Salvador Fernández Moreda
Presidente da Deputación da Coruña
 

Pouco ou case nada do que hoxe acontece na provincia é alleo ao pulo democrático no que vivimos durante as tres últimas décadas de consolidación social, política e institucional dos nosos marcos de convivencia. A conquista da democracia e, poren, do conxunto de dereitos civís que xa fan parte da nosa cotidianeidade asentou as bases do que hoxe somos como cidadanía. No decorrer desta andaina, o labor feito en materia educativa e cultural deunos a oportunidade de proxectarnos no presente coas miras postas en traxectos de longo percorrido que nos sitúen en escenarios de máis e mellor democracia.

Como responsables políticos e municipais, tal quefacer pasa sen lugar a dúbidas por sermos quen de entablar novas relacións coa cidadanía onde teña cabida a súa participación directa na vida local. Unha cuestión que nos permita facer incursións frondosas na definición colectiva dos procesos de socialización no espazo público. Con certeza, é neses escenarios participativos onde poden xurdir os alicerces que sustenten as ligazóns democráticas e que nos permitan artellar novas iniciativas de cohesión social, diante dos grandes desafíos de inhibición política que nos presenta a globalización.

Para as administracións locais, levar a cabo políticas públicas de participación cidadá na vida pública, ademais de ser un dos seus principais mandatos constitucionais e lexislativos, representa unha oportunidade de revitalización dos municipios a partir da súa propia materia prima radicada no capital humano e social das súas xentes. Unha xestión pública virada cara a cidadanía organizada é sempre un modo de facer con elevadas expectativas e garantías de ser exitosa, pois os lugares onde se respira benestar e calidade de vida son sempre espazos que facilitan a innovación e a creatividade.

Dende a Deputación Provincial da Coruña, o mesmo sentir que nos move a sermos copartícipes dos proxectos e traxectos de todos e cada un dos concellos da provincia, é tamén o gallo que nos leva, quer como cidadáns e cidadás, quer como responsables políticos e técnicos, a propoñernos compartir convosco estas novas formas de facer na administración local. Consonte a isto, sabedores da vizosidade colectiva que reside nas nosas vilas e cidades, pensamos que o noso ser municipalista nos obriga a convidarnos unha vez máis a repensar a democracia aportando novas visións dende a participación social: ese motor da maquinaria mancomún que se pon en marcha cando somos quen de imaxinar e de explorar a nosa capacidade de acción comunitaria. Deste xeito, quixemos dedicar ao tema da participación cidadá este novo número da revista interea visual que sae do prelo como un soporte que xa nos vén sendo familiar para reflectir o pulso da vida municipal.

Reitero de novo o convite a participar de interea visual tanto como da vida municipal de aquí en diante.

 
 

De vós, con vós

José A. Caride Gómez
Director proxecto interea
 

Nas sociedades pluralistas, substantivamente democráticas, os valores cívicos constitúen o principal soporte inmaterial da cohesión social. E, tal vez por iso, a fronteira máis imprecisa de cantas delimitan os dereitos e deberes das persoas na complicada tarefa que supón vivir con outros diferentes. Como sabemos, unha circunstancia que construímos e nos constrúe ás persoas deparándonos desiguais oportunidades de inserción e pertenza social; o que quere dicir, de autonomía e competencia para o exercicio das liberdades, de acceso e uso dos bens comunitarios, ou de recoñecemento e posta en práctica das variadas formas nas que pode concretarse a participación cidadán.

En verdade, non aludimos a nada que deba resultar alleo á condición humana, sexan cales sexan os escenarios nos que aquela se exprese ou represente como un modo de estar e de ser en sociedade. E tamén de facer unha mellor sociedade, no local e no global, por moito que determinados problemas e dificultades que é preciso afrontar nas realidades cotiás contradigan a miúdo un desexo tan estimable. Incluso, gozando do amplo referendo que lle brindan as Declaracións e os Pactos Internacionais, as normas constitucionais e estatutarias, as dinámicas colectivas emanadas dos movementos sociais e de certos poderes públicos, etc.

Poñamos que falamos do asociacionismo e de tódolos significados que comporta a adhesión libre e voluntaria de persoas e grupos encol duns obxectivos comúns, respecto dos que se dinamizan propostas e iniciativas caracterizadas por unha gran heteroxeneidade ideolóxica e experiencial. No fondo, porque case todo pode iniciar ou culminar os percorridos do quefacer asociativo: a cultura, o deporte, a política, o lecer, a formación, a veciñanza, a relixión, a solidariedade... con prácticas que tecen unha rede social de intensas e non sempre precisas magnitudes.

De aí que para tentar entendelas nas súas realidades actuais e coa mirada posta nos seus desafíos de futuro nos convoquemos en nome da participación cidadá e da cultura compartida nos territorios de cada concello e da provincia da Coruña: de vós, con vós. Unha oportunidade que interea habilitou co formato dun simposio ao que cabe observar como unha vía favorecedora, xunto con outras, dos encontros e diálogos que deben manter o mundo asociativo e os concellos, a iniciativa cívica e a responsabilidade política e técnica que desenvolve o seu labor na Administración Local. E que as Universidades e os universitarios debemos contribuír a agrandar.


   Atrás       Subir