Vivimos á présa. Composta de innumerables fragmentos, é a nosa unha
cultura de zapping. Fragmentos incoherentes, a miúdo, entre si, procedentes
de fontes diversas e de desigual alcance, van axudando a conformar un
xeito de entender a vida, uns estados de opinión pública, mesmo unhas
pautas de conduta. Crecentes canles televisivas ou emisoras de radio,
múltiples cabeceiras de xornais diarios de balde, unha vizosa grella de
revistas periódicas, información a través da telefonía móbil, milleiros
de páxinas na internet poboan a nosa cotidianeidade vital. Extensión e
moita, posiblemente excesiva superficialidade. Lemos os titulares, opinamos
de oido. A sobreabundancia de emisores esixiría unha actitude certamente
profiláctica, un filtrado do que e do como nos contan. A canti-dade ameaza
con levarse por diante á calidade.
Así mesmo, ademais dos hábitos cotiáns de nos informar, as formas de
relación persoal, de esparexemento e de lecer imperantes na cidadanía,
convidan aos responsables políticos e técnicos da administración local
a estar moi atentos a estos cambiantes fenómenos sociolóxicos e as súas
consecuencias. A análise de ditos procederes sociais, sen dúbida, requiren
unha cumprida reflexión, pois non son casuais. Amosan, en definitiva,
un sino dos tempos. De feito, como ben di Rosa Aneiros no seu artigo no
presente número da revista, a historia da comunicación ao longo dos séculos
é a historia do propio ser humano: das súas problemáticas en interacción
cos outros e co medio, as súas incertezas laborais e persoais, as súas
arelas por un contorno de calidade.
A acción cultural pública, en termos de servizos, programas e actividades
non pode obviar as circunstancias que caracterizan a nosa cotemporaneidade.
Máis aínda, tales trazos nos xeitos de vivir e de convivir das persoas,
deben incidir e, de feito, inciden, nos modos e mensaxes que enviamos
á cidadanía. As múltiples canles comunicativas e informacionais maiormente
que existen hoxe en día, son utilizadas para dar a coñecer a oferta que
as administracións, organismos públicos, entidades, empresas privadas
e os axentes culturais en xeral xeran. O quid da cuestión está en ser
conscientes das súas potencialidades para que sirvan de medio eficaz e
eficiente para difundir dita oferta. A revista interea visual é, en si
mesma e como parte dos seus obxectivos, un claro exemplo do que dicimos.
En base ao dito, velaí o cúmulo de reflexións, opinións, directrices,
boas prácticas e recursos que, entre outros contidos, conforman este novo
número arredor de comunicar en cultura. Porque tan importante é deseñar
estratexias e propostas culturais suxestivas para diferentes públicos
como difundir tales accións no tempo e forma de acorde a tales mensaxes,
dende o organismo provincial e en conxunción co equipo do proxecto interea,
optamos por abordar esta temática. É tempo agora de contrastar tal intencionalidade
formativa coa bagaxe experiencial que os axentes culturais da provincia
amosades día a día.
Atrás
Subir