SEMPRE EN RIANXO
un proxecto de innovación e comunicación cultural a ceo aberto

Barro Salgado Santana
Deseñadores

Ambición intelectual, coñecemento rigoroso e mecenado empresarial xúntanse nunha iniciativa municipal. A exposición “Sempre en Rianxo, sempre en Galiza” foi o resultado de actitudes e intereses que fixeron posibel a innovación cultural nun proxecto inaugurado en 2001.

Ía ser o centenario dun imortante persoeiro nacido alí e en Rianxo pensaron en facer unha exposición. “Se reproducides unhas fotos con algún pé explicativo, poderíase facer itinerante”. Isto foi a encomenda que recibimos do alcalde e concelleiro de cultura. A exposición podería circular por bibliotecas municipais que tiveran algún espazo no corredor, quizais podería visitar algún colexio e se cadra algunha casa da cultura…

Pero, ¿Por que non dar un paso máis, ou dous? ¿Por que non redefinir a encomenda? Os deseñadores sabíamos que Rianxo é un prodixio e, como dí o seu alcalde na presentación do libro da exposición, “posiblemente non haxa na xeografía universal outro caso coma este: sen saír dos estreitos lindes dun concello pódese explicar a historia literaria dun país, sempre con plumas senlleiras”. E aínda máis: se o concellovai facer un esforzo, por que non tirar máis partido; mostremos a obra dos rianxeiros todos coma un todo coherente. Sabíamos tamén que para esta tarefa podíamos contar co coñecemento rigoroso e o entusiasmo todo do noso amigo, o académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos. Compre decir tamén que na nosa redefinición da ecomenda municipal contábamos con que a técnica avanza e xa daquela, ano 1999, era posibel a impresión de grandes formatos en plóter para exteriores. Se os montábamos sobre un soporte axeitado poderíamos plantexar unha exposición a ceo aberto. Se non podemos mostrar pezas, obxectos e documentos orixinais, se todo van ser reproducións, tanto ten que chova por elas como que lles bata o sol. Poderíamos levar aos rianxeiros ilustres por rúas e prazas de Galiza, saíndo ao encontro do público, sen agardar por ninguén que entrara a visitalos nalgún recanto pechado.

E a esta nosa ambición profesional, incentivada, todo hai que dicilo, por vínculos afectivos coas terras rianxeiras, o alcalde Pedro Piñeiro respostou con igual ambición na xestión: o mecenado dunha empresa privada podería facer realidade aquel proxecto que ía tomando forma e forza polo camiño da innovación cultural. Aluminios Cortizo, por medio de Xosé Manuel Cortizo, presidente do seu consello de dirección e ligado a Rianxo por motivos afectivos e mesmo empresariais, entendeu axiña que o alcalde estaba a demandar un socio para unha iniciativa senlleira que pretendía sobordar o ámbito local e que xa desde o seu título —Sempre en Rianxo, sempre en Galiza”— pretendía interesar a todos os galegos. A ilusión compartida con concelleiros e técnicos municipais de cultura fixo posible a complexa xestión, producción e organización deste artefacto cultural.  
 
 


O cartaz da exposición recolle a pluma
de Castelao sinalando a vila de Rianxo

Sólido e versátil

Unha estructura resistente e sólida, un volume nídio e un módulo versátil. Estos foron os obxectivos que se propuxeron acadar os arquitectos Alfonso Salgado e Francisco Liñares, propoñendo tamén diferentes disposicións dos sete cubos de 2,50 m de lado, que sustentan e organizan o discurso expositivo.

 
Saír ao encontro

Os visitantes pasaban por alí. Moito do público que veu a exposición non pensaba vela. A curiosidade, incentivada por textos e imaxes conseguiu reter algúns minutos ao viandante; xa é moito. Outros, mesmo coa sorpresa do encontro no medio da rúa, disfroitaron co paseo entre os cubos e fixeron unha visita demorada. Vigo, Pontevedra, Marín, Boiro, Santiago e, como nón, o propio Rianxo, foron algúns lugares que visitou a exposición, sempre co concurso do concello anfitrión no traslado e montaxe.
 
 
A exposición “Sempre en Rianxo, sempre en Galiza” instalada na cidade de Pontevedra.

 
 
O libro que queda

A exposición foi verquida ao papel e axeitada para libro segundo as técnicas “visuais” das editoras británicas. É un modelo acaído para poñer en valor un importante patrimonio gráfico, con poder abondo para seducir e convencer aos lectores da importancia da obra rianxeira na definición de Galicia. Son sesenta e catro páxinas ateigadas de reproduccións de fotos e documentos, moitos practicamente descoñecidos ou que se mostran en público por primeira vez.

 
 
  Atrás       Subir