Artigo 4. O Concello de Cabanas organiza os seguintes feiras e mercados, nos que está permitida a venda ambulante: a) Feira do 21. b) Mercados temáticos de verán “Mercados de Santa Marta”. Artigo 5. Normas específicas de participación na Feira do 21. - A Feira do 21 ten lugar o día 21 de cada mes no Paseo Marítimo. - A Feira do 21 admite postos de todo tipo, incluíndo, entre outros: alimentación, artesanía, roupa e complementos, artigos de segunda man, etc. - De acordo co establecido no artigo 6.1.d) da Ordenanza reguladora da taxa por instalación de postos, barracas e outros en terreos de uso público do Concello de Cabanas, a participación na Feira do 21 implicará o pago, por cada metro cadrado ou fracción, da cantidade de 0,03 euros día, cun mínimo de 3,00 euros día. - Para a participación na feira do 21 non é precisa unha inscrición previa, polo que tampouco haberá espazos asignados a cada posto. Porén, os vendedores deberán estar ao indicado polas autoridades e o persoal do concello, e en todo caso, o concello resérvase o dereito de restrinxir a instalación de postos en determinadas áreas para a instalación de postos específicos, así como de concentrar o lugar de instalación dos postos de acordo coas súas temáticas. - En todo caso, os postos instalados deberán situarse sempre sobre a superficie pavimentada da beirarrúa do Paseo Marítimo, deixando libres os accesos ao piñeiral, os bancos, colectores do lixo e as papeleiras - Os postos e cubertas deberanse soster por si mesmos, non podendo empregar mobiliario urbano (farois, bancos, papeleiras etc.), cravar piquetas, ou taladrar o chan para o seu soporte. - A Feira do 21 rexerase de acordo aos seguintes horarios: Horario de instalación: de 08:30 a 10:30 horas. Horario de funcionamento: de 09:30 a 17:00 horas. Horario de recollida: de 15:00 a 18:00 horas. - Cada un dos postos será responsábel de deixar limpos de refugallos os espazos ocupados ao final do horario de recollida, para o que depositarán o lixo nos depósitos colocados a tal efecto polo concello. As caixas deberán ser aplanadas para aproveitar axeitadamente a capacidade dos mesmos. - Non se permite en ningún caso a invasión da beirarrúa por parte de vehículos, agás os expresamente autorizados. Artigo 6. Normas específicas de participación nos mercados temáticos de verán “Mercados de Santa Marta”. Os Mercados de Santa Marta serán organizados por parte do concello en diferentes fins de semana arredor da romaría de Santa Marta, no Paseo Marítimo. - O Concello organizará tres mercados: a) Mercado de artesanía e produtos de alimentación, coincidindo coa romaría de Santa Marta. b) Feira extraordinaria de Santa Marta c) Mercado de oportunidades e produtos de segunda man. -De acordo co establecido no artigo 6.1.d) da Ordenanza reguladora da taxa por instalación de postos, barracas e outros en terreos de uso público do Concello de Cabanas, a participación na Feira do 21 implicará o pago, por cada metro cadrado ou fracción, da cantidade de 0,03 euros día, cun mínimo de 3,00 euros día. - A participación nestes mercados necesitará de inscrición previa, habendo un período único de inscrición para cada un dos tres que será de 15 días naturais entre o segundo e o cuarto xoves do mes de xullo, ou seguinte día hábil de cadrar estes nun festivo. A inscrición poderá facerse persoalmente no Rexistro do Concello de Cabanas ou por vía telemática a través da sede electrónica do Concello. Con carácter xeral, xunto coa solicitude deberase presentar copia do DNI de quen cubre a solicitude, xustificante bancario de pago, fotografía do posto e acreditacións de estar ao día no pagamento do I.A.E. e cotas da Seguridade Social. - No mercado de artesanía non poderán participar vendedores de produtos de vestido e complementos que non produzan eles mesmos o seu produto. Así mesmo, é mutuamente exclusiva a participación co mesmo produto no mercado de artesanía e no mercado de oportunidades e produtos de segunda man. - O concello, reservándose o dereito de organizar os mercados do mellor xeito posíbel, delimitará o espazo asignado a cada posto, que será inalterábel ao longo dos días de duración de cada unha destas feiras e non-intercambiábel. As persoas que por causas médicas de mobilidade ou loxísticas necesiten dun lugar específico para os seus postos haberán de facelo constar expresamente na súa solicitude e anexar un xustificante médico. - En todo caso, os postos instalados deberán situarse sempre sobre a superficie pavimentada da beirarrúa do Paseo Marítimo, deixando libres os accesos ao piñeiral, os bancos, os colectores de lixo e as papeleiras, así como as franxas de paso delimitadas por parte do concello. - Os postos e cubertas deberanse soster por si mesmos, non podendo empregar mobiliario urbano (farois, bancos, etc.), cravar piquetas, ou taladrar o chan para o seu soporte. - Os mercados rexeranse de acordo aos seguintes horarios: Horario de instalación: de 08:00 a 11:00 horas. Horario de funcionamento: de 11:00 a 21:00 horas. Horario de recollida: de 20:00 a 21:30 horas. - Cada un dos postos será responsábel de deixar limpos de refugallos os espazos ocupados ao final do horario de recollida, para o que depositarán o lixo nos depósitos colocados a tal efecto polo concello. As caixas deberán ser aplanadas para aproveitar axeitadamente a capacidade dos mesmos. - Non se permite en ningún caso a invasión da beirarrúa por parte de vehículos, agás os expresamente autorizados. - Non se permite en ningún caso a acampada, o emprego de camping-gas ou lumes, nin a vertedura de augas e líquidos. - A seguridade dos postos nas horas nocturnas corresponderá ás persoas titulares dos mesmos.
|