Artigo 9º .- Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.-
1.- Créase o Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos, no que
se inscribirán os animais potencialmente perigosos que teñan a súa residencia
habitual neste Concello.-
2.- O Rexistro terá un tratamento infomatizado, no que se farán constar, de
conformidade co establecido no artigo 4.2 do Decreto 90/2002, como mínimo, os
seguintes datos:
Datos do animal:
* Número do microchip.
* Nome do animal.
* Especie.
* Raza (no caso de cans).
* Sexo.
* Características externas (descripción da capa, tipo e cor da pel...).
* Data de nacemento.
* Aptitude (función do animal): compañía, garda, defensa, caza,...etc.
* Causa de inclusión no Rexistro (sinalar supostos artigo 2.2 do Decreto
90/2002).
* Enderezo habitual do animal.
* Data de adquisición do animal.
* Forma de adquisición do animal (cría, doazón, traspaso, venda, outras).
* Observacións.
* Datos do propietario, tenedor ou posuidor:
* D.N.I.
* Nome e apelidos.
* Enderezo habitual.
* Teléfonos de contacto.
* Licencia administrativa: número, data de expedición e Concello de
expedición.
2.- A identificación definitiva con microchip dos animais potencialmente
perigosos é obrigatoria sen execepcións.-
3.- O rexistro municipal é un rexistro de carácter público, ó que terán
acceso as Administracións Públicas e autoridades competentes, así como aquelas
persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento
dos datos obrantes no mesmo. A estes efectos considerarase, en todo caso,
interese lexítimo o que ostenta calquera persoa física ou xurídica que desexe
adquirir un animal destas características, así como aquelas que sufriran
calquera tipo de agresión polo animal e desexen exerce-las accións
correspondentes en calquera vía xurisdiccional, para o que deberán acreditar
previamente a interposición da correspondente denuncia.-
4.- En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no Rexistro será de
acordo co disposto na Lei Orgánica 15/1999, de Protección de Datos Persoais.-
Artigo 10º .- Inscrición no Rexistro.-
1.- Os titulares da licencia municipal están obrigados a efectuar a
inscripción do animal no Rexistro Municipal do Concello de residencia habitual
do animal, no prazo de quince días contados a partir da obtención da licencia,
tal e como se recolle no artigo 6.2 da Lei 50/1999 e 4.1 do Decreto 90/2002.-
2.- Tamén será obrigatoria, a instancia do interesado, a inscrición no
rexistro municipal cando se efectúe o traslado dun animal potencialmente
perigoso a este municipio, sexa con carácter permanente ou por período superior
a tres meses, debendo proceder á inscrición no prazo máximo de dez días a contar
dende o inicio da residencia no municipio.-
3.- Estimarase que se efectuou un traslado de animal potencialmente perigoso,
salvo acreditación expresa en contrario polo interesado, nos casos de cambio de
residencia do titular do mesmo, en cuio caso será preciso a acreditación da
obtención da licencia no municipio de orixe anterior, procedendo a renovación da
licencia nos casos previstos na presente Ordenanza.-
4.- Das inscricións que se efectúen no Rexistro municipal de animais
potencialmente perigosos darase traslado o órgano correspondente da Comunidade
Autónoma de Galicia.-
5.- Igualmente, nos casos de cambio de residencia dende o municipio, sen
prexuízo da obriga do interesado de dar conta do traslado do animal,
notificarase ó Concello do municipio de nova residencia a titularidade por parte
do interesado dun animal potencialmente perigoso.-
Artigo 11º .- Acreditación da inscrición no Rexistro Municipal de Animais
Potencialmente Perigosos.-
1.- A inscripción no Rexistro acreditarase mediante a entrega dunha copia da
resolución correspondente, e mediante a entrega dunha tarxeta acreditativa,
expedida polo Concello, onde se fagan constar os seguintes extremos:
* Número do microchip e data de alta do animal no Rexistro.
* Nome, especie, raza, sexo, capa e data de nacemento do animal.
* Enderezo do animal.
* Nome e apelidos do propietario.
* Licencia do propietario (número, data de expedición e Concello de
expedición).
* D.N.I. do propietario.
Artigo 12º .- Baixa no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente
Perigosos.-
1.- A baixa no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos
efectuarase a instancia do interesado, previa acreditación da venda, traspaso,
cesión ou morte do animal (esta última certificada por veterinario ou autoridade
competente).-
2.- Igualmente, procederase á baixa no Rexistro no caso de traslado da
residencia habitual do animal a municipio distinto e así quede acreditado, xa
sexa a instancia do interesado ou de oficio polo Concello.-
3.- Farase figurar no Rexistro como de titularidade municipal aqueles animais
depositados nas súas instalacións como consecuencia de recollida dos mesmos da
vía pública ou por perda da licencia do seu anterior titular.-
Artigo 13.- Comunicacións do propietario do animal ó Rexistro Municipal de
Animais Potencialmente Perigosos.-
1.- O propietario do animal deberá comunicar ó Rexistro calqueira variación
dos datos que figuran nel, no prazo de 15 días desde que se produza a
modificación.-
2.- Deberá de comunicarse ó Rexistro a venda, traspaso ou doazón do animal.
3.- Calqueira incidente producido no animal ó longo da súa vida, coñecidos
polas autoridades administrativas ou xudiciais, faranse constar na folla
rexistral de cada animal.-
No caso de agresións recollerase, como mínimo, a seguinte información: data
da denuncia e descripción dos feitos.-
4.- A sustracción ou perda do animal deberá de ser comunicada polo titular do
animal ó Rexistro no prazo máximo de 48 horas desde que teña coñecemento de tal
feito, tal e como recolle o artigo 8.6 do RD 287/2002.-
5.- Os propietarios de animais potencialmente perigosos deberán de comunicar
ó Rexistro a realización de castracicón ou esterilización do animal, no seu
caso, remitindo copia da certificación veterinaria correspondente que acredite
este feito.-
Artigo 14º .- Sección Local do Rexistro Galego de Identificación de
animais de compañía.-
1.- Ó amparo dos principios de lealdade institucional, cooperación e
colaboración previstos no artigo 4 da Lei 30/1992, establécese unha Sección
Local da Sección do Rexistro de Identificación de Animais de Compañía, limitada
ós cans residentes no termo municipal, que se formará cos datos que ó efecto se
remitan polo Rexistro Galego. -
2.- Cos datos contidos na Sección do Rexistro, formarase, en data 31-12 de
cada ano, o Censo ó que se refire o artigo 27 do Decreto 153/1998.-
Artigo 15º .- Circulación e permanencia do can en vías públicas e
locais.-
1.- Nas vías públicas e nos espacios naturais protexidos os cans irán
suxeitos con cadea ou correa.-
2.- Os cans guía poderán circular libremente nos transportes públicos
urbanos, sempre que vaian acompañados polo seu dono e cumpran as condicións
hixiénicas, sanitarias e de seguridade que prevén as Ordenanzas.-
3.- Queda expresamente prohibida a entrada ou estancia de animais domésticos
en toda clase de locais destinados á fabricación, almacenamento, transporte,
venda ou manipulación de alimentos.-
4.- Queda asemade prohibida a entrada ou estancia de animais domésticos en
restaurantes, bares, cafeterías e similares.-
5.- Prohíbese a circulación ou a estancia de cans e outros animais nas
piscinas públicas e locais de espectáculos públicos, deportivos e culturais e
nos recintos escolares.-
6.- Os titulares destes locais deberán colocar na entrada dos establecementos
e en lugar visible o sinal identificativo desta prohibición.-
7.- Quedan exentos das prohibicións anteriores os cans guía que acompañen a
persoas invidentes.-
8.- Nos ríos do municipio prohíbese a circulación e permanencia de cans
durante o período de baño e nos horarios de uso da mesma.-
9.- Queda prohibido deixar as deposicións fecais dos cans nas vías públicas.
Os propietarios de cans son responsables de recoller convenientemente os
excrementos e depositalos, ou ben en bolsas de lixo domiciliario, ou ben
naqueles lugares que a autoridade municipal destine expresamente a esta
finalidade.-
10.- Queda expresamente prohibido que os cans accedan ás zonas de xogo
infantil das prazas e parques do municipio.-
11.- Prohíbese lavar animais na vía pública e fontes, así como darlles de
beber auga amourados ás billas das fontes públicas.-
12.- Conforme ó establecido no Artigo 112 apartado 5 do Decreto 90/2002, de
28 de febreiro da Comunidade Autónoma de Galicia, os cans catalogados como
potencialmente perigosos terán que circular polas vías públicas e en lugares e
espacios de uso público en xeral, atados con cadea ou correa non extensible, de
lonxitude non superior a dous metros, provistos da correspondente buceira
homologada e axeitada para a súa raza.-
|