As rutas urbanas animadas

Ana Judel
Xefa da Unidade de Programas Educativos do Concello da Coruña
 
Laura Cedrón
Animadora Sociocultural do Fórum Metropolitano
 
Alberto Míguez
Técnico da Fed. Provincial das Anpa da Coruña
 

“As cidades educan, deben educar. Nós debemos e temos que as aproveitar”
Malntbasl

As Rutas Urbanas Animadas son un proxecto que xorde hai oito anos, como unha proposta de carácter experimental promovida desde o Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña e que se pon en práctica, desde hai tres cursos, a través dun convenio de colaboración coa Federación Provincial das ANPA de Centros Públicos da Coruña.

A razón desta actuación municipal, que ocupa cada curso a 1.250 nenos e nenas de segundo ciclo de educación infantil até 2º ciclo de educación primaria é unha forma de entender a cidade como recurso, que implica un sistema multifacético con infinidade de posibilidades que nos permiten reflexionar sobre a pluralidade de cuestións ou situacións que nela se producen a diario. Por isto, o seu tratamento multidisciplinar permítenos tratar elementos de vertebración social, ser fonte de iniciativas e promover a resolución de conflitos.

A cidade ofrécenos dous niveis de recursos: un descritivo que nos permite “educar” a través dela e outro proxectivo que fará que a cidade “deba educar”. Por isto, esta proposta vai dirixida a complementar o currículo escolar, xa que as rutas non son propostas illadas senón que convidan a que a cidade nos faga pensar, investigar e interpretar dentro e fóra das aulas.

Fundamentos da proposta

A cidade precisa dunha cidadanía que saiba desenvolverse nela de acordo ás normas e ás actitudes urbanas que permitan facer dela un espazo onde nos encontremos a gusto e que nos dea a posibilidade de nos comprometer con el.

A base desta proposta está na demanda social que implica a nenos, nenas e xente nova en ser capaces de viviren e conviviren en sociedade e que reclama a súa formación para saber a que aterse e como se comportar. De maneira que a cidade nos dea unha visión global que fomente a formación en valores cun enfoque transversal que nos permita o desenvolvemento da cidadanía partindo de situacións diarias que teñen, na cidade, un escenario real para a súa análise e intervención.

Por iso son necesarias unha serie de medidas que nos acheguen ao desenvolvemento destes valores para a creación dunha cidadanía consolidada e que se aproxime cada vez máis ao medio urbano que a rodea:

- A cidade proporciónanos a selección de contidos necesarios que manifestan o interese dos nenos, nenas e xente nova, co obxecto de os relacionar con conceptos concretos, pór en práctica distintos procedementos, adquirir infinidade de valores,...
- Aproveitar todo o que a cidade xera, quer sexan ofertas culturais, quer sexan informacións, recursos naturais,...
- Integrar a escola na cidade, o que supón sacar á luz situacións que se dan nela e sobre as que debemos intervir de forma activa.
- Facilitar a relación social posibilitando a planificación de tarefas, a comunicación, as producións colectivas,...
- Favorecer a expresión de vivencias utilizando distintos códigos: orais, escritos, icónicos,...

En definitiva, as Rutas Urbanas Animadas son, como o seu nome indica, percorridos animados pola cidade co propósito de entrar en contacto directo con ela para posibilitar unha formación multidisciplinar e mellorar as actitudes cívicas.

Obxectivos

Os obxectivos xerais que nos propomos con estas son:

- Lograr un adecuado coñecemento da cidade tendo como referencia o estudo do contorno.
- Procurar unha reconstrución dos espazos cotiás, sistematizar as propostas realizadas neles e ser capaces de identificar, contrastar e apreciar diversos aspectos do contorno.
- Establecer as bases para aprender a cidade a través dun ocio educativo, activo, creativo e integral, que implica xogar para descubrir o espazo urbano dunha forma divertida e por medio de actividades innovadoras.
- Impulsar valores e actitudes de convivencia que incrementan a cooperación e a solidariedade, por medio da percepción dos demais, o traballo en grupo como unha forma de se comunicar e de se relacionar, a integración e a tolerancia entre os participantes e coas persoas que aparezan nas rutas.
- Resaltar a importancia que teñen o patrimonio cultural e medioambiental do espazo urbano, participando da súa defensa e conservación e investindo para fomentar o interese e o espírito crítico.

Criterios metodolóxicos

Buscamos unha perspectiva dinámica e humanística ligada ao sociocultural, ao mundo físico-natural, ao social, ao tecnolóxico e ao económico.

Marcamos como metas que a cidade sexa obxecto de aprendizaxe, promotora de actitudes e un medio para a participación, que nos proporciona infinitos campos de acción. A nosa metodoloxía, por tanto, ten un carácter activo e partici-pativo que implica unha vivencia significativa da cidade.

Tratamento da transversalidade

A proposta das Rutas Urbanas Animadas como instrumentos para a ocupación do tempo libre cun claro matiz lúdico poñen de manifesto a presenza dun tema transversal como é a Educación para o ocio, entendendo o ocio como un proceso formativo global da personalidade humana incidindo nos seus 3 niveis: cognitivo, socio-afectivo e motriz.

O nivel cognitivo está presente na adquisición de coñecementos a través da exposición oral ou escrita así como a información recibida co fin de que a aprendizaxe sexa significativa para o/a neno/a, e que lle permita elaborar estratexias para seguir construíndo a súa propia bagaxe cultural.

A nivel motriz podemos comprobar que todas as probas precisan dunha esixencia motriz variada atendendo as súas diferentes manifestacións (desprazamentos, carreiras, orientación espacial, motricidade fina,...).

O feito de ser unha actividade grupal desenvolvida é un espazo de interacción con outras realidades humanas, así como as directrices propias da ruta (cooperación para a consecución dalgunha das probas) fai que a vertente socio-afectiva estea igualmente xusti-ficada, completando así os 3 grandes niveis dun proceso educativo.

O establecemento de normas básicas de comportamento durante o percorrido incide sobre contidos transversais relacionados coa Educación Moral e Cívica, que se ven reforzados polas actitudes fronte á vida que manifestaron no seu momento as diferentes personalidades a que facemos alusión durante o desenvolvemento da actividade, vendo nestas actitudes o reflexo de valores humanos que cremos conveniente transmitir aos nenos e ás nenas.

Baseándonos neste último, e tendo en conta aspectos máis formais en niveis organizativos (redacción das propostas, formación de grupos mixtos,...) ponse de manifesto unha serie de actitudes para unha educación non sexista.

A educación ambiental cobra protagonismo nalgunhas das rutas, xa que os grupos deberán completar cuestións sobre as diferentes especies arbóreas, sentir os elementos que forman parte do medio natural urbano, para alén de reflexionar sobre diversos temas medioambientais.

Cales son?

As Rutas Urbanas Animadas están secuenciadas por idades e espazos dentro da cidade co propósito de que exista unha continuidade e que en cada una das tres visitas que se realizan a cada espazo (xardíns de Méndez Núñez, praza de M.ª Pita e Os Cantóns) experimenten diferentes visións e propostas de traballo

As rutas realizadas durante o curso 2005-06 son:
Segundo ciclo de Educación Infantil
* Méndez Núñez, un xardín de sensacións para EI 3 anos
* Historias de María Pita, para EI 4 anos
* Vivencias nos Cantóns para EI 5 anos

Primeiro ciclo de educación primaria
* Habitantes dos xardíns de Méndez Núñez para 1º EP
* Tesouros de María Pita para 2º EP

Segundo ciclo de educación primaria
* Exploradores nos Cantóns para 3º EP
* María Pita: a praza da liberdade para 4º EP

Posta en práctica das Rutas Urbanas Animadas

As rutas desenvólvense en grupos dun máximo de 50 nenos e nenas divididos en catro grupos atendidos cada un deles por un educador/a urbano/a que desenvolverá o contido total da ruta con este grupo, o que nos permite que sexa un claro referente durante esta. Inicialmente propóñense unha serie de actividades que denominamos pre-ruta que nos facilitan o traballo durante o desenvolvemento desta. Por exemplo se durante a ruta imos realizar unha carreira de orientación é conveniente que no centro traballasen con planos, realicen algunha actividade de orientación,... Facilítanse algunhas destas propostas, mais sempre están abertas para que a intervención do profesorado sexa máis enriquecedora.

Unha vez realizada a pre-ruta levariamos a cabo a ruta, que ten unha estrutura marcada por:

- unha introdución, en que presentamos os/as educadores/as, describimos brevemente o lugar en que estamos e damos paso ao seu inicio.
-o desenvolvemento: propostas variadas tratando en todo momento de fomentar a educación transversal por medio de actividades motrices, de animación á lectura, de dramatización, de lóxica-matemática, de expresión oral ou escrita,...
- a despedida, en que asentamos os contidos tratados durante a ruta e recollemos as impresións dos nenos e nenas, así como dos profesorado.

Dentro do desenvolvemento destas variamos a distribución e organización das propostas en función das idades, é dicir, traballo por estacións, percorridos guiados, carreiras de orientación con preguntas, percorridos de pistas visuais,...

A temporalización é aproximadamente de entre unha hora e media e dúas horas, entre os meses de marzo e xuño.

Cada unha das rutas teñen material didáctico (caderno, puzzle, taboleiro, mapa,...) que apoia o seu desenvolvemento e dá pé a seguir realizando outra serie de propostas que denominamos post-ruta e que implicarían realizar unha serie de propostas conxuntas ou individuais na aula, que terían por finalidade asentar os contidos actitudinais e procedementais desenvolvidos ao longo destas.

A modo de conclusión

Coas rutas urbanas animadas descubrimos e vivenciamos todos os tesouros que encerra a nosa cidade a través do xogo, fomentando a aprendizaxe e o respecto polo urbano, o medio-ambiental, o cívico e social, o viario, o patrimonial,...

Os/as educadores/as urbanos/as que as leven a cabo son peza fundamental para que as presoas participantes sintan e gocen de todo o que a cidade pode ofrecerlles, ademais de espertar neles novos intereses e afeccións.

 
 
 

   Atrás       Subir