Branda
Lavalunas - 2005
Acrílico sobre cartulina - 24 x 17 cm.
 
 
 

A Deputación da Coruña cos creadores locais

Celestino Poza Domínguez
Presidente da Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico da Deputación da Coruña
 

Anunciábamos nos inicios da presente lexislatura, a intención da actual corporación provincial de estender ao conxunto dos municipios da provincia as diversas iniciativas coas que a Deputación da Coruña ven tratando de apoiar aos creadores locais. Cando menos en dúas liñas de actuación complementarias: dunha banda, e de xeito directo, mediante accións de promoción artística habilitadas polo propio ente provincial; doutra, indirectamente, sexa dando cobertura económica aos concellos, aos que dota de subsidiariedade, sexa afrontando certas necesidades de financiamento que teñen diferentes entidades sen ánimo de lucro. Unhas e outras, con criterios asentados nos principios rectores das políticas da Deputación, inseridos transversalmente nas variadas propostas culturais que se están a xerar e impulsar nestes últimos tres anos.

Nesta liña, coñecendo e recoñecendo do inxente potencial creativo existente no noso territorio, emprendemos no seu día un conxunto de programas de apoio ás institucións radicadas na provincia, dos cales xa vós convidara a ser copartícipes no número 03 de interea visual (publicado en novembro de 2004 arredor do tema: educación en cultura). Convite que agora reitero aproveitando a ocasión que nos brinda un novo número da Revista, ampliando –se cabe– a vontade de colaboración a cantos responsables municipais, artistas locais e cidadáns dan vida á cultura da e na provincia.

Totalmente convencido da importancia que ten dotar de suficiente pulo ás políticas públicas, xunto coa imprescindible continuidade e estabilidade que as debe caracterizar no quefacer cultural, cómprenos a quen temos responsabilidades na súa definición, planificación e execución facer unha valoración detida e rigorosa do seu impacto na sociedade. A tal fin, coa transparencia e visibilidade que se require en calquera ámbito das Administracións Públicas, será preciso dotar de criterios e procedementos de avaliación ás actuacións que se levan a cabo, sempre coa mirada posta na cidadanía e no seu dereito a estar informado. Moito do que se expón de seguido, en clave retrospectiva, ten esa intencionalidade.

Liñas de apoio aos creadores locais

No labor emprendido pola Comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico da Deputación da Coruña , rexístranse distintas actuacións e iniciativas, entre as que ocupan un lugar salientable a convocatoria e resolución de un amplo abano de Premios e Certames (véxase cadro axunto), que no seu conxunto responden aos seguintes obxectivos:

configurar espazos de recoñecemento para os novos valores que inician a súa andaina no campo da creación artística;

outorgar incentivos económicos aos creadores e ás creadoras cunha producción artística meritoria;

homenaxear a ilustres personaxes da cultura galega nados en distintos puntos da xeografía provincial;

favorecer a adquisición de obra inédita por parte da propia institución, a publicación e distribución de textos literarios e a exposición e difusión da obra premiada e/ou recoñecida;

promover o bilingüismo nas produccións literarias, facendo especial fincapé na protección e promoción da lingua galega;

dar cabida ás variadas expresións e manifestacións artísticas dos membros de calquera nacionalidade que forman parte da nosa pluralidade e diversidade cultural;

respectar as exploracións e experimentacións creativas nas temáticas, extensións e formatos das obras a concurso;

favorecer a creación artística tanto individual como colectiva;

e, finalmente, prestar atención á promoción da afección literaria na infancia e na xuventude.

Dar pulo á decena de Premios e Certames promovidos pola Deputación da Coruña, na perspectiva que vimos comentando, constitúe un modo de levar a cabo unha das prioridades estratéxicas da Corporación provincial en materia de cultura: apoiar aos creadores locais. Quefacer que tamén se desenvolve a través da convocatoria de bolsas para o perfeccionamento de estudos artísticos nos eidos das artes plásticas, escénicas, musicais e da imaxe; e que, neste ano 2006, acadan unha dotación total superior aos cento cincuenta mil euros.

Asemade, o labor de apoio aos creadores e ás creadoras está igualmente presente no certame de artesanía galega tradicional e contemporánea, como o Antonio Fraguas Fraguas, que celebra en 2006 a súa VI edición, e o no Salón de Outono de Pintura, tamén na súa VI edición, que está aberta a tódalas tendencias e correntes estéticas, cunha dotación en premios que ascende a 30.000 €.

Interea como expresión de creatividade e iniciativa pública

O proxecto interea, que financia a Deputación Provincial mediante un convenio subscrito coa Universidade de Santiago de Compostela e do que tamén participa a Universidade da Coruña, polo que ten de pioneiro, innovador e vangardista, é unha das manifestacións máis representativas do soporte que fornecemos aos novos creadores; a través do estudo e a investigación das múltiplas singularidades que configuran as dinámicas da vida cultural local, da formación dos responsables municipais de educación e cultura no labor de fomento da creatividade; e, sobre todo, da cabida ofrecida aos creadores emerxentes nos distintos soportes audiovisuais dos que se fai uso nas súas edicións

Neste sentido, interea visual constitúe, sen dúbida, unha das galerías panorámicas máis representativas da vizosidade artística da nosa provincia, tanto nas obras que presenta como nos estilos e nas estéticas dos acabados e interiores que amosan as páxinas da revista, tal e como nos transmiten moitos dos seus lectores e públicos destinatarios, dentro e fóra de Galicia. De aí que, polo moito que nos proxecta, insistamos en convidar, unha vez máis, a que na súa coproducción participen todas aquelas persoas que desexen dar a coñecer a súa obra artística. E que, dun xeito ou doutro, constitúen o mellor expoñente da creatividade que atesouramos, valedores e mantedores como son da efervescencia social e cultural que vive a provincia.

Como temos manifestado en distintas ocasións, aínda cando o fomento á creatividade é unha constante entre as nosas progra-macións, temos presente que dar acubillo aos novos valores resulta de primeira necesidade nos distintos eidos da creación artística.


 

   Atrás       Subir