Para os efectos deste artigo considérase persoa usuaria a que solicita o servizo. No caso de intervención con familias, entenderase como persoa usuaria un dos membros adultos da unidade de convivencia responsables dos menores que formen parte dela. A capacidade económica das persoas usuarias do SAF calcularase en función da súa renda, e se é o caso, do seu patrimonio. Terase en conta, ademais as persoas conviventes economicamente dependentes, de acordo co establecido nos parágrafos seguintes. A renda valorarase atendendo aos ingresos netos que se perciban, que comprenderán os rendementos de traballo, incluídas pensións e prestacións de previsión social calquera que sexa o seu réxime; os rendementos de capital mobiliario e inmobiliario; os rendementos de actividades económicas e as ganancias e perdas patrimoniais. Para o cómputo do patrimonio estarase ao disposto na normativa fiscal en vigor sobre patrimonio, entendéndose por tal o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexa titular a persoa usuaria do servizo, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, e así como das débedas e obrigas persoais das que deba de responder. Considéranse exentos do cómputo a vivenda habitual na que se preste o servizo e os bens e dereitos cualificados como exentos na normativa aplicable sobre o imposto do patrimonio. Nos supostos de cotitularidade, só se terá en consideración a porcentaxe correspondente á propiedade do beneficiario. No caso de que a persoa usuaria tivese cónxuxe ou parella de feito, as rendas de ambos os dous terán a consideración de rendas computables, entendéndose neste caso por renda persoal a metade da suma dos ingresos de ambos os dous membros da parella. A capacidade económica por razón de renda determinarase dividindo a renda ou rendas computables, de acordo co número anterior, entre a suma dos seguintes conviventes: o perceptor ou perceptores de rendas computadas e, se é o caso, o cónxuxe e os ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos, ou maiores desta idade en situación de discapacidade, que dependesen economicamente dos citados perceptores. A capacidade económica resultante será a correspondente á renda da persoa usuaria, calculada de acordo cos apartados anteriores, modificada á alza, se fose o caso, pola suma dun 5% do valor do patrimonio neto que supere o mínimo exento para a realización da declaración do imposto sobre o patrimonio en vigor a partir de 65 anos de idade, dun 3% dos 35 aos 65 anos e dun 1% anos aos menores de 35 anos. Para o cómputo da renda ou do patrimonio teranse en conta os datos correspondentes á última declaración fiscal dispoñible ou pensión coñecida.
|