Moïse Dikoff
Unión - 2005
Madeiras - 12 x 17 x 14 cm.
 

Manexados

Xulio L. Valcárcel
Poeta
 

Manexados. Controlados. Programados. Comemos o que nos mandan, lemos o que nos mandan, mercamos o que nos mandan. Somos moi obedientes. E escravos. Do Consumo, deus supremo, e do seu axente, o sistema publicitario, encargado de crear necesidades inexistentes. O gran baleiro existencial, a grande creba emocional, familiar, sentimental, o fondo desnorte das nosas vidas, resulta salvado polo deus Consumo. Un deus insaciable. Conseguido o piso haberá que ir polo chalé, conseguido o Renault haberá que ir polo B.M.W. Sempre devorando e sempre insatisfeitos. Catrocentas marcas de viño, douscentos tipos de iogures, leite gordo, meio e estonado, productos de productos a extremos dunha sofisticación innecesaria e absurda. Escravos de nós mesmos e das nosas neuras, manipulados, dirixidos polas modas, agora ven ancho, agora vai estreito. E nós como borregos dicindo amén Xesús. O gran mostro de inmensas fauces enchendo sempre, a toda hora, en toda causa, o seu bandullo disforme e dilatado. As marcas e o seu culto e por riba de pagar o que no vale –virán as rebaixas a metade de prezo- por unha dete-rminada prenda, o comprador convértese en “home anuncio” dese deseñador, ao parecer un verdadeiro “artista”. E pode que o sexa na arte de facer cartos. Doble abuso: ao que abono demáis pola prenda, engado o facerme instrumento ao servizo dunha empresa que se lucra da propia publicidade. O mesmo acontece nos espectáculos de masas. Pago a entrada e ademáis debo contribuír con gritos e cánticos á confi-guración do espectáculo que sen público non tería sentido, non existiría. ¡E que dicir dos chamados programas “do corazón” nos que láparos, mexericas e choqueiros nos abafan coas súas insufribles miserias !

Cada vez é máis clara a conciencia de sermos manipulados, sobre todo a nivel informativo. A miúdo desde as altas esferas do poder. Agora sabemos que as imaxes iniciais que se nos dixo eran do comezo da invasión de Iraq, correspondían en realidade a unhas manobras militares nun deserto americano. Os telexornais mesturan perigosa e sibilinamente mortes reais con mortes de película. Á final ningunha nos resultará verdadeira, narcotizados fronte á dor allea, ensaiando xogos de morte e de violencia en videos e consolas. Estamos, ou queren que esteamos, manipulados. Controlados. E cómpre reaccionar, ser lúcidos, sermos conscentes do que pasa e actuar en consecuencia. Desde esa perspectiva, a presenza dos intelectuais nos medios de comunicación de masas, debería ser unha constante, exercendo como guías e como referentes, sempre desde a liberdade e desde a pluralidade. Sen dogmas nin prexuizos. Non se trata tanto de orientar, nin de sacar conclusións, como de informar, de asesorar, de ofrecer datos e coñecementos, valoracións e reflexións en voz alta ante un determinado suceso ou acontecemento para que en base a esa información aberta, plural e complexa, a cidadanía esperte, opte, decida e se exprese desde a madurez e desde a tolerancia. En definitiva que teña opinión de seu, que sexa conscente para poder ser libre.

 
 

   Atrás       Subir