O PATRIMONIO MARÍTIMO: un recurso a desenvolver

Dorna xeiteira recuperada en Vilanova de Arousa. Dionisio Pereira

O PATRIMONIO MARÍTIMO: un recurso a desenvolver
O PATRIMONIO MARÍTIMO: un recurso a desenvolver
O PATRIMONIO MARÍTIMO: un recurso a desenvolver

Caseta Pepe do Cuco. Lino Lema

O PATRIMONIO MARÍTIMO: un recurso a desenvolver

Dionisio Pereira Historiador

Cómpre, antes de comezar, unha definición do que entendemos por patrimonio marítimo: eis, a totalidade das manifestacións vencelladas á actividade marítima dos homes e das mulleres da beiramar ao longo do tempo, inseridas no propio medio mariño. Estámonos a referir, pois, tanto ás construcións como aos obxectos, sen esquecer as creacións inmateriais e a paisaxe do litoral: peiraos, sinais marítimos ou arquitectura popular; embarcacións de todo tipo, artes de pesca ou imaxinaría mariñeira; cancioneiro e tradición oral, léxico ou hidrotoponimia. En resumidas contas, estamos a falar das múltiples representacións da memoria colectiva das xentes de mar. E, precisamente, a identificación do patrimonio coa memoria colectiva lévanos a considerar unha extraordinaria diversidade do mesmo.

A actividade recuperadora dos diversos elementos que conforman o patrimonio marítimo, comeza a ser apreciada socialmente na Galiza con moito retraso verbo doutros países europeos e americanos. A partir dos anos 80 do século pasado, restauráronse por iniciativa privada algún faro e diversas fábricas de salgazón para uso particular ou turístico: na Costa da Morte, no porto de Aldán, no contorno de Bueu, ou en Coroso (Ribeira) hai contados exemplos. Fixéronse, tamén, louvables restauracións de muíños de maré destinadas a infraestruturas culturais, con financiamento público: na Acea da Má, en Culleredo, ou no lugar de Anido, en Muros, sen ir máis lonxe. Agora mesmo, e de xeito serodio habida conta da deterioración irreversible da maioría das poboacións ribeirás, comeza a se desenvolver a protección urbanística da arquitectura popular nalgunhas vilas mariñeiras aínda non estragadas sen remedio pola especulación e a tendencia ao desenvolvemento irracional (desenvolvementismo): velaí o Plano especial do Casco vello incluído no PXOM de Muros. Por último, a renovación das diversas propostas museísticas (Museo do Mar de Galicia, Museo Massó, Museo do Mar de San Cibrao....) e os recentes traballos publicados sobre a etnografía e antropoloxía mariñeira, o cancioneiro e a tradición oral, completarían o modesto ronsel revitalizador do noso patrimonio vencellado ao mar.

Capítulo aparte está a ser o intenso labor de rehabilitación e recuperación das embarcacións tradicionais, levado a cabo polo asociacionismo cidadán integrado maiormente na Federación galega pola cultura marítima e fluvial (que conta cunha pequena mais eficaz axuda da Consellería de Pesca e da Deputación de Pontevedra), co resultado de máis de cen barcos tradicionais en activo nas nosas rías e unha teimuda traxectoria de concienciación social sobre a importancia que ten a posta en valor do noso patrimonio marítimo, como soporte de novas actividades que poidan representar unha fonte de riqueza adicional na nosa beiramar, nun momento de crise das pesqueiras.

Con todo, nesta altura demasiadas instalacións portuarias en que se podía recoñecer a man dos canteiros do país, desaparecen nun chiscar de ollos baixo o cemento deitado pola CPTOPV. Día tras día, demasiadas telleiras, fábricas de salga ou antigas conserveiras, agardan á recualificación dos terreos que posibiliten a especulación inmobiliaria. E, neste tempo inmediato, en toda a beiramar múltiples paraxes están ameazadas pola enxurrada de recheos, portos deportivos, parques eólicos, desmedidas infraestruturas viarias e portuarias ou paseos marítimos mediterráneos, pouco ou nada respectuosos co uso público, co contorno paisaxístico e co medio mariño. Ao cabo, moitas actividades tradicionais na beiramar, dende os derradeiros secadoiros de peixe até a propia pesca artesanal, agonizan ou albiscan no horizonte novas reconversións e, canda elas, a desfeita de barcos e artes de pesca e o abandono dos mariñeiros.

Hoxe en día, para que a revalorización do patrimonio marítimo coñeza un salto cualitativo adiante, que supere as iniciativas illadas e poida exercer como alicerce do turismo cultural ou doutras actividades de utilidade social na beiramar, non queda máis remedio que actuar de xeito decidido no planeamento territorial, rehabilitando espazos naturais e bens patrimoniais significativos nas diversas culturas ou identidades marítimas locais. Ao tempo, cumpriría vincular os diversos axentes sociais (asociacións, confrarías, museos, concellos, universidades, Xunta, empresas...) que teñan capacidade para impulsar ou compartir proxectos de salvagarda e dinamización no eido local, aproveitando desta maneira as posibles sinerxias. E aínda máis, a xestión das iniciativas locais que conleven a recuperación e unha nova funcionalidade de certas categorías patrimoniais (edificios, elementos da cultura material e inmaterial), precisa dunha axeitada publicidade que posibilite a socialización (e rendibilización) da proposta.

Non obstante, o devandito salto cualitativo precisa doutro ingrediente: dun pulo colectivo que incentive os esforzos locais. Quizais hoxe sería oportuno lembrar unha feliz iniciativa da revista bretoa Le Chasse Marée, levada a cabo no litoral francés con notable éxito andando o ano 1996: un concurso de proxectos para rehabilitar bens do patrimonio inmobiliario vencellado ao mundo do mar, cuxo premio fose a realización da(s) idea(s) gañadora(s). Quizais sexa o momento acaído para o propoñer aquí e agora, posto que comeza a existir un tecido social interesado nesta fasquía recuperadora, que ben podería asumir tanto o protagonismo como o financiamento e (ou) asesoría.

O proxecto “Mar de Lira”: un paso na dirección axeitada

Boa mostra do antedito - e presentada polo miúdo neste número - é unha iniciativa artellada no ano 2003 pola Confraría de Pescadores de Lira (Carnota), co apoio da Consellería de pesca, a Fundación Lonxanet, a Asociación cultural A Canle (integrada na devandita Federación galega pola Cultura marítima e fluvial) e algunhas empresas da zona. O proxecto denominado Mar de Lira, está incluído nunha proposta máis ampla de pesca sustentable e comercialización do peixe vía Internet, e ten como obxectivo desvelar o mundo da pesca e do mar ao conxunto da sociedade, contando coa colaboración dos propios mariñeiros, xubilados ou en activo. Mediante un Taller de pesca diversificado en varios programas dirixidos, ben a escolares, ben á cidadanía en xeral, pretenden dar a coñecer o peculiar universo dos pescadores locais a través dun percorrido pola súa historia, as súas tradicións e a evolución das artes de pesca, os métodos de conservación, as embarcacións e a maneira de comercializar e consumir o produto. Para iso, teñen rehabilitado unha caseta-encascadoiro en funcións de modesto Centro de Interpretación, e contan cunha lancha xeiteira tradicional recuperada pola Asociación A Canle, para aprendizaxe da navegación a vela e demostracións das pescas coa case que desaparecida arte do xeito. Con estes elementos e a participación de dúas embarcacións de pesca actuais, pretenden, asemade, levar adiante unha proposta de Turismo mariñeiro, consistente en compartir un día de faena cos mariñeiros de Lira, observando os traballos e coñecendo de preto a fala da xente de mar daquel porto.

Deixando fóra certas carencias tanto na promoción da iniciativa como no aspecto cultural, en absoluto difíciles de subsanar; constatando, así mesmo, a necesidade de recuperación na zona dalgún outro ben patrimonial ameazado por un deficiente planeamento urbanístico (as salgadeiras, nihilizadas por un edificio de apartamentos en liña de praia, por exemplo), de ningunha maneira achacable aos patrocinadores, estamos diante dun dos proxectos máis novidosos de aproveitamento do patrimonio marítimo no noso país. Velaí un exemplo de activación dos recursos patrimoniais, que arela dignificar a profesión de pescador e dar novos horizontes a unha comunidade pesqueira até agora adicada de xeito exclusivo á explotación dos recursos mariños. En definitiva, en Lira, non só acadaron a conxunción de diversos axentes sociais na creación de riqueza a partir da promoción dos sinais de identidade daquel porto, mais tamén a implicación do sector produtivo na dinamización da cultura e do patrimonio marítimo, algo fundamental para o seu desenvolvemento endóxeno e para o seu futuro. Porque a vitalidade e autenticidade do patrimonio marítimo, está vencellada á pervivencia e ao acontecer cotián da xente que vive directamente do mar.