Do biblioespazo ao bibloabrete, unha aposta pola reformulación continua das bibliotecas

Alfonso Filgueira
Daniel Cánovas
Ainoa González
Servizo Sociocomunitario Municipal Concello de Narón

 

Breve análise previa

Os equipamentos bibliotecarios como espazos para o coñecemento son unha oportunidade permanente para a acción e dinamización socioeducativa, onde á tradicional e sempre viva aprendizaxe pola lectura, se lle engaden outras dimensións e prácticas educativas.

Cando aínda están sen esgotar as posibilidades máis elementais de acción socioeducativa e cultural dos "biblioespazos", as novas tecnoloxías da información e comunicación enfróntannos a un traballo de reflexión, revisión e reformulación do rol e funcións destes como fornecemento da acción educativa e cultural.

Sen esquecer os riscos das concepcións pseudosociais ou posmodernas que intentan ofertar os biblioespazos como espazos para quedar, de relación social... onde traballar as noites alternativas ou ocio alternativo procurando presentar unha nova imaxe destes equipamentos, habería que recordar que o obxectivo non é enchelos de xente para competir cos lugares de ocio e espallamento privado.Causa certa tristeza ver as aulas e as bibliotecas cheas de xente que pasea, parola, loce modelitos, queda... en definitiva, pasa, mais non utiliza fondos, non investiga, non aprende e non transforma positivamente nada.

Estamos, pois, diante de tendencias necesarias mais non suficientes pero deixemos para outra reflexión a análise e os roles dos biblioespazos como eixe das novas tecnoloxías da información e da comunicación e centrémonos en algo máis humilde e concreto: afondar nun xeito, nunha práctica envolvente, xiros para crear un ambiente, un clima vivificante e motivador onde se manteña unha liña de medra cultural e educativa.


 
 

A nosa experiencia

O bibloespazo de Narón é unha práctica metodolóxica baseada en:

Interconexión (transversalización) da programación educativa, cultural, social e lúdica de índole municipal, utilizando os bibloespazos coma catalizadores desa acción.

Achegamento da rede bibliotecaria á cidadanía máis aló dos propios edificios bibliotecarios, utilizando calquera espazo coma escolas, centros cívico sociais, prazas...

Accións que poñen distintos temas e intereses ao alcance de diversos grupos de poboación e idades (mulleres, maiores, infancia, mocidade etc).

En concreto, o biblioespazo non é máis que o universo territorial municipal que a partir dun programa de accións vencella os edificios bibliotecarios coa cidadanía.

Escolma de accións dos programas dos biblioespazos

1. Exposicións ou mostras temáticas quincenais ou semanais.

1.1. de libros por idades, temáticas e centros de interese, anunciándoos no voceiro informativo interno.

1.2. de música: sobre autores clásicos como Mozart, Chopin, Falla, Rabel; sobre músicos galegos e polifonía galega...

1.3. de ciencia: sobre o mundo das abellas, as razas autóctonas, os inventos, a física, a astronomía...

1.4. de etnografía e historia sobre a Galiza e o seu acontecer, a evolución, a muiñeiría; as telleiras; as máquinas industriais, a pesca...

1.5. de literatura galega e ilustres galegos, contemporánea, tendencias.

1.6. de contido social: a muller no agro, o mundo en guerra, as ONG solidarias...

1.7. de medio ambiente, abondando nos espazos naturais, nos ríos na Galiza, na auga, no clima, nos bosques...

2. Aprender pola Retina: ver e ler sobre o achegamento á expresión artística pola impregnación do coñecemento a partir de metodoloxía iconográfica e técnicas empíricas de coñecemento simbólico-significativo.

2.1. Mostras de pintores locais no medio das salas de lectura.

Deste xeito, coa rutina de observación de cadros de pintura acotío, no biblioespazo desenvólvese un criterio selectivo por composición e contraste de obras, coñécense técnicas pictóricas e autores.

Dáse unha visión de sala de exposición fornecendo as salas de lectura cun mobiliario sinxelo: os "cabaletes de pintor" sobre os que se colocan os cadros.

2.2. Mostras de fotografía, banda deseñada...

2.3. Mostra de escultura de pequeno e medio formato.

2.4 Música en fío musical.

2.5 Miniconcertos en vivo por instrumentistas locais que interpretan en suaves volumes autores coñecidos en instrumentos adaptados para non distorsionar o ambiente das salas de lectura.

A interpretación abrangue de dúas a tres intervencións diarias de dez minutos aproximadamente cada unha. Instrumento: violín, violonchelo, guitarra, frauta, óboe, acordeón... Realízase cunha frecuencia semanal ou quincenal.


 
 

3. Lectura con música: ler e oír.

Para formar oíndo e con ton musical directo, adéstrase por medio de técnicas pasivas, con audicións de música en fío musical con repertorio seleccionado por días, autores e peza. Inclúese música clásica e polifonía galega, instrumental e cantada.

4. Demostracións de expresión artísticas en vivo, realizados por pintores, escultores, artesáns, que no medio das salas de lectura desenvolven, case en silencio total, o seu labor creativo, ao longo de dúas horas, que é observada directamente polos usuarios/as da biblioteca, cunha cadencia quincenal.

5. Obradoiros culturais estacionais... que recollen temáticas relacionadas cos eventos temporais que incorporan unha técnica construtiva ou de elaboración, de finalidade empírica para inducir ao coñecemento onde a fonte de consulta sempre está nos libros de papel ou electrónicos:

Entroido (obradoiro de máscaras); Maios (obradoiros de arte floral); Esfollas (obradoiros de mazarocas); obradoiros de xogos populares. A frecuencia é semanal.

6. Obradoiros de contacontos con almorzos ou merendas para os non lectores.

7. O xogo nas rúas, baseado en técnicas ludotecarias utilizando as prazas coma biblioespazos onde se levan libros e xogos para coñecer e aprender.

8. Charlas temáticas á carta para segmentos de poboación (nutrición para nais e nais noveles; ergonomía e rehabilitación nos maiores de 60 anos; as abellas e os apicultores; os produtos ecolóxicos para horticultores e consumidores...) Selecciónanse primeiramente os intereses de colectivos e prográmanse as charlas coloquio baixo demanda, traballando así con grupos de entre 50 e 100 persoas.

9. Dramatización de textos en vivo, efectuados por escolas e grupos de afeccionados ao teatro comunitario que recollen "sainetes" clásicos ou recreados polos actores e actrices afeccionados.

10. Itinerarios sobre divulgación do patrimonio cultural e literario, sobre os propios dispositivos bibliotecarios e os contornos municipais inducindo ao coñecemento de autores en función dos recursos patrimoniais visitados. (Por exemplo diante dos pazos e casonas, o/a educador/a contextualiza os ilustrados galegos que corresponden á época... e deriva á exposición de ilustres existentes en paralelo nunha biblioteca...)

En resume, o biblioespazo intenta incorporar unha conceptualización que transcende dos muros dos edificios, que integra todas as manifestacións do coñecemento e as metodoloxías de aprendizaxe... mais, sobre todo, crea "espazos" ou "hábitats" arrequecidos e estimuladores, dinamizadores e impulsores do crecemento cultural colectivo e individual, máis aló do novo consumismo de produtos culturais.

 
 

   Atrás       Subir