A conservación do patrimonio industrial
A conservación do patrimonio industrial
A conservación do patrimonio industrial

Emscher Park

A conservación do patrimonio industrial
A conservación do patrimonio industrial
A conservación do patrimonio industrial

Poboado de Fontao

A conservación do patrimonio industrial
A conservación do patrimonio industrial

Lingotto

A conservación do patrimonio industrial
A conservación do patrimonio industrial

A CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO INDUSTRIAL

Celestino García Braña Arquitecto

Vivimos nunha época que reivindica para si a necesidade de conservar determinados vestixios materiais do pasado pero sabemos que non todos os tempos tiveron ese mesmo afán “conservador”. O respecto reverencial cara á ruína ou cara ao obxecto inservible que perdido o seu primitivo uso se converte en peza de museo, é un fenómeno novo, ou cando menos nova é a intensidade que adquiriu.

Seguramente moitas razóns converxen na orixe desa actitude. Eu coido que unha das máis determinantes é a procura dunha identidade perdida que nos fai rastrexar no pasado algo do que fomos, sabendo que xa non o somos nin o volveremos ser, pero que contribúe a crear vínculos que, dalgún xeito, nos impiden caer na total incerteza cara ao futuro que abre terribles incógnitas, dadas as capacidades que a humanidade alcanzou de autodestrución, por unha banda, e de posibilidade de “creación” da vida, por outra. Terribles poderes que colocan ao home ao bordo do demiúrxico e tamén do abismo que aos seus pés pode abrirse, se a humanidade perdese o indispensable autocontrol, e ben sabemos que a “humanidade” é heteroxénea e voluble...

Se toda idea de conservación, de “patrimonializar e memorizar” está tecida de múltiples contradicións superpostas, cando nos referimos ao “patrimonio industrial” aquelas afloran con intensidade inusitada. Mentres que a meirande parte dos obxectos que hoxe se gardan nos museos, por non dicir a súa case totalidade, xa foron apreciados cando tiñan “vida propia”, aínda que moitas veces por motivos ben diferentes da estrita utilidade inmediata para a que foron fabricados, non sempre foi así coa industria e os seus obxectos derivados. Incluso máis ben ao contrario, xa que moitas veces, na súa orixe están a aversión e o rexeitamento. Razóns? En boa medida isto é debido a que, se ben toda actividade humana que deixa a súa pegada construtora sobre o territorio, previamente foi destrutora, sabemos que construír implica destruír, e as grandes industrias foron, en moi alto grao, grandísimas devastadoras de preexistencias. En efecto, os grandes artefactos construídos pola industria, aqueles que constitúen paisaxes enteiras, mineiras ou industriais, que hoxe valoramos como “patrimonios” en risco, foron antes destrutores de idílicas paisaxes e culturas campesiñas. Armando Palacio Valdés reflicte na súa “Aldea perdida” o drama que a industrialización mineira produce nos verdes vales agrícolas asturianos. Tamén os poetas románticos ingleses recoñecen pronto o “dano” da incipiente, daquela, industrialización.

A forza destrutora da industria está fóra de toda dúbida, difícil é encontrar na historia parámetros máis veloces de transformación de amplos territorios que os derivados da técnica. As grandes industrias, “caeron como proxectís” sobre os lugares, coa única lóxica da eficacia produtiva e a inmediata rendibilidade dos recursos. Así o expresa, contundente e lapidariamente, E. Jünger: “A marcha triunfal da técnica deixa tras de si un ancho ronsel de símbolos destruídos”.

Porén, avellentados e caducos, hoxe facémoslles depositarios de motivos de melancolía, de sentimento de abandono e xorde en nós a nostalxia dos “paraísos perdidos”. Aquí subxace unha condición da nosa actualidade sempre comprensiva e xustificadora cara ao pasado, dubitativa e temerosa cara ao futuro. Xa Baudelaire, inventor da modernidade, deixou constancia desta nostalxia melancólica:

“O vello Paria desapareceu (máis a présa cambia,

ai, a forma da cidade cá un corazón humano)”.

Estas circunstancias, derivadas da súa intrínseca natureza, das súas grandes dimensións, inciden gravemente no noso presente, presentando problemas de conservación moi diferentes aos que podemos encontrar noutros “patrimonios” museables.

Se pensamos na minería, a siderurxia ou as grandes instalacións de transformados, non nos serve, para enterdernos, falar á escala do obxecto senón á da paisaxe. Polo tanto, aquí, a idea do museo tradicional é inservible, o obxecto que hai que musealizar convértese, pola contra, nun grande contedor. Debe perder a condición pasiva do obxecto arquivado, por así dicilo, para transformarse, á súa vez, en suxeito activo. Dito doutro modo: non cabe falar de simple conservación senón que ineludiblemente se fai necesario introducir o concepto de reutilización. Os grandes vestixios industriais, para permanecer, para, dalgún xeito, seguir sendo no noso panorama cotiá, deben incorporarse de novo á vida, á produción. Naturalmente unha produción moi diferente á que en orixe os trouxo á vida, pero produción a fin de contas, baixo a forma, agora, de parques, de instalacións lúdicas ou culturais.

Exemplos, importantes e xa numerosos, deste modo de actuar, atopámolos no proxecto do IBA Emscher Park (Duisburg, Alemaña), no que arte, paisaxe e cultura atópanse nunha formidable totalidade, na que a literalidade da ruína industrial, recobra nova vida como obxecto de contemplación e a súa caducada materialidade, pola forza da nova mirada, incorpórase con naturalidade ao territorio do artístico, dando lugar, non a un museo ao uso, senón a unha entidade diferente na que a reutilización é o novo concepto clave; tamén na conversión nun grande parque das antigas instalacións da Citröen en París; ou a reconvertida base de submarinos construída pola organización Todt en Lorient (1941), onde se reparaban os submarinos alemáns, son algúns dos, afortunadamente, tantos exemplos que poderían explicitarse sen chegar a esta condición de “paisaxe”, literalmente entendido, pero si como grande artefacto de descomunais dimensións, a “moderna” e xa caducada fábrica de automóbiles en Lingotto da Fíat, da man do arquitecto italiano Renzo Piano, amosa ata que punto un enfoque intelixente e sensible pode dotar de nova vitalidade estes restos de grandes monstros da industria, nos que a memoria late ao unísono dunha nova vida.

En territorio galego a total recuperación como paisaxe “restaurada” dos vertedoiros das minas de lignito que Endesa ten en Pontes de García Rodríguez, está case listo para as máis diferentes actividades lúdicas e é outro bo exemplo desta nova dimensión do industrial convenientemente reutilizado...

Tamén en Galicia, antigos complexos industriais esperan pacientemente, desexemos que non inutilmente, iniciativas para unhas novas perspectivas vitais. Falo dos vellos alpendres da Cros na Coruña, de tantas industrias conserveiras nas rías baixas, Massó por exemplo, dalgúns estaleiros navais en Ferrol, da esperada e necesaria oportunidade para a Panificadora de Vigo ou dos alpendres mineiros de Fontao onde, por certo, xa se rehabilitaron as case cen vivendas do poboado mineiro que alí se construíu, nos primeiros anos cincuenta do pasado século, para aloxar os traballadores daquelas minas de wólfram e que é un conxunto de magníficas pezas arquitectónicas do movemento moderno. Son só algúns dos varios exemplos que poderían citarse.

Certamente, para acometer estas actuacións faise preciso entender previamente algunhas cuestións. En primeiro lugar, que as circunstancias dramáticas que acompañaron o desmantelamento industrial deben ser un acicate cara á súa reutilización. É preciso que os sentimentos de abandono e moitas veces de frustración que estes acontecementos supoñen, non queden niso, máis ben ao contrario, tan dramática circunstancia debe superarse, de modo que a memoria colectiva que adquire o que foi, atope cumprido complemento na adecuada reutilización.

Debe entenderse tamén que a dimensión destas operacións esixe a posta en funcionamento de complexos equipos pluridisciplinares, nos que xunto a arquitectos e urbanistas, traballen, políticos, sociólogos, economistas..., dadas as graves interrelacións que nestes problemas converxen. A reutilización destes complexos industriais adquirirá así un importante valor cívico.

No terreo do especificamente arquitectónico debe entenderse, desde o primeiro momento, que a natureza dos materiais con que se opera esixe unha posta ao día de novas técnicas construtivas. A rehabilitación de materiais como o aceiro ou o formigón ou o vidro, materiais cos que se construíron estes complexos industriais do século XX, requiren de novas capacidades e coñecementos, en boa medida aínda sen actualizar. E unha cuestión máis: o seu tamaño e a súa contraditoria, en certo modo, condición de símbolos da modernidade e de ruína alcanzada, introduce cuestións estéticas moi relacionadas coa idea do sublime, que esixe sensibles e matizadas respostas.

Finalmente, debe superarse toda tentación de reducir o problema a unha simple cuestión económica. Puntualizo: a maior parte das veces a localización deste patrimonio faino moi “querido” para puras operacións especulativas. Non pode pasarse por alto unha circunstancia clave: estes alboios industriais xurdiron na periferia das cidades, periferia que, só polo efecto do crecemento, se transformou en moitos casos en centralidade, co que o valor dos terreos adquire contías considerables, suscitando “ansias” tamén considerables.

Entender estas operacións non como desgrazas sobrevidas nin como ocasión para o simple negocio urbanístico, significa entendelas como novas ocasións que se lles presentan ás cidades ou aos territorios para que, da súa adecuada transformación, derive outra realidade na que, memoria e nova vitalidade, unidas, superen o desconcerto producido pola perda dunha caducada actividade e sexan fonte de identificación colectiva, de mellora cualitativa da cidade que as ampara e de conservación da memoria de pasadas laboriosidades da humanidade.