Artigo 12.º.–Modalidades de acceso ao servizo, organización e procedemento. O acceso ao servizo de axuda no fogar municipal producirase de acordo co seguinte: 1. O acceso será prioritario e directo para as persoas que, tendo recoñecida unha situación de dependencia, se lles asigne a axuda no fogar na correspondente resolución de programa individual de atención, e consonte a aplicación do programa de asignación de recursos, establecido no título II do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos. Para estes efectos, o Concello de Pontedeume, cando sexa o caso, procederá a dar de alta as persoas en agarda, de acordo coa orde de prelación establecida no programa de asignación de recursos. As persoas para as que o programa individual de atención, determine o servizo de axuda no fogar como recurso principal ou idóneo terán, en todo caso, preferencia sobre aquelas ás que se lles asigne o servizo de axuda no fogar como respiro do coidador. 2. Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, o acceso ao servizo, logo da prescrición técnica do profesional de referencia resolverase en réxime de libre concorrencia, segundo o seguinte procedemento: a) Presentación da solicitude, segundo o anexo I deste regulamento, dirixida ao alcalde no rexistro municipal do Concello, acompañada da seguinte documentación: I. Fotocopia do DNI da persoa beneficiaria do servizo e das persoas que convivan no mesmo domicilio, de ser o caso. II. Fotocopia da tarxeta sanitaria da persoa solicitante. III. Certificado de empadroamento e convivencia. IV. Informe médico ou clínico sobre o seu estado de saúde. V. Fotocopia do libro de familia cando haxa menores na unidade de convivencia. VI. Calquera outro documento que xustifique a concorrencia de circunstancias familiares específicas (sentencia de separación, divorcio…) VII. Certificado de discapacidade e/ou certificado do grao e nivel de dependencia, de ser o caso. VIII. Xustificantes de ingresos da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade de convivencia: 1. Fotocopia da última declaración da renda, ou no seu defecto, certificado de imputacións do IRPF, expedido pola Axencia Tributaria correspondente. 2. Certificados de todos os ingresos procedentes de salarios, pensións, subsidios e outros bens que posúan. 3. Xustificante de aluguer de vivenda, de ser o caso. 4. Calquera outra documentación que sexa requerida polo traballador/a social para a valoración do seu expediente. En todo caso, o tratamento da información contida nos expedientes individuais, realizarase de acordo coa normativa vixente, en materia de protección de datos de carácter persoal. As solicitudes incompletas contarán cun prazo de 10 días para enmendar deficiencias, en caso de non facelo, serán arquivadas sen máis trámite tal como se establece na lexislación que regula o procedemento administrativo. b) As solicitudes presentadas serán valoradas polo/a traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do Concello, que, unha vez realizada a correspondente visita domiciliaria, determinará, mediante o informe técnico, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para cada caso concreto, tendo en conta todas as circunstancias de necesidade e a aplicación do baremo establecido a tal fin, segundo os anexos II, III e IV. c) O departamento de Servizos Sociais elaborará un informe-proposta que será elevado ao órgano competente: o alcalde ou persoa en quen delegue. Deberá ditar unha resolución, mediante decreto, que se notificará á persoa solicitante. O prazo máximo para resolver será de tres meses. No caso de que sexa favorable, esta resolución terá a consideración de alta no servizo. En caso de non existir dispoñibilidade, a solicitude pasará a integrarse na listaxe de agarda, nunha orde de prioridade determinada pola puntuación que obtivese na aplicación do baremo. No caso de empate da puntuación, atenderase por orde temporal da demanda. d) Cando concorran circunstancias que aconsellen a intervención inmediata do servizo, a Alcaldía resolverá o expediente, á vista do informe-proposta do/a traballador/a social. Este informe conterá as causas que motiven a tramitación pola vía de urxencia. O procedemento de urxencia terá validez mentres se manteña a situación desencadeante. A desaparición desta, levará consigo a extinción do servizo e a tramitación pola vía ordinaria. e) Para o inicio da prestación do servizo será requisito previo asinar o acordo de servizo, segundo o modelo establecido no anexo VI deste regulamento (anexo III da Orde do 22 de xaneiro de 2009). f) Anualmente, farase unha revisión de todas as persoas beneficiarias do servizo, co fin de comprobar que cumpre as condicións para a continuidade do mesmo. Para a renovación anual do servizo, as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación establecida no apartado a) deste artigo, agás aquela que xa conste no seu expediente individual. Artigo 13.º.–Desenvolvemento da prestación do servizo. 1. O prazo de alta no servizo, será como máximo dunha semana, dende que a persoa usuaria se lle asigna o recurso dende o programa de asignación de recursos para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de dependencia, ou dende que se dita resolución por parte da Alcaldía, para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de libre concorrencia. Para as persoas usuarias ás que se lles concede o servizo, pola vía de urxencia, o prazo de alta será como máximo de dous días. 2. Previo ao inicio do servizo, o persoal técnico realizará unha avaliación da situación e establecerá un consenso coa persoa usuaria, sobre as actuacións e tarefas a desenvolver no domicilio. Designarase tamén a persoa profesional de referencia. 3. A asignación do persoal de atención directa farase en base ao perfil requerido para cada caso concreto, e realizarase unha visita domiciliaria para a presentación do persoal de atención directa á persoa usuaria. Se a persoa beneficiaria, rexeita ao/á auxiliar de axuda no fogar que se lle asigna, sen razón suficientemente xustificada, pasará á listaxe de agarda ata que se lle asigne outro/a auxiliar, sempre que sexa técnicamente posible. Os cambios no persoal técnico asignado, así como nos horarios de prestación do servizo, que deban efectuarse, por circunstancias de necesidades de organización do servizo, comunicaranse á persoa beneficiaria, seguindo en vigor o acordo asinado. 4. Para o inicio da prestación do servizo, será requisito previo, asinar o acordo de servizo, segundo o modelo establecido no anexo VI deste regulamento. 5. O persoal técnico elaborará un proxecto de intervención, segundo o anexo V deste regulamento (anexo II da Orde do 22 de xaneiro de 2009), que deberá conter: días da semana de atención, horario concreto no que se desenvolverá a prestación, identidade do persoal de atención directa responsable da execución do proxecto, obxectivos e tarefas a desempeñar no domicilio, e o seguimento efectivo da prestación no domicilio do usuario, con carácter mínimo bimestral. 6. Farase entrega á persoa usuaria, dunha copia do regulamento municipal de axuda no fogar, debidamente visado polo órgano competente. 7. Así mesmo, entregarase á persoa usuaria e ao persoal de atención directa, o documento que conteña as tarefas a desenvolver no domicilio. 8. Informarase ás persoas usuarias da existencia dun libro de reclamacións, que estará á súa disposición, para calquera queixa ou reclamación. No caso de queixa ou reclamación, facilitarase unha copia da queixa á persoa usuaria e remitirase o orixinal ao servizo de inspección no prazo de tres días, xunto cun informe do caso, segundo establece o artigo 6.i) do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia. 9. O departamento de servizos sociais do Concello abrirá un expediente por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que presta o servizo, no cal constará, cando menos: Un informe de avaliación inicial, asinado polo técnico competente, responsable da coordinación do servizo de axuda no fogar. Un proxecto de intervención, asinado polo técnico responsable, segundo o anexo V deste regulamento (anexo II da Orde do 22 de xaneiro de 2009). Un acordo de servizo asinado entre o Concello de Pontedeume e a persoa usuaria, segundo o anexo VI deste regulamento. Informes de seguemento da prestación nos domicilios das persoas usuarias, que terán, como mínimo, un carácter bimestral, ou extraordinarios, cando as circunstancias así o aconsellen. Artigo 14.º.–Intensidade na prestación do servizo. 1. A intensidade do servizo determinarase, con carácter xeral, en horas mensuais de atención, distribuidas en función das necesidades da persoa usuaria e do informe técnico. 2. A intensidade do servizo de axuda no fogar, para as persoas atendidas no marco do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, estará predeterminada no seu programa individualizado de atención. A súa aplicación horaria será flexible e conforme co proxecto de intervención, de xeito que, cando menos, se garanta a cobertura das necesidades de atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, relacionadas no artigo 4.1.º a) da Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar, todos os días da semana. 3. Nos restantes casos, a intensidade do servizo, virá determinada na prescrición efectuada polo departamento de servizos sociais do Concello. Artigo 15.º.–Límites para a prestación do servizo de axuda no fogar de libre concorrencia. 1. O servizo de axuda no fogar de libre concorrencia prestarase de luns a venres, cun máximo de dúas horas diarias de atención, no horario comprendido entre as 9.00 e as 18.30 horas. 2. A duración da prestación, de non estar expresamente limitada no tempo no acordo de servizo, entenderase concedida por un período de 1 ano, contado a partir do día da “alta” da persoa beneficiaria . Transcorrido o dito prazo, prorrogarase por anualidades, previa comprobación polos servizos sociais, de que non se produciron cambios nas circunstancias que motivaron a súa concesión. 3. A prestación do servizo estará supeditada á dispoñibilidade orzamentaria existente en cada caso. Artigo 16.º.–Protocolos de actuación en caso de urxencias e incidencias no servizo de axuda no fogar. A) Urxencias. Definimos unha ”urxencia” dentro do servicio de axuda no fogar como aquela situación ou circunstancia relacionada con persoas susceptibles de ser usuarios/as do servizo, ou que xa están integradas nel, na que é imprescindible unha actuación inmediata para solucionar ou paliar un problema que podería ter graves consecuencias de non actuar con rapidez. En función do anterior, diferenciamos dous tipos de urxencias: a) As que pode presentar un/unha potencial usuario/a do servizo de axuda no fogar. previamente ao proceso de tramitación do servizo, situación que queda recollida no artigo 12, punto d) deste regulamento O protocolo de actuación será: 1.–Coñecemento da situación de necesidade ou recepción da demanda urxente. 2.–Realización dunha visita domiciliaria para valorar a necesidade e tipo de atención que precisa. 3.–Asignación dun horario e unha/un auxiliar do fogar cun plan de traballo concreto. 4.–Inicio do servicio. b) As que pode presentar un/unha usuario/a que xa está integrado no servizo municipal nalgún momento no que esté recibindo a atención domiciliaria. Estas situacións de “urxencia” ou “emerxencias” soen ten que ver con agravamentos ou crises no estado de saúde das persoas usuarias, tanto a nivel físico, psicolóxico ou emocional ou con accidentes domésticos. O protocolo de actuación será: 1.–O/a auxiliar do fogar chamará aos servizos de urxencia se valora que a situación é moi grave. Despois chamará aos servizos sociais. 2.–Se non hai perigo de vida ou morte, avisará aos servizos sociais para notificar a situación. O técnico responsable do SAF (servizo de axuda no fogar). avisará á familia da persoa usuaria se fose o caso ou movilizará outros recursos que se consideren adecuados para atender debidamente a “urxencia”. 3.–O/a auxiliar do fogar permanecerá no domicilio do/a usuario/a ata que chegue a familia, os servizos de urxencia ou calquera outro que sexa preciso, procurando seguir as instrucións que poidan darlle desde os distintos servizos cos que se contacte se fose necesario. 4.–Cando a persoa usuaria quede debidamente atendida, o/a auxiliar do fogar poderá abandoar o domicilio. 5.–Desde os servizos sociais se rexistrará no expediente individual do/a usuario/a esta circunstancia acaecida e as actuacións levadas a cabo. 6.–Seguemento da situación a través do/a auxiliar do fogar e de contactos directos co/a usuario/a e/ou a súa familia. B) Incidencias. Definiremos unha “incidencia” como calquera acontecemento ou circunstancia que sobrevén e interrompe o transcurso cotidiano e habitual da atención domiciliara que se lle presta a unha persoa usuaria e que pode influir nela ou ten outro tipo de consecuencias. As causas que orixinen incidencias poden ser moitas e variadas. As incidencias non teñen por qué ser problemáticas en sí mesmas nin ter un matiz negativo, pero sí son importantes porque poden influir na rutina diaria da atención domiciliaria ou na cotidianidade da vida da persoa usuaria. O protocolo de actuación será: 1.–Notificación, por parte do/a auxiliar do fogar, ao técnico responsable do SAF. da incidencia. 2.–Valoración, desde os servizos sociais, da necesidade de realizar unha visita domiciliaria a persoa usuaria. 3.–Movilización dos recursos axeitados á situación que se prantexe, ben prestando unha atención directa a persoa usuaria, poñéndose en contacto coa familia e/ou outros profesionais, realización de xestións, derivación do caso, etc. 4.–Resolución da incidencia e seguemento da situación resultante. 5.–Rexistro no expediente individual do/a usuario/a da incidencia acaecida, as actuacións levadas a cabo e a resolución. Artigo 17.º.–Determinación da capacidade económica do sistema de atención a persoas usuarias da dependencia. 1. A capacidade económica das persoas dependentes, valoradas con dereito recoñecido de atención, mediante o servizo de axuda no fogar, calcularase de acordo coas normas de valoración contidas no capítulo II do título III do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, observándose as normas de aplicación á materia, vixentes en cada momento, polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia. 2. O resultado do cálculo da capacidade económica, correspondente ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido no servizo de axuda no fogar, constará na resolución do plan individualizado de atención que se desenvolva en cada caso, de conformidade co que establece o artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes. Artigo 18.º.–Determinación da capacidade económica das persoas usuarias doutros servizos que impliquen copagamento. No servizo de axuda no fogar prestado a persoas ou unidades de convivencia distintas ás referidas no artigo anterior, o cómputo da capacidade económica farase de acordo cos seguintes criterios: 1 .Para os efectos deste artigo considérase persoa usuaria aquela para a que se solicite o servizo. No caso de intervención con familias, entenderase como persoa usuaria a un dos membros da unidade de convivencia responsables dos menores que forman parte dela. 2. Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas: ingresos netos que se perciban procedentes de rendementos de traballo, incluídas pensións e prestacións de previsión social, calquera que sexa o seu réxime; os rendementos de capital mobiliario e inmobiliario; os rendementos das actividades económicas e as ganancias e perdas patrimoniais. 3. Computarase, así mesmo, o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos, enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos. 4. A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar. Artigo 19.º.–Afectación dos ingresos municipais polo copagamento dos servizos. De conformidade co artigo 56.7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, en todo caso, os ingresos que recade o Concello de Pontedeume, en concepto de achega das persoas usuarias para a súa participación no custo dos servizos sociais comunitarios, estarán afectados ao financiamento dos servizos sociais que reciban. Artigo 20.º.–Da coordinación coas entidades privadas que atendan a persoas usuarias financiados total ou parcialmente con fondos públicos. No caso das entidades privadas que presten o servizo de axuda no fogar, mediante financiamento total ou parcial con fondos públicos, ou que atendan a persoas usuarias derivadas do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, manterán unha coordinación efectiva cos servizos sociais comunitarios básicos, establecendo un protocolo de comunicación de altas no servizo de cada persoa usuaria, así como unha copia do correspondente proxecto de intervención e dos informes de seguimento, dirixidos aos servizos sociais comunitarios básicos do Concello ou entidade local. Artigo 21.º.–Normas xerais do servizo de axuda no fogar. A) En canto o/a auxiliar do fogar. A/o auxiliar do fogar, como norma xeral, non traballará no domicilio en ausencia da persoa usuaria. As tarefas do/a auxiliar do fogar serán as recollidas no proxecto de intervención, tendo en conta ademáis que deberán servir de apoio á unidade familiar. Calquera variación deste será responsabilidade do persoal de servizos sociais ou da persoa responsable da empresa adxudicataria, e non do/a auxiliar do fogar nin da persoa beneficiaria. O/a auxiliar do fogar terá en consideración as opinións, valores, crenzas e costumes das persoas beneficiarias sempre que non interfiran cos principios do servizo de axuda no fogar ou co plan de traballo establecido. Calquera dificultade neste senso, deberá ser consultada cos servizos sociais. Calquera queixa ou suxestión que os prestadores do servizo reciban do/a usuario/a deberán poñela en coñecemento do/a técnico/a responsable. A atención establecida non pode interferir nin limitar o dereito do/a beneficiario/a á súa intimidade. En consecuencia, o/a auxiliar do fogar non poderá acompañarse de ningunha persoa allea ao servizo cando acceda ao seu traballo, e gardará en todo momento o respecto e sixilo profesional sobre os casos asignados. Ao/á auxiliar do fogar non lle está permitido recibir en custodia diñeiro, xoias nin obxecto ningún. Así mesmo deberá rexeitar calquera doazón (ben sexa en diñeiro ben calquera outra) efectuada polo/a usuario/a ou persoa achegada. Só en casos moi xustificados, e co consentimento da persoa usuaria ou da súa familia, o/a auxiliar do fogar poderá custodiar cartos se esta tarefa responde a un obxectivo da intervención. Esta circunstancia quedará rexistrada por escrito co consentimento asinado das persoas implicadas. Mentres a persoa beneficiaria este incluída no servizo de axuda fogar, ningún/unha auxiliar do fogar contratado polo Concello poderá prestarlle atención, a título particular, recibindo ou non remuneración por iso. O/a auxiliar do fogar no dispoñerá das chaves de ningún domicilio, excepto cando as condicións do caso así o esixan e sempre co consentimento do responsable técnico directo do servizo e, por suposto, a demanda da persoa usuaria ou da súa familia. Cando o/a usuario/a non se atope no domicilio no horario fixado para a súa atención, o/a auxiliar do fogar esperará, como máximo, dez minutos, transcurridos os cales, deberá comunicar aos servizos sociais esta circunstancia e seguir co seu horario de traballo. Se isto fose algo habitual, valorarase o caso e tomaranse as decisións oportunas. O/a auxiliar do fogar non fará partícipe o/a usuario/a dos seus propios problemas, separando en todo momento a súa vida privada do seu traballo. Terá a obriga de informar aos servzios sociais de todos os cambios significativos que ocorran na familia que atende, ben nas sesións de supervisión programadas ou en calquera momento no que xurdan. Terá a obriga de acudir ás sesións de supervisión co técnico responsable do programa. Non chegarán a “acordos” coas persoas beneficiarias do servizo distintos do plan de traballo establecido. Deberán avisar o técnico que as supervise das ausencias ao traballo coa suficiente antelación, aportando os xustificantes pertinentes. Non poderán negarse a atender a un/unha usuario/a sen un motivo suficientemente xustificado, circunstancia que será valorada polos servizos sociais. B) En canto as persoas usuarias do servizo. Serán por conta do/a usuario/a todos os gastos de útiles e produtos de limpeza, comida, aseo, ..., podendo valorarse, non obstante, a xestión dunha axuda económica por tales conceptos en casos especiais, axuda que se levará a cabo a través doutros programas sociais xestionados polos servizos sociais do Concello de Pontedeume (emerxencia social ou outros), non tendo en ningún caso a consideración de prestación do servizo de axuda no fogar. Como norma xeral, se a persoa usuaria non está na casa, o/a auxiliar do fogar tampouco se quedará nela. Ningunha persoa usuaria poderá esixir que se lle presten atencións que non estén estipuladas no seu contrato co servizo. O/a usuario/a deberá tratar, en todo momento, de obra e de palabra, co debido respecto ao/á auxiliar do fogar. Se ten calquera problema con el/ela, o comunicará aos servizos sociais. C) Outras normas xerais. Se fose preciso realizar, por causas xustificadas ou por necesidades do servizo, calquera variación nos horarios, días de atención, auxiliares designados/as a cada caso, etc, poderá facerse consensuando coa persoa usuaria e a súa familia estes cambios, seguindo en vigor o acordo asinado inicialmente.
|