A Nasa: unha aproximación
ás salas alternativas

Texto: Xesús Ron

Fotos: Mon22sa

A NASA é unha sala pioneira en Galicia, xa que foi a primeira sala alternativa en abrir as súas portas ao público. Isto ocorreu en 1992, e agora cumpriranse 14 anos de actividade escénica ininterrrompida. Un feito especialmente relevante non só polo que implica de consolidación do proxecto orixinal, senón porque se trata dunha das poucas salas que contan cunha compañía de teatro residente.

A NASA demostrou que hoxe en día tamén é viable a existencia dun teatro estable de iniciativa privada, aínda nunha cidade pequena e cunha importante concentración de oferta cultural pública. E isto é así porque a sociedade o demanda. Neste sentido, a NASA deixou ben clara a súa vocación de servizo público, tanto cara aos creadores como aos espectadores. Aos primeiros ofrecéndolles un centro de recursos artísticos ben equipado, cercano e funcional. Aos segundos garantindolles unha oferta teatral e cultural distinta e plural, que se extende ao longo de toda unha tempada (de outubro a xuño) con espectáculos todas as semanas, e que se converteu nunha das principais ofertas escénicas da cidade de Santiago.

A NASA centra a súa actividade no teatro, a danza e o circo, con prioridade para as produccións propias e as novas creacións, alternándoa cunha esixente programación musical, ademais de ciclos puntuais de performance, poesía, cine, vídeo e intervencións plásticas. Pero a NASA é tamén un centro de recursos artísticos e culturais, que ofrece unha infraestructura e un servizo moi útiles a artistas e compañías e a outros axentes culturais (institucións, asociacións, promotores, empresas, etc.)

O alternativo como actitude

Que significa ser alternativo? O risco, a innovación, a implicación na producción, a potenciación de núcleos creativos e produccións propias, a presencia de novas linguaxes, de novos autores e das compañías máis novas, a promoción de intercambios con outros artistas, etc. son os sinais de identidade das salas alternativas. Algo común a todas elas é a vocación compartida de garantir a existencia dun teatro comprometido artística e socialmente, independente, rigoroso e atento ós problemas e formas da sociedade contemporánea. Porén, trátase dun teatro que prioriza o interese artístico e cultural por riba da súa rendibilidade política e económica e que coida especialmente o carácter artesanal da creación artística máis ca súa dimensión industrial e comercial.

Ademais, o pequeno formato nestas salas non é visto como unha simple limitación de tamaño ou de orzamento, senón como unha forma moi útil e enriquecedora para a comunicación teatral. Por outro lado, outra característica das salas alternativas, é a súa implicación na producción de espectáculos que permitan o desenvolvemento dunha personalidade artística en cada unha delas.

En definitiva, as salas alternativas constitúen unha oferta que, sendo xurídicamente de carácter privado, teñen uns obxectivos que responden ó interese público. Un feito que xa non se discute nin por parte do conxunto do sector teatral, nin por parte de case ningunha administración pública. De feito, e isto é algo recoñecido por toda a sociedade (espectadores, medios de comunicación, profesionais do sector, cidadáns e admi-nistracións públicas), un dos elementos máis dinamizadores da escena galega da última década foi a irrupción destas salas.

Malia a relativa consolidación das salas alternativas en Galiza, isto non significa que sexa posible, nin necesariamente desexable, que a súa actividade sexa rendible desde unha perspectiva económica. O intencionado carácter alternativo que marca a súa programación limita as posibilidades de difusión: unha programación de risco non pode máis que aspirar a atraer a atención dun público minoritario (desexando sempre que esta minoría sexa o máis ampla posible, como demostra o tipo de programación aberta e plural que defende a NASA). Doutra banda, conscientes deste feito, estes teatros adaptaron as súas estructuras e dimensións e ofrecen uns aforos reducidos que, en definitiva, constitúen tamén unha limitación ós seus ingresos potenciais.

En calquera caso, o modelo de funcionamento dunha sala como a NASA ven demostrar que é posible atopar un equilibrio entre os seus criterios artísticos e económicos, é dicir, asegurar a súa viabilidade a medio e longo prazo sen renunciar ós seus ideais. Sen embargo, todo isto ha de facerse desde o recoñecimento técnico e obxectivo de que non é posible unha actividade como a das salas alternativas sen o apoio das administracións públicas. Pero tamén partimos da idea de que estas axudas públicas poden estar condicionadas a unhas garantías tanto desde a perspectiva da xestión como da calidade e coherencia da programación artística.

Unha oferta especialmente ampla e plural

Un dos obxectivos da NASA desde a súa creación foi o de achegarse ó mundo das artes escénicas desde unha perspectiva o máis ampla posible, coa convicción de que as artes do século XXI non entenden xa de compartimentos estancos e fan da contaminación de xéneros e linguaxes unha das súas razóns de ser. Por isto, a concepción e o deseño do espazo interior garanten un uso polivalente da sala, que ten unha especial capacidade para adaptarse ás necesidades de cada montaxe: escenario á italiana, central ou cos espectadores en grada, a un lado ou a outro da sala, posibilidade de colocar ou quitar cadeiras para os espectadores, etc.

Esta pluralidade de ofertas tamén fixo que se acabasen mesturando os públicos, sendo éste un dos méritos da NASA: conseguir que os espectadores que empezaban asistindo só a concertos, só a teatro, só a comedias ou só a concertos de hardcore, acabasen interesándose por outros tipo de espectáculos. Hoxe en día é un feito a existencia dun público novo e máis heteroxéneo, porque ademais do esforzo de captación inicial, tamén se tratou de fidelizar a estes espectadores. Algo que se nota especialmente na asistencia a teatro, pois é a actividade que tivo un maior crecimento desde 1992, tanto en número de espectadores, como en número de funcións e en tipo de espectáculos (teatro, danza, cabaré, teatro musical, infantil, circo, etc.). Se nos primeiros catro anos houbo unha media de 54 funcións de teatro por tempada (apenas o 58% da actividade total), nos últimos catro anos houbo unha media de 94 funcións de teatro por tempada, que supoñen un incremento do 74% e representan case o 70% da actividade total. O resultado é un amplo abano de espectadores, maioritariamente entre 24 e 40 anos, que foron crecendo coa sala e manteñen unha gran fidelidade, pero que continúan a crecer desde a base coa incorporación de xente máis nova.

A vizosidade dinamizadora das salas alternativas

Moitas das estreas, das produccións propias e dos festivais que teñen lugar en Santiago concéntranse nas salas alternativas. Na medida en que abren os seus espazos á creación, promoven as produccións propias e ofrecen unha oportunidade a numerosos proxectos para que se presenten sobre un escenario, as salas alternativas constitúen un elemento fundamental de dinamización da carteleira, dunha banda, e de democratización das artes escénicas galegas, doutra banda. De feito, as salas alternativas son fundamentalmente salas de estrea e moitas das estreas que teñen lugar en Santiago son ofrecidas nestes espazos, aínda que non teñan posibilidade de aboar cachés. Na pasada tempada, o 87% dos espectáculos de teatro e danza presentados na NASA foron estrea na cidade e o 77% estreas en Galiza.

As salas alternativas son unha opción para moitos creadores novos e profesionais das artes escénicas de desenvolver a súa actividade. A intensa actividade levada a cabo pola NASA –tanto a nível de produccións, como de estreas, como de funcións en xeral- involucra a un volume considerable de creadores e profesionais do sector das artes escénicas (actores, actrices, músicos, técnicos, directores, escritores, escenógrafos, etc.). Desta maneira, as alternativas constitúen un complemento de oferta laboral dentro dun sector aínda marcado pola precariedade, e constitúen unha vía eficaz para que moitos xoves acaden experiencia e unha formación máis especializada.

As salas alternativas, unha oportunidade para novos profesionais da escena, supoñen unha oportunidade para moitos profesionais da escena galega á hora de presentar os seus primeiros proxectos sobre un escenario. De feito, a NASA combina a programación de creadores, directores e actores xa consagrados coa de artistas novos que inician a súa traxectoria. Os primeiros atopan un marco axeitado para experimentar as súas propostas máis comprometidas, e os segundos, unha oportunidade de entrar no mundo profesional e darse a coñecer tanto ó público como á crítica ata o punto de que, moitos dos nomes que agora ocupan as carteleiras dos teatros públicos, das series de televisión máis populares e das películas máis coñecidas dan os seus primeiros pasos nestas salas que, nun momento dado, son as que apostan e confían neles.

As novas linguaxes

A atención que merecen as novas linguaxes escénicas no conxunto de Galiza e concretamente na cidade de Santiago, é moi limitada. Só unha mínima parte das programacións oficiais está dedicada a propostas que podemos calificar deste xeito. Polo que a maioría son presentadas en salas como a NASA, espazos que, ademais da programación, dedican grandes esforzos á investigación, divulgación e difusión do teatro, a danza e a música actuais.

A NASA desenvolve con regularidade accións destinadas á difusión das artes escénicas. Por unha banda, dispón dun servizo de publicacións que edita tanto material informativo, como documental e creativo. Aqui podemos enmarcar a publicación do seu Boletín de Información Submariña (BIS), con periodicidade trimestral; os 4 anuarios con toda a información dos anos 1993 a 1998; os libretos de varios espectáculos co texto completo; unha colección de 9 discos que reúne gravacións inéditas doutros tantos grupos galegos; ou dous CD con material sonoro das Ultranoites e do espectáculo “Show Sincero de Ana Pudor”, unha producción propia da sala. Por outra banda, a NASA ten feito un importante esforzo de difusión en internet coa posta en marcha dun sitio propio en abril de 2001, que mantén unha media de 35.000 visitas anuais.

Decálogo de garantías

Unha maior diversidade da oferta escénica da carteleira
A promoción da creación artística contemporánea
A aparición constante de novos talentos e a promoción de novos valores locais
Unha maior fluidez na realización de proxectos artísticos
A interacción entre creadores e espectadores
A promoción e dinamización do uso da lingua galega
A pluralidade dos axentes productores
O desenvolvemento e a consolidación do sector escénico galego
A dinamización laboral e económica do sector
Unha concepción artesanal da creación artística

   Atrás       Subir