|
 |
|
|
|
|
INTRODUCCIÓN
|
|
|
|
En orde á realización de actividades diversas para a protección civil en situacións de emerxencia, os concellos e os alcaldes teñen competencias en materia de Protección Civil, segundo o establecido nos artigos 25.2c) e 26.1c) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e artigos 80, 81 e 82 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, da administración local de Galicia. O exercicio destas competencias ten que levarse a cabo fundamentalmente, mediante actuacións dos concellos e dos alcaldes coa colaboración, de selo caso, dun concelleiro-delegado de Protección Civil, así como coa intervención coordinada dos servicios municipais dedicados de modo ordinario e permanente ó cumprimento de fins coincidentes coas necesidades derivadas das situacións de emerxencia nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública. Así mesmo, nos números 3 e 4 do artigo 30 da Constitución española, determínase que poderá crearse un Servicio Civil para o cumprimento de fins de interese xeral e que mediante lei regularanse os deberes dos cidadáns nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública, polo que parece necesario que, sen prexuízo do establecido na lexislación que regula o Servicio Civil e a Protección Civil sobre canto antecede, se completen os recursos municipais mencionados coa incorporación dos cidadáns ás actividades que desenvolva a protección civil municipal, ofrecéndolles así oportunidades para asumir e realizar, voluntariamente, o cumprimento dos deberes que a Constitución lles atribúe nas circunstancias aludidas anteriormente. Por outra banda, a Lei 2/1985, de 21 de xaneiro, sobre protección civil e o Real decreto 407/1992, que desenvolve a norma básica, en distintas partes do seu articulado, recolle a participación, responsabilidade e competencias das diferentes administracións públicas na protección civil, tendo un papel importante os concellos que por se-la administración máis próxima ós cidadáns convértese na célula básica de protección civil, sendo a primeira en intervir en cantas emerxencias ocorran. Abundando na normativa, temos que recolle-lo establecido no Decreto 56/2000, de 3 de marzo, e no Plan territorial de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia (PLATERGA) recollido como anexo do citado decreto, onde se establecen, entre outras, as directrices para a planificación de ámbito local, así como os cometidos que poden desenvolve-las agrupacións de voluntarios no estudio e desenvolvemento dos distintos plans de emerxencia. Para articula-las oportunidades de colaboración dos cidadáns, individualmente considerados, coa protección civil municipal, parece conveniente regulamenta-la organización e funcionamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil deste Concello que se vinculará ós servicios básicos de intervención en emerxencias dependentes do Concello para realiza-las tarefas que procedan, sen prexuízo do que poida establecerse nas leis sobre prestación persoal e de servicios con carácter obrigatorio.
|
|
|
|
|
CAPÍTULO I. FINALIDADE
|
|
|
|
Artigo 1.º . -A protección civil municipal ten como fin establecer unha organización en base ós recursos municipais,contando coa colaboración das entidades privadas e dos cidadáns, para garanti-la coordinación preventiva e operativa respecto da protección de persoas e bens ante os danos producidos polas situacións de emerxencia nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública, sen esquecer todo tipo de emerxencias menores, mediante a realización de actividades que permitan evita-las mesmas, reduci-los seus efectos, repara-los danos e, no seu caso, contribuír a corrixi-las causas productoras dos mesmos. Artigo 2.º . -A organización e funcionamento da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, en adiante AVPC, como modalidade de incorporación dos cidadáns ás actividades de protección civil, rexerase polo establecido no presente regulamento, así como polas instruccións e directrices que, a efectos de coordinación xeral e participación no desenvolvemento ou execución dos plans, programas ou actividades no sistema autonómico de protección civil, sexan dictadas polo órgano da Comunidade Autónoma competente nesta materia, e demais administracións públicas de ámbito superior conforme se establece na Norma Básica de Protección Civil. Artigo 3.º . -Poderán vincularse á AVPC as persoas físicas que con carácter altruísta se comprometan a colaborar directamente nas actividades dos servicios de protección civil depen-dentes do Concello.
|
|
|
|
|
CAPÍTULO II. ORGANIZACIÓN
|
|
|
|
Artigo 4.º . - Un dos cauces para a colaboración voluntaria dos veciños na protección civil municipal levarase a cabo mediante a incorporación dos mesmos á AVPC a que se refire o presente regulamento. Artigo 5.º . - Poderán incorporarse á AVPC como voluntarios operativos tódolos veciños maiores de 18 anos que cumpran os requisitos de acceso que poidan establece-las agrupacións sen que en ningún caso poida facerse discriminación por razóns de sexo, políticas, ideolóxicas, relixiosas ou calquera outra circunstancia persoal ou social. Así mesmo, as persoas maiores de 16 e menores de 18 anos, sempre que conste a autorización do que exerza a patria po-testade ou a tutela poderán formar parte da agrupación como voluntarios de apoio. Artigo 6.º - Os veciños con formación e experiencia suficiente no exercicio profesional ou vocación relacionada con algunha das entidades deste servicio público, e que por determinadas circunstancias non poidan ser voluntarios operativos, poderán estar unidos á agrupación mediante a figura de colaborador en misións de orientación, asesoramento, asistencia técnica ou axuda económica. A figura de colaborador pódese facer extensiva a aquelas entidades locais que desexen colaborar coa agrupación en calquera dos apartados mencionados anteriormente. Artigo 7.º .-A vinculación dos voluntarios co Concello non ten o carácter de relación laboral, administrativa, funcionarial ou mercantil, senón tan só de colaboración voluntaria para a prestación de servicios de maneira altruísta como medio de realización de accións humanitarias de solidariedade social e boa veciñanza. Artigo 8.º .- A incorporación á agrupación farase sempre en virtude de solicitude do interesado, na que declarará non estar inhabilitado para funcións públicas por sentencia firme e do compromiso de coñecer e acepta-lo contido deste regulamento, así como o disposto na normativa vixente sobre protección civil. Artigo 9.º . -A condición de membro da AVPC faculta unicamente para realiza-las actividades correspondentes á mesma, especialmente en situacións de emerxencia nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública e nos operativos organizados e coordinados pola Agrupación. Os voluntarios non poderán realizar actividades de carácter persoal amparándose na pertenza á agrupación. Artigo 10.º-As funcións do voluntariado, entre outras, son as de: promoción da prevención e autoprotección cidadá, así como a colaboración, auxilio e apoio dos servicios públicos de protección civil e, en todo caso, serán as indicadas no Plan de emerxencia municipal (PEMU) e demais plans de protección civil do sistema autonómico, aprobados pola Comunidade Autónoma de Galicia. Artigo 11.º . -A agrupación estructurarase, orgánica e funcionalmente, en seccións de acordo ás necesidades existentes no Concello ou comarca e, en todo caso, disporá das seccións correspondentes en consonancia coa tipoloxía de riscos definidos no PEMU e, se é o caso, no PLATERGA. Artigo 12.º . - Tódalas actuacións que realice a AVPC en materia de protección civil no ámbito local, serán sempre autorizadas e coordinadas, ou se é o caso dirixidas pola autoridade local correspondente. Artigo 13.º . -O presidente da AVPC, e demais cargos que estatutariamente se prevexan, será elixido democraticamente entre os membros que teñan a condición de voluntarios de pleno dereito, de acordo ó establecido na lexislación vixente. Sendo a duración do mandato de catro anos, podendo ser reelixido para novos mandatos. Artigo 14.º . -Tódolos compoñentes da agrupación ostentarán, sobre o lado esquerdo do peito, o distintivo de Protección Civil da Comunidade Autónoma e no lado dereito a tarxeta de identidade de voluntario, de acordo co disposto na normativa vixente para o efecto. Artigo 15.º . -A AVPC contratará un seguro de accidentes, así como de responsabilidade civil por danos a terceiros, que ampare os seus membros fronte ós riscos a que están sometidos no exercicio das súas funcións. Artigo 16.º . -Polo Servicio Municipal de Protección Civil elaboraranse e formularanse propostas para aprobación das normas de carácter especial ou xeral que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste regulamento, así como para a regulación da actividade da AVPC.
|
|
|
|
|
CAPÍTULO III. FORMACIÓN E PERFECCIONAMENTO
|
|
|
|
Artigo 17.º - A formación dos membros voluntarios, baseada nos coñecementos e habilidades relacionadas coas características propias deste servicio público, ten como finalidade facilita-la incorporación destas persoas en condicións de garantía e eficacia así como contribuír á selección dos aspirantes. Artigo 18.º . -A actividade formativa e de perfeccionamento do persoal voluntario, conforme ó disposto no Decreto 56/2000, de 3 de marzo, articularase da seguinte maneira: 1) O nivel básico corresponde ós coñecementos mínimos que debe posuír un voluntario de protección civil para o correcto desenvolvemento das súas actividades. 2) O segundo nivel ou nivel operativo corresponde ós coñecementos que deben posuí-los compoñentes das distintas seccións ou grupos operativos das AVPC. 3) O terceiro nivel ou nivel de especialidade ten como obxectivo a obtención da titulación oficial en determinadas actividades. Os cursos axustaranse ós oficiais dos organismos que os impartan. 4) Ademais da formación regulada, a AVPC poderá propoñer outros cursos, xornadas e cantas actividades de formación considere oportunas. 5) A actividade formativa complementarase coas seguintes accións: a) Exercicios prácticos con carácter periódico para a mellora permanente da preparación dos compoñentes da agrupación. b) A organización de bibliotecas e fondos de comunicación sobre protección civil e, especialmente, en relación coa organización e funcionamento de agrupacións de colaboradores voluntarios e outras modalidades da participación cidadán nas actividades de protección civil. c) O mantemento de relacións de colaboración mutua con outras administracións públicas ou entidades privadas relacionadas con protección civil. d) A edición, colaboración, promoción de publicacións e a divulgación de recomendacións á poboación, sobre temas de protección civil.
|
|
|
|
|
CAPÍTULO IV. DEREITOS E DEBERES
|
|
|
|
Artigo 19.º .-Son dereitos dos voluntarios de protección civil no exercicio do seu labor de colaboración: a) Recibi-la información, formación, orientación, apoio e, se é o caso, medios materiais necesarios para o exercicio das funcións que se lle asignen. b) Dispoñer dunha acreditación identificativa da súa condición de voluntario de protección civil. c) Emprega-la vestimenta homologada polo organismo competente en materia de protección civil da Xunta de Galicia. d) Realiza-la súa actividade nas debidas condicións de seguridade en función da natureza e características daquela. e) Participar na elección do presidente da AVPC de entre os seus membros e demais cargos que estatutariamente se prevexan. f) Ser tratados sen discriminación, respectando a súa liberdade, dignidade, intimidade e crenzas. g) Non ser asignados á execución de tarefas alleas ós fins e natureza da entidade. Artigo 20.º . Son deberes dos voluntarios no exercicio do seu labor de colaboración: a) Gardar, cando proceda, confidencialidade da información recibida e coñecida durante o desenvolvemento da súa actividade como voluntario de protección civil, mantendo segredo análogo ó profesional. b) Rexeitar calquera tipo de contraprestación económica que puidese recibir dos cidadáns afectados directa ou indirectamente polas actividades desenvolvidas. c) Actuar de forma dilixente e solidaria, cumprindo coas indicacións e normas dictadas polos seus mandos naturais e as autoridades de protección civil. d) Participar nas tarefas formativas previstas pola autoridade competente de protección civil ou pola AVPC, así como nas que con carácter permanente se precisen para mante-la calidade das prestacións. e) Empregar axeitadamente a vestimenta de protección civil cos seus distintivos, así como levar ben visible a súa acre-ditación. f) Coidar e utilizar de xeito adecuado os recursos e medios materiais que poña a súa disposición a AVPC, ou, de se-lo caso, as autoridades de protección civil. g) No suposto de causar baixa na AVPC por calquera circunstancia, entregará a tarxeta de identidade e o uniforme ó responsable da AVPC, así como o material asignado a súa custodia. h) Cumpri-los compromisos acordados coa AVPC, respectando o disposto nos seus estatutos. Artigo 20.º . -As AVPC deberán: a) Respostar a principios democráticos e participativos na composición dos seus órganos e no seu funcionamento. b) Proporcionar ás persoas voluntarias a formación específica e a orientación necesaria para o exercicio das súas actividades. c) Garantir ós voluntarios as debidas condicións de seguridade e saúde no desenvolvemento da súa actividade, así como o establecemento das correspondentes medidas de prevención de riscos. d) Certifica-la actividade das persoas voluntarias con constancia dos seus datos persoais identificativos e a duración e natureza da actividade desenvolvida. e) Informar ás persoas voluntarias sobre os fins e réxime de funcionamento da AVPC. f) Facilita-la participación do voluntariado na elaboración, deseño, execución e avaliación dos programas nos que interveñen.
|
|
|
|
|
CAPÍTULO V. RECOMPENSAS E SANCIÓNS
|
|
|
|
Artigo 21.º . -As conductas dos compoñentes da AVPC serán obxecto de valoración polos procedementos que se establezan nas correspondentes instruccións de desenvolvemento deste regulamento. Distinguiranse como proceda as conductas meritorias e sancionaranse, de conformidade co establecido neste regulamento, as infraccións ó previsto no mesmo. As recompensas e sancións anotaranse no expediente persoal do interesado. Artigo 22.º . -As accións meritorias que impliquen un nivel de dedicación superior ás actividades ordinarias do servicio (ou riscos para a vida ou a integridade dos voluntarios), poderán ser recompensadas co recoñecemento público mediante o correspondente escrito da alcaldía ou a formulación pola mesma de proposta para a concesión das medallas ó mérito, as placas e diplomas de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, ou outras distincións que poidan concede-las distintas Administracións públicas ou o Concello, no seu caso, para premiar actos desta natureza especial. Artigo 23.º . -As infraccións ó disposto neste regulamento sancionaranse previa a tramitación do correspondente expediente, unha vez escoitado o interesado que poderá en todo momento face-las alegacións oportunas. As faltas considéranse leves, graves e moi graves. I. Estimaranse como faltas leves e serán sancionadas con apercibimento ou suspensión de ata un mes, atendendo ás circunstancias que concorran, as seguintes: a) O descoido na conservación e mantemento do equipo e material que tivera ó seu cargo no cumprimento das misións encomendadas. b) A desobediencia ós mandos, cando isto supoña mal trato de palabra e obra e non afecten ó servicio que deba cumprirse. c) As demais infraccións ou omisións, con carácter leve, ó presente regulamento. II. Consideraranse as faltas graves e serán sancionadas coa suspensión dende un a seis meses, atendendo ás circunstancias que concorran, as seguintes: a) Negarse ó cumprimento das misións que lle sexan encomendadas sen causa. b) A utilización, fóra dos actos propios do servicio, do equipo, material e distintivos de Protección Civil. c) O deterioro ou perda por neglixencia, do equipo, material, bens ou documentos do servicio ó seu cargo e custodia. d) As omisións ou infraccións graves ó preceptuado neste regulamento e en particular ó seu artigo 9º . e) A acumulación de tres faltas leves. III. Serán causas de expulsión, como consecuencia de falta moi grave, as seguintes: a) Deixar de cumprir, sen causa xustificada, as esixencias do servicio. b) Observar mala conducta ou ser sancionado reiteradamente por faltas graves. c) Ser condenado por calquera acto delictuoso a excepción das condenas derivadas de accidentes de circulación. d) Utilizar ou exhibir indebidamente o uniforme e/ou as identificacións do servicio. e) A agresión de palabra ou obra a calquera membro da agrupación e a desobediencia que afecte á misión que deba cumprir. f) Negarse a cumpri-las sancións de suspensión que lle foran impostas. g) O incumprimento moi grave do establecido no presente regulamento e en especial o disposto no seu artigo 9º .
|
|
|
|
|
CAPÍTULO VI. RESCISIÓN DO VÍNCULO COA AGRUPACIÓN
|
|
|
|
Artigo 24.º . -A relación de colaboración voluntaria coa agrupación terminarase por: a) Petición do interesado. b) Falecemento. c) Declaración de incapacidade. d) Solicitude de baixa temporal ou definitiva. e) Perda dalgunha das condicións esixidas para poder ser voluntario. f) Quedar incurso en situación de inhabilitación para o exercicio de cargos públicos por sentencia firme. Artigo 25.º . -Considérase baixa temporal na AVPC a suspensión da actividade na mesma como consecuencia de sanción ou a ausencia inferior a tres meses que teña motivos xustificados que sexan comunicados oportunamente. Artigo 26.º . -Serán causas de baixa definitiva na agrupación as seguintes: a) A petición do interesado. b) Incomparecencia do voluntario por tempo superior a tres meses, sen causa xustificada, á actividade ordinaria ou especial que lle corresponda. c) Por incumprimento dos servicios mínimos esixidos. d) Como consecuencia da comisión de falta considerada como moi grave de acordo co recollido no artigo 24.º , III, deste regulamento. Artigo 27.º . -Acordada a baixa seralle notificada ó interesado, garantíndolle o dereito de audiencia, e unha vez sexa feita efectiva, o voluntario procederá á inmediata entrega da documentación de identidade, distintivo, uniforme, equipo e material que lle fora adxudicado pola Agrupación. Artigo 28.º . - En todo caso expedirase, a petición do interesado, un certificado no que consten os servicios prestados na AVPC e a causa pola que se acordou a baixa.
|
|
|
|
|
DISPOSICIÓNS FINAIS
|
|
|
|
1.ª.-Pola Alcaldía, ou concelleiro delegado de protección civil, dictaranse as instruccións e directrices que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste regulamento. 2.ª.-Este regulamento entrará en vigor, unha vez aprobado definitivamente e publicado no Boletin Oficial da Provincia, E transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/85 do 2 de abril.
|
|
|