|
Moïse
Dikoff
Orden natural - 2005
Óleo sobre lenzo - 78 x 99 cm. |
|
|
Branda
Pulso - 2005
Marquetería e acrílico sobre tea - 35 x 50 cm. |
|
A
literacidade electrónica:
un novo paradigma comunicacional
Manuel Bragado
Editor e blogueiro, director de Edicións Xerais de Galicia
e responsable de Brétemas
bretemas@gmail.com
Este pasado 17 de maio,
no que a sociedade galega homenaxeou a Manuel Lugrís Freire, un dos constructores
da idea da rexeneración da nación dende a cultura, celebramos, tamén,
o “Día de Internet” e o “Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade
da Información”. Unha feliz coincidencia que obriga a reflexionar sobre
as oportunidades e os retos que as novas tecnoloxías dixitais proporcionan
á lingua e á cultura galegas no contexto dunha sociedade globalizada,
que queremos diversa e multilingüe. Unha reflexión aínda máis necesaria,
nun momento de crise e devalo da celebración do “Día das Letras Galegas”
–a nosa segunda festa nacional e a primeira de carácter estritamente cultural–
efeméride abondo ritualizada e afastada do interese da maioría da cidadanía
que precisa ser renovada e potenciada institucionalmente explorando novos
vieiros.
Literacidade
electrónica globalizada
A cada tempo correspóndelle
unha forma característica de ler e escribir. A lectura e a escritura sendo
actividades individuais que requiren esforzo e atención conformáronse,
como sinala Paulo Freire, como prácticas sociais e culturais saudables
inseridas sempre nunha comunidade e tempos concretos. Ese é o fenómeno
social que definimos como “literacidade” ou “cultura escrita”.
As novas tecnoloxías
electrónicas propiciaron a consolidación dun novo paradigma comunicacional:
o da literacidade electrónica globalizada. Durante a última década,
debido aos desenvolvementos imparables e exponenciais dos fenómenos da
telefonía móbil, de Internet e das linguaxes (html, stml…), formatos (tiff,
jpeg, mpeg, pdf, mp3…) e estándares tecnoló-xicos (especialmente a irrupción
do chamado software libre) a eles asociados, foise conformando a cultura
escrita dixital, un novo xeito de ler e escribir sobre as pantallas. Un
paradigma no que ninguén pode quedar alleo e do que ningunha identidade
cultural, se quere existir no futuro inmediato con algunha garantía, pode
quedar fóra.
Somos testemuñas e actores,
sen telo escollido, da revolución comunicacional máis trascendental que
ideou, dende hai cinco séculos, a humanidade, tras a invención da imprenta
de tipos móbiles: a da expansión mundial da comunicación electrónica.
Este é un fenómeno recentísimo que xa está modificando as nosas formas
de vida. Velaí os cambios de costumes que vivimos desde a revolución introducida
pola telefonía móbil, da que moi dificilmente somos capaces de subtraernos.
Eis a mudanza dos nosos hábitos de comunicación a distancia (por medio
de mensaxes sms, do correo electrónico, dos chat ou dos blogs, utilidades
cada vez con maior número de usuarios). Outrosí, no acceso a novos produtos
dixitais das industrias culturais, sexan os da música (escoitamos cancións
en reprodutores de mp3 ou no propio ordenador), os da edición impresa
(lemos xornais e revistas electrónicas, baixamos estensos documentos pdfs
desde a Rede) ou os do audiovisual (participamos da interactividade que
proporcionan as utilidades da televisión dixital terrestre). Hoxe, grazas
a estas tecnoloxías electrónicas, unha parte da nosa sociedade xa le,
escribe e goza das creacións culturais de forma diferente a como o facía
só hai apenas cinco anos.
No seu libro máis recente,
Tras las líneas (Anagrama, 2006), o profesor catalán Daniel Cassany
argumenta que esta revolución dixital en marcha está provocada pola aparición
dun novo discurso social sobre a lectura, a actividade cognitiva central
deste proceso, que denomina “literacidade electrónica”. Fronte ao discurso
tradicional das tecnoloxías analóxicas impresas, ao xeito de nova vertixe
consolídase un novo discurso, un novo tipo de lectura urdida coas utilidades
que lle son propias á prosa electrónica das pantallas de teléfonos
móbiles e ordenadores. Lemos, escribimos ou accedemos (grazas, sobre todo,
a Google, á Wikipedia, Galipedia ou a You Yube) con pasmosa facilidade
á enorme cantidade de información textual e audiovisual arquivada en Internet.
Facémolo de forma moi diferente a como consultamos unha enciclopedia ou
un dicionario en papel, ou como e onde lemos unha novela ou un folleto
informativo, porque utilizamos unhas ferramentas (que melloran as súas
utilidades á velocidade espantosa) que nos proporcionan posibilidades
comunicacionais e culturais poderosas e amigables que, no devir duns poucos
anos, mesmo duns poucos meses poden proporcionarnos outras posibilidades
hoxe inimaxinables.
A revolución na comunicación
cultural provocada por esta nova literacidade non está tanto nos soportes
ou na interface das pantallas que actualmente empregamos (sexa a dos teléfonos
móbiles, ordenadores persoais, axendas pedeás ou consolas de vídeoxogos)
senón no propio contido. Eis, nesa centralidade do contido electrónico
sobre o soporte é onde reside realmente o cambio do paradigma comunicacional
do que estamos falando. Un contido electrónico enriquecido polas utilidades
que, tanto para o autor como o lector, supoñen a súa hipertextualidade,
intertextualidade, multimodalidade e multilectura.
A hipertextualidade
–a posibilidade de realizar enlaces electrónicos dentro dun mesmo texto–
permite ao autor xerarquizar e ordenar a presentación da información ou
da creación literaria dunha forma recorrente e esférica e ao lector acceder
a ela de forma discontinua. A intertextualidade –a posibilidade
de enlazar con outros textos electrónicos externos ao texto, presentes
na Rede ou nun entorno dixital pechado (no caso dos libros electrónicos
en soporte cederrón ou DVD)– permite ao autor establecer un sistema amplísimo
de citación e ao lector acceder a un macrotexto referencial de autoría
compartida. A multimodalidade –a presenza unitaria nun texto
de palabras, sons e imaxes interactuando entre elas– permite ao autor
crear unha nova textura (un xénero discursivo multimedia, ao que compriría
atoparlle denominación) que require ao lector o emprego de novas estratexias
cognitivas. Por último, a multilectura plurilingüe e intercultural
–fenómeno característico do Internet de hoxe, que fai referencia ao comportamento
do lector que emprega simultaneamente varias pantallas onde aparecen textos,
escritos en idiomas diferentes, procedentes de contextos culturais diversos–
crea un novo contexto de linguas e culturas que derruba de facto fronteiras
e confronta identidades.
Os soportes analóxicos
impresos (o libro e o xornal, especialmente) permaneceron estables durante
cinco séculos e o proceso de alfabetización dos seus usuarios, a pesar
de terse estendido, á totalidade da poboación, unha conquista democrática
da que se ocupan os sistemas educativos dende apenas hai dous centos anos,
apenas sufriu modificacións significativas. Non foi este o caso dos soportes
dixitais electrónicos que dende a súa creación se caracterizaron pola
súa enorme fraxilidade (están permanentemente en obras), sometidos ás
modificacións de vertixe ocasionadas polos desenvolvementos e actualizacións
constantes das novas utilidades da programación e da capacidade de miniaturización
dos seus compoñentes. En menos de dúas décadas os estándares dixitais
progresaron e modificaron as súas prestacións moito máis que o fixo a
impresión analóxica ao longo de cinco séculos; como sinala José Antonio
Millán estamos nun periodo de transición da cultura dos libros a dos bitios
(considérase ao bit como unidade da textualidade electrónica) nun proceso
irreversible.
Así e concluíndo, ata
o que hoxe coñecemos, ao abeiro desta literacidade electrónica globalizada,
apareceron novos xéneros discursivos, tanto sincrónicos (chat, sms) como
asincrónicos (e-correo, blogs, páxinas web) que mudaron a textualidade,
os hábitos de lectura e as formas de acceso dos seus usuarios. Cada un
dos xéneros desta textualidade posúe unha configuración particular, determinada
polas potencialidades informáticas e pola elección voluntaria dos usuarios.
Así, a textualidade das webs adoita caracterizarse por unha prosa elaborada
e correcta en base a publicación de textos non moi estensos (que ocupen
apenas unha pantalla, xeralmente dúas mil matrices) escritos nun rexistro
formal. Pola contra, outros xéneros como o correo electrónico, o chat,
as conversas instántaneas ou os blogs empregan unha textualidade onde
se vai esvaendo a distinción entre oralidade e escritura; a relaxación
e redución ortotipográfica (por desleixo ou como marca de economía comunicacional),
o emprego de emoticonas, xogos gráficos, puntuación selectiva ou de rexistros
coloquiais son característicos destes xéneros escritos espontáneos onde
se escribe e le en base a novas convencións.
Vivimos, pois, inmersos
no novo paradigma da comunicación cultural dixital, que propondo retos,
ofrecendo oportunidades e suscitando múltiples incertezas e problemas
non resoltos introduce moitos cambios na textualidade e focaliza a importancia
do contido.
Economía
da atención
O primeiro efecto desta
nova textualidade electrónica, tecida sobre Internet, é a súa sobreoferta
informativa, feito que desorienta ao internauta máis habelencioso e experimentado.
Existen hoxe máis de catro centos millóns de páxinas web (aínda que, ollo!,
o cincuenta por cento do tráfico se concentra só sobre novecentas), cada
día nacen un millón e medio de novas páxinas e a Rede duplica o seu tamaño
cada oito meses. Diariamente circulan 20.000 millóns de correos electrónicos
(cinco millóns cada minuto, moitos deles non solicitados), aos que habería
que engadir as sesións de chats, os intercambios de correos instantáneos
(vía msn) empregados por millóns de mozos e mozas, as descargas compartidas
das redes P2P ou a actualización de milleiros de blogs persoais.
Este fenómeno de sobrecarga
informativa dixital non afecta xa só aos profesionais deste novo entorno
electrónico (informáticos ou investigadores), senón tamén ao conxunto
dos cidadáns impotentes de xestionar a cantidade inxente de información
que reciben, incapaces de metabolizar os nutrientes informativos dispostos
na súa caixa de correo electrónico ou nos espazos da rede aos que acuden
adoito. Razón pola que se ten definido este fenómeno como diabete
informática, metáfora acaída para explicar o fenómeno de desperdicio
inxente de información que se produce de forma inevitable neste modelo
comunicacional. Que estratexia pode utilizar un usuario convencional,
que dispón dun tempo limitado, para moverse en semellante ramallada ao
alcance do seu rato?
Foi o economista Michael
Goldhaber quen mellor definiu este fenómeno cando pronunciou a súa famosa
frase: “vivimos nunha economía onde o ben escaso por excelencia é a atención
do público, nunha Economía da Atención”. En Internet o ben máis
escaso e valioso é conseguir a atención do público, é dicir atopar persoas
que dispoñan “todos os seus sentidos e a mente para ter coñecemento do
que se di, do que se fai ou do que está acontecemento” (segundo definición
do Gran Diccionario Xerais da Lingua). Fenómeno virtual que ten
o seu correlato no funcionamento do mercado globalizado real, onde, case
sen excepción, en todos os sectores existe unha sobreoferta de produtos
e servizos moi difícil de asimilar polo consumidor.
“Quen
consiga atraer a atención do público, gañar a súa confianza e convencelo
que os bens que ofrece, son o resultado da mellor escolla entre o amplo
abano de todos os existentes, gañarao como cliente, pois a falta de
tempo, o seu recurso máis escaso, este desexará aproveitar o traballo
de descarte inicial efectuado polo proveedor, reservándose unicamente
o dereito de efectuar persoalmente a elección final entre o ofertado
polo seu proveedor”.
A cita corresponde ao
internauta Juan Manuel Gimeno, quen xustifica así que no contexto da Economía
da Atención o poder pasou do fabricante ao vendedor, que é quen decide,
a fin de contas, o que pode ou non valorar o consumidor. “Hoxe o gran
negocio reside en intermediar, actuando como filtro selector, entre o
público e a oferta, de xeito que o usuario escolla entre aquilo que previamente
lle foi seleccionado”, conclúe Gimeno (2004) para expresar a importancia
dos espazos de intermediación informativa e comercial na sociedade da
globalización.
En Internet, que non
deixa de ser reflexo do mundo real, emprégase unha estratexia de intermediación
para realizar unha escolla e filtrado de contidos e xestión de documentos
entre a sobreoferta de textualidade electrónica existente. Papel decisivo
que desempeñan os buscadores, sexan os xerais como Google (de
feito a Biblioteca de Alexandría do novo milenio); os especializados en
marcas de contido (“tags”) como Technorati ou en sindicación de contidos
RSSS como Bloglines; os de formatos audiovisuais como You Tube ou Google
Video que albergan millóns de vídeos; ou os buscadores monolingües, como
o noso portal galego Vieiros ou o catalán Vilaweb. Intermediación comercial
que realizan na rede as poderosas tendas virtuais de Amazon e E-bay ou,
na minúscula escala do libro galego, Andel virtual; ou filtrado especializado
que establecen os servizos de descargas de ficheiros como Emule.
Sendo así as cousas,
no contexto desta literacidade electrónica globalizada, o primeiro reto
comunicacional para alguén que queira publicar os seus contidos na rede
é estar presente e ben posicionado nestes espazos de interme- diación.
Só deste xeito poderá conquistarse a difícil atención dos lectores (valorada
en termos de audiencia, como sucede nas televisións) e ir tecendo unha
rede de influencia hipertextual. Xa non abonda estar en Internet, cómpre
facelo posicionándose e singularizándose.
Literacidade
crítica
No entorno desta nova
cultura dixital é imprescindible, ademais, que cada un dos usuarios (lectores
e escritores a un tempo) empregue unha perspectiva de lectura crítica,
para saber diferenciar o ouro da palla e non quedar asolagados polo ruído
enxordecedor emitido pola selva electrónica. Sempre é imprescindible ler
con perspectiva crítica (tamén nos medios analóxicos impresos, que deitan
a súa ideoloxía e posúen moita faramallada), pero moito máis o é manexando
unha biblioteca electrónica tan enorme como Internet onde nin sequera
existe o suposto aval ou a canonización realizada polo editor analóxico
dos textos publicados.
A capacidade de buscar,
atopar, avaliar e manexar datos en Internet (o que Cassany denomina literacidade
informativa) é unha das habilidades máis trascendentais que esixe
este novo modelo comunicacional electrónico. De moi pouco servirían os
custosos investimentos de conectar todas as escolas e os fogares do país
á Rede, se logo os escolares ou os cidadáns non saben atopar os vieiros
para orientarse nesa selva tan espesa. Non se pode tratar a información
das webs, blogs ou foros coma se fosen libros, revistas ou cartas, sen
ter en conta que na Rede non existe o mesmo control que nas publicacións
analóxicas impresas. É necesario asumir os riscos desa diversidade e da
liberdade de publicación (unha conquista valiosa, sen dúbida, de Internet).
Ler neste novo entorno
electrónico require ao usuario tomar moitas máis decisións (desde a elección
do motor de busca a empregar á capacidade de diferenciar o tipo de enlaces
entre os publicitarios e os hipertextuais…) ca nos soportes analóxicos,
razón pola que é imprescindible unha formación máis madura e profunda
para poder facelo con independencia e racionalidade. Ler na Rede semella
un proceso moi doado, mais esixe dominar técnicas lectoras, informáticas
e documentalistas: acertar coas palabras clave de busca, empregar as utilidades
avanzadas dos buscadores, interpretar os valores das iconas, identificar
webs enganosas ou identidades falsas (un perigoso andazo na Rede), determinar
a autoría dos textos, analizar a fiabilidade, credibilidade e actualidade
do contido… Ler neste novo entorno comuni-cacional, como sinala Cassany,
non é só comprender as liñas ou o que hai detrás elas (como sucede no
analóxico), senón tamén navegar, atopar, e avaliar un avultado número
de textos (o que require de moito tempo e paciencia abonda) para, finalmente,
enfrontarse, se hai sorte, coa información procurada nun sitio electrónico
que consideramos crible, fiable e competente. En definitiva, ler neste
novo entorno require lectores mellor formados e máis críticos, o que supón
un reto complexísimo de alfabeti-zación e formación electrónica para os
actuais sistemas educativos.
A
lectura no centro do modelo
Desprazada a preeminencia
do soporte analóxico sobre o contido, o novo paradigma de comunicación
cultural electrónica asume a lectura como o seu elemento central, modificando
radicalmente as funcións que desempeñan as industrias e as institucións
da cultura analóxica, especialmente o papel dos editores e das bibliotecas.
A lectura convértese así na actividade que caracteriza a comunicación
cultural, concibida como un elemento transversal entre os soportes impresos
e electrónicos.
Deste xeito, xa non
é posible definir o libro, como se veu facendo ata agora, como un ben
cultural impreso dun determinado número de páxinas encadernadas; senón,
como felizmente establece o anteproxecto da nova Lei de Lectura e do Libro,
como “a obra científica, literaria ou de calquera outra clase que constitúe
unha publicación unitaria, editada nun ou varios volumes e que pode aparecer
impresa ou en calquera outro soporte susceptible de lectura. Do mesmo
xeito, enténdense incluídos nesta definición os materiais comple-mentarios
de carácter impreso, visual, audiovisual ou sonoro que sexan editados
conxuntamente co libro e que participen do carácter unitario do mesmo,
así como calquera outra manifestación editorial”.
Con esta redefinición,
recoñécese que o característico do mundo do libro non reside xa no soporte
(sexa analóxico-impreso ou dixital-electrónico) e, si pola contra, na
actividade que promove, a lectura. Concibida a edición deste xeito, modifícase
o papel dos editores e da industria do libro que no futuro ha de estar
centrado sobre a produción e distribución de contidos culturais escritos.
Outrosí sucede coa biblioteca
concibida agora como unha institución cultura pública especializada no
acceso á lectura dos cidadáns. A biblioteca xa non almacena e pon a disposición
da súa comunidade soportes analóxicos impresos (libros, xornais e revistas),
senón que debe ofrecer, tamén, todo tipo de soportes susceptibles de ser
lidos, escoitados ou visionados (sexan ríxidos ou en liña). A biblioteca,
neste novo modelo comunicacional electrónico, transfórmase na primeira
institución cultural de cada comunidade local para acceder á nova Sociedade
do Coñecemento, especializándose como un punto de acceso público tanto
á rede comunicacional dixital como aos fondos documentais analóxicos.
A literacidade electrónica supón unha revolución bibliotecaria.
Este modelo de convivencia
do impreso e do dixital na comu-nicación cultural escrita obriga a repensar
as políticas culturais públicas sobre a lectura e a modificar os usos
e costumes da industria editorial e da súa cadea de valor. Aparecen así
numerosos interrogantes para os que actualmente existen escasas respostas.
No eido da propiedade intelectual o entorno dixital require un modelo
de propiedade intelectual máis flexible (como supoñen xa as licenzas Creative
Commons) para abordar tanto o feito da autoría compartida como o acceso
aos contidos que, a partir de agora, non se realizan só mediante a adquisición
do produto. No eido da industria editorial, o novo entorno dixital permite
a actualización constante dos contidos, feito extraordinario para as obras
de referencia ou educativas, o que conleva modificar o xeito de comercializalos
(actividade reservada tradicionalmente ás librarías). No eido bibliotecario,
o modelo comunicacional electrónico, require de novas infraestruturas
e dun novo perfil profesional para a figura do bibliotecario, profesional
do fomento da lectura e da documentación analóxica e dixital.
E
o futuro da nosa cultura e da nosa lingua?
Neste novo entorno,
cal é o futuro para a nosa lingua e para a nosa cultura minorizadas? A
cultura galega, pertencente a ese delicado grupo de nacións sen estado
empeñadas en continuar no novo século sen claudicar de si mesmas, instaladas
no horizonte difícil da globalización dixitalizada e da nova Europa irremediablemente,
digo, a cultura galega (e polo tanto a lectura en galego) deberá facer
fronte a non poucos desafíos, dificultades e contradiccións.
Este é o reto da nova
modernidade: o salto cualitativo que nos permita non quedar descolgados
da trepidante carreira dos tempos, abocados a unha encrucillada histórica
de semellante trascendencia á que significou a imprenta no século XV.
Entón, o idioma galego quedou fóra da nova tecnoloxía do libro e, en certo
modo, Galicia, como singularidade, como identidade autónoma, quedou fóra
do discurso da Historia tamén, ou da chamada Alta Cultura. Os incunables
galegos xa non falan a vella lingua dos Cancioneiros de Don Dinis, senón
en latín (Breviario Auriense, 1485) ou en castelán (Breve
forma de confensión, 1495), códigos de poder que impoñía o novo modelo.
Hai que esperar a ben entrado o século XIX para datar o primeiro libro
de certa identidade impreso en lingua galega: A gaita gallega,
de Xoán Manuel Pintos (Pontevedra, 1853).
Cando comezabamos a
albiscar moi tímidos síntomas de normalización da industria editorial
en galego (moi notables en ámbitos como o infantil e xuvenil ou a ficción
narrativa), volvemos estar nunha nova encrucillada histórica decisiva:
a posibilidade ou non de engancharnos ao novo entorno da literacidade
electrónica globalizada. Velaí a nosa encrucillada.
A incorporación exitosa
da cultura e lingua galegas a este novo entorno non é unha decisión privada
dos cidadáns ou das empresas, senón que depende en grande medida da estratexia
e das políticas que os nosos gobernos desenvolvan para dotar ao país das
infraestruturas tecnolóxicas e dos programas de alfabetización dixital
que faciliten o acceso democrático á rede da totalidade da poboación.
E semella que neste eido non o temos doado. Arrastramos aínda unha perigosa
fenda dixital, manifestada nos pobres indicadores de acceso a Internet
e na escasa atención que, ata agora, se proporcionou á formación nas novas
tecnoloxías no sistema educativo non universitario, feitos que nos afastan
perigosamente do resto das comunidades do noso entorno. Mais, tamén, é
certo que existen cada vez maior número de iniciativas, promovidas tanto
dende a sociedade civil como desde o novo Goberno Galego, que manifestan
a vontade de non perder este novo tren da modernidade e de contar cunha
estratexia específica para a presenza da lingua, cultura e identidades
nosas na Rede.
Velaí o sorprendente
pulo dos blogs en galego, case un milleiro de identidades de dominio público
que están tecendo unha textualidade electrónica na nosa lingua de grande
valor no desenvolvemento deste centro. Boa parte deles agrupados en Blogue
Galiza, os blos en galego conformaron, dende as primeiras experiencias
datadas en 2002, unha rede informal (o “blogomillo”) imprescindible hoxe
para entender os vieiros polos que se pode desenvolver a literacidade
electrónica en Galicia. Outrosí, poderiamos dicir de espazos especializados
na nosa lingua como o xornal electrónico Vieiros (a nosa primeira referencia
na Rede) ou Cultura galega (especificamente cultural) que veñen realizando
un traballo destacadísimo como locomotoras galegas de múltiples iniciativas
desta literacidade electrónica a que nos vimos referindo. Eis, tamén,
os esforzos realizados dende as editoriais privadas galegas na publicación
dos seus primeiros libros electrónicos, especialmente no eido escolar,
un camiño aberto que deberá percorrer con maior convicción.
Con todo, será decisivo
neste difícil proceso as estratexias e os recursos que o Goberno Galego
e as diversas administracións locais dispoñan para asumir esta cuestión
como eixo das súas políticas de innovación tecnolóxica, cultura e normalización
lingüística. Asumir como unha oportunidade este nova paradigma comunicacional
da literacidade electrónica é un reto para todos.
Referencias
textuais:
–Bragado,
Manuel (2006): “Máis internet, máis galego” en Faro de Vigo http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=63571&pIdSeccion=5&pNumEjemplar=2628
–Bragado, Manuel (2006): “Prosa electrónica e futuro da lingua” http://www.maisinternetmaisgalego.org/proposta.php?estxt=proposta_11
–Cassany, Daniel (2006): Tras las líneas. Sobre la lectura contemporánea,
Anagrama.
–Gimeno, José Manuel (2004): “La economía de la atención” http://www.laflecha.net/articulos/blackhats/economia_atencion/
–Millán, José Antonio (2004): “Atención” http://jamillan.com/v_atencio.htm
–Millán, José Antonio (1999): “Diabetes informática” http://www.jamillan.com/v_diab.htm
Enlaces
intertextuais mencionados:
–Amazon:
http://www.amazon.com/gp/homepage.html/103-1898060-8690257
–Andel virtual: http://www.andelvirtual.com/
–Blogue Galiza: http://blogaliza.org/
–Bloglines: http://www.bloglines.com/
–Brétemas: http://bretemas.blogspot.com/
–Cultura galega: http://www.culturagalega.org/
–Creative Commons: http://es.creativecommons.org/
–Ebay: http://www.ebay.es/
–Emule: http://www.emule-project.net/home/perl/general.cgi?l=17
–Galipedia: http://gl.wikipedia.org/wiki/Portada
–Google: http://www.google.es/
–Google Video: http://video.google.com/
–Technorati: http://www.technorati.com/
–Vieiros: http://www.vieiros.com/
–Vilaweb: http://www.vilaweb.cat/
–Wikipedia: http://es.wikipedia.org/wiki/Portada
–You Tube: http://www.youtube.com/
Atrás
Subir