Moïse Dikoff
Être Ailleurs - 2005
Óleo sobre lenzo - 80 x 80 cm.
 

A Casa da Xuventude de Ourense, unha xestión compartida

Benito Losada
Director
 

A Casa da Xuventude é o equipamento máis estándar entre os específicos para a mocidade e, sorprendentemente, carece dun modelo oficial. Cando se fala dun mercado, dun centro de saúde ou dun auditorio, todos sabemos do que falamos e das instalacións que imos atopar, nas casas da xuventude non, case todo é posible.

Aínda que a Casa da Xuventude de Ourense é anterior, como veremos, as casas da xuventude nacen tras as primeiras eleccións municipais, en 1979, un movemento do que curiosamente Galicia queda afastada. Non é a única, unha cidade como Sevilla anunciaba no pasado febreiro que en menos de dous meses estará aberta en Reina Mercedes a primeira casa da xuventude de Sevilla, que atenderá 18.000 mozos e mozas. Fronte a estas escasas realidades temos outras máis vizosas como Zaragoza que conta con 23 casas na cidade, cunha importante presenza no mundo social zaragozano e unha xestión xuvenil importante. Por tanto outra característica é unha irregular implantación.

Volvendo á Ourense, a súa Casa da Xuventude foi inaugurada en 1970. Xorde a Casa como contribución dun ourensán —Eugenio López— á súa cidade unha vez que é o responsable da política de xuventude do Estado como Delegado Nacional de la Juventud. Pola razón que fose decídese adquirir un edificio xa en construción que tiña un fin ben distinto; ao longo do tempo pagaremos esta solución engadíndolle ás cinco plantas e mais baixo e polideportivo, ascensor, persianas... De todos os xeitos os seus 1.700 m2 dan para unha boa casa da xuventude, que, ademais, é a segunda en antigüidade de España, tras a de Pamplona. Nunha primeira etapa non pasará de ser un “Hogar da OJE”; malia todo, o nome de Casa de la Juventud influirá para que a Sección Feminina, órgano que daquela tiña as competencias sobre as mulleres, crease en Ourense, de xeito experimental, a Organización Juvenil Española Femenina, coa que de paso tentaba atallar a imparable incorporación das rapazas á OJE, en teoría exclusivamente masculina.

Remata, xunto coa ditadura, esta primeira etapa da Casa da Xuventude de Ourense. Na transición política que segue, o movemento xuvenil, moi politizado e liderado pola Xuventude Comunista, do PCG, reclama o patrimonio xuvenil, en Ourense nun autoproclamado Consello Municipal da Mocidade. Negociarán co primeiro delegado provincial de Cultura, que lles “cede” a Casa da Xuventude, para a que incluso recomendan director entre o persoal que tiña a Delegación. Os primeiros meses dedicáronse basicamente á redacción duns Estatutos que regulamentasen o uso da Casa e as relacións coa administración propietaria. Aprobaranse en 1979, tras laboriosas reunións, primeiro na Casa para fixar a postura unificada dos grupos xuvenís, e logo coa Delegación de Cultura, que en moitas cuestións discutiu as normas que se lle propuñan. Como exemplo, citemos a idade mínima para acceder á Casa da Xuventude, que esta estimaba en 14 anos e a Delegación quería fixar en 10; ao final impuxeron o seu criterio os mozos. Os Estatutos aprobados son, con algunhas modificacións, os que rexen na actualidade. Establecen a xestión compartida.

As casas teñen dúas notas fundamentais: a participación xuvenil na xestión e un territorio concreto ao que servir. A primeira é a que se incumpre na maioría dos casos, a administración titular, concello ou comunidade autónoma, administran e dirixen os equipamentos directamente, converténdoos nun centro de servizos a mocidade e, en moitos casos na concellería de xuventude, directamente. Na web do Principado de Asturias pode lerse: “a Casa da Xuventude de Turón é a única en Asturias que está xestionada polos propios rapaces. A Plataforma Xuvenil asinou un convenio en 1999 co Concello de Mieres polo cal asume a xestión deste equipamento público”. Unha excepción.

A xestión compartida necesita da cohabitación de dous “poderes”, os mozos, neste caso socios, e os técnicos da administración, que non é fácil mais si posible como demostra o caso ourensán. Hai uns Estatutos pactados que marcan as competencias de cada parte. Para non aburrir reproduciremos os artigos máis específicos de socios e administración. (O texto completo dos Estatutos pode consultarse en www.casaxou.com). Serían os artigos:

Art.22º.- O Consello de Xestión é o responsable da vida interna da Casa.

Art.23º.- Competencias do Consello de Xestión.
23.1. Elaborar o plan de actividades da Casa.
23.2. Velar para que as actividades da Casa correspondan ás normas destes Estatutos.
23.3. Elaborar xunto coa Dirección os proxectos de presuposto anual de ingresos e gastos para actividades.
23.4. Aprobar a distribución de medios para o desenvolvemento das actividades.
23.5. Achegar fondos por xestións ante particulares, entidades ou autoridades.
23.6. Aprobar as solicitudes de inscrición de novos socios.
23.7. Recadar da Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar axuda técnica e económica.
23.8. Informar e adxudicar as solicitudes de variacións de prezos nas maquinas expendedoras de bebidas e alimentos.
23.9. Convocar a Asemblea da Casa da Xuventude.

Art.24º.- O Consello de Xestión está formado polos representantes das asociacións xuvenís e grupos de actividade a razón dun voto por cada decena de socios. Así como o representante dos ‘independentes’. Tamén integran o Consello o Presidente da Casa da Xuventude (que contará con voto, voto de calidade, o presidirá, e será elixido do xeito fixado no parágrafo seguinte) e os Vicepresidentes primeiro e segundo, que non terán voto e serán elixidos polo propio Consello na súa primeira reunión tras as eleccións a Presidente, nunha votación conxunta na que cada membro do Consello disporá dun voto, excepto o Presidente.
O Presidente será elixido por sufraxio libre e secreto polos socios coas cotas dos últimos seis meses pagadas e cunha antigüidade non inferior a seis meses. Os demais aspectos do proceso serán determinados polo Consello, supervisando o Director carácter democrático deste.
En caso de empate en calquera elección de cargo, quedará elixido o socio de maior antigüidade.

E os artigos:

Art.30º.- O Secretario do Consello é o Director da Casa da Xuventude que representa á Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar. É membro nato do Consello de Xestión.

Art.31º.- Son misións do Secretario:
31.1. Preparar a orde do día de acordo co Presidente, das xuntas do Consello de Xestión.
31.2. Comunicar ao persoal da Casa da Xuventude os acordos do Consello de Xestión para a súa execución.
31.3. Xestionar en exclusiva a administración dos fondos e dotacións da Casa dando conta periodicamente ao Consello de Xestión da situación administrativa.
31.4. Advertir, cando proceda, ao Consello de Xestión que os acordos adoptados non se axustan ás leis e normas, neste caso os acordos non poderán ser executados ata que non resolva a Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar a quen se dirixirá o Consello de Xestión para que decida.
31.5. Asistir ao Consello en aspectos legais, administrativos, funcionais e de desenvolvemento de actividades.

Tras vinte e sete anos, a experiencia, cos lóxicos altibaixos, funciona; periodicamente é elixido o/a presidente/a da Casa, nunhas eleccións en que todos os socios son electores e elixibles. Non é un sistema presidencialista, pois facilmente pode estar en minoría no Consello de Xestión, mais a súa habilidade conseguirá ou non artellar maiorías ou consensos para os acordos. Nestes anos veñen decidindo sobre un orzamento nunca menor aos 40.000 euros. O destino destes fondos é exclusivamente para actividades, coa única limitación da súa legalidade, xa que os gastos de persoal, do mantemento, das obras e das reparacións cóbrenos na súa totalidade os orzamentos da Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar. O orzamento total da Casa pode andar sobre os 300.000 euros.

Á parte do tipo de xestión a Casa da Xuventude de Ourense ten outras características subliñables, tamén no campo da participación, xa que desde os seus inicios quixo estar presente na cidade e que esta o estivese na Casa, que non se convertese nun gueto. Así foron acollidas numerosas asociación ou iniciativas que requirían locais para as súas reunións ou actividades; a listaxe sería interminable, mais como exemplo citaremos a Amnistía Internacional, o Clube Cultural Alexandre Bóveda, a Agrupación Fotográfica Ourensá, A Mesa pola Normalización Lingüística, Amigos do Sáhara, e plataformas como Lástima de Bois. Unha das notas que distinguen as súas actividades é o facelas conxuntamente con entidades e institucións, nalgúns casos con moitas; o exemplo pode ser o Outono Fotográfico, que na súa 23 edición, realizada a finais de 2005, foi desenvolvido por medio cento de entidades e institucións de 15 cidades e vilas galegas, e recollía máis de setenta actividades. O mesmo sucede coas demais actividades importantes da Casa: Maio Xove, Xornadas de Banda Deseñada, Bienal da Caricatura, Concurso de Contos... E ao mesmo tempo a Casa participa en actividades e iniciativas cidadás: a colaboración da Casa é fácil de conseguir.

Este primeiro cuarto de século de xestión compartida, foi unha época de claroscuros, momentos en que as distintas consellarías polas que pasou a Casa, non comprendían porque unha das súas —dun total de dezaseis— tiña tal autonomía ou quen era ese tal presidente que non figuraba no seu organigrama, e momentos en que o asociacionismo da cidade promovía conxuntamente a través da súa Casa, actividades, servizos e iniciativas que recibían o recoñecemento e o respecto do resto da cidadanía.

 
 

   Atrás       Subir