Natalia García Marina - 2006 - Fotografía dixital - 150 x 50 cm.

Salvador Fernández Moreda
Presidente da Deputación da Coruña
 

Liberdade, prosperidade e desenvolvemento da persoa e das comunidades son valores humanos fundamentais. Estes só se poderán acadar se o cidadán ben informado pode exercer os seus dereitos democráticos e desenvolver un papel activo socialmente. Estas actitudes da cidadanía dependen dunha boa educación e dun acceso libre e ilimitado ao coñecemento, ao pensamento, á cultura e á información. Neste quefacer, os servizos de lectura semellan ferramentas básicas de acción local, xa que se converteron no omnipresente equipamento de proximidade en practicamente a totalidade dos municipios da nosa provincia.

Galicia, segundo os últimos informes, xa non está ao final da estatística nos índices de lectura, mais case. No territorio galego é onde menos se le, cunha porcentaxe inferior á media nacional, só somos superados polos estremeños. Mudar esta tendencia negativa é o labor das administracións públicas, das institucións educativas e culturais, dos medios de comunicación e das familias. Unha acción conxunta e permanente.

Co novo número de interea visual que tedes nas vosas mans, pretendemos amosar o deber de non aprazar este labor que vimos sinalando. Innovar politicamente en acción cultural require tamén revisar o concepto de filosofía e das metodoloxías nos servizos municipais de lectura. Unha rede de conserva, de utilización, de transmisión e, mesmo, de creación de información e cultura, así como de fomento da interacción social na poboación que non pode esquecer o ámbito do lecer. Unha rede na que os seus terminais deben adoptar a forma máis acaída para cada realidade municipal.

Desde estas páxinas e desde as reflexións e as experiencias que vos amosamos, apostamos por unha concepción actualizada das políticas a prol do libro e da lectura. Un proxecto como este debe responder a obxectivos enfocados claramente ao desenvolvemento da comunidade. A experiencia narrada polos seus protagonistas -os casos dos concellos da nosa provincia de Narón e Oleiros, por exemplo, van nesta liña.

Toda biblioteca é, necesariamente, unha creación incompleta, unha tarefa en curso e cada andel baleiro anuncia as obras que han de vir. O seu crecemento dependerá, en grande medida, dos orzamentos que se invisten en termos de persoal, de adquisición de fondos e da súa dinamización, mais tamén dos seus usuarios. Posto que a valorización dos servizos de lectura locais hai que aprendela, ensinala e guiala neste proceso ao veciño, desde un primeiro momento é unha tarefa en que participan moitos axentes. Este propósito de normalizar o acceso e o goce das bibliotecas municipais e escolares, as axencias de lectura de barrio ou parroquiais etc., debería formar parte ineludible do contido de calquera política cultural e educativa a nivel local para construír unha sociedade lectora.

 

   Atrás       Subir