A lectura é unha grande aventura que comeza na infancia e non remata nunca, mais o hábito de ler non se improvisa, hai que o adquirir paulatinamente para que estea sempre presente nas nosas vidas. Non se nace lector ou lectora, senón que un ou unha se vai facendo pouco a pouco, gradualmente. Os auténticos lectores e lectoras non se fan á forza, é necesario actuar a través de comportamentos educativos, lúdicos e estimulantes onde o libro deixe de ser unha peza de uso restrinxida só a tarefas escolares e de avaliación. A lectura é ese conto ou novela que te apaixona e non te deixa parar até que rematas de lelo, esa poesía que te emociona, esa obra que che está a ofrecer a información que precisas ou que che está a achegar numerosos coñecementos sobre ese tema que che interesa. A lectura como instrumento de educación contribúe á formación humana. A UNICEF, na Convención sobre os Dereitos do Neno que foi aprobada pola ONU, recórdanos que ler é un dereito fundamental da infancia, incluído no dereito á educación. A biblioteca é un lugar privilexiado para o desenvolvemento do hábito da lectura onde a gran oferta de libros fai que cada persoa poida atopar o que máis se adecúe aos seus intereses e necesidades.

O Concello de Oleiros posúe uns 32.051 habitantes, cunha densidade de poboación distribuída de forma moi dispersa en nove parroquias. Para facilitar o acceso á cultura en condicións de igualdade e garantir que todos os cidadáns, independentemente do lugar onde vivan, teñan as mesmas oportunidades de acceso á información e ao coñecemento, o goberno municipal decidiu crear o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais, de forma que a Biblioteca Central estivese localizada nun dos núcleos urbanos de maior poboación e mellor comunicado co resto das parroquias e nas outras localidades bibliotecas auxiliares, para que todos os habitantes puidesen estar atendidos preto do lugar onde viven, xa que moitos deles, como é o caso dos nenos/as e mozos/as, máximos usuarios/as das bibliotecas, non poden trasladarse facilmente dun lugar a outro. Este sistema está formado pola Biblioteca Central Rialeda, situada en Perillo, e oito bibliotecas auxiliares localizadas en: Santa Cruz, Dorneda, Mera, Lorbé, Oleiros, Nós, Montrove e Iñás.

Posúen, en total, 429 postos de lectura en sala, un fondo bibliográfico de 113.108 volumes, 9.461 materiais especiais, 397 títulos distintos de publicacións periódicas abertas, 30 computadores con lectores de cd-rom e dvd para uso público, con conexión a Internet gratuíta e 15 impresoras para que as utilicen os/as usuarios/as. Se comparamos o número de habitantes de Oleiros co total de fondos bibliográficos, vemos que equivalen a 3,53 libros por habitante, o que nos sitúa por riba da media galega e da española.

Os servizos que prestan son: información xeral e bibliográfica; servizo de consulta en sala e acceso aos documentos en calquera soporte, préstamo a domicilio; sección e servizo de información local e comunitaria, sección infantil e xuvenil; servizos multimedia, sonoros e audiovisuais; servizo de acceso a Internet e correo electrónico; catálogo do fondo bibliográfico en liña (On line Public Acess Catalog (OPAC)); reprografía; formación de usuarios/as; promoción da lectura con actividades de animación e fomento do libro e de extensión cultural. Todos estes servizos son gratuítos, exceptuando o de reprografía. A través da páxina web do concello www.oleiros.org proporciónase unha información actualizada. Os fondos están informatizados co programa Millenium (Innopac de Innovative) e estase a colaborar na elaboración do catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia. O enderezo do catálogo de acceso público a través de Internet (OPAC) é http://catalogo.rbgalicia.org

Pretendemos que estas bibliotecas presten uns bos servizos á comunidade cunhas coleccións de calidade, equilibradas e variadas e unhas programacións de fomento da lectura estables, permanentes e sistemáticas. Pensamos que as bibliotecas deben ser lugares vivos e dinámicos, en consonancia co mundo e a actualidade, polo que é moi importante a mediación, informando sobre o contido dos libros e dos documentos, invitando á lectura das distintas obras, sempre considerando que a lectura debe ser un acto de liberdade, onde intervén o punto de vista, a sensibilidade e a elección particular de cada persoa, en función dos seus gustos, intereses e preferencias. As bibliotecas contribuirán a satisfaceren as necesidades informativas, culturais e lúdicas da poboación, mediante servizos continuados de calidade e oportunidades de aprendizaxe e proporcionarán recursos de acceso á información, a formación e ao ocio. Deben achegar un esixente proxecto cultural, que non responderá soamente á demanda inmediata, senón que procurará ter unha visión de futuro. A biblioteca debe ser un servizo público, universal (igual que o ensino ou a sanidade), que debe cubrir a totalidade da poboación, gratuíto e igualitario de acceso ao libro e á lectura, en que deben rexer os principios e valores de liberdade intelectual e igualdade no acceso á información, aos fondos, recursos, instalacións e servizos, sen ningún tipo de discriminación. A lectura é a ferramenta básica para a aprendizaxe continua no marco da sociedade da información e do coñecemento e a biblioteca é un dos principais axentes para a súa promoción, principalmente con aqueles sectores máis desfavorecidos socialmente. Débense emprender accións innovadoras e imaxinativas, que fagan lectoras e lectores autónomos, máis esixentes, capaces de escolleren, de forxaren unha opinión e de construíren o seu propio itinerario de lectura, que gocen e comprendan o seu valor para o desenvolvemento persoal. Na sociedade actual, as tecnoloxías da información e da comunicación son esenciais para a creación de coñecemento, polo que se facilitará a formación permanente, asegurarase que todas as persoas poidan acceder á información que precisen e a través da alfabetización informacional ensinarase a utilizar estas ferramentas, evitando que se produza a brecha dixital que afonda nas desigualdades, para entre todos traballarmos pola democratización da información e do coñecemento.

Os obxectivos xerais que se pretenden conseguir son: fomentar o gusto e o pracer pola lectura, promocionar o libro e axudar a descubrir a diversidade dos libros existentes. Estes obxectivos non se poden conseguir se non se realiza un proxecto de promoción, cunhas actividades de animación e un traballo de mediación que complete e reforce as actividades de difusión, por isto organizamos programacións anuais estables de fomento da lectura e de extensión cultural. Pensaranse as actividades dentro dun marco activo e participativo e tratarase de implicar a toda a comunidade, coa colaboración do profesorado dos centros de ensino público do Concello e a implicación das familias a través dos pais, nais ou irmáns maiores. Preséntase a biblioteca como un lugar atractivo, onde se poden pasar momentos agradables. A animación lectora deberá ter características lúdicas e realizarase baixo o signo da creatividade. A lectura recreativa educa o neno e a nena, contribúe ao desenvolvemento da súa personalidade e prepárao para a vida. A biblioteca debe reforzar o papel da familia e dos educadores e educadoras contribuíndo a espertar a curiosidade polos libros. Creará espazos e momentos de lectura para que as nenas e os nenos máis pequenos se acostumen a esa experiencia, que a agarden e que a reclamen. Debe ser un lugar de espallamento e cultura, polo que se poden realizar as máis diversas actividades mais sen esquecer que a súa función básica é promocionar a lectura e contribuír a formar novos e mellores lectores e lectoras.

As actividades de promoción da lectura que programamos son a partir dos dous anos e pensamos que o camiño cara á lectura non se debe comezar como o coñecemento dunha técnica, que é algo imprescindible mais posterior, senón como un hábito de contar historias, ollar libros, observar imaxes etc. Se se lles ofrecen bos libros, historias divertidas e interesantes, cunha linguaxe axeitada, fermosas ilustracións e unha presentación atractiva, a lectura convertirase para eles nunha experiencia única e satisfactoria que quererán gozar unha e outra vez. Pretendemos que os nenos, as nenas e os os/as adolescentes descubran ou aumenten o pracer por ler, que vexan os libros como algo ameno, cos que poden pasar bos momentos, ao mesmo tempo que se instrúen, amplían os seus coñecementos e utilizan o noso idioma. É moi importante que desde as primeiras idades se poña en contacto os nenos e as nenas cos libros, polo que é esencial a implicación da familia, que os pais e nais os traian á biblioteca para que se familiaricen coa riqueza e diversidade dos libros: contos, poesías, obras de información e coñecementos etc., que estean e participen con eles nas actividades, que lles lean contos mais tamén a participación do profesorado na concienciación da importancia e, o valor da lectura na súa función educativa ao mesmo tempo que lúdica e pracenteira. O neno ou a nena vivirá intensamente as historias, contos, cancións ou poesías que comprende, que lle causan emoción, asombro, risa e sobre todo pracer; polo tanto debemos estimulalos nesa relación pracenteira coa palabra e coa lectura. As bibliotecas asociarán a lectura con actividades agradables e queridas, proporcionarán encontros positivos cos libros, coas historias, coa palabra literaria e coas ilustracións.

Organizamos actividades dirixidas aos centros de ensino, ao público en xeral (infantil, xuvenil e adultos/as) e outras mixtas. As actividades dirixidas aos centros de ensino parécennos moi importantes, pois a través delas podemos chegar a todos os nenos e nenas, tanto aos que senten interese pola lectura como aos que non teñen ningún interese por esta e aseguramos que todos aqueles que nunca estiveron en ningunha biblioteca municipal, que as coñezan, para que despois as visiten en horario non lectivo.

Podemos destacar:

Campaña de animación á lectura: tomando como punto de partida a narración de contos e historias, a relación pracenteira cos libros, o xogo cos personaxes de ficción, trátase de resaltar o valor da palabra. Preténdese dar a coñecer as principais bibliotecas municipais, potenciar a asistencia, non só como lugares de estudo e consulta, senón tamén como centros de lectura lúdica, crítica e reflexiva, en que os nenos e as nenas aprendan a pensaren como cidadáns libres e solidarios, favorecer procesos de creación e expresión oral e escrita, e ensinar a vivir o libro en colectividade, enriquecéndose cunha lectura activa e participativa.

Encontros con escritores/as: coa intención de achegar ao lectorado os nosos escritores e escritoras, de descubrir a súa forma de escribir e de promover a lectura das súas obras, organizamos estas actividades, unhas veces dirixidas ao alumnado dos centros de ensino e outras ao público en xeral (infantil, xuvenil ou adulto). Leváronse a cabo distintos encontros con escritores e escritoras como Agustín Fernández Paz, Xosé Miranda, Rosa Aneiros, Xabier P. Docampo, Marilar Aleixandre, Helena Villar Janeiro, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xoán Babarro, Fina Casalderrey etc.

Obradoiros de introdución á ilustración: preténdese dar a coñecer diferentes ilustradores/as galegos/as, polo que se programan obradoiros en que poidan traballar os distintos tipos de ilustracións. Ensínanlles, aos participantes, diferentes técnicas de ilustración e anímanos a se expresaren por medio do debuxo, fomentando a creatividade e a imaxinación a través das actividades plásticas.

Cada ilustrador ou ilustradora formula o obradoiro de forma diferente. Por exemplo: Óscar Villán explicou todos os procesos para realizar a edición e publicación dun libro. Noemí López, ensinou como debuxar diferentes expresións, posturas e movementos etc.

Obradoiros de iniciación á banda deseñada: coa finalidade de mostrar diferentes técnicas para debuxar banda deseñada, fomentar a creatividade e a imaxinación a través do cómic, promover a lectura deste tipo de obras, realízanse estes obradoiros con debuxantes e ilustradores como Fran Bueno, Kiko da Silva etc. Nestes encontros e obradoiros, tanto de escritores/as como de ilustradores/as, distribúeselles a todos os participantes un folleto sobre a biografía e bibliografía de cada autor ou autora.

A aventura da lectura: tomando como punto de partida a narración de contos e historias, a relación pracenteira cos libros, o xogo cos personaxes de ficción, resáltase o valor da palabra xunto coa articulación de diferentes disciplinas artísticas: a plástica, a música, a expresión corporal, considerando que en todas as historias aparece un mundo de imaxes, un mundo sonoro e outro de xestos e accións. Organízanse contacontos, xogos con palabras, creación de poesías, teatro de sombras e diversas actividades de animación á lectura, non só para nenos e nenas, senón tamén para adolescentes e mozos/as.

Exposición de debuxos: convócase unha exposición para nenos e nenas de educación infantil, l.º e 2.º de ensino primario, en que todos os debuxos deben estar baseados nun conto que lesen ou lles contasen. A súa finalidade é relacionar a lectura con outras expresións artísticas, como poden ser o debuxo e a pintura, ao tempo que se favorecen distintos procesos de creación e expresión.

O conto viaxeiro: trátase dunha actividade que xurdiu coa iniciativa do Colexio Público Isidro Parga Pondal de Santa Cruz e a través das bibliotecas estendeuse aos outros centros de ensino.

O conto viaxeiro consta de varios relatos, escritos en galego, que percorren as aulas de educación infantil, 1.º e 2.º de ensino primario. Con esta iniciativa, procuramos promover procesos de creación oral e escrita, ao tempo que contribuímos á reflexión nos diferentes axentes educativos sobre a importancia da creación de contos como medio para desenvolver a imaxinación e a creatividade nos nenos e nas nenas.

Encontros con nais e pais: explícaselles aos pais e ás nais a importancia da literatura na infancia, a importancia de lles contar e de lles ler contos ou poesías aos nenos e ás nenas. Pensamos que os pais e nais deben traer os nenos e as nenas ás bibliotecas desde as primeiras idades para que se familiaricen coa diversidade dos libros: contos, poesías, obras de información e coñecementos etc e o persoal das bibliotecas débelles axudar na selección.

Conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora: preténdese sensibilizar á comunidade sobre a discriminación de xénero e informar sobre libros que tratan esta problemática ou que non son discriminatorios, para traballar polo respecto á igualdade.

BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA - Avda. Rosalía de Castro, 227A
15172 Perillo - Oleiros (A Coruña)
Tfno.: 981 639 511 - Fax: 981 639 996
 
 

Guías de lectura: partimos de que as bibliotecas tamén deben ser creadoras de contidos, polo que elaboramos diversas guías de lectura con recomendacións de libros de calidade literaria, artística ou científica. Consideramos que se debe ser selectivo e procurar calidade; un bo libro non é necesariamente o máis caro ou o máis vistoso, é máis importante é que estea ben escrito e ben concibido. Realizouse a guía de lectura A favor da igualdade, en que figura unha selección de obras que presentan a relación nena/neno, muller/home no plano da igualdade ou que informan sobre este tema. Tamén se elaboraron outras guías en que se recomendan libros para as distintas idades. Por exemplo: Libros para o verán, Un libro, un bo agasallo, A aventura da lectura ou Lecturas para compartir.

Hora do conto e contacontos: consiste na narración ou dramatización dun ou varios contos, cun enfoque lúdico e unha vivencia activa cos libros. É unha actividade que se desenvolve ano tras ano como consecuencia do seu recoñecido valor lúdico e educativo, que reside, fundamentalmente, no incentivo á lectura dos máis cativos. Estas sesións inflúen no poder da imaxinación e na importancia da tolerancia nas relacións persoais. É esencial que se estimule as nenas e os nenos desde pequenos, que vexan nos libros un compañeiro ou amigo como pode ser o máis prezado xoguete. Para eles a palabra oída exerce unha gran fascinación. O libro oído, visto, tocado, como lectura compartida con outros nenos e nenas, axudaralle no seu contacto coa letra impresa, motivará unha lectura gozosa e fomentará a súa creatividade.

Obradoiros de lectura e faladoiros literarios: realizamos obradoiros de lectura para mozos/as e adultos/as sobre obras de literatura, principalmente, contemporánea. Queremos que as persoas que participen, poidan gozar da literatura como un desenvolvemento da capacidade de comprender, valorar e gozar da creación literaria, queremos que aumenten a capacidade de comunicación a través da lectura, de forma que compartan ideas, reflexionen sobre temas diversos, analicen a propia visión do mundo, e desta forma, se poidan enriquecer co punto de vista dos demais. Pretendemos que analicen a forma de escribir de distintos autores e autoras, das súas creacións literarias, estilo, tipo de linguaxe etc. Para complementar esta actividade organízanse, periodicamente, conferencias e encontros con autores/as, como os que realizaron con Manuel Rivas, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello, Luz Pozo etc. Proximamente teremos a Teresa Moure para falar de Herba moura.

Día das Letras Galegas: realízanse folletos informativos, murais conmemorativos, exposicións bibliográficas etc e organízanse conferencias sobre a autora ou o autor homenaxeado.

"Todo está nos libros": programa radiofónico de Radio Oleiros, que se emite todos os venres ás 12:00 e ás 15:00 horas, no que se realiza semanalmente unha recomendación dun libro infantil ou xuvenil e outro para adultos/as.

Formación de usuarios e usuarias: para que as persoas coñezan a organización das bibliotecas publicamos trípticos informativos mais tamén realizamos actividades de formación de usuarios/as.

Exposicións bibliográficas: organízanse en todas as bibliotecas e durante todo o ano, unhas veces para conmemorar datas como o Día da Paz, o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o Día do Libro etc. e outras con motivo de premios, de homenaxes ou doutros temas. Neste momento, con motivo de declarar o ano 2007 como o "Ano europeo da igualdade de oportunidades de todas as persoas", temos unha exposición sobre a igualdade titulada "Todos por igual" e tamén se vai editar unha guía de lectura para concienciar á sociedade sobre o dereito á igualdade e sobre a problemática da discriminación múltiple.

Cunhas bibliotecas ben dotadas e actualizadas e cunha programación estable e continuada, o que pretendemos é promocionar a lectura, difundir o libro e crear o hábito de ler e de visitar as bibliotecas como algo habitual, normal e cotián, para conseguirmos unha sociedade lectora.

 
 

   Atrás       Subir