Compañía do Trinke Trinke


Hai múltiples e diferentes actividades de animación á lectura, que varían en función das idades dos nenos e nenas e dos criterios dos educadores ou condutores da animación. Sería inxenuo pensar que unha sesión das que nós facemos vai converter un cativo en lector, pero a contribución a espertar ou reforzar o gusto polos contos é innegable.

         

 


As sesións teñen unha duración de media hora á corenta minutos, e nela participa un personaxe ou dous (os ratos da Biblioteca) e, no caso das bibliotecas municipais da Coruña, tamén unha bibliotecaria. A sesión consiste nunha pequena obra de teatro con presentación, nó e desenlace e nela cóntanse dous ou tres contos, ás veces, recítanse poesías, cántanse cancións, dinse adiviñas...

Os ratos de biblioteca, a través da comicidade, tentan establecer unha relación afectiva co seu público. O teatro sérvenos para representar situacións da vida familiar ou da vida individual que son recoñecibles polos nenos e polas nenas. Deste xeito, nas nosas sesións podemos formular conflitos, problemas comúns nas súas vidas e como os contos nos achegan datos ou recursos para a comprensión destes conflitos e para a súa solución.

A compañía do Trinke-Trinke os seus Ratos de Biblioteca

Hai máis de doce anos que moitas escolas e bibliotecas de Galicia, receben periodicamente a visita dunha familia de ratos: os Ratoncio de Lonxedetodo. O profesorado e o persoal bibliotecario permítenlles estas visitas ao comprobaren que non son bechos perigosos para a saúde humana (teñen bos hábitos de hixiene) nin para os libros xa que, ao contrario doutros ratos, estes non os rilan, lenos.

Son verdadeiros ratos de biblioteca. A familia Ratoncio aparece así como un modelo de familia no que a lectura e os contos teñen unha grande importancia. O conto aparece para eles como un medio de diversión e tamén como unha fonte de coñecemento e de aprendizaxe a través das experiencias dos protagonistas das historias. Cami Ratoncio, coñecido tamén polo nome de Fuco, é un rato duns 10 anos, aínda que quizais aparente máis, porque o rato de biblioteca é unha especie cun desenvolvemento diferente aos outros ratos e tamén ao dos nenos e nenas. Un rato de biblioteca de 10 anos, malia que é un neno que vai á escola e ten as preocupacións propias e o desenvolvemento intelectual dun neno desa idade, mide 1,66 e pesa 70 quilos, o que pode impresionar ou incluso asustar a nenos menores de 4 anos. O susto é pasaxeiro. Estes cativos non tardan en comprobar que os ratos de biblioteca son inofensivos, antes ben, o que máis desexan no mundo, a parte de ler e incluso antes ca un queixo holandés é ser amigos dos nenos e contaxiarlles o seu gusto pola lectura.

Lupiña, a súa irmá é adoptada. Os pais de Cami, trouxérona do orfelirrato. Os seus pais naturais, abandonárana misteriosamente diante da porta desa institución dentro dun baúl de contos. Non lles foi difícil aos reitores do orfelirrato escolleren a familia adoptiva que mellor lle conviña a Lupiña.

Os avós da familia serven de escusa para tocar temas relacionados coa vida do campo, máis próxima á natureza e levan un xeito de vida máis propio de anos atrás. Tamén están relacionados, como moitos avós, cos contos tradicionais. Esta familia de ratos foxe dos roles asignados topicamente aos sexos masculino e feminino. Lupiña, por exemplo, é máis afeccionada á bricolaxe que ás bonecas.

Cada certo tempo un ou dous membros da familia (Cami, Lupiña,a súa nai, a avoa, o avó ou a curmá Carolina) percorren o longo camiño que une Lonxedetodo coa biblioteca escolar ou pública onde os queiran acoller. É unha longa viaxe. Cando volvan a mirada atrás e desde o alto dos montes que rodean a súa aldea a vexan como un cadro feito de retrincos verdes dos campos, laranxa dos tellados e brancos das chemineas que fumegan, emocionados cantarán a canción:

         

 


Lonxedetodo, Lonxedetodo
Lonxedetodo lonxe de todo está...
Lúa de queixo, chuvia de contos
...Lonxedetodo nos nosos corazóns
E se algún día, Lonxedetodo
E se algún día eu teño que marchar
Onde eu vaia
Sempre comigo virás.

 
 

   Atrás       Subir