Moïse Dikoff
Vide - 2006
Madeiras e estaño - 56 x 19 x 12 cm.
 

A xente non quere teatro: unha breve reflexión sobre como estimular a asistencia de público aos espectáculos teatrais

Marcos Lorenzo
Economista e antropólogo
Xerente da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia



Que eu saiba, hai cando menos dúas vías para a superación dun problema. Os problemas pódense superar por arriba ou por abaixo. Isto vén a colación porque hai uns días un grupo de profesionais da escena laiábase de que o teatro galego estaba en crise, que a asistencia a espectáculos decrecía e que non sabían como atallar esta sangría. Ante este panorama, repliquei eu, ocórrenseme dúas posibilidades. Ou ben se aposta por campañas masivas de difusión, grandes investimentos en contentores culturais e procura de atraccións internacionais, é dicir, desde arriba, ou ben se opta por traballar coa cidadanía, desde a cultura de base e os recursos comunitarios, é dicir, desde abaixo. Neste artigo imos explorar esta segunda vía.

Inicialmente...

Pois ben, se do que se trata é de animar a unha maior asistencia da poboación ao teatro, eu diría, seguindo os postulados da mercadotecnia, que o primeiro que habería que facer é coñecer a demanda potencial, ou sexa, os hábitos de ocio daquel sector de poboación que nunca acode ás representacións teatrais ou que só o fai puntualmente. Seguindo este razoamento, a primeira das cuestións non seria tanto como facer que a xente vaia ao teatro senón como facer que o teatro vaia á xente. Isto é o que poderiamos denominar, se cadra un tanto ampu-losamente, "perspectiva da demanda", e consiste en deterse, saír dos avatares cotiáns da creación e baixar do escenario, para, a continuación, observar os comportamentos e os consumos culturais dos colectivos que se quixesen captar.

A primeira regra de ouro para coñecer o que a xente quere é xustamente advertir da inexistencia da xente ou do público. Non existe xente nin público: existen xentes e públicos, existen grupos sociais de diferentes idades, niveis formativos, referentes vivenciais ou capacidade adquisitiva, e de entre os cales, algúns terán unha maior propensión a gozar de certas manifestacións artísticas, e outros serán mesmo refractarios. Así, as estratexias de captación nunca poden ir dirixidas á totalidade da poboación, senón desde unha óptica de círculos concéntricos: comezando polo núcleo, en que se sitúan aqueles grupos máis receptivos, para posteriormente continuar cos aneis externos, onde se atopan os máis esquivos, nun efecto progresivo de bóla de neve.

A segunda regra de ouro para coñecer o que as xentes queren é acudir onde elas están, aos seus centros de traballo, onde viven, onde se divirten, para desde aí recoller a información necesaria. Non lles quixera aburrir cunha explicación detallada de como organizar un traballo de campo sociolóxico. Se acaso só mencionar que, de entre as técnicas que nos proporcionan as ciencias sociais, as cuantitativas, é dicir a enquisa, pódenos achegar un coñecemento arredor dos potenciais volumes de público segundo afinidades estéticas, e que as técnicas cualitativas, é dicir a entrevista, pódenos achegar a un coñecemento máis profundo das súas preferencias, desde as linguaxes, os formatos, as temáticas ou os xéneros. Por último, as técnicas participativas irían un paso alén, conformando grupos de composición mixta en que investigadores, profesionais do teatro, representantes da Administración e cidadáns/espectadores debaten en igualdade, elaboran diagnósticos e medidas de mellora e implícanse todos na súa implementación. Esta última metodoloxía parte da consideración de que as persoas non son simples consumidores ou simples informantes, senón que tamén son activos transmisores, difusores e mesmo xeradores de espazos culturais. Sobre isto falarei máis adiante.

De todo o que acabo de mencionar xa se podería extraer unha primeira conclusión: para captar novos públicos para o teatro é preciso coñecer a realidade, plural e heteroxénea, do que desexan os diferentes grupos sociais neste ámbito, para, a continuación, deseñar e pór en marcha medidas de aproximación á demanda que permitan atraer os grupos sociais máis proclives. Para isto sería imprescindíbel realizar algunha forma de investigación e de planificación, co grao de profundidade e o rigor metodolóxico que se prefira ou que se se estea disposto a pagar, mais en todo caso hai que facer algo neste sentido.

Se se fixaron ben, todo o que aquí mencionei foi sempre partindo da base de que a demanda é un dato e non unha variábel. Até o de agora consideramos que a xente quere o que quere, e non está nas nosas mans modificar esas apetencias influíndo nas persoas para que prefiran xustamente o que nós lle ofrecemos, ou sexa, que só podemos adaptarnos a esa demanda ríxida e inamovíbel e nunca incidir nela. Mesmo alguén pode pensar que o dito até o de agora non serve de moito, porque a xente ou ben non quere nada definido, ou ben xa ten o que quere, que é nin máis nin menos que aquilo que lle ofrecen os grandes consorcios audiovisuais, que son os que teñen os recursos e a capacidade de influencia para xerar a demanda e modificar os hábitos e as preferencias do público.

A xeración da demanda

Non o vou negar: quen pense que a grande industria do entretemento ten unha formidábel influencia nos gustos das persoas non está equivocado. Ten razón, mais ten razón se nos referimos ás grandes tendencias da opinión pública, e só visto dun modo agregado. Explícome. Calquera pode observar un incremento da espectacularización do audiovisual e das artes escénicas, entendendo por 'espectacularización' unha combinatoria entre ritmos vertixinosos, competición, morbo, efectismo e sensacións de brocha gorda, sen matiz nin ambigüidade, e todo iso proxectado diante dun espectador entalado no sofá do seu salón. Aí está tanto Hollywood como, ao meu xuízo, La Fura dels Baus. E porén, en paralelo a ese proceso, hai outros movementos de menor dimensión, ás veces reactivos do anterior, que propugnan modelos máis austeros, máis sofisticados, ou pretendidamente alternativos, ou máis achegados ás realidades locais, desde referentes da vida cotiá. Por exemplo, certas series de televisión galegas ou españolas; por exemplo, o fenómeno dos contacontos; por exemplo, Cineuropa; por exemplo, a Mostra de Teatro de Cee; ou por exemplo, a blogmanía. Do mesmo modo que non hai un só público, non hai un só circuíto cultural nin unha única tendencia de ocio. En moitas ocasións, eu diría que na maioría, as persoas combinan uns hábitos de consumo cos outros sen maior trauma nin contradición. Se sumamos todas esas manifestacións alternativas, poderiámonos sorprender do volume de persoas e de recursos que mobilizan. Por suposto que a demanda se pode crear, e os profesionais da escena, na súa escala e coas súas ferramentas tamén a poden crear, pero moito me temo que dificilmente se non é desde unha estratexia concertada entre as empresas, os propios profesionais, as administracións públicas e a cidadanía, polo menos aquela parte da cidadanía que está vertebrada socialmente a través do tecido asociativo. Hai preto de 45 anos un grupo de artistas, co apoio do movemento asociativo e con axudas puntuais dos poderes públicos, creou na cidade do Porto a cooperativa de servizos artísticos Árvore. Hoxe ten milleiros de asociados de todas as pólas da cultura, xestiona programacións e circuítos culturais estábeis en numerosas cámaras municipais do país veciño, imparte formación nunha infinidade de disciplinas artísticas desde preescolar até o ensino superior, dispón de espazos propios e versátiles para a exposición e a representación, ten produtoras, distribuidoras, editoras, librarías, en definitiva, é un potente axente xerador de opinión, de tendencias e de dinamización do panorama cultural portugués, e, xunto coa Fundación Barrié e a Calouste Gulbenkian, un dos maiores complexos culturais da Península. E todo iso, repito, cun bo proxecto, aproveitando recursos comunitarios e asociativos e con apoios puntuais da Administración. Con todo isto non quero dicir que se poida replicar aquí e agora unha outra cooperativa Árvore: só digo que hai experiencias exitosas que parten da interrelación entre artistas, cidadáns e administración, e que habería que analizar as claves desas boas prácticas para tirar todo o coñecemento posíbel e afastar o fatalismo conservador en que estamos en risco de caer. E tamén digo que a demanda se pode crear.

E como? Como crear unha demanda cultural estábel e sustentábel que dunha vez ofreza mellores perspectivas aos nosos creadores até propiciar un desenvolvemento cultural en Galicia que non dependa exclusivamente do talento e o empeño puntual de certas individualidades? Como facer que oferta e demanda se retroalimenten? Pois eu entendo que primeiramente depende da formación da cidadanía na cousa artística, ou sexa, en xerarlle á cidadanía a necesidade do consumo cultural e en dotala das capacidades para poder aniñar novos valores. Esta formación non só debe centrarse no ensino regrado para os máis pequenos, senón que debe achegarse o máximo posíbel a onde está a maioría da poboación, por exemplo nos barrios, a través dos locais das asociacións de veciños ou dos centros socioculturais, espazos que en ocasións están infrautilizados e que precisan de novas actividades que enchan de vida as súas instalacións. Se a formación desemboca na creación e na representación dunha obra, tomando como leitmotiv as propias temáticas dese barrio, e desde unha linguaxe estética intelixíbel polos veciños, mellor que mellor: conseguiremos atraer a atención e o interese das persoas no feito teatral, e os profesionais poderán recompilar información arredor dos gustos dese público.

O segundo consello para potenciar a demanda é, ao igual que no caso da investigación ou da formación, ir alí onde están as persoas no seu tempo de ocio, sacar o teatro do teatro e levalo alí onde a xente se socializa, aproveita o seu ocio e xera referentes de identificación. Aí os e as contacontos, o Festiclown ou En pé de pedra pódenos servir de referencia orientativa. Enténdaseme ben, non insinúo que haxa que periclitar a obra teatral sobre un esce-nario fixo e substituíla por estas outras manifestacións: só indico que algunhas prácticas a pé de rúa permiten achegarse ao común da poboación e xerar novos espectadores casuais, co de positivo que isto ten para o conxunto do teatro galego. Para iso os pequenos formatos, con baixos custes de instalación, son decisivos.

O terceiro consello, en liña co anterior, sería o de non llo pór difícil ao persoal. Canto máis se consolide un circuíto de repre-sentación, canta máis continuidade no tempo teña unha iniciativa cultural, canto máis claro e sinxelo sexa o motivo desa actividade, canto máis se unifique e simplifique o proceso de publicitación (por exemplo: un único boletín permanente ao modo da cidade do Porto), mellor que mellor: facilítase que o público interiorice ese evento e axuda a xerar imaxes de marca fortes e nítidas. Por exemplo, eu sei que en novembro é Cineuropa, e sei que é cinema europeo, lonxe das pautas de Hollywood, e até sei que é un acto de socialización.

Recapitulando o comentado até o de agora, eu diría que habería que actuar sobre ambas as frontes, o coñecemento da demanda e a xeración de público, e que estes dous grandes obxectivos non son contraditorios senón complementarios, e mesmo que pode haber propostas de síntese. Unha proposta de síntese, moi en liña coas técnicas participativas que antes mencionamos, sería a de crear nas cidades Mesas de Traballo entre os profesionais do teatro, representantes dos movementos asociativos e técnicos da Administración Local para analizar a situación existente e deseñar circuítos culturais de base que puidesen ser testados periodicamente e, no seu caso, reorientados. Así, non só lograriamos involucrar os recursos asociativos e comunitarios na implementación de novas propostas culturais (estimulando a creatividade social, dispoñendo de locais de ensaio e representación, habilitando canles de difusión informais), senón que obteriamos información periódica dos gustos dos consumidores, ademais de facilitar a irrupción de novos creadores na esfera máis local, achegando a cultura á vida cotiá da xente. Esta proposta fundaméntase no que desde hai tempo vén denominarse 'arte colaborativa', e que consiste en rachar coa idea romántica do artista como un individuo tocado polos deuses e imbuído polo xenio, para traballar nunha nova arte máis colectiva, máis laica, cunha maior utilidade social e implicada nas problemáticas da cidadanía. Poderán achar exemplos desta corrente no traballo do grupo de artistas madrileños 'La Fiambrera Obrera', que xa levan uns anos poñendo a súa creatividade a disposición de diferentes movementos sociais ao tempo que elaboran estratexias de fomento da expresividade da cidadanía. Unha das actividades que poderían impulsar estas mesas de traballo, e agora falo a título estritamente persoal, como unha ocorrencia do momento, sería a de promover cursos de teatro nas asociacións de veciños que resultasen na creación de obras con temática local, con actores seleccionados entre os veciños, e que desemboquen nunha competición teatral entre os diferentes barrios dunha cidade. Obviamente debera rematar coa concesión dun premio. O porque da competición é que resulta un forte estímulo inicial gravado a ferro en todos nós, un anzol que unha vez tragado poderá reverter promovendo unha cultura da cooperación, como ben saben os técnicos que traballan nos diversos planos sociocomunitarios que hai en funcionamento en Galicia.

Referentes

No eido cultural, e nomeadamente no musical, Irlanda e Brasil son unha referencia. E non son unha referencia porque alí se investisen cantidades mareantes de fondos públicos en enormes contentores de cultura. Son unha referencia porque alí onde vaias, en calquera casa, en calquera bar, sempre haberá alguén con coñecementos musicais para improvisar unha melodía, o que representa un enorme caldo de cultivo de propostas musicais que logo se traduce nunha formidábel produción e nun público expectante e inquieto. Ese traballo de choiva fina, desde a comunidade, no día a día, é o que despois permite que eses países irradien coma focos vivos de creación, e o que fai que alí a música sexa un factor relevante no seu desenvolvemento social, económico e cultural. Aquí, ao igual que noutros lugares, pódese facer, sexa a través do teatro ou de calquera outra disciplina artística. Só se precisa unha boa idea e un proxecto cooperativo que aglutine os profesionais, a cidadanía e a Administración, e que mire máis alá do curto prazo das seguintes eleccións. Trátase de facer políticas estruturais.

 
 

   Atrás       Subir