ARTIGO 12º. O uso dos locais socioculturais municipais estará suxeito á autorización expresa emitida pola Alcaldía ou Concellaría que teña a competencia delegada. ARTIGO 13º. O uso dos locais socioculturais municipais computarase por módulos de 60 minutos. ARTIGO 14º. As actividades que se desenvolvan nos locais socioculturais municipais poden ter carácter anual, mensual ou puntual. En consideración das actividades extraescolares promovidas polos centros escolares ou polas súas ANPAS, tamén se poden conceder autorizacións para o período de duración do curso escolar. ARTIGO 15º. O modelo de solicitude para a utilización das instalacións, que figura como anexo I estará a disposición de calquera potencial usuario/a, solicitarase nas Oficinas Xerais do Concello ou se presentará debidamente cuberto polo solicitante. ARTIGO 16º. As actividades organizadas polo Concello de Cee terán prioridade absoluta de ocupación dos módulos horarios dos locais socioculturais municipais. Nos espazos non utilizados polo Concello atenderanse as solicitudes consonte a seguinte prelación: 1. Centros escolares públicos do Concello de Cee, especialmente para aquelas actividades que non se poidan realizar nas súas instalacións. 2. ANPAS dos centros escolares públicos do Concello de Cee, especialmente para aquelas actividades que non se poidan realizar nas instalacións do centro escolar. 3. Entidades ou asociacións sociais, culturais, veciñais e deportivas municipais inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Cee. 4. Calquera outra entidade ou empresa con sede social no Concello de Cee. 5. Particulares empadroados no Concello de Cee. 6. Calquera outra entidade, empresa, colectivo ou particular. A prelación aplicarase concedendo módulo a módulo e non o conxunto dos módulos solicitados. ARTIGO 17º. O uso das instalacións durante un ou máis períodos temporais non comporta ningún dereito adquirido para os seguintes. Cando existan solicitudes de uso dos locais socioculturais para actividades de carácter puntual que sexan de interese e de relevancia para a colectividade e as datas sinaladas coincidan con módulos previamente asignados, a autorización municipal non se poderá conceder sen poñer o feito en coñecemento dos usuarios/as, ós/ás que ademais se lles deberá ofrecer outra data para a realización da actividade. ARTIGO 18º. Para a recollida e tenza de chaves –tanto exteriores como interiores estabelecerase a norma xeral de recollida na Casa do Concello, no Departamento de Cultura ou en dependencias da Policía municipal. No caso de colectivos con permiso e/ou persoas con suficiente acreditación ao entender do Concello, nomearán un responsábel da recollida, tenza e/ou devolución da chave. Esta persoa será, para todos os efectos, a responsábel de que a actividade solicitada se leve a cabo nas condicións normais de funcionamento do centro cultural e será tamén responsábel de calquera problema xurdido durante o tempo de realización da actividade ou de tenza da chave. Para o uso do Salón de Actos do Concello, establécese o seguinte horario: de luns a venres: desde as 9.00 ata as 21.45 horas sábados: desde as 9.00 ata as 20.30 horas domingos: desde as 17.00 ata as 20.30 horas A apertura e peche do Salón de Actos corresponderá ó persoal de Departamento de Cultura e/ou á Policía Local, segundo a dispoñibilidade. ARTIGO 19º. Unha vez obtida a autorización, o non uso reiterado do módulo concedido e reservado dará lugar, unha vez oídos os afectados, á anulación da autorización. Non se poderán facer actividades de utilidade privada ou con fins de lucro nestes centros. Calquera actividade que signifique contrato económico, pagamento de usuarios ou monitores, etc., deberá ser solicitada ao Departamento de Cultura e aprobada expresamente polo Concello antes de que se realice. Na solicitude constarán todos os detalles organizativos, ingresos, cotas, etc. ARTIGO 20º. A asignación de locais no antigo instituto de bacharelato farase por orde de solicitude no rexistro xeral do Concello. Se coincidisen dúas solicitudes ao mesmo tempo, teranse en conta para a adxudicación os seguintes criterios: - antigüidade da asociación solicitante: 3 puntos - número de persoas asociadas da entidade: 2 puntos - actividades realizadas no ano anterior: 1 punto Ademais, para poder ter acceso a un destes locais ou para poder continuar co seu uso, será preciso presentar un proxecto de actividades anual, na primeira quincena do mes de xaneiro de cada ano. No momento da aprobación do presente Regulamento están no uso de locais no antigo instituto as seguintes asociacións e clubs: Asociación de Empresarios de Cee Asociación de Jubilados e Pensionistas de Cee Unión Club Cee Asociación Cultural Terra de Sena Asociación de Amas de Casa Club de Baloncesto de Cee Procederase á revisión do uso por parte destas citadas entidades na primeira quincena do ano 2013. As restantes dependencias son usadas polo Concello de Cee (aula almacén (2), aula empregada polo programa Preescolar na casa, aula de informática, aula e despacho Mentor, e tres aulas de teoría para cursiños).
|