Breves apuntamentos do activismo na vella Compostela: do colectivo artístico “Anakos” á exposición “Memoria-Pinturas”

 

Nolo Suárez
Artista plástico

 

Os inicios

Eran os anos 80 e na cidade vella de Compostela algúns artistas novos e outros que xa non o eran tanto, que viñan expoñendo de forma regular nos pubs da zona vella compostelá, querían dinamizar a arte e a cultura que se facía daquela fóra dos circuítos oficiais. Para iso comezaron unha serie de xuntanzas, debates, intercambios de ideas e, logo, propostas concretas.

Nestes espazos era posible amosar a creación artística en liberdade, a confluíren naqueles momentos exposicións de pinturas con recitais de poesía, actuacións musicais, algunha actuación teatral ou monicreques, entre outras actividades. Estas actividades e propostas eran case sempre innovadoras e arriscadas e tiñan o obxectivo de abrir ocos de luz despois de tantos anos de escuridade, de represión, de falta de liberdade e democracia.

Foi nestes espazos, tales como o Modus Vivendi, Paraíso Perdido, Metate, Curruncho, Tarasca, ou a Casa das Crechas, entre outros, onde, ao longo do ano 85, un grupo de artistas plásticos que viñan coincidindo nesas diversas manifestacións artísticas-culturais, comezan a se relacionar máis entre si e traballan na idea de pór en práctica proxectos comúns. Foron moitos os encontros, os debates, as reflexións e as opinións, pois queríase un clima de liberdade e de participación democrática, e tomar logo as decisións oportunas por maioría. Nestes encontros participaba un número aproximado de dez a doce artistas plásticos.

Un feito importante foi a mostra plástica colectiva da Galería Trinta no ano 85: "Quince en Trinta", que xuntou quince artistas que, case todos, viñan mostrando as súas obras nestes pubs da zona vella compostelá e que participaran nas conversas e nos debates que alí tiñan lugar. Foi a partir desta mostra cando callou máis a idea de facer un colectivo artístico-cultural, para ter mais forza e poder levar a cabo proxectos expositivos noutros espazos máis amplos que os pubs, así como proxectos artísticos tamén de mais amplitude e máis completos que puidesen dar unha mellor mostra da creatividade que se facía naqueles tempos na vella Compostela.

Nestas circunstancias xorde o Colectivo ANAKOS, no ano 86, e na súa presentación pública explica entre outras cousas o seguinte:

"Os nosos estilos son abondo diferentes, o que nos enriquece e nos reafirma no que máis cremos: a liberdade creativa; estamos xuntos porque queremos e, fagamos o que fagamos, non nos impoñemos nada, sen que iso implique a ausencia de autocrítica ou do rigor que sempre desexamos plasmar no noso labor en común."

Constituían inicialmente o colectivo algunhas persoas como X. A. Castaño, Luis Iglesias Diz, Xurxo Martiño, Parrallo, Luis Suárez, Nolo Suárez e Valeiras. A presentación pública e de forma consolidada, con exposicións de obras, textos escritos, debuxos diversos, publicación de revista, foi no Museo do Pobo Galego a comezos do ano 87, despois de varios meses de xestións e de traballos previos durante o ano 86.

No colectivo confluían diferentes estilos e tendencias, representativos da creatividade diversa daqueles tempos, que nunca se quixo interferir nela, nin impor unha liña determinada. Deste xeito, nun dos primeiros manifestos do colectivo, dicíase daquela que:

"A nosa comuñón é por riba de todo humana, somos artistas mais tamén amigos porque nos fixemos amigos traballando e compartindo todos os altibaixos que cada mostra ou proxecto sen dúbida nos deparaba. Poucas veces nos venceu o desalento; mais era suficiente unha pausa, un repouso, para facer xurdir de novo en nós o desexo dunha nova aventura, onde a ilusión se debullaba en longas conversas e debates e nalgunha que outra noite de copas polos pubs da nosa Cidade Vella".

A acompañaren as exposicións, sempre se publicaba algo escrito, quer manifestos quer no seu momento o núm. 0 da Revista ANAKOS. Noutras ocasións había recitais de poesía ou de música a acompañaren as exposicións do colectivo. Tratábase, pois, de relacionar as artes plásticas con outras artes e actividades artísticas, de dinamizar a vida artística e cultural da cidade vella compostelá cos medios de que se dispuña, que case sempre eran poucos, e ademais naqueles tempos sen contar con ningunha axuda das entidades tanto públicas como privadas.

Despois da mostra do Museo do Pobo Galego, que nos serviu un pouco como lanzamento público do colectivo, viñeron outras mostras como as do Centro Cultural de Carballo, o Ateneo de Ourense, o Ateneo de Vigo, a Casa das Crechas, o Centro Galego de Valencia..., que permitiron amosarmos obras grandes, abordarmos novos espazos expositivos, colaborarmos con centros culturais do país e levarmos a arte que se facía na cidade vella compostelá a outros sitios, vilas e cidades.

Logo duns anos de intensa actividade do colectivo, esta foi diminuíndo pouco a pouco, así como tamén se reduciu o número das persoas participantes, cuxa actividade desapareceu practicamente a comezos dos anos 90.

 

Novas iniciativas

Mais o contacto, as discusións, as xuntanzas e, como non, a amizade seguiu sobre todo entre 4 dos seus membros, Antón Castaño, Luis Iglesias Diz, Xurxo Martiño e Nolo Suárez, que logo e xunto a outros/as compañeiros/as, que non formaron parte do Colectivo Anakos, puxeron en marcha novas iniciativas artísticas, culturais e asociativas. Así a participación na AGAV (Asociación Galega de Artistas Visuais), a participación no Foro da Cultura Galega no ano 2000, a colaboración coa Asociación Cultural "O Galo", a colaboración con "Burla Negra", a participación en exposicións como Primun non nocere, no XXV Aniversario do PI do Tambre, en Artistas Composteláns, Botella ao mar, Dende Compostela, Arte pola infancia...

Todo isto fixo que os 4 pintores, Castaño, Diz, Martiño e Nolo Suárez, seguisen a se reunir de cando en vez, a visitaren os seus estudios respectivos, a falaren de novos proxectos e por isto foi tomando corpo o novo proxecto expositivo: MEMORIA-Pinturas.

Con este proxecto queríase lembrar que ía facer 20 anos do xurdimento do Colectivo Anakos e da exposición no Museo do Pobo Galego; por tanto, estaba ben lembrar iso e facer unha breve historia da actividade artística daqueles tempos. Ao mesmo tempo, queríase a colaboración con distintas persoas, escritores, donos de pubs, animadores culturais daqueles anos, poetas, críticos de arte, que dalgunha maneira estiveron en contacto connosco e seguiron os nosos traballos ao longo destes 20 anos. Por outra parte,pretendíase levar a cabo unha exposición de traballos actuais que puxesen de manifesto que a pintura como actividade que vimos desenvolvendo desde hai anos segue a ser na actualidade un medio artístico válido de expresión e de reflexión sobre as distintas cuestións da sociedade.

Estas propostas fixémolas logo de varias xuntanzas, reflexións e discusións, tanto coa Concellaría de Compostela como o Museo do Pobo Galego, que amosaron o seu interese para que fose para adiante.

Volvemos querer, co noso proxecto, dinamizar a vida cultural e artística da cidade vella compostelá como en anos anteriores; así comezamos a ter reunións para reflexionarmos e intercambiarmos opinións coas persoas que van colaborar no noso proxecto. Quixemos que estivesen escritores relacionados co teatro, como Euloxio Ruibal, donos de pubs e animadores culturais, como Lalo Vilariño e Xulio Villaverde, críticos de arte e cultura, como Mercedes Rozas, Manolo Vilar, Iglesias Diz, poetas, como Lupe Gómez e Rafa Villar, os deseñadores Manolo Martínez e Mauro Trastoy, a coordinadora e responsable de exposición do Auditorio de Galicia, Chus Busto, cos fotógrafos Óscar Corral e Xenaro ou o impresor Victor Ferreira, entre outros.

Todo este proceso levou un ano de traballo e de contactos xa que tamén os 4 pintores tivemos neste tempo que facer as obras para a exposición e logo posteriormente o relativo á posta en práctica do proxecto expositivo. Este proxecto quixemos que constase dun catálogo con documentación histórica da actividade artística daqueles anos, con escritos diversos das persoas antes citadas e con reproducións das obras que se ían expor. A propia exposición de obras representativas dos nosos traballos recentes, mais que tivesen unha continuidade cos traballos anteriores, distribuiríase no espazo expositivo do museo para facermos un todo conxuntado e, ao mesmo tempo, mantermos a individualidade de cada un dos artistas; nela haberá un cedé con obras actuais e de anos anteriores que se estea a proxectar na sala contigua á da exposición das obras pictóricas e dúas mesas vitrinas onde se recollan materias do tempo e da pintura, de escritos, publicacións, de traballos e de exposicións xa históricas e do dinamismo e mais das actuacións artísticas daqueles anos.

A memoria e a pintura, reunidos nun novo tempo de dinamismo e de actuacións artísticas a corresponderen os novos retos da sociedade actual, da cultura do país e da arte da cidade vella compostelá.

 

Conclusión

De todo este proceso de traballo e dos anos de encontros, de debates e de reflexións tanto prácticas como teóricas, sacamos unhas cantas conclusións que poden servir para outros colectivos artísticos-culturais. Así temos que os procesos de posta en práctica das nosas iniciativas seguían unha serie de pasos como os seguintes:

a) Un conxunto de ideas que cada un dos artistas achegou.
b) Estas eran logo sometidas a discusión e a reflexión, en que se seleccionaban as que nos parecían mellores
c) Tomábanse as decisións por maioría para ver cal destas ideas tiña máis posibilidade de se levar á práctica e de se materializar nun proxecto expositivo.
d) Despois de se seleccionar o proxecto expositivo, concretábase o máis posible e dividíase en varias partes.
e) Marcábanse e distribuíanse posteriormente as respectivas tarefas entre os membros implicados en participar no proxecto expositivo.
f) Tamén comezábanse os contactos coas persoas que nós queriamos que colaborasen no proxecto, o mesmo que coas entidades tanto públicas como privadas, que podían estar interesadas no proxecto.
g) Facíanse as xuntanzas oportunas coa persoas e coas entidades para lles explicar e, ao mesmo tempo, implicalas no citado proxecto.
h)Seguía a realización dos diferentes contidos e elementos para a materialización do proxecto, con prazos concretos, tanto os referentes a obras, textos, cedés, proxeccións, documentacións, como conseguir o espazo para instalar os citados contidos, así como o seu financiamento.
i) E, xa como remate, a propia posta en práctica in situ dos distintos contidos, facendo un seguimento e unha valoración continua del e tendo en conta que ao ser un proxecto colectivo-común mais de contribucións individuais, hai que procurar que a mensaxe ou a intencionalidade do proxecto quedase constatábel.

   Atrás       Subir