Memoria de Coaña

Coaña é un concello do occidente asturiano situado na comarca do Baixo Navia. Ten unha extensión de 65,80 Km2 e caracterízase por contar con dúas zonas ben diferenciadas: a litoral ou rasa costeira e a interior ou de montaña. Na actualidade, conta con 3500 habitantes, sendo a densidade de poboación de 56,1 habitantes por Km2. En canto á distribución do concello segundo nivel de estudos, un 58,5% da poboación ten un nivel inferior ao grado de escolaridade. O concello conta con numerosos servizos públicos. A biblioteca, un deles, é a protagonista deste artigo.

Situada nun edificio histórico, unha escola de indianos, atópase o Centro Municipal de Lectura "Gonzalo Anes" na rasa costeira de Ortiguera, marco paisaxístico incomparábel. A súa única sala é o que as persoas maiores do pobo recordan da aula das nenas, iso si, reformada e conservando un elemento que a fai acolledora e nostálxica: a cheminea. Unha cheminea que os mozos atizaban e provían de leña durante o recreo, con madeira procedente dos bosques da marquesa do pazo de Mohías. En 1994, decidiuse que nesta infraestrutura se situase a Biblioteca, restituíndo este inmóbel a un estado que contribuíse, como no momento en que se ergueu, á promoción dos habitantes do medio rural.

A biblioteca pode ser outras cousas?

A xestión bibliotecaria inicial marcaba como meta un fondo organizado e catalogado dos escasos documentos bibliográficos cos que se contaba. Este sistema fixo posíbel que nos primeiros oito anos de andadura as persoas socias apenas superasen a centena, unha terceira parte residentes na vila e con hábitos consolidados de lectura. En cada unha das súas paredes, colgaba a gran prohibición asociada ás bibliotecas que velaba por un silencio sepulcral e a convertía en espazo de eruditos.

Estaba claro, a Biblioteca necesitaba un plan de traballo que utilizase como alicerce a animación á lectura. Esta, vinculada á difusión lectora hoxe cumpre funcións de promoción cultural e de apoio á educación, deixando de entender o Centro de Lectura como un espazo pasivo e outorgándolle unha nova misión: reforzar a tendencia á lectura para aproximar a cultura a toda a poboación en condicións de igualdade. A dinamización, xa que logo, sae ao encontro da poboación para dar a coñecer os recursos e posibilidades que ofrece este servizo, procurando reforzar a súa función de loita contra as exclusións e evitando que o acceso á cultura sexa patrimonio dunha minoría. É a partir de entón, cando todas as actuacións teñen como meta garantir, con independencia do lugar de residencia, uns servizos socioeducativos básicos no concello, rompendo barreiras derivadas da dispersión de poboación, o nivel socioeducativo e a dificultade de comunicacións.

As desvantaxes de traballar nun medio rural vense compensadas coa animación á lectura sempre que esta se mostre como unha constante e non como unha serie de iniciativas illadas cunha temporalidade puntual. A difusión comeza pola publicidade nos locais públicos: marquesiñas, bares-tenda, cabidos de igrexa, farmacias e centros de saúde. Esta proxección vese incrementada mediante o boca a boca de quen con cautela e incerteza se achega por vez primeira ao servizo. Cunha andadura de catro anos incansábeis, pódese afirmar que a biblioteca afastouse dunha visión tradicional do centro como lugar para a conservación de libros ou templo do silencio, para converterse nun espazo de interacción e crecemento cos libros, un lugar para descubrir o pracer e a importancia da lectura. O seu programa de actividades vese arroupado pola súa finalidade de sensibilización social que intenta acadar á familia e á comunidade concienciando sobre a importancia das bibliotecas como axentes para a promoción social e educativa.


 
 


O programa

A metodoloxía aposta pola participación activa da poboación en todos os procesos da actividade, a constancia e a permanencia no tempo de actividades, a descentralización de iniciativas e a colaboración e coordinación con outros programas e proxectos municipais ou comunitarios que empapa o traballo dun carácter interdisciplinar e dótao dunha visión global e integradora.

Basta botar a vista atrás para alentarse cos logros e coller pulo para seguir traballando na mesma dirección. Aquelas primeiras iniciativas illadas nas que como máximo se reunían oito persoas foron o comezo dunha serie de proxectos cunha marcada tintura social que serviron de referencia a outros concellos rurais e que se viron avalados cun recoñecemento do Ministerio de Cultura. As cifras son importantes, pero hai feitos que recompensan un traballo á sombra con múltiples dificultades: unha muller que case aos setenta anos le a súa primeira novela, a comunidade xitana que goza de servizos e actividades, a ilusión dos participantes do taller de teatro tras un admirable debut, as bágoas dunha nena que se mete no conto ata chorar a morte dun camelo...

Obxectivos feitos realidade que se traducen en sonoros títulos. Os que dan nome ao paquete de iniciativas que xa son coñecidas no concello e que gozan do respaldo da poboación.

A Pequeteca: cada mércores máis dunha ducia de nenos e nenas invaden de bulicio e colorido a tranquilidade da Aula de Lectura. Chegados de distintas partes do concello saben que a Biblioteca é un punto de encontro cos seus iguais, un lugar para aprender de forma divertida mediante os contos e a lectura. O ruído cesa cando comeza a historia, un relato dramatizado que sae dun libro para sorprender e, a un tempo, educar.

Cada mes dedícase a unha temática e tras o contacontos gozan de actividades plásticas e musicais, para rematar seleccionando as obras que se levarán en préstamo ás súas casas. En pleno século XXI, a Pequeteca é unha lección de diversión sen recursos, de xogo cooperativo, de reunión infantil en torno á literatura, de transmisión oral. Son temáticas que desatan o valor educativo dos contos para espertar curiosidades, superar medos infantís, adquirir coñecementos e valores para a convivencia. Todo iso a través de suxestivos títulos que dan nome ás xornadas: Contos para a paz, Contos para educar, Contos sobre amor, Contos para rirse do medo, A arte dos contos, Avós do conto, Contosos, Ecocontos, Contos e interculturalidade.

Literatura de cores: cada luns acoden unha decena de participantes ao taller de teatro. Trátase dunha aposta pola dinamización lectora que utiliza o teatro como ferramenta de formación dramática e recreación na que se dan cita os múltiples beneficios da lectura e a arte escénica: perfecciónase a capacidade expresiva, espértase a imaxinación e supón un espazo de interacción e goce co traballo actoral. O ensaio dunha obra que é representada coincidindo co Día do Libro é o mellor aliciente para a poboación infantil e para as súas familias que esperan con impaciencia o debut. A hiperactividade de cada sesión vese minguada polos nervios da estrea que some a voz e os movementos, pero que non impide que saian airosos no seu gran día.

Celebración do Día do Libro: Trátase dunha programación dirixida a homenaxear o libro e sensibilizar á poboación coañesa sobre a importancia da lectura como vehículo para a aprendizaxe, para o desenvolvemento da intelixencia, a adquisición de cultura e o entretemento. Congrega diversas actividades de carácter variado, deixando maiores ocos para o goce interxeracional de iniciativas como as visitas de autor, cuxas obras se traballan previamente a través de varios libroforum.

Programa Apertura de Centros á Comunidade: a través deste programa, responsábeis bibliotecarios e escolares unen as súas forzas para promover o descubrimento das Biblioteca Pública a través de visitas guiadas, potenciando hábitos lectores desde idades temperás, mostrando os recursos e posibilidades que ofrecen estes servizos públicos. As visitas guiadas son o eixe vertebral do proxecto que permitirá a escolares de distintos puntos do concello e de familias de diferente nivel socioeducativo gozar cos contos e coas actividades de formación de usuarios.

Compartindo lecturas, educando en valores: foi un plan de educación en valores a través da obra do escritor Gonzalo Moure. O proxecto posibilitou o coñecemento doutras culturas e pobos a través da lectura. A iniciativa mestizaba o cultural e o social, educando na interculturalidade e o respecto ás diferenzas. As obras traballadas descubrían aos participantes o pobo saharaui (Palabras de Caramelo), daban a coñecer a cultura xitana (Maíto Panduro) e posibilitaban poñerse na pel do diferente, a dun mozo afectado pola síndrome de Williams (A Síndrome de Mozart). Todo finalizaba cunha conversa co autor, dirixida a toda a poboación, que culminaba con recendo e sabor árabe, nunha das veladas máis apetitosas que nos pode ofrecer a literatura. O título desta xornada é fiel reflexo da filosofía de traballo do centro, do seu compromiso coa educación en valores, da metodoloxía de actividade grupal. Por iso deu título ao Plan de Dinamización de 2006, o que fixo posíbel nutrir o fondo bibliográfico con preto de 1 000 volumes e conseguir 12 000€ para a ampliación e rehabilitación da Biblioteca.

Nacer en 2007: cada ano, o proxecto nacer imponse coa finalidade de fomentar o coñecemento da existencia do Centro de Lectura no concello, a súa misión e os seus servizos. Trátase, sen dúbida, de crear un primeiro encontro das familias coa Biblioteca, sensibilizando aos proxenitores do seu importante labor na promoción de hábitos lectores. A iniciativa consiste en facer chegar a cada fogar do municipio no que nace un bebé, un paquete que conteña unha carta e unha guía de lectura que recolle consellos dirixidos a pais e nais sobre como consolidar o hábito lector. Isto acompáñase dun libro-xogo e un carné, a primeira das súas tarxetas. Esta atractiva campaña convida a pais e nais a implicarse nun mesmo labor, onde persoal bibliotecario, educativo e os propios familiares, debemos darnos a man.

Libros sobre rodas: promover o acceso a servizos bibliotecarios, como o préstamo monográfico, a persoas que polo seu lugar de residencia ou as súas condicións físicas élles imposíbel desprazarse ata o Centro Municipal de Lectura, é outra das misións da Biblioteca. O préstamo a domicilio permite que todas as persoas que non poidan achegarse á Biblioteca poidan gozar do préstamo de libros e revistas, isto é, a descentralización do servizo.

Talleres de escritura e lectura: cada ano organízase un ciclo con talleres de lectura e escritura. A obra lida é comentada en grupo na biblioteca, á que acoden principalmente mulleres de todas as idades, con distintos niveis de formación. O clima favorece a intervención e ninguén se nega a comentar publicamente a obra.

Ante os talleres de creación literaria hai máis reticencias, adoita haber menos demanda porque é considerada a escritura "para persoas con nivel". Unha vez que se loita por desterrar eses medos, aos poucos íspense os sentimentos e os anhelos xorden en forma de palabra escrita que finalmente é lida publicamente.

O “T” e o “B” da información: nesta xornada de formación de usuarios e usuarias da Biblioteca Pública, as novas tecnoloxías líganse ao servizo bibliotecario para dar a coñecer e formar en teleservizos como a consulta do catálogo colectivo, a reserva de obras, a renovación dun préstamo...Tamén para dar a coñecer o web da Biblioteca no que se pode obter información sobre horarios, calendario de actividades, ata descargar guías de lectura e outros materiais.

Bibliografía intercultural: os concellos nútrense coa chegada de nova poboación inmigrante que necesita dun servizo dedicado á información, como pode ser a Biblioteca Pública. Para chegar a esta poboación é necesario que o Centro de Lectura represente a comunidade plural na que se insire pero tamén que fomente o coñecemento e a educación intercultural entre toda a poboación, resaltando o seu labor informativo e a súa función de medio de educación social, difundíndose como espello dunha sociedade que dirixe os seus esforzos á loita contra a exclusión social coa única arma de que dispón: a educación.

Os sentidos da lectura: a ruptura de barreiras de tipo social, cultural ou físico ten que ser atendida especialmente pola Biblioteca e esta proposta serve como exemplo da loita contra as exclusións e a prol da promoción social daquelas minorías con máis dificultades. As barreiras arquitectónicas foron liquidadas pero existían outras que dificultaban o acceso ao libro. A introdución de materiais especiais: libros con letra grande, lupas, braille, libros dirixidos a infancia autista, monografías noutras linguas...posibilitou paliar aspectos de tipo sensorial, sensibilizar sobre a importancia de previr situacións de exclusión nun servizo público e facilitar a visión da Biblioteca como un fogar pensado para a diversidade.

Estas once propostas, expostas en tan só unhas liñas foron creadas coa finalidade de achegar á poboación rural á Biblioteca e á lectura tendo en conta a escaseza de medios cos que contan os profesionais no medio rural e sendo conscientes de que non hai fórmulas para fabricar lectores, pero que se debe concienciar para que familia, profesorado e técnicos bibliotecarios se encontren ante un común compromiso: favorecer as condicións de lectura, dando a cada un o que necesita. Todo sen enfocar a lectura como unha obriga. A este propósito o escritor Giani Rodari afirma que "Ordenar ler é o método máis eficaz se se quere aprender a odiar os libros. É seguro ao 100% e facilísimo de aplicar".

 
 

   Atrás       Subir