CONVERSA de LIBRO

Manuel P. Rúa
Texto e fotos

Antón Vaamonde escribiu Aire para respirar (edicións Xerais de Galicia), un ensaio fermentado coa memoria do seu autor, unhas memorias cheas de ensaio, mestura de pensamento e existencia entre a súa Vilalba natal e A Coruña, Fene ou Santiago, outros escenarios do seu andar, de lecturas, de acción política ou cultural.

Se fixeramos un percorrido polo léxico deste autor na entrevista, anotaríamos conceptos como cambio social, liberalismo, nacionalismo, intersticios, socialización na conivencia ou elites, o que nos situaría aparentemente ante un denso traballo filosófico. Pero, sen renunciar ó rigor, o libro flúe entre os debates dos últimos trinta anos da historia de Galicia e a ollada sociocultural do libre pensamento, cun estilo ameno, sen renunciar á polémica ou a autocrítica.

Conversamos en Santiago sobre este libro: Escribino moi conscientemente, intentando contar nunha clave antiépica, nunha clave que dicía moito Pla: galinácea, de ver o que hai a ras de chan, sen poñerse magnífico. Pla, Sagarra ou Castilla del Pino, nas súas memorias, usan esta idea de dar conta dun país con certa solvencia, sen refuxiarse en mundos máis ou menos fantásticos. A ruptura, por tanto, dunha reinterpretación errada da historia do país, e tamén a necesidade de romper cun certo imaxinario literario, por certo de ultraesquerda, pero de feito conservador tamén.

Nunha Galicia que incuestionablemente, se modernizou nos últimos 25-30 anos, con niveis de renda, de cultura, de democratización, esta transformación se produciu sen cambio, mandando sempre os mesmos. Seguen mandando. Esto non é un problema meramente político, de siglas, senón de sectores sociais. Ten que ver coa conformación das clases sociais en Coruña, en Vigo ou en Santiago, en Galicia, co poder financeiro, co poder empresarial.

A idea estendida que prima sobre Galicia é unha idea moi etnográfica, moi antropolóxica e o nacionalismo aquí tende a ser moi século XIX, totalmente sobrepasado. E co nacionalismo, todo o seu campo semántico, e eso, por tanto, inclúe ós que non son nacionalistas pero que en gran medida, por ósmose, adoptan o seu discurso. Sería necesario unha visión de Galicia máis empírica. Dende o punto de vista da socioloxía, real, de que clases sociais hai, cales están aparecendo no escenario, das mutacións territoriais, de como se exerce o poder en Galicia, non no sentido xenérico, abstracto, senón dos mecanismos concretos e claramente diferenciables.

A idea de fondo, tal como eu o vexo, sería que aparecesen novos sectores sociais que reclamasen, digamos, as súas propias formas de poder e sobre todo, que se producise unha modificación neste sentido liberal en Galicia, tal que se puidera desatar deste control endémico...

Precisa que cando fala dunha Galicia liberal quere dicir unha Galicia que, non retoricamente, fora dinámica, emprendedora, con certa capacidade de risco, todo isto que se di e que despois nunca se toma en serio, nunca é verdade. Un goberno que fixese unha Galicia liberal, sería aquel que crease intersticios, que soltase rendas, que confiase na sociedade civil, no debate, na opinión, que resituase o papel da prensa no sentido de non ser tan adocenada, etc. Moito se ten debatido en Galicia precisamente sobre os medios de comunicación. Antón Vaamonde foi un dos promotores dun novo xornal, unha experiencia na liña desa Galicia dinámica e emprendedora, pero tamén paradoxal: A apelación era á Galicia que intenta moverse. A primeira vez que nos acercamos a Madrid, a falar coa xente de PRISA, foi un 17 de maio e había en Santiago unha manifestación por uns medios de comunicación en galego, había 5.000 persoas. Unha vez que intentas concretar eso e facer un proxecto de edición, un plan de negocio..., cando pasas da retórica ó intento práctico, e eso inclúe, por suposto, a captación de fondos, pois resulta que esta actitude xenérica se disolve no aire. Nese sentido si que creo que hai unha responsabilidade de todos aqueles que din estar a favor doutra cousa.

No texto di que a menor forza efectiva, maior representación simbólica, cando se lle pregunta se o abortado xornal será dos indicadores desta situación, responde que as fantasías da omnipotencia non son positivas. A madurez consiste en aprender que un é limitado. Un ten que decidir en que ocupa os seus anos de vida e en que non. Cando un se converte nun pequeno deus, en alguén que non se ocupa de nada en particular, e pretende, digamos, transformalo todo sen facer nada concretamente, este mecanismo está destinado, non ó fracaso, senón que a súa lóxica é unha lóxica de autosatisfacción.

Sobre o victimismo, herdado e repetido: O imaxinario do país se constrúe en gran medida en base a unha reinterpretación da súa historia por un lado e por outro lado en base ó imaxinario literario. Eu no libro dou unha versión da historia do país menos compracente, este argumento de que no exército de Franco houbo moitos galegos e non necesariamente a través de levas.

Cunqueiro, que é un gran autor, creou unha sucesión de epígonos, digamos, que fai que a literatura do país estea infiltrada, por dicilo así, por esta tradición de realismo fantástico, que contribúe a unha estetización e a unha estilización do país que sen embargo refuga a descrición do país. Hai unha frase de Pla: a diferencia entre unha persoa intelixente e unha que non o é, é saber apreciar a diferencia non entre o que é e o que debería de ser senón entre o que é e o que non é. Esto é un pouco igual, hai un certo imaxinario que se constrúe a base de retóricas épicas pero cuxo sentido obxectivo, na miña opinión, é basicamente renunciar a unha mirada sobre o país, a unha mirada lúcida, intelixente, que non sexa feble. Hai unha canción de Lluis Llach: todo aquelo que é feble quere ignorar o mal. Non podemos ser febles, temos que entender e entender que haberá tantísimas cousas que nos desgustan de todo esto.

Antón Vaamonde interpreta as grandes manifestacións que se deron no seu día en Galicia con motivo da reivindicación da autonomía pola vía do artigo 151 como un efecto mimético da situación catalana e vasca. ¿Que foron as grandes manifestacións deste inverno pasado con motivo da marea negra?, ¿Que significa Nunca Máis?:

Nunca Máis non podía ser, nin foi, o bálsamo de Fierabrás. Non foi, non podía ser aquelo que solventase todo o habido e por haber en Galicia. Punto a. Punto b: o movemento de Nunca Máis é un movemento de tema único, ó que se lle pode pedir o que se lle pode pedir. Na miña opinión tería preferido que se resolvese doutro modo, é dicir, eso ten que ver co tránsito dos barcos. No documento inicial de Nunca Máis, o da manifestación de decembro, creo que estaba moi ben no sentido de pedir aquela sede da axencia de seguridade marítima, algo máis concreto e permanente que se ocupase dese asunto.

¿Nunca Máis síntoma dun cambio social? En certo modo si. Tal vez pola alegría. As manifestacións non foron, como outras veces, manifestacións tristes. E o feito de que o potenciasen artistas e actores e non os partidos da oposición, aínda que dalgún modo aí están. Pero esto non tería existido sen o concurso destas persoas, xeralmente persoas sen partido, que arriscan e que a curto prazo poden pagalo.

Na Galicia democrática e autonómica , a diferencia da Galicia de 1960 con gran nivel de analfabetismo e cunha estructura social maioritariamente agraria, realmente os grandes cambios se están fraguando agora, ante os nosos ollos, incluso a burguesía galega, probablemente está nacendo agora, os Adolfo Domínguez, os Roberto Verino, por suposto Zara, Froiz, os Rodman, os graniteiros..., todo esto está empezando a nacer, e tal vez un sector con certo grao de relación mutua, de autoconciencia..., como clase creo que tal vez está empezando a fraguar..., e moitas outras cousas tamén. Non había unha clase política local, agora hai autonomía, hai parlamento, hai lexislativo, executivo, xudicial, a función dalgunha forma crea órgano e, claro, Galicia é o que é, non hai a tradición catalana ou vasca de empresarios, de profesionais, de executivos, de empresas familiares...

Na universidade, alén do debate do localismo, acredita que en Galicia hai mellor formación, pero tamén vexo constantemente persoas de gran formación e cualificación, ó final, dos 40 anos para adiante, sempre acaban constituíndose en fantasmas tristes, porque digamos que o país os vence e dobrega as súas vontades.

Un país non pode permitirse esta fuga moderna de cerebros que se está producindo, que é triste. Os méritos non son puramente de formación teórica, hai que incluír os méritos humanos, refírome á coraxe de pelexar polo que cres.

No libro fala dos encamados, un personaxe con gran arraigo na cultura familiar tradicional. Falamos sobre novas e vellas estructuras familiares en Galicia. A característica aquí é a dun Estado de benestar pouco desenvolvido, que fai que os nenos e os maiores teñan que ser sostidos polas familias, co que eso normalmente significa para as mulleres, ese déficit histórico de España. Galicia, como todas as do sur de Europa, son sociedades dunha cultura familiar moi intensa, por contraposición ó norte de Europa. A familia, as relacións familiares, seguen a ser a forma fundamental de acceso ó traballo.

Pasando á relación entre familia e ensino en Galicia, a maior parte do ensino privado é relixioso e as elites reais se forman neses colexios: xesuítas, Opus Dei, etc., ese é outro debate oculto que hai non só en Galicia senón en España e creo que o peso da igrexa católica vía sistema educativo é moi importante e que, de feito, a ruptura non existe. O argumento socialmente difundido é que xa non somos católicos como hai 30 anos, no sentido da frase aquela de Azaña de que ‘España ha dejado de ser católica’. Na miña opinión, non é o caso, porque de feito a maior parte da xente casa pola igrexa católica e está sancionando con eso un rito que é o que lle confire validez ó lazo.

A muller como signo dun cambio social na cultura occidental. Antón Vaamonde conta a súa antiga militancia nunha organización feminista. Os homes que estabamos alí eramos máis feministas cás mulleres, que en xeral estaban porque era o que tocaba, dende o punto de vista político, pero que realmente non era o seu. Con todo, o feminismo era o negocio das mulleres, por así dicir, no sentido de que un varón está interesado, loxicamente, en tratar con mulleres independentes, polo menos se é o tipo de varón apropiado. Quero dicir que as cousas que teñen que ver con un sexo, son importantes para os dous, porque non vivimos en células separadas, igual que os fillos dos demais me importan a min porque me poden prexudicar ou beneficiar. A educación dos nenos non só é cousa dos seus pais como di o discurso conservador, pois isto igual.

O debate cultural en Galicia parece estar entre os modernos contedores ou equipamentos culturais e a fidelidade á ‘tradición’: fenómeno celta, música tradicional...

En Galicia hoxe hai un número razoable de contedores, o malo é que hai moi poucos contidos. O problema grave é que as autoridades municipais ou autonómicas están dispostas a pagar un auditorio pero menos dispostas, digamos, a pensar o uso e a programación e como eso pode incidir nas formas de vida dos lugares dun xeito que non sexa ‘ imos darlle ilusión a este público que nos vota cada catro anos’.

Eu non critico a cidade da cultura. A idea de que estamos nunha sociedade onde é importante que Santiago opere como succionador, digamos, de turistas e que tes que dar, ademais da catedral e o apóstolo, outra cousa moderna, signifique esto o que signifique, é a idea do Guggenheim, e de tantos outros lugares no mundo, me parece inobxectable. O que é obxectable é como se fai, con que criterios, con que probable inutilidade futura, pero non porque o argumento de fondo estea mal, non porque se invista moito diñeiro. O problema non é canto invistes senón canto recuperas despois, ese investimento que resultado dá. Entón, o que sería necesario é que eso fose eficiente e efectivo no futuro, e quen di eso, a rede de museos, de auditorios, etc.

E sobre o peso do ‘tradicional’ é un problema da insuficiente modernización de Galicia. A xente ten unha idea moi extravagante do que é a chamada música celta. Basicamente é música irlandesa, non é galega, vaia.

En Galicia, a cultura popular desapareceu, non houbo continuidade. No caso do flamenco, non é así, hai unha certa continuidade. O novo flamenco pode ser moi distinto do flamenco de hai 150 anos, pero no caso da copla, e do toreo, en Andalucía hai unha certa cultura popular que se mantivo viva dun modo non artificial, pero no caso de Galicia é unha sociedade moi rota, non houbo esta continuidade. Efectivamente nalgúns casos se recuperaron -o traballo de Milladoiro foi meritorio nese sentido- pero no fundamental, a Sección Femenina recolleu eso do modo perverso en que o fixo e a tradición popular, puramente popular, a que pasa de pais a fillos e que fai que as músicas perduren mutándose, eso en Galicia rompeu, e o que estamos é inventando ou reinventando unha tradición ou o que se queira.

Aire para respirar pode ser unha compaña aconsellable para a entrada neste novo outono, farto e dourado, como dicía aquel fidalgo representante do Ourense de comezos do século vinte. Case un cento de anos despois, Galicia traballa para coller a senda dun país normal á altura dun tempo cheo de grandes transformacións, da sementeira á colleita.