Asociación Galega de Artesáns - Camiño da Igrexa, 38 - 15009 A Coruña
Tlf.: 981 293 688 - Fax: 981 133 569 www.galegadeartesans.org

Así é como nos gusta definir a Asociación Galega de Artesáns (AGA) que, no próximo ano, vai cumprir 25 anos de existencia.

Foi nunha fría mañá de xaneiro de 1983, reunidos nunha sala cedida pola entón Caixa de Aforros da Coruña e Lugo en Santiago de Compostela, onde 21 artesáns chegados de diferentes lugares de Galicia, acordamos constituír a asociación, sen depositar moitas esperanzas no seu futuro, porque daquela o panorama para a sociedade civil organizada era moi incerto. Tamén faltaban cultura asociativa e recursos mais a intuición dicíanos que poderiamos conseguir algúns resultados.

Grazas ao traballo voluntario e máis ao entusiasmo, a asociación comezou a andar e a súa primeira actividade foi un todo un acontecemento, non tanto pola súa importancia como polo seu carácter. A exposición Outrasartesanías, realizada no verán de 1983 na sala de exposicións do Pazo Municipal da Coruña, acadou o interese de numerosos artesáns contemporáneos galegos, xa que esta exposición representaba unha concepción renovada e actual dos oficios artesáns, con expositores daquela descoñecidos mais que hoxe ocupan un lugar relevante nas súas especialidades, como Ramón Puig Cuyás, (ourive de Barcelona), Suso Montero da Coruña ou Manolo Gómez (tamén da Coruña), quen, en poucos anos, encamiñou a sua enerxía creativa e o seu bo oficio cara á insólita e arriscada aventura do cine de animación (O bosque animado etc.).

Aquela exposición presentou en sociedade a asociación e supuxo, sen o pretender, unha acción convincente de captación de socios, que logo pasaron de 21 a preto dun cento en toda Galicia. Tivemos a sorte de transmitirmos un enfoque contemporáneo e atractivo da creatividade artesanal, coa que sintonizaron rapidamente moitos profesionais. E esta foi a clave do crecemento da asociación e da súa traxectoria posterior.

Axiña nos demos conta de que o traballo voluntario non é viable cando se tratar de atender as demandas profesionais de máis de 100 socios, así que progresivamente fomos profesionalizando a xestión interna, algo naqueles momentos complicado de levar a cabo e incluso incomprendido.

Mais os resultados da profesionalización foron tamén moi convincentes. Manter persoal contratado traballando a xornada completa e unha oficina aberta todo o ano, xera unha gran confianza, multiplica a demanda de asistencia por parte dos socios e contribúe a dispor dunha maquinaria sempre disposta a intervir nas cuestións de maior interese.

Pronto os socios pasaron a preto de 400 en toda Galicia, cifra que se mantivo con pequenas flutuacións nos últimos anos.

Nestes anos, desde a Asociación Galega de Artesáns fomos consecuentes coa nosa vocación de protagonizarmos a promoción e o desenvolvemento da artesanía de Galicia desde unha estratexia de acción directa.

Para iso elaboramos planos e estratexias que trasladamos ás institucións, especialmente á Xunta de Galicia, xa que é a Administración con competencias máis claras na materia.

Como resultado da acción da nosa asociación, promoveuse a Lei de artesanía de Galicia no ano 1992, que creou a Comisión Galega de Artesanía, paritaria grazas á insistencia da nosa asociación para que así fose, e recolle a creación do Centro Galego da Artesanía e do Deseño, ademais da acreditación institucional dos artesáns galegos a través da carta de artesán.

Moitas accións de profesionalización, formación ou promoción que desenvolveu durante estes anos a Administración autonómica, foron propostas pola nosa asociación.

En todos estes anos promovemos a realización das tres feiras de artesanía máis importantes e rendibles de Galicia: Mostrart na Coruña; Ofeitoaman en Vigo (con máis de 20 edicións consecutivas cada unha) e Primavera, a feira norte do regalo, orientada á comercialización profesional, con sete edicións.

Circunstancialmente tamén promovemos outras feiras como Artesanoia en Noia, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Santiago de Compostela etc., algunhas delas xestionadas aínda por outras entidades.

Na liña de acadar unha mellor presenza dos produtos artesáns de calidade no mercado, puxemos en marcha durante os anos 90 a marca Artesanía de Galicia, xunto coa marca de garantía da artesanía de Galicia. A partir do ano 2000, concertamos coa Xunta de Galicia a institucionalización da marca e o seu posterior regulamento oficial, unha medida que axudou a consolidala e poñela á disposición de todos os artesáns galegos.

A traxectoria de AGA está marcada tamén polo deseño e posta en marcha de gran número de actividades relacionadas coa artesanía que acadaron resultados espectaculares, especialmente a organización de encontros de carácter profesional, unha fórmula aberta que converteu Galicia nos últimos anos nunha cita atractiva e obrigada para moitos artesáns de toda Europa.

Comezamos cos Encontros dos Oficios do Coiro en Galicia, que tiveron lugar durante varios anos en Allaríz (Ourense) e despois se "exportaron" a Córdoba ou Valladolid, os cales pasaron de 15 participantes a máis de 150. Despois foron os Encontros de Torneiros de Madeira en Galicia, que se levan realizando durante os últimos 6 anos na aldea artesán da Fraga, en Xermade (Lugo), con máis de 60 participantes, nas últimas edicións chegados de toda España, o Reino Unido ou Francia. Tamén contamos cos Encontros de Ferreiros en Galicia, os cales se levaron a cabo nos tres últimos anos en Fonsagrada (probablemente este ano se realicen en Taramundi-Asturias), con máis de 70 participantes ou os Encontros de Ceramistas Profesionais en Viveiro (Lugo).

O segredo do éxito destes encontros é a súa fórmula aberta. A organización proporciona o espazo de encontro, o máis aberto posible. Convoca varios expertos que teñan desexos de transmitiren a súa experiencia e o demáis vai de corrido. Prodúcese a catarse das emocións e das paixóns inherentes aos oficios, a empatía e o compañeirismo. As teorías dos segredos profesionais esváense como o fume e, do contacto de tantos, xorden novas iniciativas, colaboracións, intercambios…

En todos eles, o entusiasmo e a colaboración dos Concellos en que se realizan é incondicional. As pequenas aldeas e as vilas, gozan dun acontecemento.

Desde AGA tamén promovemos numerosos cursos de formación, accións de divulgación, edición de publicacións (a revista Artesán ou, recentemente, a Guía TIC para artesáns, en colaboración ca Fundación do Centro Galego da Artesanía e do Deseño) e intercambios con entidades, institucións ou empresas. Formamos parte e presidimos na actualidade, da unión de asociacións máis importante do estado: Oficio y Arte, a Organización dos Artesáns de España (www.oficioyarte.org) que, á súa vez, acaba de integrarse no World Crafts Council-Europa (www.wcc-europe.org), a unión de organizacións estatais máis relevante do continente.

As actividades e a vida interna da asociación son importantes e poden supoñer unha grande axuda para os socios mais non son a cuestión máis importante que decide o pago das cotas. O máis valorado polos socios de AGA é dispoñeren da información que lles fai chegar a asociación.

Para os artesáns non é sinxelo estar ao tanto das noticias de interese, convocatorias, axudas, oportunidades etc. Por iso é fundamental que a asociación seleccione e organice a información en función dos intereses de cadaquén.

A comunicación é esencial e as circulares informativas de AGA, tanto en papel, (enviadas por correo postal) como no seu formato electrónico, son o servizo máis relevante para as persoas asociadas.

Na actualidade, colaboramos en varios proxectos sobre deseño e artesanía e novas tecnoloxías. Preparamos a nosa páxina web (www.galegadeartesans.org), que agardamos que estea operativa antes do verán e que será a web que prestará máis servizos e disporá de máis contidos relacionados coa artesanía de toda Galicia.

Dispoñemos dun local social propio na zona de Monelos da Coruña, aberto de luns a venres das 8.00 ás 15.00 h, no cal traballan tres persoas a tempo completo e máis un gran número de colaboradores, tanto da propia asociación como externos.

O financiamento interno, sempre complicado, conseguimos que non fose dependente. Este é un dos logros máis importantes da nosa asociación.

 
 

   Atrás       Subir