SECCIÓN PRIMEIRA.- MODALIDADES DE USO.- Nas instalacións deportivas municipais de uso regulado ou con persoal municipal existe regulación de acceso conforme a modalidade de uso. Artigo 16.- Asistencia como público en competicións, espectáculos, eventos e similares 16.1.- O público asistente terá dereito a ocupar sitio nos espazos destinados ao público na instalación, conforme ao aforo estipulado para cada instalación e segundo a orde de chegada. En ningún caso se ocuparán escaleiras, zonas de saída de emerxencia, espazos reservados para persoas con discapacidade, espazos reservados para autoridades, para equipos técnicos e, en xeral, espazos reservados pola autoridade competente e debidamente delimitados. 16.2.- As persoas menores de 12 anos deberán asistir acompañados de persoa maior de idade. 16.3.- Cando se trate de persoas con discapacidade, poderán ocupar espazo no emprazamento reservado que determine o persoal da instalación municipal e que contará cun protocolo específico de emerxencia. 16.4.- Extraordinariamente, cando así o permitan as características do acto, poderán os familiares estar en zonas destinadas á práctica deportiva conforme á programación do evento (festa fin de curso, xornada de portas abertas, festas populares e similares). Artigo 17.- Asistencia como participante en actividades ou competicións 17.1.- Os participantes utilizarán as instalacións deportivas conforme ao servizo ou actividade a realizar. 17.2.- Poderán acceder a vestiarios, servizos, cancha deportiva, ximnasio ou vaso da piscina nos horarios estipulados. 17.3.- Non poderán interferir con outras actividades mentres esperan a súa quenda e deberán abandonar a zona deportiva no momento de finalizar o seu horario. 17.4.- En defecto de previsión por cada federación, terán acceso ao vestiario 10 minutos antes do comezo da actividade ou competición, e disporán, ao finalizar a actividade, dun tempo máximo de permanencia nos vestiarios de 20 minutos. Co fin de respectar a xornada de traballo do persoal da instalación, pedirase especial dilixencia aos grupos que finalicen as actividades do día para que abandonen a instalación nun período máximo de 20 minutos. 17.5.- Ninguén poderá incorporarse a unha actividade sen estar inscrito. 17.6.- Para a práctica do deporte federado ou deporte en idade escolar requirirase dispoñer da mutualidade deportiva e da licenza federativa en vigor, conforme a normativa vixente. Artigo 18.- Uso por federacións deportivas, clubs e agrupacións deportivas 18.1.- No eido do Deporte Federado, as delegacións en Cambre das federacións deportivas galegas, os clubs e agrupacións deportivas con sede social en Cambre e rexistrados no rexistro municipal de entidades veciñais, que non teñan débedas coas administracións, poderán solicitar autorización de uso gratuíto das instalacións deportivas municipais para adestramentos unha hora semanal por cada dous equipos de categorías prebenxamín a xuvenil ata un máximo de tres horas semanais e ata seis horas nos campos de fútbol, salvo que exista convenio ou acordo de cesión, en cuxo caso estarase ao establecido nel. 18.2.- Os clubs de Cambre que soliciten utilizar gratuitamente as instalacións deportivas, para as categorías de base de prebenxamíns a xuvenís, ou con pago de taxa, para a categoría senior, coordinarán os horarios co departamento de Deportes do concello antes de confirmar ás distintas federacións os horarios dos encontros. 18.3.- Nos eventos deportivos federados, distintos á competición oficial, realizados por clubs ou entidades deportivas será preceptivo achegar a autorización da Federación Galega correspondente ou no seu caso da Federación Española para eventos de ámbito estatal. 18.4.- As persoas físicas ou xurídicas que organicen calquera proba, competición ou espectáculo deportivo, así como clubs que participen nela, estarán sometidos á disciplina deportiva e serán responsables cando proceda, polos danos ou desórdenes que puideran producirse nos lugares onde se desenvolve a competición, de conformidade co artigo 63 da Lei do deporte 10/1990, de 15 de outubro. 18.5.- Neste caso, para a práctica do deporte federado ou deporte en Idade Escolar requirirase dispoñer da mutualidade deportiva. Artículo 19.- Uso polos centros públicos de ensino de Cambre 19.1.- Os centros de ensino público de Cambre, para a súa función educativa, terán acceso ás instalacións, con supervisión do persoal propio do centro, nos días e horarios lectivos e prolongacións de programas propios ou quendas de comedor. 19.2.- De realizarse actividades alleas á práctica deportiva e de ensino, contarán con persoal propio, tecnicamente cualificado para responsabilizarse da organización e realización dos actos. Así mesmo, co fin de poder organizar os traballos de limpeza, estes actos comunicaranse por escrito ao concello cunha antelación mínima de 15 días naturais á celebración da actividade e indicando as características do acto ou evento. Artigo 20.- Uso por persoas en exercicio das súas funcións As persoas que acceden ás instalacións para o desempeño dunha función ou traballo como autoridades, delegados federativos, directivos, medios de comunicación social ou patrocinadores, poderán permanecer nas zonas deportivas conforme a necesidade e tempo necesario para cumprir coas súas funcións. Artigo 21.- Uso por entidades con convenios de colaboración ou calquera outro acordo formalizado por escrito co Concello (federacións, clubs, ANPAs, asociacións de clubs, clubs deportivos e similares) 21.1.- O uso solicitarase conforme as modalidades de uso (deportivo ou non deportivo) ás que se refire o artigo 10, acompañando á solicitude xustificante de cumprir coas obrigas ás que se refire o apartado seguinte. 21.2.- Será obriga para estas entidades: 1. Dispoñer de seguro de responsabilidade civil que, entre outros, cubra os posibles danos causados na instalación. 2. Dispoñer da mutualidade deportiva ou seguro complementario para a práctica do deporte federado ou deporte en idade escolar, incluídos adestramentos. 3. Contar con persoal propio, tecnicamente cualificado para responsabilizarse da organización e realización dos actos. 4. Dispoñer, nas actividades con menores de idade, de adulto responsable nos momentos de recepción, actividade e despedida de alumnos. En ningún caso quedará un menor na instalación sen compañía de adulto responsable da entidade ou familiar. 5. Recoller e retirar o material deportivo propio utilizado nas actividades. 21.3.- Non se poderán realizar actividades comerciais ou publicidade, agás da publicidade de patrocinadores en carteis de eventos ou equipamento deportivo. Para actos concretos de carácter publicitario ou con medios de comunicación social, solicitarase autorización ao alcalde ou concelleiro delegado competente. Artigo 22.- Uso por outras entidades de caracter social 22.1.- O uso deberá solicitarse conforme ao tipo de uso (deportivo ou non deportivo) ao que se refire o artigo 10, acompañando á solicitude xustificante de cumprir coas obrigas ás que se refire o apartado seguinte. 22.2.- Será obriga para estas entidades: 1. Dispoñer de seguro de responsabilidade civil que cubra, entre outros, os posibles danos causados nas instalacións. 2. Dispoñer, nas actividades con menores de idade, de adulto responsable nos momentos de recepción, desenvolvemento da actividade e despedida de participantes. En ningún caso poderá quedar un menor na instalación sen compañía de adulto responsable da entidade ou familiar. 3. Contar con persoal propio, tecnicamente cualificado para responsabilizarse da organización e realización dos actos. 4. Realizar a montaxe e desmontaxe dos elementos necesarios para a realización do acto con personal propio, deixando a instalación, ao finalizar o acto, lista para o uso posterior. 22.3.- Non se poderán realizar actividades comerciais ou de publicidade, agás da publicidade de patrocinadores en carteis de eventos ou equipamento deportivo. Para actos concretos de carácter publicitario ou con medios de comunicación social, solicitarán autorización ao alcalde ou concelleiro delegado competente. Artigo 23.- Uso por usuarios abonados 23.1.- Serán usuarios abonados todas aquelas persoas que formalizaron a súa inscrición, foron admitidos e están ao día no pago de todas as cotas. 23.2.- Terán dereito ao uso conforme as características do abono contratado. 23.3.- O abono será intrasferible e restrinxido ao tempo de validez. Artigo 24.- Uso por autorizados con pago de taxa municipal 24.1.- De forma individual ou colectiva poderá solicitarse o uso das instalacións deportivas municipais. A autorización deste uso quedará condicionada aos horarios dispostos polo concello con base nos seguintes criterios: · A tramitación das solicitudes seguirá a orde segundo a data de pago da taxa. · Terán preferencia os empadroados neste concello e, no caso dos grupos, aqueles que conten con maior número de persoas que cumpran este requisito. · O concello velará pola igualdade de oportunidades de uso entre todos os empadroados no concello, sen que o uso continuado da instalación consolide ninguna preferencia ou dereito de permanencia. · De existir un número de solicitudes superior ao número de horas dispoñibles, a autorización de uso concederase por unha hora semanal durante o período máximo de un mes, transcorrido o cal o concello recupera o uso permitindo que novos veciños teñan a posibilidade de desfrutar da instalación. En caso contrario, poderá autorizarse máis de unha hora semanal. 24.2.- A solicitude tramitarase segundo o tipo de uso (deportivo ou non deportivo) ao que se refire o artigo 10. 24.3.- A autorización do uso serao para a persoa ou grupo solicitante, na especialidade para a que se autorizou e co material deportivo funxible do que dispoñan, sen achegar o concello material deste tipo. Non se autorizará o uso da instalación a persoa distinta do solicitante. 24.4.- Cando a solicitude se faga de forma colectiva, farase constar a identidade da persoa que actúa en representación do grupo e acreditarase a dita circunstancia, de acordo co xa establecido no artigo 10.1. O representante considerarase responsable do grupo participante, quedando obrigado a facilitar información ao concello no caso de tramitarse algún expediente sancionador. 24.5.- No caso de que un evento deportivo ou problema técnico na instalación produza un atraso horario superior a vinte minutos, o autorizado poderá optar por atrasar o seu horario o tempo necesario (se o permite a programación diaria) ou solicitar a modificación de día e hora. SECCIÓN SEGUNDA.- RESTRICIÓNS DE ACCESO.- Artigo 25.- Restricións de acceso Nestas instalacións queda prohibido: 1. A práctica deportiva libre ou espontánea en tempos de descanso de competición ou entre actividades. 2. O uso de patíns, monopatíns, e outros materiais deportivos similares. 3. O quecemento deportivo durante a celebración doutro acto deportivo. 4. O acceso con armas, bengalas, artefactos explosivos, sprays de pintura ou similares, comida, bebidas alcohólicas ou recipientes susceptibles de ser guindados á cancha deportiva e, en xeral, calquera obxecto que poida causar danos persoais ou materiais. 5. O acceso ás canchas deportivas sen calzado e equipamento deportivo adecuado a cada especialidade. 6. O acceso con botas de tacos metálicos nos campos de fútbol de herba sintética. 7. O acceso ás instalacións de persoas en compañía de animais agás: i. Os animais guías de invidentes. ii. Os animais que colaboran coas forzas policiais en labores de seguridade. iii. Os animais que participan en exposicións ou concursos debidamente autorizados. iv. Os animais que participan en competicións deportivas. 8. A realización de actos que pretendan algún tipo de discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento ou veciñanza, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social. 9. O acceso polo público a zonas distintas ás asignadas para ese fin. 10. Participar en actividades deportivas sen reunir as condicións físicas adecuadas para a práctica deportiva. SECCIÓN TERCEIRA.- PISCINAS MUNICIPAIS.- Artigo 26.- Marco xurídico En virtude do principio de especialidade, a utilización das piscinas municipais rexerase, en primeiro termo, polo seu propio regulamento, no seu caso e, seguidamente, polo establecido na presente ordenanza, sen prexuízo das especificidades que conco rran en cada actividade. Artigo 27.- Acceso 27.1.- Terá dereito de acceso a persoa que esté abonada, realice a inscrición e pago ou merque un bono. 27.2.- Os menores de 12 anos só poderán acceder á instalación en compañía dunha persoa maior de idade. Os menores de 3 anos só poderán acceder ao interior do vaso da piscina en compañía dunha persoa maior de idade. 27.3.- O disposto no apartado anterior non afecta aos cursos de natación infantil onde o adulto responsable permanecerá no lugar adecuado ata a finalización das clases, nin ao deporte federado. Artigo 28.- Obrigas, prohibicións e limitacións aos usuarios 28.1.- Será obligatorio para os usuarios: · Seguir as indicacións de socorristas e demais persoal da instalación. · Ducharse previamente ao baño. · Usar gorro de baño para entrar no vaso. 28.2.- Quedará expresamente prohibido para os usuarios: · Acceder ao vaso da piscina en ausencia do socorrista nin cando este estea realizando tarefas de reanimación. · Acceder á praia de piscinas e zonas de servizo dela, con calzado ou roupa da rúa, agás persoal debidamente autorizado, que utilizará protección de calzado. É obrigatorio o uso de chancletas nos vestiarios. · Utilizar xabóns ou similares nas duchas situadas na praia de piscina. · Bañarse, sen autorización médica, estando afectado por enfermidades contaxiosas. · Comer ou beber na zona verde xunto á praia de piscinas, así como fumar ou introducir líquidos, salvo en zonas habilitadas para o efecto. · A gravación de imaxes e sons nos vestiarios e zonas de baño, así como a utilización de reprodutores de son que non leven incorporado auricular. · Gritar, cantar, xogar, saltar, competir, empurrar, correr ou, en xeral, calquera acto que afecte á boa convivencia e á comodidade dos usuarios. · Introducir pelotas, colchonetas, aletas, gafas de mergullo e en xeral calquera obxecto que poida molestar ao resto dos usuarios, a salvo do establecido para cada actividade. 28.3.- Constitúen limitacións para os usuarios: · En ningún caso os menores estarán custodiados polo socorrista. · As persoas que non teñan os hábitos de natación suficiente ou que utilicen elementos auxiliares (táboas, manguitos e similares) indicarán ao socorrista o momento de acceso ao vaso da piscina. · O peche debido a condicións climatolóxicas non será motivo de devolución de cotas de acceso. · Nos casos indicados pola autoridade sanitaria, de emerxencia ou de extrema necesidade, ou en caso de tormenta, o persoal das instalacións poderá desaloxar ou evacuar aos usuarios. · A zona de praia poderá utilizarse como zona de descanso e solarium nas piscinas exteriores.
|