1. En virtude do artigo 73.1 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, aplicarase unha bonificación do 50 % na cota íntegra do imposto, sempre que así se solicite polos interesados antes do inicio das obras, para os inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria, tanto de obra nova como de rehabilitación equiparable a esta, e non figuren entre os bens do seu inmobilizado. O prazo de aplicación desta bonificación comprenderá dende o período impositivo seguinte a aquel en que se inicien as obras ata o posterior á terminación das mesmas, sempre e cando durante ese período se realicen obras de urbanización ou construción efectiva, e sen que, en ningún caso, poida exceder de tres períodos impositivos. Para aproveitar a citada bonificación, os interesados deberán de cumprir os seguintes requisitos: a) Acreditación da data de inicio das obras de urbanización ou construción de que se trate, a que se fará mediante certificación do Técnico-Director competente delas, visado polo Colexio Profesional. b) Acreditación de que a empresa se dedica á actividade de urbanización, construción e promoción inmobiliaria mediante a presentación dos Estatutos da Sociedade. c) Acreditación de que o inmoble obxecto da bonificación non forma parte do inmobilizado mediante a presentación de certificación do Administrador da Sociedade, ou fotocopia do último balance presentado ante a A.E.A.T., a efectos do Imposto sobre Sociedades. d) A solicitude da bonificación pódese formular dende o momento no que se pode acreditar o inicio das obras. 2. Segundo o disposto no artigo 73.2 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, aplicarase unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto, durante os tres períodos impositivos seguintes ao outorgamento da cualificación definitiva, para as vivendas de protección oficial e as que resulten equiparables a estas conforme a normativa da Comunidade Autónoma de Galicia. Dita bonificación concederase a petición do interesado que poderá efectuarse en calquera momento anterior ao remate dos tres períodos impositivos de duración da mesma e producirá efectos no seu caso dende o período impositivo seguinte a aquel no que se solicite. 3. Segundo o disposto no artigo 73.3 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, terán dereito a unha bonificación do 95 % da cota íntegra e, no seu caso, do recargo do imposto a que se refire o artigo 153 da referida Lei, os bens rústicos das cooperativas agrarias e de explotación comunitaria da terra, nos termos establecidos na Lei 20/1990, do 19 de decembro, sobre Réxime Fiscal das Cooperativas. 4. Segundo o disposto no artigo 74.1 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, establécese unha bonificación do 30% sobre a cota íntegra do imposto aos bens inmobles urbanos emprazados no Parque Natural das Fragas do Eume, total ou parcialmente, entre os que se atopan, os seguintes núcleos: – Na parroquia de Soaserra: Os Lamas, Xabariz e Os Durás. – Na parroquia de Sta. Cruz: O Barqueiro, Valedoso e A Lagoa. 5. En virtude do establecido no artigo 74.2 quáter, gozarán dunha bonificación do 95 por cento da cota íntegra do imposto, aqueles inmobles nos que se desenvolvan total e exclusivamente, actividades agrarias, gandeiras, pesqueiras ou forestais pertencentes ao sector primario, así como actividades económicas do sector naval, e que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego, que xustifiquen tal declaración. Corresponderá ao Pleno da Corporación a declaración de especial interese ou de utilidade municipal, previa solicitude dos suxeitos pasivos, debendo contar co voto favorable da maioría simple dos seus membros. A bonificación terá carácter rogado e surtirá efectos a partir do período impositivo seguinte ao da presentación da solicitude. Para poder gozar desta bonificación os interesados deberán presentar a seguinte documentación: – Declaración responsable do titular da actividade, que pode coincidir ou non co suxeito pasivo, de que está desenvolvendo a actividade agraria, gandeira, forestal, pesqueira ou naval, así como Certificado de Facenda no que conste a súa situación censual. – Declaración de que no inmoble para o que se solicita a bonificación non se está a desenvolver unha actividade económica distinta á agraria, gandeira, forestal, pesqueira ou naval. Dita declaración deberá vir asinada polo suxeito pasivo. – Acreditación da titularidade catastral do inmoble. – Certificado de que o suxeito pasivo non ten débedas coa Facenda estatal, autonómica e local, nin coa Seguridade Social. – Xustificante de recoñecemento da explotación ou licenza da actividade correspondente. 6. En virtude do artigo 74.4 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais aplicaranse bonificacións na cota íntegra do imposto a favor daqueles suxeitos pasivos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa, previa solicitude do interesado e previa acreditación por parte do mesmo desa condición. Así mesmo deberá acreditarse por parte do interesado, que o inmoble sobre o que pretende que se lle aplique a bonificación, constitúe a súa vivenda habitual, e que están empadroados nela todos e cada un dos membros que constitúen a unidade familiar numerosa. Conforme ao establecido na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, e demais normativa concordante, gozarán, na contía e condicións que se regulan neste artigo, dunha bonificación na cota integra do imposto correspondente á vivenda habitual da familia. A tal efecto, entenderase por vivenda habitual a finca urbana de uso residencial destinada exclusivamente a satisfacer a necesidade permanente de vivenda do suxeito pasivo e a súa familia. Presumirase que a vivenda habitual da familia numerosa é aquela na que figura empadroada a familia. No suposto de que o suxeito pasivo beneficiario sexa titular de mais dun inmoble radicado no Concello de Cabanas, a bonificación quedará referida a unha única finca urbana, sempre que, ademais, constitúa a vivenda habitual da unidade familiar, sen que poida gozarse de mais dunha bonificación aínda que foran varias as vivendas das que dispoña o suxeito pasivo ou a súa familia. As bonificacións por esta condición quedan establecidas no seguinte xeito: Categoría familia numerosa | Porcentaxe bonificación para unidades familiares con ingresos de ata 3 veces o SMI | Porcentaxe bonificación para unidade familiar con ingresos de mais de 3 veces o SMI e que non o superen en 5 veces | Xeral (tres ou catro fillos) | 50,00% | 25,00% | Especial (cinco ou mais) | 90,00% | 60,00% |
A bonificación establécese de xeito anual e prorrogable, sempre e cando os bens inmobles sobre os que se pretenda aplicar a bonificación non teñan un valor catastral superior aos 32.000,00 euros. Os suxeitos pasivos que cumprindo cos requisitos establecidos pretendan desfrutar desta bonificación deberán presentar a correspondente solicitude, á que deberán achegar a seguinte documentación: – Copia compulsada do título de familia numerosa expedido polo órgano competente. – Un certificado de empadroamento no que consten todos os residentes do inmoble obxecto de bonificación. – Copia do Imposto da Renda das Persoas Físicas ou, no seu caso, dos ingresos da unidade familiar. Esta bonificación é compatible coa regulada no apartado 13.2 da presente ordenanza. 7. En virtude do establecido no artigo 74.5 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, terán dereito a unha bonificación do 30% na cota íntegra do imposto, os bens inmobles destinados a vivenda habitual dos suxeitos pasivos deste imposto, en calquera dos seguintes supostos: a) Que se instalaron sistemas para o aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía proveniente do sol para autoconsumo. Será necesario, en todo caso, que os sistemas de aproveitamento térmico instalados dispoñan dunha superficie mínima de captación solar útil de 4 m2 por cada 100 m2 de superficie construída e que os sistemas de aproveitamento eléctrico dispoñan dunha potencia instalada mínima de 5 Kw por cada 100 m2 de superficie construída. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación pola Administración competente. Así mesmo, deberá acreditarse que se solicitou e concedido a oportuna licenza municipal. b) Cando logo de pasar os controis administrativos e técnicos pertinentes, o inmoble sexa certificado coa máis alta cualificación da súa eficiencia enerxética. Ningunha das anteriores bonificacións se outorgará cando a instalación destes sistemas de aproveitamento da enerxía solar ou a propia certificación enerxética sexa obrigatoria a tenor da normativa específica na materia. Estas bonificacións terán carácter rogado e producirán efectos, no seu caso, desde o período impositivo seguinte a aquel en que se solicite, sempre que, previamente, reúna as condicións e se acredite ante o Concello o cumprimento dos requisitos esixidos para o seu outorgamento. O outorgamento da bonificación por instalación de sistemas de aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía solar estará condicionado a que o cumprimento dos anteriores requisitos quede acreditado mediante a achega do proxecto técnico ou memoria técnica, do certificado de montaxe, no seu caso, e do certificado de instalación debidamente dilixenciados polo organismo autorizado pola Comunidade Autónoma. Así mesmo, deberá acreditarse que se solicitou e concedido a oportuna licenza municipal, aportando a seguinte documentación: – A licenza de obras, comunicación previa ou declaración responsable da obra e instalación dos sistemas de produción de enerxía renovable, segundo precísese para cada caso. – A carta de pago da taxa pola licenza de obras que se tramitou. – O certificado final das obras. – A carta de pago polo imposto sobre construcións, instalacións e obras. – Especificacións técnicas dos sistemas instalados. No caso de edificios con certificación enerxética será necesario aportar o Certificado de eficiencia enerxética validado por unha Entidade de Control da Edificación debidamente rexistrado, de acordo coa Orde de 3 de setembro de 2009 pola que se desenvolve o procedemento, a organización e o funcionamento do Rexistro de Certificados de eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma e disposicións complementarias. As bonificacións ás que fan referencia os apartados anteriores deste artigo terán carácter rogado, e será necesaria a acreditación do suxeito pasivo de estar incurso nalgún ou en varios dos supostos establecidos para cada unha delas, presentando a documentación demostrativa dos mesmos. Con carácter xeral, o efecto da concesión das bonificacións comezará a partir do exercicio seguinte á data da solicitude e non terán carácter retroactivo. No caso de concorrer simultaneamente mais dun suposto dos referidos nos parágrafos anteriores, aplicarase a bonificación que resulte máis vantaxosa para o suxeito pasivo. Os obrigados tributarios deberán comunicar no Concello de Cabanas calquera modificación relevante das condicións ou requisitos esixibles para a aplicación do beneficio fiscal. O órgano competente poderá declarar, previa audiencia do obrigado tributario por un prazo de 10 días, contados a partir da notificación de apertura de dito prazo, se procedo ou non a continuación da aplicación do beneficio fiscal. De igual xeito se procederá cando a Administración coñeza por calquera medio a modificación das condicións ou os requisitos para a aplicación do beneficio fiscal. Para ser beneficiario das bonificacións previstas nos números anteriores o contribuínte debe estar ao corrente nas débedas co Concello de Cabanas.
|