Stéphane Lutier
Serie: “Grafs en París” - 1997
Fotografía en branco e negro - 20 x 25 cm
 
Stéphane Lutier
Serie: “Grafs en París” - 1997
Fotografía en branco e negro - 20 x 25 cm
 
Stéphane Lutier
Serie: “Grafs en París” - 1997
Fotografía en branco e negro - 20 x 25 cm
 
 
 
 

A cultura dixital, cara a un modelo de comunicación descentralizado e distribuído

Pere Báscones
Creador, consultor e profesor da UOC
 

"Unha nova tecnoloxía non quita nin pon nada, cámbiao todo."
Neil Postman

A revolución tecnolóxica da chamada sociedade da información supón toda unha revolución dixital non ámbito cultural, transformándoa como tal e renovando, tanto os formatos, como o medio comunicativo en que se asentaba. Xeráronse así novos escenarios e novas realidades culturais que superan os anteriores condicionantes físicos e espaciais vinculando, hoxe máis que nunca, o global co local.

Neste artigo, intentaremos realizar un breve percorrido evolutivo polo proceso de dixitalización da cultura, que nos permita reflexionar sobre algúns dos aspectos que están a empurrar a un cambio de paradigma na sociedade da información e do coñecemento, onde o público pode acceder aos contidos motivado polo seu interese e por un novo papel activo que supera a reacción da anterior cultura de masas (en realidade, para as masas).

Da cultura dixitalizada á cultura dixital

Para comprender mellor o fenómeno que nos ocupa, apuntaremos dúas fases no proceso de implantación da cultura dixital: na primeira, a chave reside nunha tradución da cultura material existente a un novo formato, mentres na segunda, a chave reside nun tipo de cultura que xorde desde o propio contexto dixital.

A cultura dixitalizada

Nos seus inicios, o proceso de dixitalización, baseouse nunha tradución ao sistema binario dos catálogos e inventarios (inicialmente só a nivel textual) de museos, bibliotecas e arquivos. O obxectivo era xestionar mellor os fondos destes, xa que se comprendeu rapidamente o potencial que os “novos medios” ofrecían para estas tarefas. Nesa primeira etapa, as aplicacións informáticas de institucións culturais, bibliotecas e museos non se pensaron tanto para o publico como para a xestión interna e a catalogación das súas coleccións (Carreras e Munila, 2005, 19). É máis tarde cando a rápida implantación da informática xera novas dinámicas que cambian o xeito de funcionar, consultar e facer que o público se relacione cos fondos dos devanditos centros. Os primeiros inconvenientes que hai salvar tiveron que ver coa procura de modelos de estandarización das bases de datos, de cara a uniformizar os inventarios para a súa distribución e intercambio. Co tempo, a información fíxose máis complexa, pasando dunha información puramente textual a unha de tipo multimedia. A este nivel, podemos referenciar algúns sistemas, como o ASSI (Arger Scale System Initiative) con máis de 500 requisitos referenciados para a descrición da colección dun museo, e o CHIN (Canadian Heritage Information Network) e linguaxes como XML (Carreras e Munila, 2005)

Un proceso de desmaterialización

Desde a situación actual, aquel paradigma da cultura dixitalizada para uso público levounos a unha progresiva desmaterialización da cultura antes obxectual ou material... Dixitalizáronse textos, imaxes, documentos, vídeos e sons. O acceso a ela é, en moitos casos, unicamente a través da copia dixital da obra. A cultura así formulada pode entrar agora na nosa casa, a través dun CD, dun DVD, ou chegar por un cable telefónico. Como dato de referencia, cabe apuntar que o contido dun DVD pode albergar algo máis dun millón de páxinas de texto impresas.

Mais en todo caso e, a raíz do anterior, podemos afirmar que a nosa era supera a da reprodutibilidade técnica (Benjamin, 1936) e sitúase no terreo da simulación electrónica. Asistimos a un diálogo entre o real e o virtual que nos sitúa nos dous ámbitos á vez.

De Internet á cibercultura

Internet, a rede de ordenadores (e tamén de información e de usuarios) volveuse o ciberespazo que contén nova cultural dixital ou cibercultura. Neste ámbito prodúcense unhas condicións inmellorables para comunicar a cultura porque se democratiza dun xeito real, e para facer que se converta, grazas ás TIC, nun proceso de comunicación bidireccional, onde o público destinatario pode agora establecer tamén canles de resposta e de interacción converténdose en suxeito activo que navega e busca na rede.

Os valores da cultura dixital

Algúns dos valores definitorios da natureza da nova cultura radican na facilidade de propagación, o intercambio e a participación. Jesús Carrillo recolle toda unha serie de características dos novos medios, que xustificaron o proceso de dixitalización da cultura. Estes son a capacidade infinita de almacenaxe, a súa doada accesibilidade, a súa combinabilidade, a convertibilidade, a variabilidade dos datos, a automatización consecuente dos procesos de reprodución, combinación, alteración ou conversión, a produción de simulacións, a apropiación, modificación ou interacción por parte do usuario e o progresivo cambio no patrón discursivo da información, que pasa da narración á base de datos.(Meixela, 2004, 62).

Un dos debates actuais é se o novo patrimonio dixital, virtual e intanxible será rendible e representará ou non un competidor para o patrimonio cultural real. Segundo o informe digiCULT 1, que recolle unha análise de sector entre 1996 e 2006, esta non cumpriu moitas das súas expectativas, e algúns modelos de negocio cultural que tiñan que ver coa comunicación non funcionaron aínda na rede tal como esperaba. Tal vez é porque a vocación de dominio público coa que naceu fixeron que sexan poucos os dispostos a pagar por contidos culturais dixitais.

O cambio dos medios de comunicación

A transformación dos medios de comunicación de masas a partir dos cambios tecnolóxicos ampliou o seu radio de acción e de influencia: é a chamada mediasfera en que á nosa sociedade actual vive inmersa. Os diarios dixitalízanse asumindo os novos retos do chamado xornalismo dixital; a TV pluralízase precisamente coa ampliación de canles que permiten a TDT (Televisión Dixital Terrestre) abrindo a posibilidade de interacción e de TV á carta; por outra banda, a radio globalízase ao se transmitir por Internet, liberándose así do limitado alcance das ondas. Con eles, cambia tamén o xeito de acceder aos contidos; o seu acceso resulta agora moito máis doado e personalizado, xa que depende moito máis do noso xeito de buscar a cultura que nos interesa, cando e onde queiramos.

Do real ao virtual

Centrarémonos de novo nos núcleos culturais tradicionais: os museos (sexan públicos ou privados) e os centros de cultura contemporánea están a xerar tamén museos e centros virtuais paralelos, normalmente portais web que conteñen grande parte do seu patrimonio dixitalizado. Posibilítanse así diferentes tipos de accesos aos seus fondos desde calquera parte do planeta. Mais o acceso desde a casa e a través da pantalla implica outro tipo de visita, outro tempo e outro espazo, e en definitiva outras condicións de atención e de percepción. Mais en todo caso non se trata de substituír o museo físico senón de potencialo e complementalo. En ocasións, trátase de crear redes de investigación, vinculándose ao ámbito universitario, e noutras, de fomentar a visita presencial, aspecto que vai ligado á creación de documentos tanto divulgativos como educativos que poden preparar a visita e ampliala unha vez realizada.

No caso do Museo de historia de la Inmigració de Catalunya, pódese dicir que naceu primeiro o proxecto de museo virtual (web) encargado ao grupo de investigación Òliba da UOC 2. Esta web permitiu ao equipo iniciar o proxecto de museo e darse a coñecer tanto como centro de documentación e de recursos como como entidade investigadora e xestora de proxectos. O obxectivo da web era crear unha identidade e unha presenza na rede para complementar, desde os novos medios, a misión de recoller, por unha banda, a memoria histórica, e reflexionar pola outra, sobre a inmigración en chave de presente. Un tempo despois o primeiro edificio do museo ampliou o marco de acción no espazo real sen afectar o papel que o museo na rede xa cumpre 3.

Aínda que o certo é que a rede se converteu na grande biblioteca global, onde a comunicación asíncrona permite novas maneiras de aproveitar a oferta cultural, e a interacción entre persoas desde calquera punto do planeta. Un museo virtual está aberto as 24 horas do día e o seu material comunicativo e educativo pódese consultar en calquera momento desde o instante que ‘é colgado’ na rede.

A cultura dixital xurdida da nova realidade dixital

Nunha segunda fase a cultura dixital xérase desde e para a nova esfera dixital ou o chamado ciberespazo. Tras algo máis de 12 anos, Internet, tal e como a coñecemos, logrou xa implantarse xeralizadamente entre a poboación do estado, feito que está a permitir unha mellor interacción cos núcleos sociais de base, fomentando e permitindo así unha cultura xurdida da propia poboación, máis que unha cultura xerada polas institucións ou unha cultura mediatizada e convertida en espectáculo a través dos medios ou das industrias culturais. As TIC fomentan procesos e redes que vinculan tanto nodos locais como globais tanto a nivel de individuos como de colectivos. Establécense así novas dinámicas nas cales se dá saída ás manifestacións culturais máis underground, como as contraculturais, as alternativas, ou mesmo as de resistencia e oposición. En determinados casos chéganse a esvaecer tamén as fronteiras entre o mundo físico e o virtual, xerando novas comunidades e novas oportunidades de acceso a un tipo de cultura distante no espazo ou no tempo.

Exemplo diso podémolo atopar nos grupos activistas que están a xerar novos procesos culturais desde a cultura alternativa e que grazas a Internet poden ser seguidos por centos ou miles de persoas. É o caso dos Indemedia ou Independents media centers que dende a contracultura difunden e defenden a verdade oculta, a través de xornalistas con cobertura non-corporativa 4. Desde o activismo na rede, o poder enfróntase a un contrapoder no ‘non-lugar’ que representa a rede, redefinindo así o contexto informativo, controlado e manipulado en maior ou menor medida polos medios e pola política.

A interacción entre o mundo real e as comunidades virtuais

O campo da fotografía dixital bríndanos un exemplo perfecto de ata que punto nos cambia a tecnoloxía potenciando aínda mais se cabe a crecente cultura visual respecto á textual. Por un lado a progresiva baixada de prezos no terreo da imaxe dixital permitiu non só un acceso masivo á fotografía dixital, senón que popularizou e abaratou de tal xeito a toma de imaxes, que nos cambiou o xeito de as disparar, de as almacenar, e de as mostrar. Por outro, Internet creou un novo espazo onde compartir e difundir as imaxes a escala global. Un exemplo deste novo tipo de dinámicas no campo da fotografía dixital é ‘flickr’ 5. Trátase dun portal en que miles de usuarios de todo o mundo atoparon o espazo autoxestionado ideal onde ensinar o propio traballo e ver o dos demais a partir dun sinxelo mais efectivo sistema de clasificación. En ‘flickr’ cada usuario pode crearse un perfil e crear unha listaxe de contactos que conformarán así unha comunidade virtual. Non obstante, non todo queda aquí, a xente que se coñece a través de ‘flickr’ e crea grupos xeográficos próximos, poden quedar tamén para facer fotos ou tomar unha cervexa. Xéranse así comunidades por intereses ou afinidades que interseccionan o espazo real co virtual.

Da cultura centralizada á cultura distribuída

En resumo, podemos establecer que a cultura grazas á Internet se descentralizou chegando a un modelo distribuído da información que afecta ao seu acceso e á comunicación desta. Desde esta perspectiva e grazas á globalización, o coñecemento pluralízase, esténdese a múltiples dimensións, a aínda que se continua fragmentando, ao mesmo tempo, tamén se fusiona e se mestura volvéndose mestizo e intercultural, aspecto que lle confire continuamente valor engadido en canto que o renova e o interconecta.

sistema
centralizado
sistema
descentralizado
sistema
distribuído
Gráfico 1: modelos de sistemas operativos segundo Andrew S. Tanenbaum que permiten establecer unha correlación coa cultura

Eses nodos culturais, distribuídos e sen centro, permiten a xeración de espazos alternativos que van creando unha cartografía complexa da cultura contemporánea. É certo que non deixa de haber certo centralismo nas cidades, mais máis pola concentración de nodos e capital humano, que non pola falta de posibilidades tecnolóxicas na periferia urbana para a creación de novos nodos.

Esta situación permite un alto grao de independencia na produción e na comunicación da cultura chegando a advertir que eses nodos culturais (habitualmente simples portais web) se converten en verdadeiros motores sociais en tanto que equipamentos virtuais, a partir do que estes ofrecen para os colectivos: listaxes de correo, weblogs, boletíns dixitais participativos onde se poden deixar comentarios e votar a información, arquivos de documentos, proxectos virtuais, publicacións e revistas dixitais...

A este nivel as comunidades tamén se interconectan creando redes temáticas ou de intereses. Os novos sistemas de información estándares permiten a sindicación (redifusión) a portais de noticias subscribíndose así á información sen necesidade de visitar a páxina. Sistemas como ATOM ou RSS 2.0 (Realle Simple Sendication) baseados en XML son un exemplo. Sen dúbida o escenario cultural cambiou, mais o futuro preséntase -aínda hoxe- cheo de interrogantes, retos e expectativas...

Bibliografía

Busquets Duran J. (2005): Els escenaris de la cultura, Formes simbòliques i públics a l‘era digital. Barcelona, Tripodos.
Castells, M. (1997): L‘era de la informació (economia, societat i cultura). 2 vol. Barcelona, UOC.
Benjamin, W. (1936). L‘obra d‘art a l‘època de la seva reproductivilitat tècnica. Barcelona, Edicións 62.
Carreras, C.; Munila, G. (2005): Patrimonio digital. Barcelona, Editorial UOC.
Leve P. (1997): La cibercultura, el segon diluvi? Barcelona, Editorial UOC.
Carrillo, J. (2004): Arte en Red. Madrid, Edicións Cátedra.
Lessing, L. (2004): Free Culture. The Penguin Press

 

1 http://www.digicult.info
2 http://oliba.uoc.edu
3 http://www.mhic.net
4 http://www.indemedia.org
5 http://www.flickr.com

   Atrás       Subir