MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo - Rúa Príncipe, 54 - 36202 Vigo
Tel. +34 986 11 39 11 / +34 986 11 39 00
Fax +34 986 11 39 01 - info@marcovigo.com - www.marcovigo.com

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo foi inaugurado en novembro de 2002 e ocupa o edificio rehabilitado do que foi antigo cárcere e xulgados, en pleno centro comercial da cidade. O MARCO basea a súa identidade no seu dinamismo e espírito aberto e participativo. As exposicións temporais -principalmente mostras colectivas sobre a produción artística recente nos máis variados eidos creativos- constitúen o eixo da súa programación.

Respecto da historia do edificio que alberga o museo, en 1995 o Concello de Vigo tomou a decisión de rehabilitar o antigo Pazo de Xustiza e Cárcere de Vigo -inmoble declarado Ben de Interese Cultural en 1990- adxudicándose o proxecto arquitectónico ao equipo vigués de arquitectos composto por Salvador Fraga, Francisco Javier García-Quijada e Manuel Portolés. A remodelación respectou a tipoloxía orixinal do antigo edificio, que se correspondía co modelo de "prisión panóptica", unha estrutura arquitectónica radial deseñada polo filósofo británico Jeremy Bentham (1748-1832). Por isto, mantívose o seu esquema radial, restituíndo o panóptico central no seu trazado cilíndrico e desprazando a entrada ás salas de exposición desde a fachada ao seu centro.

En canto ao modelo de xestión, o 22 de outubro de 2002 constituíase a Fundación MARCO, Fundación de Interese Galego, a entidade encargada de xestionar e financiar as actividades do museo por medio do seu Padroado, órgano de goberno do centro. Nel figuran representantes das catro entidades fundadoras: Concello de Vigo, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Caixanova, ás que se uniu o Ministerio de Cultura a partir de 2006.

Os principais obxectivos do MARCO teñen que ver coa súa multiplicidade de funcións como centro de arte: un espazo de exhibición, pero tamén ámbito de investigación e lugar para a formación de profesionais. O noso reto é achegar a arte e outras manifestacións da cultura contemporánea a distintos públicos, a través dun conxunto de actividades e servizos que inclúe programas educativos para escolares, actividades para familias, obradoiros de artistas, cursos para adultos, servizos da biblioteca-mediateca, eventos do salón de actos -ciclos audiovisuais, concertos e festivais, conferencias, presentacións, xornadas e mesas redondas- e actividades da Agrupación de Amigos.

Como sinal de identidade fronte a outros museos e centros de arte, e en consonancia co particular trazado panóptico das salas de exposición, máis axeitado para mostras colectivas, o MARCO realiza exposicións de carácter temático, xeográfico ou de tese -na súa maioría de produción propia- acordes cos movementos artísticos contemporáneos. Ademais, o Espazo Anexo ou sala de proxectos, dedicada a propostas de artistas emerxentes, ofrece un lugar de experimentación e reflexión, un espazo que interactúa co seu contorno e que toma o pulso do contexto máis inmediato.


Acción educativa e cultural

En liña co seu compromiso de achegamento á cidadanía, de contribución á mellora da educación artística, e de fomento de hábitos de consumo cultural, o programa educativo do MARCO é parte esencial do día a día do centro, en relación directa coas exposicións temporais, co edificio que as acolle e co resto das actividades. Unha programación estable que se renova varias veces ao ano, dirixida a distintos públicos -escolares, público infantil e adulto, familias, grupos e colectivos con necesidades específicas- e que funciona como ponte entre a sociedade e o museo. Tanto o Laboratorio das Artes (o espazo de talleres didácticos no primeiro andar) coma o salón de actos e as salas de exposición serven como lugares de encontro para o desfrute e aprendizaxe.

Como reforzo ou complemento da actividade expositiva, e intensificando o carácter contemporáneo do MARCO como centro de arte, a programación do salón de actos está centrada na exhibición regular de ciclos audiovisuais de cine, vídeoarte e documentais, concertos de arte sonora, performances, e na organización de seminarios, cursos, obradoiros, conferencias e outros eventos sobre o máis variado espectro cultural.

O obxectivo principal da Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO é proporcionar información de calidade a estudantes, artistas e investigadores, ademais de atender as demandas dun público de todas as idades cada vez máis interesado pola cultura actual. Cuns fondos especializados no estudo das artes plásticas, historia da arte, arquitectura, deseño, estética, fotografía, cine e vídeo, préstase especial atención ás áreas temáticas e aos artistas presentes nas exposicións temporais do museo, sen esquecer aos creadores do eido cultural e xeográfico da nosa comunidade. Todos os servizos e actividades do Centro de Documentación -incluída a navegación por Internet a través dos equipos informáticos da Biblioteca ou da rede wifi- son gratuítos e de libre acceso.

 
 

   Atrás       Subir