As
escolas culturais de Culleredo: da democracia cultural á transformación
social
Pablo Bouza
Técnico de Cultura
No ano 1987, na segunda lexislatura municipal democrática, a corporación
municipal de Culleredo comeza a sentir preocupación sociocultural por
dotar a cidadanía de equipamentos axeitados en que poder desenvolver programas
culturais cos que transformar estruturalmente a sociedade civil principalmente
a través da participación, tanto como axentes activos no proceso cultural
como na xénese deste.
Facendo brevemente algo de historia, antes da chegada da demo-cracia,
no noso concello e no país o acceso á cultura estaba limitado ás clases
máis favorecidas e a posibilidade de participar nas transformacións sociais
non existía nada máis que para uns poucos.
Esta corporación do 87 pretende transformar estruturalmente a sociedade
a través da participación de todos, que todos poidan ter acceso á información,
tomar posición e ser responsables da nosa propia evolución participando
activamente, organizándose e mobilizándose teren todos acceso á cultura.
O desenvolvemento acadado en infraestruturas, en urbanismo e investimentos
de todo tipo realizados nos últimos vinte anos en Culleredo, quedaría
incompleto de non ter apostado por unha planificación cultural que permita
o desenvolvemento integral, físico e intelectual dos/as veciños/as de
todos os sectores poboacionais nun contorno axeitado que permita incrementar
a súa formación enchendo de contidos os cada vez máis numerosos momentos
de lecer.
O Concello de Culleredo pode gabarse de acadar nestes últimos anos un
dos primeiros lugares entre os municipios galegos canto á cantidade e
calidade dos servizos dispoñibles.
As claves do éxito da actuación cultural baséanse nas seguintes premisas
á hora de definir as estratexias de planificación e programación das ofertas
dos servizos culturais:
A.- Descentralización
das parroquias, tanto das infraestru-turas como dos servizos complementarios.
B.- Acción sectorial, atendendo ás necesidades de cada sector de poboación
(escolares, mozos, adultos, maiores...)
C.-Programación anual de actividades dun xeito continuado, tentando
fuxir de actuacións illadas (Programa de Nadal, Encontros Culturais
da Primavera, Letras Galegas, Verán Cultural, Encontros Culturais de
Outono...).
O programa denominado
Escolas Culturais Municipais nace no ano 1987 como un proxecto que case
vinte anos despois está fortemente institucionalizado e consolidado e
que vén de amosar a importancia que os poderes públicos e sobre todo as
administracións locais, como as máis próximas aos veciños, deben de dar
á chamada “educación para a participación” e a “democracia cultural”.
Este programa constituíu
o xerme fundamental da democracia cultural, a participación activa do
pobo, a organización dos sectores cidadáns, o acceso á cultura, non só
como maneira de adquirir saberes senón considerando a cultura como algo
vivo que se está a facer e se asome, ser protagonista, ser axente activo
da nosa propia evolución. Non é so que uns fan cultura e outros a reciben,
senón que o espectador, o público, pasa a ser participante e actor.
De súpeto un concello
sen apenas actividade cultural chega a unha gran transformación social
cun programa en que non só os/as veciños/as poden ter acceso á cultura
como acto representativo senón tamén como axentes produtores da oferta
cultural.
O programa das Escolas
Culturais está dende os primeiros anos constituído por unha serie de módulos
formativos que se ofertan tanto para escolares como adultos e que abranguen
unha serie de modalidades artísticas e formativas formuladas dende varios
puntos de vista:
1.-Facilitar o acceso
ao primeiro contacto coa actividade artística ou formativa.
2.- Favorecer a ocupación do tempo de lecer.
3.-Potenciar os grupos de formación como instrumentos para o desenvolvemento
persoal.
4.-Potenciar as producións artísticas dos/as alumnos/as como forma alternativa
de xerar nova oferta cultural.
As actividades ofertadas,
que comezan nun principio por proposta do Servizo Municipal de Cultura,
van nos sucesivos cursos adaptándose ás necesidades reais dos usuarios
e ás súas demandas ata chegar na actualidade a un total de 17 especialidades
culturais situadas en distintas parroquias municipais e en que se imparte
docencia de actividades grupais e de carácter artístico, novas tecnoloxías
e ocupación do tempo de lecer dirixido á poboación cullerdense tanto en
idade escolar como adulta, dependendo das actividades que na actualidade
son: Tapiz, Cerámica, Debuxo-Pintura, Óleo, Ballet Danza, Ballet Clásico,
Inglés, Informática, Baile Galego, Gaita Galega, Manualidades, Confección
Industrial, Tai-Chi, Ioga, Baile de Salón, Fotografía e Guitarra. Estas
actividades ofértanse tanto para adultos como para escolares establecéndose
distintos niveis e distintas sedes para a súa impartición.
Estas sedes de impartición
dos diferentes módulos das Escolas Culturais abranguen nun primeiro momento
a case totalidade das parroquias do Concello para ir nun proceso de adap-tabilidade
situándose en centros de maior concentración poboacional sen deixar de
atender en ningún momento as demandas veciñais.
As Escolas Culturais
teñen unha duración coincidente co curso escolar e cobren un total de
83 horas semanais impartidas por un cadro de persoal de 15 profesores/as
posuídores/as de titulación e experiencia docente contrastada e axeitada
ao posto que teñen que desenvolver.
Outra das características
deste programa cultural é a súa accesibilidade para todas as persoas interesadas
posto que o custo está practicamente subvencionado pola achega municipal
nun 90% existindo bonificacións para varios membros da mesma familia,
varias actividades e incluso asistencia social municipal en casos concretos
de familias sen recursos.
Nos últimos anos o interese
da cidadanía cullerdense por este programa vese reflectido no incremento
na matrícula e participación nas diferentes actividades pasando como podemos
ver no seguinte gráfico de 198 matrículas no curso 1990/1991 a máis de
750 nos anos 2004 e 2005.
Como podemos ver no
seguinte gráfico, aínda que nun principio as Escolas Culturais nacen cunha
tendencia a atender a poboación escolar, o alumnado adulto máis reticente,
nun primeiro momento, a participar neste programa axiña comeza a interesarse
por participar nestas actividades coincidindo tamén cunha nova concepción
da cidadanía de aproveitar o tempo de ocio e as novas alternativas de
formación e entretemento que se lles ofrece dende a institución municipal.
Así mesmo os módulos
formativos con máis éxito foron sempre os relacionados co acceso ás novas
tecnoloxías: informática, internet... e os relacionados coa actividade
artística: óleo, debuxo e pintura, tapiz, cerámica...
Así podemos comprobar
como máis de mil persoas asisten a clases de novas tecnoloxías nos últimos
seis anos.
Na perspectiva que nos
confiren dezanove anos de Escolas Culturais pode parecer que é moito máis
sinxelo do que ata aquí lles levo contando, pero non é tal, se analizamos
este longo período de tempo poderemos ver como Culleredo e os seus veciños
se transformaron grazas á súa propia acción, a unha administración local
e unha corporación sensible e consciente das necesidades cidadáns.
E para rematar, e se
queren un exemplo, na última exposición dos traballos dos alumnos e alumnas
destas Escolas Culturais, preto de 100 veciños/as de Culleredo colgaron
na sala de exposicións dos Muíños de Acea de Ama o seu cadro de pintura,
fotografía, peza de cerámica ou tapiz sen teren formación previa ningunha
antes de participar nas Escolas Culturais. Iso é transformación da sociedade
e acceso á cultura para todos. Iso é, en definitiva, democracia cultural.
|