Cantón Grande, 9
15003 A Coruña
Tel.: 981 22 15 25
Fax: +34 981 22 44 48
 
 
Policarpo Sanz, 31
36202 Vigo
Tel.: 986 11 02 20
 
info@fbarrie.org
www.fbarrie.org
 
 
 
 

Fundación Pedro Barrié de la Maza

A Fundación Pedro Barrié de la Maza é unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter privado, dedicada a promover o desenvolvemento sostible de Galicia desde unha perspectiva global. Desde a súa creación en 1966 por Pedro Barrié de la Maza desenvolveu a súa actividade nas áreas da investigación, a cultura, a educación e os servizos sociais. O seu obxectivo foi deseñar iniciativas e proxectos que, ao se adiantar as demandas sociais, abrisen camiños que máis adiante fosen seguidos por outras entidades, tanto públicas coma privadas.

A Fundación Pedro Barrié de la Maza é polo seu patrimonio e traxectoria unha das fundacións patrimoniais privadas máis importantes de Europa. Aos 19,83 millóns de euros aportados en 1966 por Pedro Barrié de la Maza sumáronse en 1980 o capital deixado en herdanza pola súa irmá Gertrudis Barrié de la Maza e, en 1981, a doazón da práctica totalidade da súa fortuna por Carmela Arias y Díaz de Rábago, Condesa de Fenosa, impulsora da obra do seu esposo como Presidenta da Fundación desde 1971. A Fundación é a principal accionista do Banco Pastor, co 40,71% do seu capital.

Sedes e construccións educativas

Nos seus comezos a Fundación atendeu de xeito prioritario as necesidades educativas básicas da sociedade galega, deixando para o futuro o feito de se dotar dun espazo de seu no que desenvolver a súa actividade fundacional. Desa maneira, ata a década dos oitenta os esforzos concentráronse en conceder bolsas de estudos para segmentos de ensino non cubertos pola administración e na procura de crear as primeiras escolas técnicas para Galicia. Neste contexto construíronse e equipáronse as seguintes infraestruturas educativas, que ao mesmo tempo supuxeron o futuro xerme das universidades da Coruña e Vigo:

-Escola Universitaria de Arquitectura Técnica “Pedro Barrié de la Maza”, A Coruña, 1975
-Escola Técnica Superior de Arquitectura “Pedro Barrié de la Maza”, A Coruña, 1980
-Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais “Pedro Barrié de la Maza”, Vigo, 1984

Houbo que esperar ata 1995 para que a Fundación tivese a súa propia sede e desde entón a Fundación ofrece unha programación cultural diversa e estable. Situada no centro da Coruña, é un edificio construído en harmonía co medio urbanístico da cidade e os seus elementos arquitectónicos característicos.

Desde outubro de 2005 a Fundación conta cunha segunda sede situada no centro de Vigo, ubicada no edificio que o arquitecto vigués Manuel Gómez Román construíu, no ano 1919, na rúa Policarpo Sanz. O establecemento da Fundación en Vigo responde á súa vocación de entidade ao servizo de todos os galegos. O proxecto de rehabilitación, ampliación e reforma, realizado polos arquitectos Emilio Tuñón Álvarez e Luis Moreno Mansilla, dá unha resposta contemporánea, equilibrada e precisa, á construción arquitectónica existente, cuxa disposición de ocos en fachada condiciona, e posibilita, a resolución do programa da nova sede, desde criterios de “flexibilidade e versatilidade funcional”. Esta sede fai posible unha mellor calidade de servizo no sur de Galicia para todos aqueles programas da Fundación onde a proximidade constitúe un valor apreciado polos usuarios desas actividades.

Educación

A Fundación, na súa aposta a longo prazo polo desenvolvemento de Galicia, ten investido na mellora dos seus recursos humanos a través da concesión de bolsas e axudas de estudo para todos os niveis de ensino. No ámbito educativo foron máis de 13.800 as bolsas de estudos concedidas. Entre as convocatorias en curso cabe salientar a de Bolsas para fillos de emigrantes galegos nas universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, en colaboración co Banco Pastor e a de Bolsas para estudos de posgrao no estranxeiro, un programa que conta con 313 bolseiros e que este ano ten unha dotación de 1.000.000 euros.

En 1996 constituíuse a Asociación de Bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza, co obxectivo de colaborar coa Fundación no desenvolvemento de Galicia e constituír un foro de intercambio e apoio mutuo entre os bolseiros.

Servizos sociais

A Fundación desenvolve os seus programas sociais en colaboración con entidades que realizan un comprobado e eficiente labor asistencial, e apoia a aquelas persoas e colectivos máis necesitados. En particular débense salientar as axudas a centros da terceira idade, de educación especial, de rehabilitación de drogodependentes e presos. No 2006 a convocatoria de axudas a proxectos socioasistenciais, dotada con 357.000 euros, é dirixida a colectivos de afectados por enfermidades neurodexenerativas ou de persoas maiores con dependencia.

Investigación

A actuación da Fundación no ámbito da investigación científica, técnica e histórico-artística articúlase por diversas canles que van desde a concesión de bolsas e axudas a investigadores, ata o financiamento de proxectos plurianuais de investigación. A Fundación creou, ademais, en colaboración con outras entidades, cinco centros de investigación:

·Instituto de Estudos Económicos de Galicia Pedro Barrié de la Maza (Banco Pastor), 1994
·Instituto de Electrónica Aplicada Pedro Barrié de la Maza (Universidade de Vigo), 1990
·Instituto de Ciencias Neurolóxicas Pedro Barrié de la Maza (Universidade de Santiago), 1971
·Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago), 1971
·Centro de Cálculo Pedro Barrié de la Maza (Universidade de Santiago), 1969

No marco do seu programa de patrimonio cultural e natural de Galicia, a Fundación dedicou atención preferente á recuperación e difusión do patrimonio de Galicia, tanto a través dos programas e proxectos que xestionou de maneira directa como mediante a concesión de axudas a entidades activas neste campo e quixo dar un paso máis no seu compromiso ao renovar a súa “Convocatoria de Proxectos en Colaboración” que pretende estimular a iniciativa de entidades sen ánimo de lucro neste ámbito. A III Convocatoria, dotada con 400.000 euros, está aberta ata o 31 de outubro de 2006.

Cultura

A Fundación incrementou a súa participación na área cultural, de acordo coa demanda social, e de maneira moi significativa desde a inauguración da súa primeira sede en 1995. A súa aposta é dobre: recuperar e proxectar cara ao futuro o patrimonio cultural de Galicia e achegar a Galicia propostas culturais do máximo nivel.

As artes plásticas, a arquitectura, as artes decorativas e a fotografía teñen cabida na súa programación de exposicións temporais. Outro campo de actividade é a música e educación musical, a organización de seminarios, conferencias e simposios sobre temas relevantes, con atención especial á economía e a cultura de Galicia.

O Servizo de Publicacións da Fundación editou máis de catrocentos títulos sobre arte, arquitectura, arqueoloxía, historia, musicoloxía, economía, etc.

A Biblioteca da Fundación Pedro Barrié de la Maza responde á preocupación da propia fundación por preservar e espallar o patrimonio bibliográfico e documental de Galicia. A súa misión é a de fomentar a investigación e o coñecemento da cultura galega. Entre os seus fondos destacan de maneira especial a biblioteca Martínez-Barbeito, a biblioteca García-Sabell, o arquivo Said Armesto, o arquivo multimedia das actividades desenvolvidas na Fundación e o seu fondo editorial. Na actualidade conta cun catálogo con rexistros correspondentes a 40.000 volumes de monografías e publicacións periódicas.

 
 

   Atrás       Subir