Artigo 16.- Solicitantes Poderán solicitar praza na EIM durante os prazos estipulados ó efecto, as nenas e os nenos que reúnan os seguintes requisitos: · Estar empadroada a unidade familiar ou convivencial no concello de Arteixo con anterioridade ó inicio do prazo de presentación de solicitudes. A Comisión de Baremación valorará circunstancias especiais nas que só estea empadroado o menor cun dos proxenitores. · Ter nacido o/a aspirante a praza no momento de presentación da solicitude · Idade mínima: ter cumplidos os 3 meses na data de inicio do curso (1 de setembro). · Idade máxima: non ter cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro do ano en que se solicita a praza Non obstante, poderán eximirse do límite de idade dos 3 anos as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo, logo da emisión do ditame do equipo de orientación específica do órgano competente da administración autonómica, por petición dos pais, ou representantes legais e a través do centro onde soliciten praza. Tamén poderán solicitar praza aqueles que acrediten proximidade do posto de traballo á EIM ainda que estas unidades familiares non estean empadroadas no termo municipal de Arteixo. Nembargantes, estas solicitudes estarán sometidas ó establecido no artigo 22º desta Ordenanza. Artigo 17.- Unidade familiar ou de convivencia Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e: 1. As fillas e os fillos menores, con excepción dos que, con consentimento das nais e/ou dos pais, vivan independentes destes. 2. As fillas e os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada. 3. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %. Nos casos de separación legal ou cando non existise vínculo matrimonial, a unidade familiar estará formada polo pai ou nai e tódolos fillos e fillas que convivan con un ou outro e reúnan os requisitos descritos no parágrafo anterior e, si é o caso, pola persoa que sexa parella de feito de calquera dos proxenitores que teña as fillas e fillos a cargo. Enténdese por familia monoparental o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo, sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento. A determinación dos membros da unidade familiar farase atendendo á situación existente a 31 de decembro de cada ano. Artigo 18.- Renda per cápita Enténdese por “renda per cápita mensual” o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir entre 12 meses a suma dos ingresos totais da u.f. É decir, é o resultado de aplicar as seguintes fórmulas: Ingresos totais anuais da u.f. / 12 = ingresos totais mensuais da u.f. Ingresos totais mensuais da u.f. / nº membros da u.f. = renda per cápita mensual No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar ós efectos de cálculos da renda per cápita. Artigo 19.- Criterios de valoración As solicitudes valoraranse de acordo co baremo establecido ó efecto (Anexo I desta Ordenanza) no que se teñen en conta as seguintes circunstancias: · Situación sociofamiliar · Situación laboral familiar · Situación económica Artigo 20.- Procedemento de solicitude As solicitudes para acceder ós servizos que se prestan na Escola Infantil Municipal formalizaranse por escrito a través de instancias dirixidas á Alcaldía-Presidencia da corporación municipal, acompañadas de modelo oficial que para tal fin se pode recoller nas oficinas municipais, xuntando a documentación sinalada no artigo 30º da presente Ordenanza reguladora. Artigo 21.- Prazos de solicitude e adxudicación Os prazos que se establecen para os procedementos que a continuación se detaian serán os estipulados pola administración autonómica na correspondente orde que regule o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3, aprobándose posteriormente por resolución da Alcaldía-Presidencia ou órgano no que delegue e dando conta deles na vindeira Xunta de Goberno Local que se leve a cabo: Renovación de praza | Oferta de prazas para nova ocupación | Solicitudes novo ingreso | Publicación de lista provisional | Prazo de reclamacións | Publicación lista definitiva | Formalización de matrícula |
Os prazos anteriormente mencionados, poderán ser modificados en circunstancias excepcionais e debidamente motivadas polo mesmo procedemento municipal. Artigo 22.- Solicitudes de unidades familiares ou de convivencia non empadroadas As solicitudes das unidades familiares ou de convivencia non empadroadas no termo municipal de Arteixo só se terán en conta finalizado o proceso de matricualción se quedasen prazas vacantes e se algún dos membros acredita que o seu posto de traballo se atopa no termo municipal de Arteixo. Aquelas unidades familiares que soliciten fóra de prazo pasarán a formar parte da lista B. Artigo 23.-Adxudicación de prazas A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo baremo establecido nesta Ordenanza reguladora (Anexo I). En cumprimento da conciliación da vida laboral e familiar, para a concesión de horarios solicitados teranse en conta os horarios laborais acreditados dos pais/titores cando coincidan co solicitado. No caso de que non se xustifique a necesidade de horario por necesidades laborais, as adxudicacións realizaranse según dispoñibilidade de prazas e respetando o baremo de puntuación. No caso de que se produza un empate na puntuación total, o criterio preferente para a adxudicación será o regulamentado ao respecto pola administración autonómica na correspondente orde que regule o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3. Se un nivel se completa, o usuario quedará en lista de agarda ata que se produza unha vacante nos grupos nos que poida incluirse e que se definen na lexislación de aplicación. Aquelas e aqueles solicitantes de praza que queden excluídos por non acadar a puntuación necesaria, poderán solicitar ser derivados ao correspondente programa autonómico de axuda directa ás familias para pagar unha praza nunha escola infantil de carácter privado. Artigo 24.- Lista de espera A efectos de axilizar a lista de espera, o procedemento para a inclusión na mesma é o seguinte: · As persoas que soliciten praza nas datas regulares establecidas e non a obteñan , pasarán á lista de agarda A por orde de puntuación. As prazas irán adxudicándose a medida que queden dispoñibles nos grupos que lle correspondan ao menor respetando rigurosamente a orde. · As persoas que soliciten praza fóra das datas regulares establecidas, formarán parte da lista de agarda B por orde de puntuación e obterán praza no caso de que non se cubran cos solicitantes da lista de espera A. Artigo 25.- Reservas de praza As nenas e nenos que ingresen na EIM antes do 1 de febreiro de cada curso terán dereito á reserva de praza durante o período que poidan permanecer no centro no mesmo horario que no momento da concesión inicial da praza e sempre que non se produzan variacións nas condicións iniciais que deron lugar á primeira matriculación. Para a reserva de praza é requisito imprescindible estar ao día no pagamento das cotas mensuais na data de presentación da solicitude. Para a renovación aplicaranse os prazos estipulados no artigo 21º desta Ordenanza. Artigo 26.- Procedemento de baremación Recibida a instancia xunto coa documentación, procederase polos técnicos responsables á comprobación dos datos aportados. Se as solicitudes non estivesen debidamente cumprimentadas ou non se acompañasen da documentación esixida, procederase según o recollido no artigo 31º da presente ordenanza. Se a solicitude presentada cumpre cos requisitos esixidos nesta normativa, e segundo o procedemento que se fixa, a Comisión de Baremación nomeada ó efecto (composta polos membros que se especifican no artigo 28º desta Ordenanza) realizará a avaliación das solicitudes segundo baremo e elaborará acta que será trasladada á Alcaldía-Presidencia ou órgano no que delegue para a súa resolución e posterior dación de conta na vindeira Xunta de Goberno Local que se leve a cabo. Contra a denegación dos servizos recollidos na solicitude, o interesado/a poderá interpoñer os recursos e reclamacións estipulados na lexislación vixente. Artigo 27.- Baremacións de especiais características En caso de urxencia motivada, e sempre que exista dispoñibilidade de praza, será a Alcaldía-Presidencia ou órgano no que delegue quen decida a concesión ou denegación dos servizos, dando conta na seguinte Xunta de Goberno Local que se reúna. Artigo 28.- Comisión de baremación A Comisión de baremación estará constituida polos seguintes membros: · Presidente: Concelleiro/a de Relacións coa Comunidade Educativa ou persoa na que delegue. · Secretario: Secretaria Xeral do Concello ou persoa na que delegue. · Vocais: · Concelleiro/a Área de Benestar Comunitario ou persoa na que delegue. · Traballador/a Social do Equipo de Servizos Sociais. · Director/a da Escola Infantil Municipal. · Técnico/a adscrito á área de Educación O presidente da Comisión poderá solicitar asesoramento dos técnicos municipais se así o considera oportuno. Artigo 29.- Funcións da Comisión de baremación · Garantir o bo funcionamento do proceso de admisión en aplicación desta ordenanza. · Valorar as solicitudes e elaborar a relación provisional de admitidos e listas de espera. · Determinar o número de vacantes para cada curso. · Determinar a asignación de tarifas según a presente Ordenanza e aplicación da Ordenanza nº 32 reguladora do Prezo Público. · Recabar dos solicitantes a documentación adicional que se precise para a xustificación das situacións e circunstancias derivadas · Informar as reclamacións que no seu caso se presenten. · Elevar informes á Alcaldía-Presidencia ou órgano no que delegue para a súa resolución e posterior dación de conta na Xunta de Goberno Local. Artigo 30.- Documentación Ademais da instancia de solicitude, as interesadas e os interesados deberán obrigatoriamente achegar a documentación especificada no Anexo II desta ordenanza e que poderá modificarse segundo o estipulado na correspondente orde que regule o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 da administración autonómica. A falta de presentación dalgunha da documentación requerida dentro do prazo de solicitude establecido, suporá a renuncia implícita a ser valorado no apartado correspondente do baremo aplicable. A Comisión de baremación poderá solicitar calquera documentación complementaria que considere necesaria para o clarexamento das circunstancias alegadas. Artigo 31. – Subsanacións No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, o Concello, conforme o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, requirirá ó interesado por calquera dos medios establecidos legalmente, para que, nun prazo de 10 días, enmende os erros detectados, con indicación de que, se así non se fixese, se terá por desistido na súa petición, logo de resolución en tal sentido. Artigo 32.- Resolución As listas de admitidos e listas de espera, por orde de puntuación, publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello, no taboleiro de anuncios da EIM e na páxina web do Concello (www.arteixo.org). As reclamacións presentaranse nas datas especificadas a tal efecto na presente Ordenanza Reguladora (artigo 21º) acompañadas da documentación que se considere necesaria. Unha vez resoltas as reclamacións, procederase á publicación da relación definitiva de admitidos e á da lista de espera, coa puntuación obtida en cada caso. A publicación realizarase no taboleiro de anuncios do Concello, no taboleiro de anuncios da EIM e na páxina web do Concello (www.arteixo.org). Os solicitantes admitidos deberán formalizar a matrícula e achegar a documentación complementaria nas datas habilitadas ao efecto. As vacantes que se vaian producindo ó longo do curso serán cubertas por rigurosa orde de puntuación entre os solicitantes da lista de agarda A e, no caso de esgotarse esta, da lista de agarda B, sempre tendo en conta que a cobertura realizarase tendo en conta os grupos de idade da EIM. As unidades familiares non empadroadas só poderán acceder ás prazas vacantes unha vez esgotadas as listaxes de agarda formadas por unidades familiares empadroadas. Artigo 33.- Tarifas As tarifas vixentes son as recollidas na Ordenanza número 32 reguladora do Prezo Público pola prestación de servizo público da Escola Infantil Municipal. As interesadas e interesados recibirán comunicación da tarifa mensual que deberán abonar en función da aplicación do prezo público según os servizos concedidos. Estas tarifas poderán ser revisadas ao longo do curso sempre que concurran e se xustifiquen as variacións socioeconómicas recollidas na Ordenanza número 32 reguladora do Prezo Público pola prestación de servizo público da Escola Infantil Municipal.
Artigo 34.- Modificacións de servizos As modificacións no horario de asistencia ou de calquera outra circunstancia, será solicitada por escrito ó concello. Ata o momento en que a entidade municipal resolva e notifique, non se producirá a modificación. Artigo 35.- Apertura de expedientes individuais No momento do ingreso do/a neno/a na EIM, abriráselles un expediente persoal no que constarán, con carácter confidencial, os datos de filiación, sanitarios, enderezo e teléfono para avisos en caso de urxencia, así como cantas circunstancias aconsellen unha atención diferenciada. Artigo 36.- Formalización de matrícula Para formalizar a matrícula é necesario que o/a neno/a naza con anterioridade ó 1 de xuño do ano de solicitude. A incorporación á escola producirase cando se teñan cumpridos os 3 meses. Entenderase formalizada a matrícula cando: · Se presenta a seguinte documentación: a) Certificado médico do neno ou nena. b) Carné de vacinación actualizado. c) Fotocopia da tarxeta da Seguridade Social ou documento equivalente. d) Catro fotografías tamaño carné. e) Impreso de domiciliación bancaria. f) Autorización por escrito das persoas que poden recoller o/a neno/a. g) Fotocopia do DNI ou doutro documento acreditativo da identidade das persoas autorizadas a recoller o/a neno/a. Se non se presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaído o dereito de praza obtida, logo de resolución en tal sentido, perdendo, asimismo, o dereito de permanencia na lista de agarda. Artigo 37.- Prazas para comedor A adxudicación das prazas de comedor realizarase entre as solicitudes que demanden dito servizo, dando prioridade a aqueles casos nos que ambos pais ou titores traballen ou presenten situacións asimilables, ás unidades familiares monoparentais na mesma situación ou aqueloutras situacións que, polas súas especiais características, fagan aconsellable a prestación deste servizo pola especial necesidade de atención ó neno/a. En calquera destes casos, as solicitudes terán prioridade sobre as daquelas unidades convivenciais que non xustifican necesidade, independentemente da puntuación obtida en aplicación do baremo xeral. Para os/as nenos/as con renovación de praza que xa dispoñían do servizo de comedor, a adxudicación producirase de xeito automático se non se produciu ningunha variación nas condicións que diron lugar á primeira concesión. No caso de que non tivesen praza de comedor e se solicitase como novo servizo, a súa concesión estará supeditada á xustificación da necesidade por motivos laborais que serán debidamente acreditados. Como norma xeral, os pais ou titores aportarán leite e biberóns dos menores que precisen este tipo de alimentación, non debendo abonar custos de comedor ata cumpridos os 6 meses, agás no caso de que se varíe alimentación con anterioridade a esa idade. En todo caso, cando a nena/o neno non asista ó comedor sin previa notificación de modificación, por decisión unilateral da unidade familiar ou de convivencia, esta obrigatoriamente asumirá os custos que se imputarán na facturación mensual. Artigo 38.- Prazas reservadas A entidade municipal reservará un máximo do 5% das prazas totais das EIM distribuídas nos distintos niveis para aqueles supostos que o requiran por presentar circunstancias socioeconímicas e familiares especiais. Se fose necesario atender un caso urxente remitido desde os servizos sociais do concello, seguiríase o procedemento sinalado nesta ordenanza, accedendo ó nivel que lle corresponda no caso de que existan prazas dispoñibles ou ó que se determine según proposta da Concellaría de Relacións coa Comunidade Educativa á Alcaldía-Presidencia ou órgano no que delegue para a súa resolución e posterior dación de conta á Xunta de Goberno Local, sempre con limitación no tempo motivada e posterior formalización da adxudicación definitiva cando se produza vacante no grupo de idade, si é o caso. Serán considerados dentro desta tipoloxía de ingresos urxentes os seguintes: · As/os menores tuteladas/os pola Administración correspondente. · As fillas / os fillos das mullerse que se atopen nunha casa de acollida e/ou sexan vítimas de violencia de xénero · Aqueloutros nos que concurran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata. Artigo 39.- Causas de baixa Causarán baixa aqueles menores admitidos nos que concurran algunha das seguintes circunstancias: · Renuncia voluntaria á praza formulada polos pais, titores ou representantes legais presentada na entidade municipal. · Falta de asistencia ó centro ou uso dos servizos durante 15 días lectivos continuados ou 30 días alternos sin previo aviso nin causa xustificada. As xustificacións serán analizadas pola Comisión de Baremación que estudará os informes achegados pola familia para o seu posterior traslado á Alcaldía – Presidencia ou órgano no que delegue que resolverá e dará conta á Xunta de Goberno Local. En todo caso, as ausencias xustificadas non poderán ser superiores a 2 meses, polo que, transcorrido dito prazo darase baixa definitiva ou xustificarase a permanencia cos informes preceptivos que correspondan. · Impago de dúas cotas mensuais sucesivas ou tres alternas calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, sen prexuizo da reclamación da débeda polo procedemento regulamentariamente establecido. · Prazas que non se teñan cuberto ós quince días de iniciado o curso correspondente sin comunicación expresa por parte da familia e sin causa xustificada. · Pérdida da condición de veciño do término municipal sempre que non concurra a situación de proximidade de posto de traballo. Neste caso, a reserva de praza só terá vixencia para o curso en desenvolvemento. · Calquera cambio nas condicións que diron lugar a adxudicación de praza e que supoñan unha variación sustancial destas. Si esta situación se producira, debe notificarse de inmediato para a valoración da nova situación. · Por incumprimento reiterado das normas da EIM · Por incompatibilidade ou inadaptación. · Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados. · Cando non se entregue documentación para a revisión e/ou clarificación de datos nos prazos legalmente establecidos ó efecto previo requerimento expreso pola entidade municipal · O non disfrute pola /polo menor do mes de vacacións computado éste como total ó longo do curso. Cada caso será valorado pola Comisión de baremación que escoitará ás partes e analizará a documentación que se achegue ó respecto. A decisión será elevada á Alcaldía-Presidencia ou órgano no que delegue para a súa resolución e posterior traslado á Xunta de Goberno Local.
|