DA REGUEIFA ó ESTILO LIBRE:

novas tendencias musicais galegas que chegan "caghando duro"

Sofía Tarela
Membro de “As Garotas”

Para quen nunca presenciou un concerto do grupo As Garotas, o escatolóxico título deste artigo pode semellar ordinario de máis. Caghando duro é un verso que se repite nun dos seus temas, Devorando o mundo1 e quere dicir "con esforzo". Cómpre explicalo porque para nós define a postura dun colectivo de intérpretes, os de canción improvisada, os repentistas, tan admirados como marxinados ó longo do historia; creadores dun xénero que, malia funcionar con éxito entre o público ten sido, de sempre, máis descoidado ca outros polos estudiosos debido precisamente -e é a característica que para nós contén máis encanto- ó seu diferenciado carácter efémero.

A canción improvisada en Galicia tivo unha gran difusión a partir do século XVIII, pero foi no XIX e XX cando o canto da regueifa, desvinculado do rito nupcial, se fixo "público" e conquistou as tabernas e os adros das festas, converténdose nun espectáculo moi demandado –e admirado. Este canto tradicional, en vías de extinción a día de hoxe, evolucionou para adaptarse ás novas xeracións de repentistas que crean en Galicia na actualidade.

Pinto de Herbón lanzouse a través de Sitio Distinto co tema Nitramón, 15, 15, 15, que foi rapidamente convertido en semente do que se deu en chamar agro-rap galego. Pinto é autor doutros temas tamén populares como Paviméntame; ou A motoserra editados en diferentes cd’s compilatorios, anque se define a si mesmo como regueifeiro, traballa basicamente co desafío, acompañado dende o ano 1997 por Luís Caruncho.

Nos últimos anos, en Galicia formáronse outras bandas de rap que xa dominan e crean axudados polas novas tecnoloxías -cada vez máis accesibles a un maior número de usuarios afeccionados- e novos instrumentos de creación musical; a través de programas informáticos, equipos de última xeración, e, sobre todo, unha arte moi traballada. Varios dj’s destas bandas formáronse viaxando ó estranxeiro, Inglaterra, por exemplo, e traballando con músicos doutros países.

Tal é o caso de Non-Residentz, As Garotas, Marisol Manfurada, ou Jarbanzo Negro. Tamén 5Talegos, Ghamberros, e Safari Orquestra. Dos traballos deles todos imos comentar brevemente, centrándonos nas Garotas, por seren de a quen mellor me podo referir por cuestións de achegamento.

Non-Residentz é unha formación de músicos procedentes do nordeste de Brasil, o sur de Inglaterra e a capital galega, cidade onde se xuntaron no ano 2000. Algúns deles procedían doutra banda de rap, anterior, chamada Fundación Crú, e xa disolvida. Pinchan música en directo, rapean e improvisan. As súas letras tocan temas universais: a preocupación pola indefensa do home fronte ó avance da tecnoloxía en mans dos poderosos (Ultrabiónicos); a lexitimidade no odio (Mr. Mundo); a loita de clases (Animal Social), os propios sentimentos (Simón), etc. Caracterízaos un grande sentido do humor e de ironía no seu achegamento ós temas dos que falan (Kevin Costner), que os fai conectar cun público ó que lle agrada esa frescura adolescente con tanto potencial.

Safari Orquestra son Emilio López, Xermán Viluba -ámbolos dous ex-Scornabois- e Arturo Vaquero -coñecido como Humanoid, respectado músico e creador que leva anos traballando coa música electrónica-. Trátase dunha formación recente -a penas un ano-, malia seren os seus compoñentes músicos que levan anos no oficio; cun traballo en preparación non comercializado aínda, pero moi interesante ó noso parecer. As súas letras tratan, sobre un gran fondo lírico, contidos que se refiren á realidade social galega actual, e á súa propia realidade, a través de recursos técnicos e formais moi buscados e traballados. Así, samplean tanto a unha Leilía como a Ella Fitzgerald, unha conversa no mercado de Lugo, ou o diálogo dunha película de cine.

Marisol Manfurada é A forza da palabra, o show que percorreu Galicia levando música, poesía e corazón aló onde Marisol actuaba. É a letrista e a intérprete, máis ca de música, de performances nos que a música é o medio pero a voz, e a palabra, son o realmente exhibido. Natural de San Andrés de Teixido e criada en Londres, regresou a Galicia chea de mundo na actualidade reside e crea na Coruña. Sobre bases de bandas músicos que lle prestan e poden ser Negresses Vertes ou Massive Attack, ou ben outros dj’s galegos cos que colabora -anque ela tamén comeza a crear axudada por programas informáticos-; interpreta temas escritos por ela mesma, cunha forza nas súas palabras que cativan e convencen. Marisol fala da súa condición de muller, da súa condición de animal social dentro da estructura política na que vive; fala tamén dos sentimentos que a marcaron, e das experiencias que a puliron -o devastador efecto das drogas na súa xeración, por exemplo-. A diferencia das bandas, Marisol é unha solista que, ademais, ten grande mérito, é a súa mesma música e productora, o cal se reflicte nun persoalísimo traballo, onde se entrega total e sinceramente e que o espectador acolle con grande complicidade.

Dende Ordes, varios grupos editaron no ano 2001 o disco Mixtura, financiado por eles mesmos, e que reúne traballos de formacións de moi variadas características -rock, reggae, rap...-. Entre eles están os 5Talegos, unha banda moi popular e exitosa que fai rap dende hai anos e que camiña lento pero seguro -algúns dos seus membros tamén fan outras cousas na música por separado, como o dj, que estivo perfeccionándose e traballando en Londres-. Claramente reivindicativos, moi críticos co sistema, co goberno actual, co sistema, posúen un forte carisma e teñen e son un grupo moi popular e con numerosos seguidores malia as súas pouco frecuentes actuacións en vivo.

Os Ghamberros (García e Jamaica), vinculados ós 5Talegos por parentesco e proximidade, xa que tamén son de Ordes, seguen a súa liña.

E por último, As Garotas. É unha formación de seis mulleres que naceu no ano 2000 en Barcelona, cidade onde residimos as dúas galegas Paola Beiro e eu mesma, Sofía Tarela; a catalana Marta Pérez, a venezolana Tupa Rangel e as arxentinas Claudia Alemany e Malena Vázquez -de pai ourensán-. Cantamos sobre bases creadas por músicos de moi variada procedencia, latina, africana, nórdica e galega... sampleamos gaitas e ritmos caribeños mesturados con bases electrónicas; sobre os que interpretamos as cancións que nós mesmas escribimos, anque tamén facemos versións de temas de Meendiho, Martín Codax, Fausto ou Chavela Vargas. As nosas letras poden conectar -e cremos que así o fan- con todo tipo de público e de idades moi diferentes; supoñemos que porque estas son sinceras e moi íntimas; porque tratámo-los temas máis duros cunha retranca que os fai máis accesibles; e porque somos valentes e, sen a penas formación nin medios, botámonos enriba do espectador entrándolle cos nosos problemas, contándolle as nosas historias, falándolle de quén somos e cómo nos sentimos, ás veces dun xeito agresivo e obsceno, moi directo pero que non molesta, senón que cativa, ou iso intenta.

Hai unha actitude sexual moi clara de iniciativa da muller, que reivindica unha posición de poder perdida; e gustamos falar de cousas íntimas porque son, no fondo, experiencia dunha colectividade e facilmente entendible. E porque nos gusta darnos como somos, malia actuar, malia facer un xogo teatral enriba do escenario; e resultar provocadoras, atractivas, moi pícaras, excesivas ás veces tamén.

Rexeitamos do rap "tradicional" o abuso dos tacos e a facilidade con que se cagan en todo, porque nos semella fácil e derrotista e rexeitamos ademais a imitación cuspida do que xa fixeron outros. Nós loitamos por unha vocación de gozar que aceptamos, e que implica o goce a través de tódolos sentidos, da imaxinación tamén. Na nosa alegría interveñen cousas verdadeiras e achegadas: o chiquito, a boa comida, a conversa saborosa... os homes que nos provocan... as mulleres que nos seducen...

Así, as historias que contamos son o eixo do espectáculo, o motor. Cada palabra, cada frase, está escollida e manipulada ó servicio do que queremos que exprese. As palabras clave por exemplo son mar, homes, alcohol, traballo, terra, casa, amor... Tamén existe unha poetización teatral da voz, que outorga á performance unha calidade propia da voz. Na súa función primeira, anterior incluso ás influencias da escrita, a voz non describe, actúa, abandonando ó xesto o cometido de representa-las circunstancias.

A imaxe tamén ten grande importancia no noso traballo, na escenografía da performance, polo que nela introducimos elementos externos como proxeccións e decorados, queimadas coas que se convida ó público asistente, etc., que forman un todo coa letra e coa banda. O colectivo, plural, está composto basicamente por membros procedentes do teatro, do mundo das letras e da imaxe. Todo mesturado, xunto cunha actitude vital, política e humana moi concreta, na que cremos e pola que loitamos a nivel individual e en equipo. Traballamos no día a día e co que está máis preto de nós, o que máis nos conmove, o que nos fai rir e gozar... Garotas é un proxecto aberto, que está medrando con nós, e do que están saíndo iniciativas a nivel creativo moi interesantes, proximamente vía internet, e que agardamos teñan oportunidade de coñecer.

Quero rematar este repaso mencionando ós Jarbanzo Negro, unha formación xermano-coruñesa que mestura todo tipo de músicas, ritmos e linguas e que fan un espectáculo incrible, renovador dos concertos clásicos de música rock. Eles achéganse moito ó rap nos seus últimos traballos e o seu cantante, Nacho, é un gran improvisador que non perde oportunidade de rimar no escenario, desafiar a outros compoñentes e mesmo ó público.

No tocante ó circuíto artístico destes intérpretes, comentar a marxinalidade á que están sometidos, apoiados minoritariamente por comisións de festas ou concellos; e destacar a pouca ou escasa dedicación por parte dos medios -radio, televisión, prensa, internet- nos que é case imposible atopa-la súa presencia ou ben información de ningún tipo sobre ningún deles. E sorprende porque estes artistas do efémero, cronistas líricos da súa sociedade, son no fondo terriblemente admirados e respectados polas súas calidades artísticas, comunicativas e de creación. Son quen de dotar dunha estructura coherente a un discurso improvisado en moi pouco tempo, e isto é un valor en alza, segundo a nosa opinión, na sociedade actual na que nos desenvolvemos. Unha sociedade onde a expresión oral, antigamente considerada "pouco preparada", inferior á escrita, estalle a comer terreo a esta, xa que, por exemplo, as estratexias retóricas das mensaxes curtas nos teléfonos móbiles ou mesmo os correos electrónicos se achegan moito máis ó rexistro oral có escrito. Nestas novas formas de comunicación trátase de conseguir un efecto, informativo, emotivo, sobre unha estructura o máis sinxela posible, e para isto precísanse unhas particularidades non moi comúns e na nosa opinión moi demandadas nun futuro non moi afastado, polo que cremos merecen máis consideración da que posúen na actualidade.

Agardamos novos tempos para o repentismo, para a regueifa, para o rap, para o estilo libre, domadores da palabra fugaz, fuxidía. Espacios para estes creadores preciosistas, rebeldes, comprometidos, estimulantes, que non se adaptan ás estructuras que o poder programa para eles, que se atreven a falar do que lles pasa a eles e do que pasa no mundo, que son capaces de facer rimas pouco obvias, sinxelas pero capaces de lograr un alto grao de eficacia emocionando e creando controversia. Reclamo para eles, para nós, atención, espacio e recoñecemento.

  1. Eu son / dunha terra de mulleres / que cargan coas bestas / e sementan / berberechos na ribeira / e patacas na leira / levan nos ollos / un sol que non queima / e na boca / un limón maduro / velaí as tes, caghando duro / masando sen erghe-lo puño, / atando e desfasendo nudos.