Maruxa Fernández Llamazares

Comunicación e patrimonio histórico: unhas liñas de actuación no Concello de Culleredo

Carlos Pereira
Historiador do Concello de Culleredo
 

Unha das tarefas en que o Concello de Culleredo máis se ten implicado é na recuperación da memoria histórica e do patrimonio cultural. O crecemento demográfico experimentado polo municipio nos últimos 15 anos obrigou a que se dedicasen esforzos especiais encamiñados a crear unha conciencia de comunidade, a cohesionar a cidadanía, considerándose unha prioridade que medrase o sentimento de identificación e integración no lugar en que se reside, que se coñecesen e se valorasen as súas tradicións, que se participase nas súas festas comunais, que todos se sentisen partícipes do pasado e do devir histórico de Culleredo.

A restauración do Patrimonio Monumental

O lamentable estado de deterioración en que se atopaban tres dos monumentos máis emblemáticos de Culleredo, os únicos exemplos conservados de arquitectura civil medieval -a ponte do Burgo, que tiña derrubados a maior parte dos seus arcos-, a torre de Celas, totalmente arruinada no seu interior, e os Muíños de Acea de Ama-, foron obxecto dunha intervención especial. Varias escolas-taller sucesivas restauraron na súa totalidade tanto a ponte como a torre, na cal se axardinou tamén o parque que a arrodea e construíuse un centro cultural. Ambas as dúas obras inauguráronse en 1994.

Novas escolas-taller restauraron a estación do ferrocarril de Bregua, o Centro Cultural “Electo Carballo” do Portádego, a residencia de Andrés Pan Vieiro, no Burgo, destinada a Centro da Terceira Idade, e traballaron na rexeneración das beiras do río Trave. Estas obras foron inauguradas en 1998.

Outras tres escolas-taller construíron o Xardín Botánico Ría do Burgo e a Aula de Natureza “Juan Lembeye Lartaud” (finais do 2001) e rehabilitaron o Pazo de Vilaboa (2006), unha casa-quinta de comezos do século XX, que se destinará a servizos municipais e biblioteca.

A rehabilitación dos muíños da Acea de Ama, construídos polo mosteiro de Sobrado no século XII, rematou hai uns anos. Logo dun concurso de ideas promovido polo Concello de Culleredo e o Colexio de Arquitectos, o proxecto gañador foi presentado ao MOPU, que financiou as obras. Acolle o Museo dos Muíños “Andrés Pan Vieiro” e a Sala de Exposicións “Xosé Rey Lago”. Abriuse ao público en xullo do ano 2000.

Paralelamente a estas intervencións, de grande envergadura, restauráronse todos os cruceiros do concello e fixéronse algúns novos; amañáronse algunhas fontes, construíuse mobiliario, en pedra ou madeira, para algunhas igrexas (altares, retablos), preparáronse novas superficies axardinadas, instaláronse esculturas en diversas prazas etc.

Quedan pendentes de execución as obras de adecuación de “Villa Lucinda”, un dos mellores exemplos da arquitectura residencial racionalista na comarca coruñesa, da autoría, ao parecer, dos arquitectos Rey Pedreira e Caridad Pita. Trabállase tamén, dende a Área de Turismo municipal, nun proxecto intermunicipal sobre o Monte Xalo, un complexo ecolóxico e prehistórico de alto interese, e unha rota dos muíños de Celas. Recuperouse o trazado orixinal do Camiño inglés de peregrinación a Compostela, que nacera no Burgo altomedieval.

E o grande proxecto pendente, en arquitectura industrial, é o ambicioso plano de rehabilitación das naves da CROS, que albergarán o futuro auditorio municipal.

Os Seminarios de Historia de Culleredo

Nos concellos da comarca das Mariñas dos Freires non se consideraba, dentro da súa oferta cultural, a posibilidade de escoitar e de debater, con especialistas no ámbito da historia e da arte, sobre temas históricos de interese local ou supramunicipal. A Concellaría de Cultura do Concello de Culleredo, consciente desta eiva, reflexionou sobre a posibilidade de organizar uns Seminarios de Historia, na certeza de que esta iniciativa acadaría unha boa resposta nas persoas interesadas na historia, na arte e no patrimonio cultural en xeral. Esta idea concretouse na práctica en 1995, cando se desenvolveron as sesións do I Seminario. Dende ese momento non faltou a cita anual e tratáronse temas como a II República e a Guerra Civil, os Templarios e as Ordes Militares, o Camiño de Santiago, o movemento obreiro, as mulleres, a prehistoria e historia antiga, a narrativa galega, a masonaría..., entre outros. A última edición, nun evento especial, o seminario foi, á vez, o II Congreso da Memoria Histórica, sobre o tema A II República e a Guerra Civil en Galicia.

En todas as edicións procurouse que un dos relatorios tivese especiais referencias a Culleredo, co fin de situar o noso decurso histórico no contexto de Galicia.

Ao longo destes anos, pasou por Culleredo profesorado das tres universidades galegas, así como de Valladolid, da UNED, da Autónoma de Madrid, directores/as de Arquivos e Bibliotecas, e destacados/as investigadores/as do panorama galego e español.

Publicouse unha Memoria que recolle as primeiras edicións do seminario, e tamén verán a luz, proximamente, as actas do último seminario.

Inventario do Patrimonio Cultural

Dado que o coñecemento do patrimonio é fundamental á hora de tratar planeamentos urbanísticos, comezouse hai bastantes anos a traballar no Inventario do patrimonio cultural de Culleredo: monumental, etnográfico e natural. Como consecuencia do novo Plano xeral de ordenación urbana, un equipo de especialistas preparou un exhaustivo Catálogo de Patrimonio encargándose, tamén, estudos arqueolóxicos dalgúns dos xacementos.

O Camiño de Santiago

Culleredo, como lugar probable de inicio do denominado Camiño de Faro, está moi vencellado aos camiños de peregrinación a Compostela. Por iso, non se descoidou tampouco o traballo na recuperación do trazado tradicional, perfectamente delimitado e sinalizado oficialmente na actualidade, logo de que o Concello presentase unha alegación á primeira proposta, aceptada posteriormente polo equipo redactor.

Nas inmediacións da ponte do Burgo, onde nacería este camiño en tempos altomedievais, instalouse a “Fonte do Peregrino”, realizada pola Escola-Taller.

Actos públicos

Coincidindo coa proclamación da Segunda República, o 14 de abril de 1931, o 13 de abril de 1996 realizáronse uns actos en lembranza da visita do presidente da República española, Niceto Alcalá-Zamora, á Casa Consistorial de Culleredo o 10 de agosto de 1934, durante a súa visita a Galicia. Nestes actos estiveron presentes Tomás Delgado Toro, alcalde de Priego de Córdoba, o director do Padroado “Niceto Alcalá-Zamora”, Enrique Alcalá Ortiz, e familiares de Alcalá-Zamora residentes na Coruña. Entre outros actos, inaugurouse unha avenida co seu nome e abriuse ao público unha exposición fotográfica.

A partir dese ano celébranse, arredor da data do 14 de abril, actos en conmemoración da II República. Na Praza de Galicia do Burgo realízase unha ofrenda floral, contando coa colaboración do Ateneo republicano de Galicia e a Fundación Instituto de Estudos Políticos e Sociais. Con esta última entidade colabórase no Certame Literario “Alfredo Suárez Ferrín” de valores cívicos e morais na sociedade, destinado á mocidade. Ademais, organizáronse diversas exposicións sobre republicanismo, de homenaxe a Pi i Margall, bibliográficas etc., en que colaboraron as entidades antes citadas así como o Ateneo Libertario “Ricardo Mella”.

Noutros actos públicos homenaxeáronse persoas como o escritor Alejandro Pérez Lugín (falecido no Burgo) ou o médico Manuel Ladrón de Guevara descubríndose uns monolitos conme-morativos, e outros persoeiros vinculados a Culleredo como Moncho Valcarce (que dá nome ao Centro Municipal de Sésamo) ou Eladio de la Iglesia Doldán.

Tamén nos últimos anos se vén colaborando na conmemoración da Batalla de Elviña, co desenvolvemento na ponte do Burgo dunha serie de actos en lembranza dos acontecementos militares sucedidos nela en 1809.

Publicacións

Non se descoidou tampouco o campo das publicacións. Hai xa unha década iniciouse a edición duns folletos sobre os monumentos máis representativos de Culleredo: ponte do Burgo, torre de Celas, igrexa de Santo Estevo de Culleredo, ermida de San Cosme de Sésamo, igrexa de Santiago do Burgo ou o Camiño inglés de peregrinación a Compostela, denominado tamén Camiño de Faro. Co gallo da restauración da ponte medieval do Burgo, editouse unha publicación, A Ponte do Burgo. Visión histórica e arquitectónica, coordinada por Alberto Valín, e As Pedras Armeiras do concello de Culleredo, da autoría de Xosé Antón García González. Por outra parte, no estudo Análisis socioeconómico y territorial de Culleredo, realizado polo Módulo de Promoción e Desenvolvemento, varios volumes recollen unha síntese histórica de Culleredo, e unha primeira catalogación do seu patrimonio monumental, etnográfico e natural. Saíron tamén á rúa as dúas primeiras entregas de Persoas Ilustres de Culleredo, nas cales se recuperaron para a memoria colectiva as biografías dunha trintena de homes e mulleres, cullerdenses de nación ou adopción, que contribuíron, dende diversas facetas, a que Culleredo ocupe un lugar destacado na historia de Galicia. Así mesmo, os folletos turísticos sobre Culleredo acollen nas súas páxinas moita información sobre a historia, a arte, as tradicións e as festas do noso concello.

Editáronse folletos sobre as aves da Ría do Burgo, os réptiles de Culleredo e os muíños de Acea de Ama, vendo a luz, hai un tempo, grazas á colaboración da Deputación da Coruña, un novo libriño sobre os tres museos municipais.

Patrocinouse tamén o nº 5 da revista Esculca, da Sociedade Cultural “Museo As Mariñas dos Freires”, dedicado monograficamente a Culleredo e colaborouse economicamente tamén nas publicacións Sésamo e Sueiro. Dende a Prehistoria á Idade Media e Historia das parroquias de Sésamo e Sueiro, da nosa autoría, promovidas ambas a dúas pola Asociación de Veciños dese lugar.

Pola nosa parte, tentamos colaborar coas comisións de festas á hora da divulgación da historia de Culleredo; exemplos serían as de Rutis, Celas, Ledoño ou Almeiras.

De comunicar a historia cullerdense trataban tamén os artigos que publicamos hai uns anos nun medio de comunicación comarcal, que recollemos posteriormente nun libriño titulado Miradoiro da Ría, e outros traballos que viron a luz tanto en libros como revistas. Neles, abranguemos dende historias completas dalgunhas parroquias (Sésamo e Sueiro), ou especialmente na Idade Media (O Burgo) a numerosos traballos sobre a II República en Culleredo (a cultura en Culleredo na IIª República, o asociacionismo, a visita de Niceto Alcalá Zamora, a proclamación da II República, a represión en Culleredo, actividades deportivas neses anos ou pequenas biografías de alcaldes como Electo Carballo ou Manuel Lastres Abente).

Sobre o mundo da cultura ou persoeiros da cultura (pintura, teatro, ópera), do asociacionismo ou da empresa, temos escrito sobre personaxes como Manuel Romero, Alejandro Pérez Lugín, Manuel Martínez Láuzara “Martinete”, Ramón Blanco Rey, Carolina Casanova, Anxo Senra Fernández, os irmáns Ortiz de Taranco ou Amparo López Jeán.

E outros traballos estiveron referidos ao mundo medieval (as dominicas de Belvís en Sésamo, documentos medievais do Burgo, Vilaboa, Almeiras, Celas ou Ledoño, os templarios..), a monumentos como a torre de Celas, ás igrexas de Almeiras ou os muíños de Acea de Ama, ou a temas como o nacemento do Concello de Culleredo ou unha visión das parroquias cullerdenses da ría do Burgo a mediados do século XVIII.

Na Biblioteca Municipal “Miguel González Garcés” hai uns andeis destinados a publicacións sobre Culleredo ou de escritores/as vinculados co municipio.

Tense tamén impulsado que Culleredo tivese unha presenza na narrativa galega. Neste sentido, hai que destacar dúas novelas de Antón Riveiro Coello, A quinta de Saler (algún dos seus episodios desenvólvese aquí, e un dos personaxes importantes é natural de Culleredo) e, sobre todo, As rulas de Bakunín, novela que rememora a historia do movemento obreiro, do anarquismo e da II República no municipio e na comarca. Con preto de 10.000 exemplares vendidos, é un dos grandes éxitos da literatura galega actual. A raíz da súa publicación, e o éxito acadado nos Institutos de Secundaria e Bacharelato, organizouse, entre a Concellería de Cultura do Concello de Culleredo e a Editorial Galaxia, editora da obra, un programa dirixido a centros de ensino titulado “A rota das Rulas”, mercé ao cal alumnos de centros de toda Galicia visitan os lugares en que se desenvolve a novela (e tamén os museos municipais), mantendo un encontro tanto co autor da novela como co historiador municipal.

Artistas e escritores de Culleredo

Divulgar a obra de artistas e escritores locais foi outra das preocupacións da Concellaría de Cultura. Dous proxectos, “Artistas de Culleredo” e “A Literatura en Culleredo”, puxéronse en marcha. No caso dos artistas, tentando dar, a través dunha exposición, unha visión ampla da súa obra, complementando a exposición coa edición dunha pequena publicación biográfica que recollese tamén aspectos descoñecidos da súa obra. Foron homenaxeados dous artistas do Burgo, o pintor Ignacio Sabio Garrido, xa falecido, e o escultor e pintor Xosé Rey Lago.

No proxecto “A Literatura en Culleredo”, iniciado este ano de 1997, a idea era recuperar as obras de autores locais, para o coñecemento da veciñanza, editándose un folleto en que, á parte da biografía, se recollesen partes da súa obra que permanecese inédita. A primeira persoa lembrada foi o poeta de Almeiras Eladio de la Iglesia Doldán, tamén falecido, publicándose varios poemas del baixo o título de Poemas de Culleredo.

Este apoio concretouse tamén na organización de actos de presentación de libros, como foi o caso xa citado de Sésamo e Sueiro, da nosa autoría, as novelas A historia de Chicho Antela, A quinta de Saler ou As rulas de Bakunín, de Antón Riveiro Coello ou os poemarios de Xoán Abeleira.

Igualmente no desaparecido Boletín Informativo da Biblioteca Municipal “Miguel González Garcés”, de carácter mensual, houbo unha sección reservada a comentar as publicacións de autores e autoras vinculados ao municipio, de calquera época, para que a súa obra fose coñecida fundamentalmente pola xente máis nova, e os reflexos de Culleredo nas obras literarias; e realizáronse tamén entrevistas con autores como Pilar Pallarés, Xosé Cardeso, Xosé María Monterroso, Antón Riveiro Coello...

Co gallo da organización, por parte do Concello de Culleredo, da XVIIª edición do Premio de Novela Blanco Amor, publicouse conxuntamente coa editorial Espiral Maior o libro Homenaxe a Eduardo Blanco Amor 1998, e reeditouse, coa Editorial Destino, a súa novela Los miedos.

E o Concello promoveu a candidatura do poeta Miguel González Garcés para o “Día das Letras Galegas” (iniciativa apoiada polo Concello da Coruña e pola Deputación Provincial), organizándose paralelamente unha exposición sobre a súa vida e obra e cos libros que célebres escritores lle dedicaron (titulada Os libros dos amigos) e un acto no que participaron relevantes personalidades da literatura galega actual.

Exposicións

A recuperación da memoria visual, a través de fotografías do pasado cullerdense, foi outro dos campos en que se traballou. Culleredo carecía dun arquivo fotográfico que permitise ver a súa evolución a través do século XX, coñecer as súas persoas, os acontecementos relevantes etc. Logo dun período de xestións cos veciños e coas veciñas do municipio, que cederon fotografías da súa propiedade para seren reproducidas, e de revisión de publicacións nas que figuraban imaxes de Culleredo, unha exposición titulada “O Culleredo de onte” percorreu varias dependencias municipais e centros culturais, para achegar ao maior número de veciños e veciñas estas imaxes, nas que se recollían variados aspectos da vida de décadas anteriores: festas, actos políticos, música, celebracións relixiosas, monumentos, industrias etc. Esta exposición inicial, á que se lle foron engadindo máis fotos segundo ía circulando por Culleredo, tivo como actividade complementaria o desenvolvemento de charlas sobre as historias das parroquias polas que circulaba.

Esta recolleita de fotografías segue en marcha, e prevese, cando o número sexa apropiado, continuar con novas exposicións.

Procurouse tamén que os Seminarios de Historia se complementasen con exposicións relacionadas coa súa temática. Así, estiveron abertas ao público unha sobre “A Segunda República e a Guerra en Culleredo”, que foi visitada, nos lugares nos que estivo exposta, por centos de persoas, que puideron revivir, ou coñecer por primeira vez, episodios da historia contemporánea de Culleredo que nos foron roubados por 40 anos de silencio e represión..., e outras sobre a historia da UXT de Galicia, a vida cotiá no franquismo, o castro de Baroña etc.

Tamén na programación habitual das salas de exposicións municipais procúrase que sempre teñan un lugar os artistas residentes no municipio, dende pintores recoñecidos como Tim Behrens ou outros noveis.

Dedicación de rúas

Para o nomenclátor das novas rúas de Culleredo que aínda carecían de nome, ou para os novos núcleos habitacionais que se van incorporando ao trazado urbano, a corporación municipal vén aprobando numerosas propostas, nas cales, á parte de personalidades importantes na historia e na cultura de Galicia, numerosos cullerdenses e benefactores de Culleredo, de todas as épocas históricas, foron honrados, dando o seu nome a moitas destas rúas. Tamén se aplicou o criterio de manter, na medida do posible, a microtoponimia nas novas denominacións, porque ela reflicte a evolución histórica de Culleredo.

Colaboración con particulares, con entidades e coa Universidade da Coruña

A colaboración con centros de ensino, asociacións culturais, veciñais e da 3ª Idade é fluída. A miúdo organízanse charlas sobre temas históricos e etnográficos. En ocasións, cofinánciase a edición de publicacións como foi o caso de Sésamo e Sueiro. Tamén, cando o solicitan, asesórase, en temas históricos ou de patrimonio cultural, a estas entidades. O mesmo faise cos numerosos particulares e profesionais do turismo que demandan puntualmente algunha información sobre o municipio. E, dende hai varios anos, é numeroso o estudantado das facultades de Arquitectura, Camiños ou Socioloxía da Universidade da Coruña que realizan traballos de investigación ou proxectos sobre o patrimonio histórico ou a sociedade de Culleredo, aos que se lles facilita, na medida do posible, todo o material documental e bibliográfico do que se dispón.

Radio e Televisión

Na emisora “Radio Culleredo” emitíronse, hai algún tempo, programas destinados á difusión da historia e do patrimonio municipal: foron series como “As historias de Culleredo” ou “Persoas ilustres de Culleredo”. Na actualidade, con ocasión de distintas efemérides históricas, realízase algunha entrevistas.

Tamén se colaborou puntualmente tanto coa TVE de Galicia como coa TVG para algún dos seus programas ou documentais.

Os museos municipais

Quedarían, por último, os museos municipais. O máis antigo é o Museo Etnográfico Torre de Celas, emprazado na fortaleza medieval sita nesa parroquia. Visitado por milleiros de persoas nos últimos anos, logo dunha recente restauración, ademais de acoller fondos dedicados ao traxe galego tradicional ou a ferramentas de diversos oficios, disporá duns módulos sobre Historia de Culleredo e unha exposición permanente de fondos da pinacoteca municipal.

No Burgo, no complexo museográfico dos Muíños de Acea de Ama, está aberta ao público a Sala de Exposicións “Xosé Rey Lago” e o Museo dos Muíños “Andrés Pan Vieiro”; este último acolle no seu interior un museo dedicado ao mundo da muiñaría.

E no Xardín Botánico “Ría do Burgo” localízase a Aula de Natureza “Juan Lembeye Lartaud”. Ademais das visitas ao Xardín, no recinto realízanse actividades medioambientais, cursos, exposicións, concertos...

Todos os museos dispoñen dunha oferta de visitas guiadas, que teñen sido utilizadas tanto por centros de ensino do municipio como doutros lugares de Galicia, así como por asociacións etc. A Concellaría de Educación de Culleredo traballa tamén cun proxecto propio de visitas a lugares emblemáticos do municipio, realizado con persoal propio.

Conclusións

Cremos que esta panorámica que ofrecemos amosa claramente a aposta de Culleredo polo coidado e pola promoción da súa historia e o seu patrimonio cultural. E quedaron sen tratar, por razóns de espazo, outras iniciativas municipais que tocan, aínda que sexa tanxencialmente, estes temas.

Se ben o labor realizado é importante, queda aínda moita agra por arar. Hai novas iniciativas que se concretarán nun futuro próximo. Xurdirán outros retos. Mais os alicerces están ben asentados na terra.

 
 

   Atrás       Subir