Piares básicos para o funcionamento da FWFF

Antonio Montero
Secretario e director da FWFF
 

A creación da Fundación de WFF xorde nun ámbito de amigos galeguistas na cidade de Vigo. Wenceslao, a pesar de escribir moi pouco en galego, foi nas súas primeiras etapas un defensor do galeguismo, xunto con Manuel Lugrís, Manuel Casás, Tettamanzi, os irmáns Carré, Manuel Puga e Parga -Picadillo-... cos que se formou como xornalista e como defensor da causa galega. Foi posteriormente, dende as columnas do semanario La Defensa, de Betanzos (1906), onde vertería escritos contundentes contra o caciquismo en Galicia. Anos despois, en diferentes medios de comunicación e en plena II República, defendería ao propio Castelao nun debate parlamentario chegando a chamalo o Gandhi galego. Pero máis recentemente nq RAE, presentou Camilo José Cela unha moción a favor da consideración do galego como un idioma e non como un dialecto. A proposta non prospera ata que Wenceslao a abandeira e a promove. Ademais, na prosa do escritor figuran topónimos e nomes propios de personaxes como Volvoreta, Fiz de Cotobelo, Marica da Fame e outros. Son, pois, numerosas as referencias do escritor á súa terra e aos seus intelectuais. Era correspondente da Real Academia Galega e membro da RAE.

Wenceslao e a súa familia veraneaban en San Salvador de Cecebre dende o ano 1913, onde alugaban unha casiña na aldea de Piñeiro. Alí estiveron durante 30 anos.

Son numerosas as referencias gráficas sobre este feito. Aquí vaise fraguando na súa cabeza a idea de ter casa propia e compra un terreo para construír unha casa a nome da súa nai. Nace así a actual Villa Florentina.

A Fundación Wenceslao Fernández Flórez toma posesión desta casa, que foi adquirida pola Deputación de Coruña, e por acordo de todos os grupos (PP+PSOE+BNG) cédese en precario á FWFF no ano 2001 para realizar unha experiencia única, é dicir, demostrar que se pode facer cultura activa de base nun lugar illado e rural da nosa xeografía.

A casa debe ser descrita como un lugar vivo onde o espírito e a obra do escritor permanecen presentes en todo momento. É unha casa-museo onde os visitantes se poden sentir como na súa casa ou na dun amigo ou familiar visitando os xardíns e o bosque, xogando ao Cróquet, ou tomando un café ou un té con pastas mentres pasan a tarde dos sábados (Tardes de lecer na FWFF). Pretendemos manter unha actividade fixa todos os sábados do ano ás sete da tarde. A actividade consiste nunha conferencia, unha exposición, faladoiro, lectura dramatizada, recital poético ou musical, cinema, teatro..., en definitiva unha incitación ao uso cultural do noso ocio, con temáticas variadas; pero seguindo un fío condutor que é o escritor, os seus amigos e o seu ámbito. Afortunadamente Wenceslao foi un escritor de temática moi diversificada.

Pero falemos da casa...

Ao chegar aos xardíns deste humilde palacete modernista, deseño do arquitecto Antonio Tenreiro, amigo persoal do escritor, construído por xentes do lugar, un penetra nun currunchiño do Bosque animado, xa que se atopa inmerso na fraga orixinal con árbores centenarias. As pólas dos carballos tocan e acariñan a casa: tamén se poden atopar castiñeiros, loureiros e piñeiros centenarios nunha extensión de 8.000 m2 de bosque. Ademais, pode escoitarse o rechouchío dos paxaros ou das aves domésticas que se manteñen nas súas dependencias: son faisáns dourados, prateados, paspallás, perdices, coellos, galiñas cos seus pitos,... É un agasallo para os nosos sentidos poder gozar da visión dunha galiña cos seus pitiños escarvando entre a foresta, ou ver un esquío que descende dende a copa dunha árbore para comer as sementes que alí se lle poñen, no que o escritor consideraría o seu restaurante...

Cando se accede á Villa Florentina, éntrase nun recibidor onde nos agardan os trasnos da casa, Teresa, Inés e Alicia. Cada unha ten a súa tarefa, pero elas son as guías que, con denodado esmero, nos van internando no mundo do escritor. Fálannos da súa historia, das súas vivencias, do seu paso por San Salvador de Cecebre, da súa casa, da súa familia e das súas obras. Cando nos achegamos ao Salón Nobre, un pequeno salonciño con cheminea, piano, detalles do escritor, o seu equipo de Cróquet (xogo inglés do propio Wenceslao para facer máis levadeiras as tardes de verán), podemos contemplar toda a súa obra en diferentes edicións, fotografías dos seus paseos por diferentes lugares da aldea, da fraga, a estación do ferrocarril, o río Mero os xogos do verán e a súa familia, etc. Aquí neste mesmo espazo realízanse as conferencias todos os sábados, nun espazo preparado para 40 ou 50 persoas que gozan das tardes de lecer, das cales dá referencia puntual a prensa da Coruña.

Ao pasar ao salonciño de té, de estilo italiano e ligado a un pequeno comedor, vemos unha colección de caricaturas de Rizzo, de Máximo Ramos, de Bartolozzi, de Anxo do Castelo,... e cadros da época ou litografías de Castro Gil, dedicadas ao escritor

Ao acceder ao primeiro andar, atopamos a biblioteca-despacho do escritor que conserva 3.000 libros da súa biblioteca persoal, as súas críticas e algún manuscrito, ou guión de cinema. É unha sala cun sabor a despacho dos anos 50, coa súa máquina para liar cigarros, a súa lámpada de mesa e os seus sofás con orelleiras. A saliña ten acceso directo á galería, lugar especial para dar uns paseos ou tomar o sol nas hamacas propias do verán, que alí se conservan. Á súa vez, a galería está conectada a outro cuarto interior onde está a cama do escritor sobre a que descansa o seu maletín de viaxe, esa equipaxe que o acompañou a Estoril, á Habana e quen sabe onde máis... Este grupo de estancias mantéñense separadas do resto da casa a través dunha porta que dá acceso ao corredor central. Isto permitíalle ao escritor quedar illado para o exercicio da escritura, pensando serenamente sen ser molestado durante o seu traballo que se prolongaba ata altas horas da madrugada. Nese andar áchase o cuarto de dona Florentina, nai do escritor, un cuarto soleado e talvez o mellor da casa co seu balcón propio.

Finalmente, é preciso falar do último andar, espazo reservado aos convidados: dous cuartos e unha terceira para ese outro trasniño da casa, a gardiá, patroa encargada de manter a calor propia do fogar coas súas especialidades culinarias, reposteiras e a súa cálida e amable presenza, sempre disposta e encantada de atender ao instante os nosos convidados,... e conversando coa pantasma do escritor nas noites de invernía. A alma da acollida desta casa museo baséase na personalidade de Teresa, quen recibe toda a información e a procesa sabiamente.

Ao rematar a visita á casa condúcennos ao exterior, ao bosque de árbores centenarias, piñeiros, carballos, eucaliptos, loureiros, castiñeiros,... que coas súas pólas e a súa frondosidade crean o ambiente propio do que o escritor plasmou en El Bosque Animado, como a Fraga de Cecebre, un lugar no que se revive e se goza do pracer de ver os animais do bosque: os vagalumes, os esquíos, as toupas, multitude de aves... onde se asenta quizais o único restaurante de animais en liberdade, con mesa e mantel, a onde asisten estes e outros seres que circundan en peregrinación a face da terra.

Pero a razón principal do éxito desta casa está en que se mantén un ritmo de visitas de máis de 4.000 por ano e en que leva a cabo un acto cultural semanal utilizando a técnica de abrir a casa ao mundo cultural, e á cidadanía do ámbito no que está situada para ser non soamente unha casa-museo senón un centro de dinamización cultural, obxectivo que se cumpre amplamente, xa que mantén un nivel de conferencias, charlas, presentacións de libros, lecturas dramatizadas, cinema, documentais, teatro, poesía, música, exposicións... todo iso ao longo do ano

A variedade de temas en que o escritor participou ao longo da súa dilatada vida profesional permítenos pasar polos nacionalismos de comezos de 1900, as loitas contra o caciquismo en Galicia -1906-, ata a defensa do galego como lingua e non como dialecto nos anos 50 na RAE, ou os seus guións para películas como El malvado Carabel, filme onde se aprecia unha crítica efectuada con especial estilo contra os medradores en torno ao poder, os especuladores inmobiliarios, a utilización da infancia e os abusos na contratación... ou aqueloutra película titulada Camarote de lujo, onde se critica a permisividade do réxime deixando marchar os mellores homes á emigración. Transcorrían os anos da posguerra e Wenceslao burlaba ironicamente a censura cos seus textos simpáticos... pero tremendamente irónicos e realistas.

Un museo vivo

O segredo do éxito está na parte afectiva da casa, en que o público que asiste a un dos nosos actos volva con novos amigos e fale do espazo vivo que desexamos ser. Ao final de cada acto cultural, os trasnos da casa transforman a cociña nun obradoiro onde pode tomar té, un café ou un refresco confraternizando co convidado ou cos convidados en xeral, o que provoca un efecto especial de captación e fidelidade: por unha parte nos asistentes ao departir cos convidados e, por outra parte, nestes por ter o público tan próximo e dunha forma distendida. Coa proximidade da cultura ao cidadán ábrense tertulias que con certa frecuencia se prolongan ata a cea.

O espazo onde se oficia o ritual gastronómico ten lugar nunha cociña ampla con capacidade para 20 ou 25 persoas á calor do fogón, impregnado o ambiente polos aromas das viandas xunto cunha amena charla, un proceso de socialización da cultura que entusiasma aos visitantes e aos asiduos á Fundación pola variedade dos diferentes grupos que se forman e a riqueza dialéctica dos conferenciantes, así como a posibilidade de ter como contertulios a personaxes da cultura que, moitas veces, se ven distantes ou inalcanzables. Non obstante, son persoas próximas e afables como calquera de nós, tal vez cun maior coñecemento do tema específico que tratan, pero que permiten entrar na conversación e admiten comentarios. A alternancia da respostaría cun aderezo de augardente de froitas da horta e bosque fan que a conversación sexa animada e distendida.

Transcorrido o tempo en que os asistentes á actividade dan por rematada a tarde-noite, a anfitrioa da casa prepara a cea mentres o convidado ou convidados rexistran o seu nome no Libro de Honra da casa, acto que é inmortalizado pola inevitable fotógrafa Alicia, quen deixa constancia da presenza dos nosos convidados, sometidos a un rigoroso protocolo que, á súa vez, en poucos anos se transformará nunha valiosa documentación gráfica dos personaxes que foron pasando por este centro emprendedor, diferente e rico en contidos culturais.

Durante a cea mantense o espírito de tertulia distendida e sempre con algún convidado especial que enriqueza a conversación. Ás veces derívase en temas musicais e retómanse os cantares populares, pastorelas, ou ben unhas pezas curtas de teatro ou monólogos; todo iso nun ambiente propicio para a participación activa de todos os integrantes en noites nas que pode soar o piano ou a gaita etc.

Os cuartos son pequenas estancias que nos trasladan ao espazo vital de Fernández Flórez e da súa familia. Son espazos que nos permiten recrear a estancia modesta dun grande escritor, as noites de verán ou de inverno, os sons que escoitaba, o paso do tren das leiteiras, o son do vento sobre as follas dos carballos ou o canto do bufo,... todo iso acompañado da escuridade nocturna... Un pode gozar dunha noite nunha casa de turismo rural, pero poucos poden gozar de pasar unha noite na casa dun escritor como foi Wenceslao Fernández Flórez.

Esta idea dunha casa-museo viva que é posible grazas á expléndida boa disposición e colaboración da Deputación Provincial da Coruña coa Fundación, fai deste espazo algo singular e pouco frecuente. Estamos acostumados a casas-museo con vida cultural pero con espazos non vivibles, con espazos soamente visitables. Neste caso, a proposta e o encargo feito á Fundación pola Deputación é o de xerar un ámbito modélico de emprendedores culturais e de dinamización cultural da zona lindante. Así, nas actividades participan veciños de Carral, de Abegondo, de Bergondo, de Betanzos, de Oleiros, de Arteixo, de Culleredo e, loxicamente, da Coruña e de Cambre. Grazas tamén aos medios de comunicación que informan puntualmente cada sábado das nosas actividades e aos xornais mensuais que dan información, mes a mes, ou a emisoras de radio e televisión locais que falan das nosas actividades, permítesenos poñer no mapa cultural do noso país ás nosas aldeas. Un modelo doadamente extrapolable ás casas de turismo rural, ou a certos pazos ou casas nativas de tipoloxía galega. Se este modelo prendese poderiamos dar un grande avance cultural na nosa paisanaxe.

 
 

   Atrás       Subir