación. Rematada a votación ordinaria o presidente declarará o acordado. Inmediatamente de concluír a votación nominal ou secreta, o secretario computará os votos emitidos e anunciará en voz alta o seu resultado, á vista do cal o presidente proclamará o acordo adoptado. Proclamado o acordo, calquera grupo ou concelleiro que non interviñese no debate ou que tras este cambiase o sentido do seu voto, poderán solicitar da presidencia un turno de explicación de voto. Artigo 42.-Serán nulos os acordos adoptados en sesións extraordinarias sobre asuntos non comprendidos na súa convocatoria, así como os que se adopten nas sesións ordinarias sobre materias non incluídas na respectiva orde do día, agás especial e previa declaración de urxencia co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da corporación. Artigo 43.-O control e fiscalización polo pleno da actuación dos demais órganos de goberno exercerase, a máis das mocións, rogos e preguntas que se formulen, a través dos seguintes medios: a) Requirimento de presencia e información de membros corporativos que ostenten delegación. b) Debate sobre a actuación da comisión de goberno. c) Moción de censura ó alcalde. Artigo 44.-Poderase solicita-la comparecencia dun concelleiro delegado mediante escrito dirixido á presidencia e subscrito por un mínimo de un tercio do número legal de membros da Corporación. No caso de producirse a comparecencia o goberno poderá mostrarse de xeito solidario a través de calquera membro deste. No desenvolvemento destas comparecencias seguirase o orde das intervencións establecidas no regulamento, intervindo o informante para dar resposta ás preguntas que lle formulen os diversos grupos políticos da corporación. En ningún caso, no transcurso deste acto, poderá derivar a adopción de acordos sen cumprirse os requisitos establecidos neste regulamento. Artigo 45.-O Pleno, á proposta do alcalde ou mediante solicitude da cuarta parte do número legal de membros da corporación, poderá acordar a celebración de sesión extraordinaria co obxecto de someter a debate a xestión da comisión de goberno. O desenvolvemento da sesión regularase polo establecido con carácter xeral, intervindo en primeiro lugar o autor da proposta para explicar o significado desta. Contestará un membro da comisión de goberno designado por esta e, despois de senda quendas de réplica, poderán intervir os demais grupos políticos da corporación para formular preguntas á comisión de goberno, que serán respondidas por un membro desta. Como consecuencia do debate poderá presentarse unha moción co obxecto de que o pleno manifeste a súa posición sobre a xestión da comisión de goberno. Se o pleno admite debater a moción, esta incluirase na orde do día da seguinte sesión plenaria. Artigo 46.-As mocións de censura ó alcalde, así como a formulación ó pleno da cuestión de confianza por parte do alcalde, axustaranse ó disposto na Lei orgánica do réxime electoral (artigos 197 e 197 bis redactados conforme á Lei orgánica 8/1999, de 21 abril). Artigo 47.-De cada sesión o secretario estenderá acta na que haberá de constar: a) Lugar da reunión con expresión do nome do municipio e local no que se celebra. b) Día, mes e ano. c) Hora de comezo d) Nome e apelidos do presidente, dos/as membros da corporación presentes, dos/as ausentes que se escusasen e dos que falten sen escusa. e) Carácter ordinario ou extraordinario da sesión e se se celebra en primeira ou segunda convocatoria. f) Asistencia do secretario e do interventor ou de quen legalmente os substitúa. g) Asuntos que examinen, opinións sintetizadas dos grupos ou membros da corporación que interviñesen nas deliberacións e incidencias destas. h) Votacións que se verifiquen e no caso das nominais o senso en que cada membro emita o seu voto. Nas votacións ordinarias farase constar o número de votos afirmativos, dos negativos e das abstencións, e os grupos políticos ós que pertencen. Farase constar nominalmente o sentido do voto cando así o pidan os interesados, ou sea conveniente para os efectos que procedan. i) Parte dispositiva dos acordos que se adopten. j) Hora en que o presidente levante a sesión. De non se celebrar sesión por falta de asistencia ou outro motivo, o secretario suplirá a acta cunha dilixencia autorizada coa súa sinatura na que consigne a causa e o nome dos concorrentes e dos que escusasen a súa asistencia. Artigo 48.-A transcrición na acta das opinións sintetizadas dos membros asistentes ó pleno, poderá substituírse polo rexistro en soporte apto para a gravación e reproducción do son (e no seu caso tamén da imaxe, se fose posible), conforme ó procedemento e garantías semellantes ó establecido nos artigos 147 e 187 da Lei 1/2000, de 7 de xaneiro. Nos casos en que o alcalde así o ordenase, unirase ás acta, como anexo a estas, unha transcrición das gravacións rexistradas nos soportes correspondentes. Esta transcrición das intervencións previas á adopción dos acordos, consideraranse como un antecedente máis deses, pero sen formar parte do propio acordo, que se comunicará ou notificará, sen incluilas intervencións. Os grupos políticos poderán solicitar a audición, dos soportes gravados. Unha vez aprobada polo pleno a acta, transcribirase no libro de actas, autorizándose coas firmas do alcalde e do secretario. As actas correspondentes serán aprobadas con independencia dos soportes gravados, e no seu caso das transcricións que se fixesen das intervencións gravadas que figuraxen como anexo ás correspondentes actas, nos casos que se ordenase a dita transcrición
|