Moïse Dikoff
Escrito con el viento - 2005
Madeiras, cobre, bronce e plumas - 27 x 85 cm.
 

As políticas culturais na administración local galega: a situación dos municipios da Comarca da Mariña Central

Mª Pilar López
Lic. en Pedagoxía e Técnica de Cultura do Concello de Foz
 

Recentemente celebrado o aniversario dos vinte e cinco anos do importante e fundamental cambio estrutural que supuxo o paso do réxime da ditadura á democracia atopámonos nun bo momento para volver a vista atrás e facer unha análise do camiño percorrido nos entes locais. Esta análise xustifícase, ademais, porque a andaina a que nos estamos a referir se realizou partindo dun substrato caracterizado principalmente por un escurantismo cultural froito do peche da porta ás correntes que circulaban por Europa.

No ano 1979, coas primeiras eleccións municipais, a situación herdada causada polo desinterese do goberno franquista por Galicia reflectíase en todas as áreas; total carencia de infraestruturas de primeira necesidade sobre todo nos concellos rurais e semiurbanos: abastecementos de auga, saneamentos, iluminación pública, recollida de lixo etc. As primeiras corporacións locais democráticas recibiron uns concellos sen recursos humanos, tecnolóxicos e financeiros, que se viron na necesidade de emprenderen importantes proxectos de futuro para os cales carecían de coñecementos e experiencia.

Por iso, as institucións estatais tiveron que realizar un tremendo esforzo poñéndose “mans á obra” para traballar a reo cara ao desenvolvemento social e cultural do país co fin de acadar as cotas dos nosos veciños europeos. Os municipios galegos menores de 10.000 habitantes de condición eminentemente rural ou semiurbana experimentaron un proceso evolutivo no ámbito cultural que supuxo un grande esforzo de políticos, administración e, sobre todo, da cidadanía, xa que a cultura, case sempre asociada ao lecer, ficara relegada a un segundo, terceiro e ata a un apenas imperceptible plano, ao ser primeiro preciso acometer as reformas estruturais-sociais máis elementais. Nas cidades, a andaina cultural era ben distinta, con xa significativos orzamentos asignados á cultura aínda que esta fose de escaparate.

Temos claro que a situación de desenvolvemento cultural actual, mellor ou peor, en que nos atopamos é o resultado dese proceso evolutivo que vén deseñado por multitude de circunstancias e factores determinantes que interactuaron durante a transformación acaecida no último cuarto de século. Chegados a este punto e despois deste moi xeneralizado percorrido, a cuestión é: estamos onde pretendiamos?, conseguimos as metas fixadas?, cales son os obxectivos de futuro?...

Como traballadora no eido da cultura na administración local galega, tiven a oportunidade, co motivo da realización dos cursos de doutoramento, de poder realizar unha investigación coa pretensión de dar resposta a moitas das miñas inquedanzas.... Baixo a inestimable, sabia, e moi paciente dirección de D. Antonio Caride Gómez, profesor doutor no Departamento de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Santiago, realizamos un traballo de investigación que leva por título “As políticas culturais na administración local galega. A situación dos municipios da Comarca da Mariña Central”, un estudo da evolución da política cultural durante estes vinte e seis anos nos Concellos de Alfoz, Burela, Lourenzá, Mondoñedo, Foz e O Valadouro.

Cales eran os obxectivos que pretendiamos acadar neste estudo? Principalmente, obter unha panorámica xeral da política cultural municipal que se estaba a aplicar nos seis municipios da comarca. Ademais, e xa máis especificamente queriamos obter información sobre a tipoloxía desas políticas culturais que se estaban a desenvolver, así como identificar os obxectivos finais e a súa proxección nun futuro inmediato.

O porqué da elección desta unidade xeográfica como obxecto de estudo obedece a varias causas: principalmente, polo meu interese persoal como técnica de cultura dun destes municipios e a situación especial desta comarca, como unha das zonas de Galicia onde máis tarde se deixaron sentir as inquedanzas culturais por parte da administración central e municipal, o que pensamos reflectía un proceso evolutivo tardío a respecto doutras áreas xeográficas.

O traballo estruturámolo en tres partes. A primeira corres-pondente ao marco teórico e que levaba por título “As políticas culturais en Galicia”, a segunda referida aos procesos meto-dolóxicos e á contextualización da zona da Mariña Central, e a terceira parte onde se expón o traballo empírico propiamente dito e que leva como título “O feito cultural municipal nos seis municipios da Mariña Central Luguesa”.

Debido á amplitude do traballo intentaremos deseguido sintetizar as conclusións o máis posible, pola limitación de espazo que este tipo de publicación implica e que, aínda por riba, tan indulxentemente puxeron á nosa disposición. Seremos o máis breves posibles, comprometéndonos a atender a quen desexar obter unha información máis exhaustiva.

Política cultural

Establecemos como punto de partida, do noso estudo, a importancia dos municipios como organismos públicos e democráticos máis axeitados pola súa situación estratéxica de proximidade ao cidadán para activar o desenvolvemento cultural dun pobo a través de implementación de políticas culturais estables, comprometidas e responsables.

A transcendencia que cara ao desenvolvemento posúe a implementación dunha determinada política cultural por parte das institucións públicas fai preciso a realización dunha fonda reflexión. Por iso, faise necesario a análise das políticas culturais nas pequenas vilas, para contribuír a paliar a escaseza de investigacións sobre políticas locais, e aproveitar a experiencia acumulada neste campo nos últimos anos para sinalar os camiños que hai que seguir dentro da ampla diversidade local.

A realidade cultural da administración local galega rural e semiurbana é o resultado dunha confluencia de múltiples factores dos que foron especialmente transcendentes: o herdo cultural do réxime franquista e o marco normativo en que se localizou o período democrático constituído principalmente pola Constitución de 1978, influenciada polo modelo de política cultural francesa, e a Lei de bases de réxime local que dotou os municipios de limitada capacidade de actuación, escasos recursos económicos e estruturas ríxidas moi burocratizadas.

Por todo o anteriormente exposto, e de termos en conta que a política cultural municipal é tamén unha consecuencia directa da política cultural nacional, a realidade dos municipios galegos, canto ás actuacións políticas se refire, deu como resultado unha práctica da administración local definida pola tese da naciona-lización e a tese xerencialista postulada por Quin Brugué e Ricard Gomá (1998: 16-17).

O resultado pódese simplificar segundo a tese da nacionalización que postula a escasa importancia que se lle concedeu á administración local desde instancias superiores, o dominio dos intereses nacionais sobre os locais, o dominio electoral dos partidos políticos que nacionalizaron e homoxeneizaron a vida política local así como o control vertical e xerárquico que proporcionou escasos recursos. A tese xerencialista coa despolitización dos concelleiros locais que se converteron en operarios ao servizo da comunidade e os partidos políticos actuaron como oficinas de emprego, colocando os seus membros en postos de responsabilidade operativa.

A tese da nacionalización deu paso, a finais dos anos noventa, na maioría do territorio español, á tese do localismo, que supón a revitalización do goberno local e dos seus representantes que deixan de ser elos na cadea de mando para se converteren en actores políticos e económicos relevantes. Esta tese floreceu coa entrada das novas tecnoloxías que permitiron á administración local aumentar a capacidade de actuación e de servizos aos cidadáns xunto cun protagonismo cada vez maior dos entes locais como os máis axeitados para coñecer e solucionar os problemas e ofertar servizos aos veciños pola súa situación privilexiada de proximidade á cidadanía.

A tese xerencialista foi substituída pola tese da repolitización, consistente na redefinición do papel dos partidos políticos que se politizan no ámbito local e a consolidación das estruturas de xestión estables e independentes da actividade dos/as concelleiros/as.

Neste traballo constatamos que o localismo e a politización comezan a se introducir na vida política cultural local aínda que a tese xerencialista está incrustada nas máis profundas raíces locais da Galicia rural.

Encadramento histórico e actualidade

Así limitados e influídos polas anteriores características os muni-cipios galegos iniciaron dende o ano 1979 unha andadura que imos encadrando historicamente segundo a evolución das políticas culturais locais nos municipios rurais e semiurbanos:

- Unha primeira etapa dende 1979-1988: o espertar municipal e o comezo do cambio, coa posta en marcha da democracia e dos gobernos municipais, que tiveron que se enfrontar aos graves problemas infraestruturais herdados do franquismo. Nesta etapa apenas hai tempo para lle dedicar á cultura e moitos menos orzamento.

- Unha segunda etapa dende 1989-1995: ou da xestión cultural, co comezo do interese pola cultura por parte da administración, a contratación de profesionais neste ámbito e a implementación das primeiras políticas culturais. É a etapa da democratización cultural para a zona rural e semiurbana e do paradigma da democracia cultural nas cidades.

- A terceira etapa dende o ano 1995 ata finais de século: ou do consumo cultural. Son os anos do “boom cultural” dos produtos das empresas e da industria cultural, o supermer-cado cultural dos obxectos de consumo rápido, a cultura do pano de papel, de usar pouco e tirar máis (Puig 2000: 23); son tamén os anos do boom do asociacionismo que enriquece a vida cultural das vilas coa aparición de todo tipo de asociacións (asociacións culturais, deportivas, xuvenís, de amas de casa, de mulleres rurais, de viúvas, folclóricas, musicais, gastronómicas etc.).

Esta terceira etapa é tamén a do recoñecemento social e transcen-dencia da figura do xestor cultural. Os municipios co-mezan a privatizar os seus servizos e a figura do xestor cultural acada unha transcendental importancia como unha estratexia de intervención cultural, en canto técnico planificador e optimizador dos recursos e infraestruturas culturais que comezan a proliferar aparecendo por toda a xeografía galega centros sociais, casas de cultura, oficinas de desenvolvemento local, oficinas de información xuvenil etc.

- A cuarta etapa dende o comezo do novo século ata hoxe: a eclosión cultural municipal e a nova concepción da cultura como desencadeante do proceso de desenvolvemento. Agora un novo cidadán, cada vez máis culto e con gustos máis diver-sificados, esíxelle á administración local unha maior eficacia, un maior rendemento nas súas actuacións e a capacidade para secundar o proceso de modernización que esta non é capaz de atender.

Metodoloxía

Na parte práctica do noso traballo pretendemos recoller información sobre os medios técnicos, económicos e os equipamentos culturais locais co fin de pescudar as liñas e os programas municipais no ámbito cultural. Para isto realizamos un estudo de campo seguindo catro vertentes xustapostas e utilizando distintas estratexias:

- Investigamos os recursos físicos, teóricos, materiais, humanos e económicos na área de cultura de cada un dos seis concellos da Mariña Central para o cal realizamos unha ficha descritiva dirixida ao responsable político da área de cultura (concelleiro de cultura ou alcalde) de cada concello.

- Determinamos cal é o labor que os técnicos culturais están a realizar e a súa percepción da realidade cultural, servíndonos de enquisas semiestruturadas dirixidas aos responsables técnicos dos departamentos de cultura de cada un dos municipios.

- Analizamos a política cultural proposta nos programas electorais dos grupos políticos que logo accederon ao goberno do municipio, e detivémonos especialmente na análise dos programas electorais presentados polos partidos gobernantes ata a última lexislatura (2003-2007)

- Establecemos cal era a política de equipamentos culturais segundo a evolución sufrida nestas instalacións ao longo destes anos nos diferentes municipios. Para iso, elaboramos cuestionarios específicos para os responsables de cada un dos equipamentos culturais dos concellos.

Alén disto, elaboramos fichas sintéticas de cada un dos municipios relativas aos datos económicos e sociais, aos datos básicos dos equipamentos culturais principais consultando numerosas fontes secundarias, fundamentalmente arquivos das delegacións comarcais e locais dos partidos políticos, arquivos municipais, publicacións locais, anuarios, censos, informes etc.

Localización e breve descrición

A comarca referida do noso estudo está situada no centro da Área Funcional da Mariña Luguesa e integrada por seis concellos: Alfoz, Burela, Foz, Mon doñedo, Lourenzá e O Valadouro. De todos eles, Burela é o concello máis novo, constituído a partir da escisión do Concello de Cervo no 1994.

Entre todos os municipios que a forman é posible realizar unha clara diferenciación entre os municipios costeiros, Burela e Foz e os de interior, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e Valadouro. A dualidade terra-mar ou interior-costa son conceptos intrínsecos na historia da Mariña definitorios das súas raizames. A vinculación co mar traza a historia de Foz e de Burela, caracterizada por unha forma de vida, unhas tradicións e uns costumes en que o mar e a súa vinculación con el é inherente na identidade forxada. Por outra banda, Alfoz, Mondoñedo, O Valadouro, Lourenzá, son entidades cun modo de vida e unha tradición vinculados á terra, asentados en dous fértiles vales. O campo, o minifundismo, a gandaría, a terra verde e fértil forxaron a súa identidade histórica.

O posicionamento xeográfico costeiro e de interior determina que os municipios do litoral, Foz e Burela, sexan os de máis elevada poboación, preto dos 10.000 habitantes, mentres os outros catro están por debaixo dos cinco mil: Mondoñedo con 4.987, seguido xa moi de lonxe por Lourenzá (2.779), Alfoz (2.398) e O Valadouro (2.371). A suma de poboación dos concellos de Foz e o de Burela representa o 58,66% do total de habitantes da Comarca.

A actividade económica da poboación da Comarca da Mariña Central mercantilízase entre a industria, a pesca, a gandaría, o turismo e o sector servizos. O espectro socioeconómico é, maioritariamente, de clase media.

A industria de ALCOA (Alumina-Aluminio), en San Cibrao (Cervo) concentra no seu cadro de persoal gran parte da poboación activa da Mariña Luguesa. A instalación desta fábrica e o crecemento da pesca de altura no Concello de Burela deu o pulo definitivo cara á eclosión e a “terciarización” da economía da Mariña, significando un antes e un despois no sector econó-mico e cultural da zona.

En xeral, o sistema produtivo é moi diversificado cun sector primario moi importante, a pesca ten un peso considerable ao situarse Burela como un dos portos máis importantes da cornixa Cantábrica e o potencial forestal da comarca é un dos piares fundamentais de desenvolvemento dos municipios de interior.

Relacionado cos órganos de goberno políticos dos propios municipios da Mariña Luguesa, cómpre indicar que o panorama político non sufriu ningún cambio durante as últimas tres lexislaturas (1999-2003). Cinco dos concellos están dirixidos por un goberno pertencente ao partido popular e un polo PSdeG-PSOE. Todos os equipos gobernan cunha maioría sólida, sen coalicións con outros grupos políticos e dende hai polo menos dúas lexislaturas.

Polo que atinxe ao nivel educativo da poboación, a metade da poboación da Mariña Central non ten ningún tipo de formación específica, un feito que se agrava no caso do sexo feminino con preto do 54% de mulleres sen ningún tipo de formación. A taxa de analfabetismo rexistra niveis superiores que a taxa media galega e provincial, as dúas do 2,1%. As taxas de analfabetismo masculino son iguais ou inferiores á media galega e provincial, mentres no caso das taxas de analfabetismo feminino a comarca rexistra valores (3,1%) superiores ao total provincial (2,9%) e galego (3,1%).

Os concellos litorais de Foz e Burela son tamén os que máis porcentaxe de poboación total posúen con estudos (o 53,7% da poboación ten o bacharelato elemental e/ou algunha formación máis) seguidos do Concello de Mondoñedo cun maior índice de estudantes universitarios. É nestes concellos limitados co mar cantábrico onde se concentran tamén os centros de ensino de secundaria obrigatoria, bacharelato ou formación profesional, dándose a maior oferta de formación profesional regrada no Concello de Burela. É salientable tamén que en toda a comarca non hai ningunha escola de estudos universitarios medios ou superiores.

O feito cultural municipal nos seis municipios da Mariña Central luguesa

A análise da ficha descritiva de cada un dos seis concellos mariñaos deu como resultado que os recursos humanos dos seis concellos da Mariña son moi escasos nos municipios de Alfoz, O Valadouro e Lourenzá, mentres que son insuficientes nos concellos de Foz e Burela. Polo que atinxe á distribución dos técnicos de cultura é moi desigual nos municipios. Pero é moi salientable que nos concellos con escasos recursos humanos como Alfoz, O Valadouro ou Lourenzá, realicen un esforzo loable e conten con dous traballadores como mínimo na Área de Cultura; os concellos do litoral son os que máis persoal teñen nas súas delegacións culturais con catro traballadores fixos. Todos os municipios utilizan persoal eventual para cubriren moitas das necesidades culturais, sobre todo contratados do Plan Labora da Xunta de Galicia.

Referido ao orzamento, o desequilibrio nas apostas pola cultura en anteriores lexislaturas provocou que na actualidade as porcentaxes do orzamento total municipal investidas nesta área presenten perfís extraordinariamente irregulares. Os concellos que máis invisten en cultura son os de litoral. Así para o ano 2005 Foz dedicou á cultura un 5,82% do orzamento total anual, Burela un 4,94%, Mondoñedo un 4,95%, O Valadouro un 1,99%, Lourenzá un 0,85% e Alfoz un 0,39%.

Trátase, en xeral, dun exiguo orzamento nas áreas culturais, o que nos suxire unha escasa capacidade no deseño de programas. Esta limitación dos recursos materiais fainos pensar nunha oferta puntual, máis preto do modelo de política de “democratización da cultura” que da “democracia cultural”.

Das áreas de cultura e dos técnico culturais municipais

A acción da xestión no ámbito cultural nos municipios da Mariña Central caracterízase por ser unha actuación desorganizada onde se mesturan as actuacións políticas e as técnicas, nunha promiscuidade máis transcendente canto máis eminente se fai a acción da política cultural.

Esta realidade repítese en demasiados pequenos municipios galegos como consecuencia, en primeiro lugar, da inexistencia dun marco estratéxico de actuación no ámbito cultural e, en segundo lugar, dun marco operativo; ambos os dous son pasos decisivos para se cumpriren se queremos que as realizacións da práctica cultural teñan un sentido e un fin. Definir un marco estratéxico supón, segundo Gómez (2004: 69), primeiro a política, que non é facer, senón orientar a acción, para pasar despois á definición dun marco operativo, tendo claro onde nos gustaría chegar.

Neste contexto, é preciso diferenciar as funcións do xestor da de político, pois a falta de criterios específicos dentro de cada un dos concellos para establecer esta diferenciación ocasiona numerosos problemas e intromisións. O político non é xestor e o xestor non é político; como sinala Gómez (2004: 69), a política cultural non é unha cuestión exclusiva do concelleiro de Cultura, o técnico de Cultura non é o único xestor e as actividades son medios para un fin non un fin en si propio.

A política cultural con respecto ao perfil esixido para a contratación dos técnicos culturais municipais ofrece un panorama confuso, cunha concepción ambigua e heteroxénea de traballadores “para todo” e con calquera formación. En xeral son escasas as accións formativas e case sempre sen remunerar. Os labores que realizan os/as técnicos/as, son moi diversos, ocupando unha gran cantidade de tempo en quefaceres administrativos propios doutro tipo de profesionais (facer fotocopias, deseño e impresión de carteis ou folletos informativos etc.), ademais de realizaren tarefas propias dun secretario do concelleiro de cultura ou do alcalde. Os técnicos teñen un papel máis como xestores que como orientadores ou deseñadores de programas onde se produza a participación.

Pola contra, os departamentos culturais están dotados segundo os/as técnicos/as dos efectivos suficientes para o desenvol-vemento do seu traballo. A cantidade, a calidade e a dispo-ñibilidade dos equipamentos nas delegacións de Cultura da Mariña Luguesa é, segundo os técnicos, axeitada.

Os criterios seguidos no deseño da programación nos concellos da Mariña Central son distintos segundo sexan de interior ou costeiros: en Alfoz, O Valadouro e Lourenzá realiza a programación o/a técnico seguindo criterios de carencias observadas na poboación, pedimentos de asociacións ou grupos de veciños, ciclos festivos cun intento de reparar as carencias culturais e atender os intereses da cidadanía. Os criterios nos concellos costeiros de Burela e Foz quedan supeditados en todo momento ás directrices políticas xa que o protagonismo do deseño da programación da acción cultural correspóndelle ao concelleiro de Cultura.

En referencia ás actividades e aos programas culturais postos en marcha, os concellos do interior, ante a falta de recursos deben botarlle máis imaxinación e realizar actividades de menor custo, como concursos, talleres para a terceira idade e xuventude, charlas, animación á lectura, excursións etc. Nos municipios costeiros, as representacións propias da difusión cultural, teatro, concertos etc., acadan o primeiro lugar na programación seguidas das exposicións organizadas todo o ano. En terceiro lugar, prográmanse actividades propias da tempada como, o Nadal, a Cabalgata de Reis, o Entroido ou as festas de verán. Séguenos os obradoiros, as charlas e conferencias, sobre todo dirixidas á terceira idade, no caso do Concello de Foz e os cursos de formación e de ocupación do tempo de ocio como os de manualidades que se programan uns meses durante o ano e que se dirixen, especialmente, ás amas de casa.

Con respecto ao financiamento, este procede basicamente do orzamento municipal, de subvencións da Xunta de Galicia e, en raras ocasións nos municipios do litoral, dalgunhas entidades bancarias. Hai que subliñar a independencia que a Delegación de Cultura posúe ao non se producir colaboración nin programas integrais para o desenvolvemento local. Non existen proxectos culturais con carácter comarcal, nin colaboración, coordinación e intercambio entre os diferentes concellos, algo que si se produce, moi de cando en vez, entre as distintas delegacións do propio municipio.

Dos equipamentos de cada un dos municipios

Nun período inferior a quince anos, os municipios da Mariña Luguesa dotáronse cos equipamentos considerados pola política cultural dos equipos de goberno municipais necesarios para o funcionamento e o desenvolvemento da cultura local; así, na década de 1990 e nos primeiros anos de 2000 prodúcese nos municipios da Mariña Central unha auténtica eclosión equipamental de infraestruturas dedicadas á actividade cultural.

A política cultural dirixiuse en dúas direccións paralelas: en fornecer de infraestruturas culturais os núcleos urbanos para uso da propia administración local, etapa da profusión dos equipamentos de centralidade; e a etapa dos equipamentos de territorialidade, orientada á solución dos problemas derivados da falta de locais das asociacións.

En primeiro lugar, dotáronse os municipios de edificios centralizados situados nos centros urbanos e máis emble-máticos culturalmente, como é o caso das casas da cultura, e que cobren necesidades básicas emerxentes na sociedade. En segundo lugar, a política cultural equipamental diríxese á provisión de infraestruturas diseminadas no territorio para uso das asociacións culturais e cunha área de influencia limitada á parroquia.

Esta política está en pleno auxe de execución e consiste na dotación de infraestruturas culturais en todo o territorio muni-cipal, durante moito tempo reivindicadas polas asociacións aproveitando, en moitos casos, os edificios das vellas escolas unitarias, que se atopaban, na súa maioría, en situación de auténtico abandono. Isto dá como resultado un total de corenta e nove equipamentos totais da Mariña Central, doce (24,49%) están situados nos centros urbanos ou nos principais núcleos poboacionais. Alfoz, Burela e O Valadouro contan cun único equipamento principal, mentres que Foz, Lourenzá e Mondoñedo posúen tres centros culturais de distinta índole en cada un dos seus respectivos centros urbanos.

Temos, por tanto, un balance positivo canto á dotación de equipamentos e de infraestruturas mais negativo canto á planificación puntual en función da conxuntura política, ao non existiren programas a longo prazo. A política cultural dos municipios cumpría un duplo obxectivo; por unha banda solucionaba a débeda coas asociacións de base na asignación de locais e, por outro, cumpría co compromiso da descen-tralización da cultura, aínda que non dos servizos, por parte do municipio.

Polo que atinxe ao control dos equipamentos da Mariña Luguesa, esta está en mans da administración local nun 81,63 % e só o 18% restante depende das asociacións que son as propietarias dos equipamentos. En ningún caso dependen de ningunha outra administración que non sexa a local. A postura da política cultural con respecto aos equipamentos é de control, cun importante dominio municipal sobre as infraestruturas.

As propostas e actuacións da política cultural nos programas electorais

En xeral, ao observar os obxectivos formulados por cada un dos partidos políticos que optaron a rexer un destes municipios, podemos decatarnos de todo o que queda por facer nas áreas de cultura nesta zona da Mariña Luguesa, unha situación perfec-tamente extrapolable a outras zonas rurais de Galicia. Comprobamos que non existe ningún tipo de deseño nin de perfil das políticas culturais locais, así como ningunha liña de acción coordinada que programe e posibilite un desenvol-vemento cultural parello ao desenvolvemento social.

A política cultural oriéntase cara a criterios de xestión, con programas individualizados e independentes dos enfoques sociais, educativos, xuvenís e de ocio. As actuacións en política cultural nestes concellos céntranse, por unha banda, na promoción de programas orientados ao consumismo e, por outra, na potenciación das prácticas socializadoras. Mestúranse, por tanto, os dous modelos de política cultural clasificados por Bouzada (2000: 23) como “modelo popular participativo e sociocultural”ou da “democracia cultural” e “modelo do consumo individual ilustrado” ou o da “democratización cultural”.

Prospectivas

Nestes poucos anos foron moitos os avances conseguidos. O balance é positivo e optimista con respecto ás infraestruturas, multiplicáronse os servizos, os equipamentos e tamén os recursos. Os municipios foron pezas chaves na recuperación do atraso no ámbito cultural local. Pero queda moito por facer, a fachada da cultura local é prometedora, agora hai que encher o interior abastecéndoo de programas e de proxectos impulsados por unhas políticas culturais con obxectivos claros.

Temos claro que as estruturas ríxidas dos entes locais deben substituírse por un sistema máis próximo á empresa privada que leve parella unha maior profesionalización, debendo mudar a súa estrutura de organismo pechado por unha organización que permita os procesos fluídos de negociación e financiamento, para así se adaptar aos cambios económicos e sociais do século XXI.

Por outra banda a coordinación dos tres sectores organizativos, administracións, empresas e asociacións, inexistente na Mariña, é fundamental na procura de satisfacer e/ou espertar as necesidades culturais nos cidadáns establecendo unha postura de diálogo e de cooperación coa sociedade. É preciso estimular a demanda cultural e facer a sociedade partícipe da creación da cultura.

Vese a necesidade urxente dunha reformulación da política cultural con respecto aos equipamentos e aos seus ocupantes, onde o municipio abandone o papel de promotor e de liderado para se converter nun colaborador. Por outra banda, tamén é impres-cindible a creación dunha rede de equipamentos, tanto dentro do municipio como intermunicipal, cunha planificación conxunta e após o proxecto e o estudo das necesidades e das carencias.

A formación é unha das materias pendentes, pero a formación é tan necesaria para os técnicos como para os políticos. O plano que se debe seguir queda perfectamente resumido por Álvarez (2003: 164):

[…] o que agora urxe son gobernos con ideas claras e proxectos solventes. Que dirixan no canto de xestionar. Que prioricen no canto de confundir. Que articulen os intereses sociais e resolvan os conflitos da comunidade. Que recuperen a expresión democrática do poder político local e a sitúen en niveis semellantes aos que teñen outros gobernos. A iso chámaselle repolitiza-la institución municipal. Algo así como pór as cousas no seu sitio.

Bibliografía

Álvarez, C. (2003): A rebelión municipal. Unha esperanza para Galicia. Vigo: Editoral Xerais.
Gómez, R. (2004): “Políticos e Técnicos Municipais: metodoloxías e linguaxes para unha acción común”. En Pose, H. (coord.) (2004): interea 2004. A formación na acción cultural local. Actas Interea 2004. Documentos de Cultura. A Coruña: Deputación da Coruña, pp. 69-73.
Quin, B. e Ricard G. (coords.) (1998): Gobiernos locales y políticas públicas. Bienestar social, promoción económica y territorio. Barcelona: Ariel Ciencias Políticas.
Puig, T. (2000): “Las nuevas relaciones entre asociaciones y municipio para la cultura de la ciudadanía. O como plantearse la gestión relacional de la cultura en el milenio” en Bouzada, X. (coord.) (2000): Cultura e Concellos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, pp. 21-33.
Bouzada, X. (coord.) (2000): Cultura e Concellos: as estratexias da promoción cultural no ámbito local. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

 
 

   Atrás       Subir