Javier Fernández Zona de lectura (Escola Superior Marcelo Macías)

A Lonxa Literaria, unha experiencia propia

A asociación ¿quen somos?

A primeira definición que podiamos dar da Lonxa Literaria é que se trata dunha asociación sen fins de lucro que tenta fomentar a literatura en calquera das súas manifestacións. Externamente, tamén se nos denomina como un club de lectura pero realmente ¿quen conforma a parte humana da experiencia?¿quen somos?

Daquela, terémonos que referir a que somos unicamente un grupo de persoas diversas (sobre unhas vinte) que se xuntaron para realizar actividades relacionadas co eido da literatura. Diversas en canto a idades (desde os vinte e tantos ata o cincuenta e moitos), diversas en canto a profesións (desde parados, estudantes... ata funcionarios), diversas en canto a intereses, formación, gustos... Somos, téñoo dito en máis dunha ocasión, unha mostra en pequeno da nosa sociedade. Con todo, existe un punto de confluencia común: o pracer da lectura, o gusto pola literatura baixo calquera forma de expresión.

A orixe ¿como comezou?

Para falarmos da orixe debémonos remontar ao ano 1999. Naquel entón un pequeno grupo nucleado arredor da biblioteca municipal comentou a posibilidade de realizar algunha actividade ao redor da lectura. Falaron, daquela, da idea de seleccionar un libro, lelo en grupo e comentar as súas impresións. O primeiro libro: Seda, de Alessandro Baricco. Esta estrea resultou moi gratificante, entretida, enriquecedora. Quedouse para unha próxima e enseguida xurdiu a idea de contar co propio autor. Convidaron entón a Fran Alonso. O libro: Males de cabeza. É case desde aquela en que se pensa na posibilidade de encadear as recomendacións: cada autor/a recomendará o/a seguinte. Os encontros comezaron a ser periódicos. En cada reunión concertábase a seguinte e quedou así instaurado o funcionamento da tertulia.

Foi este o xérmolo inicial do que sería a asociación, a actividade fundamental que actuaría como base do grupo. Corría, como dixen, o ano 1999. Era sinxelamente un grupo sen máis interese que compartir un tempo, unha afección, un espazo común; en intercambiar impresións e experiencias arredor dun libro. A idea de darlle entidade formal estaba aínda lonxe das nosas cabezas.

Quedou, desde aquel primeiro momento, definida a filosofía de funcionamento para o futuro e de obrigado cumprimento: todas as actividades se formulan como abertas, é dicir, calquera pode participar sen invitación específica. Non se precisa coñecer a ninguén. Abonda con aparecer. Ademais, andamos na procura da participación doutros públicos non habituais neste tipo de actos. De aí a itinerancia por diferentes lugares do municipio.

Aquel núcleo orixinario foi medrando paseniño. O entramado das relacións persoais de cada un de nós, a difusión da experiencia na prensa local ou o noso propio labor de captación actuou expandindo o grupo primeiro, diversificándoo e facéndoo máis compacto.

Actividades ¿que facemos?

A diversificación e consolidación do grupo tivo unha consecuencia inmediata: a proposta de novas actividades. Estas propostas tiveron dous eixos vertebradores que se manteñen no tempo: a ampliación do abano de idades ás que llas ofrecer e a variedade no tipo de actividades propostas.

Así, ao longo destes anos quedou fixada unha actividade estable, que se leva a cabo de xeito periódico, e outra variable, que se realiza puntualmente segundo a ocasión.

Entre a actividade estable podemos destacar:

Unha tertulia de adultos, punto de partida da asociación. É a actividade máis antiga, a que leva máis tempo funcionando. As reunións concértanse cunha periodicidade dun mes e medio aproximadamente, a excepción do verán en que se suspende. Daquela, ao longo deste tempo, pasaron máis de trinta autores galegos de diferentes xéneros e idades.

Unha tertulia xuvenil que se estableceu a semellanza da de adultos pero destinada a un público máis novo. Está plenamente consolidada e leva máis de tres anos funcionando. Nesta altura xa se achegaron a Moaña máis de quince autores de literatura infantil e xuvenil e seguimos programando.

Unha sesión de contacontos que se realiza mensualmente baixo a denominación A hora do conto. Esta actividade, que pretende o achegamento da literatura aos máis pequenos, lévase a cabo a tarde do último venres de mes simultaneamente en dous centros de ensino do municipio. Leva funcionando case desde o principio.

Un conto viaxeiro, confeccionado por todos os colexios do concello. Elabóranse dous diferentes para primaria e un para infantil. Os contos de primaria contan coa colaboración dun/ha escritor/a de literatura infantil-xuvenil que realiza a primeira páxina. A esta danlle continuidade cada un dos centros de ensino que, ademais, o ilustran. Como remate final, os contos represéntanse entre todos os participantes e faise unha pequena edición.

Un certame de microrrelatos que xa vai pola IV edición. Este certame dispón dun premio en metálico variable que está en torno aos trescentos euros. Os relatos premiados "cólganse" da nosa páxina web (http://lonxaliteraria.tqr.biz).

Un recital de poesía anual, polo menos. Ensaiamos diferentes temáticas con diferentes formatos, cun éxito desigual.

Todas estas actividades conforman o "grosso" da programación da Lonxa Literaria, xa que se levan a cabo sen interrupción ao longo do ano. Non obstante, esta actividade compleméntase puntualmente con outras como obradoiros de escrita, homenaxes, presentación de libros, actos con motivo do Día das Letras Galegas, colaboracións...

Funcionamento ¿como o facemos?

A Lonxa Literaria, na súa orixe, comezou sendo unha asociación sen ningún tipo de recursos económicos (A día de hoxe temos recibido algunas axudas da Xunta de Galicia e o Concello de Moaña). Foron os fondos d@s soci@s os que permitiron o seu funcionamento habitual. Daquela, facilmente poderemos concluír que foi a xenerosidade de todos @s participantes nas nosas actividades os que fixeron posible o desenvolvemento da programación e a súa estabilidade. En todo este tempo foron moitas as persoas que colaboraron con nós baixo múltiples formas e dun xeito totalmente desinteresado (escritores/as, grupos de música, amizades, coñecid@s...). Porque a clave do funcionamento estivo, á par que o desenvolvemento das potencialidades propias, en usar e "abusar" dos ofrecementos e do noso entramado de amig@s e relacións. De aí que non resulte estraño que no descanso dun recital cante un coro, toquen uns gaiteiros ou o equipo de son sexa emprestado. Ás veces, resultaron mesturas un tanto sorprendentes. A dispoñibilidade estivo na base destes combinados.

En resumo, a fórmula de funcionamento na que se basea a Lonxa Literaria non é novidosa. O voluntarismo, o entusiasmo e o interese son as claves fundamentais como en tantas outras asociacións. E é unha fórmula ao alcance de calquera.

 
 

   Atrás       Subir