Miguel Harguindey
Tour dinámico de acrobacias
50 x 67 cm.

 
 

 
Ler e animar a ler: retos á paixón

Xosé A. Neira Cruz
Escritor e editor
 
 

Na base de toda política de promoción e desenvolvemento cultural, a lectura debe ou debería ocupar un lugar primordial. Lectura como alicerce de calquera outra iniciativa, non só as que teñen que ver especificamente co libro. Pois é hora, quizais, de entender que o exercicio de ler é extensible a calquera soporte, nomeadamente neste tempos de recambio tecnolóxico, pero non só polo feito de estarmos en momentos de mudanza de contedores, senón porque unha concepción ben entendida da lectura, non reducionista, interdisciplinar e aberta a propostas imaxinativas -das que dan froito e apaixonan- pasa necesariamente polo diálogo entre as prácticas culturais.

Nese diálogo, o texto -calquera que este sexa, onde queira que estea escrito, mesmo se non o está- é fundamental, como o é o proceso de descodificación do mesmo. Cando nos tempos de Trento a Igrexa deu en utilizar as partes posteriores das casulas dos cregos (o oficiante dicía a misa de costas ao pobo) para ilustrar sobre premios e castigos divinos asimilados a diferentes prácticas de vida, simplemente estaba a demostrar unha sagacidade certeira que se resumiría na coñecida máxima "todo o que entra polos ollos se aprende". Ou dito doutro xeito: todo o que está á vista se le.

Leamos pois, e ensinemos a ler, nas luces coas que iluminemos as nosas rúas nas festas (e xa nos deron sinais nese sentido as decoracións de Nadal realizadas en Madrid hai poucos anos), nas sobremesas que comamos, no respaldo dos asentos que nos toquen diante no autobús ou na bolsa do pan, como nos acaba de propoñer a Dirección Xeral de Difusión e Promoción Cultural da Xunta de Galicia. Pois na medida en que consigamos facer da lectura un acto cotián, estaremos a gañar, no consciente e no incosciente -que ás veces é a parte de noso que máis retén- espazos para o goce lector.

Sorprendamos aos nosos concidadáns con propostas que lles entren polos ollos, perante as cales nin sequera teñan que cuestionarse se é bo ou necesario achegarse a un texto. Que o achegamento a esa proposta lectora -repito, no soporte que sexa- veña revestida da dimensión de novidade, de feito inusual, de acontecemento que apetece non perderse, pois, teñámolo presente, para a maioría dos nosos veciños ler é, sen dúbida, unha práctica excepcional. Non se trata de abrumar con estatísticas que nos colocan á cola de Europa en consumo lector; tampouco é momento de relembrar o número de libros (e hai que falar en singular) que corresponden per capita neste país. Por non seguir coas tiraxes cada vez máis reducidas dos libros que se editan, co número de bibliotecas, coa adecucación das súas instalacións, coa idoneidade dos seus horarios de apertura, co dinamismo das súas actividades, coa accesibilidade dos seus fondos... Hai un longo etcétera de atrancos vencellados ao libro e á lectura entre nós que nos facilitan a escusa de non querermos ou non podermos ler.

Fronte a eses atrancos, agucemos o enxeño e tiremos proveito do que sempre nos fai saír das nosas prácticas habituais para meter o nariz onde máis nos presta: botemos man da curiosidade que aniña en nós. Se un libro non chama a atención da meirande parte dos nosos concidadáns -e as cifras din ás claras que non- levemos os textos lidos, escritos, cantados, pregoados, pintados alí onde lelos, no soporte que sexa, resulte inevitable, divertido e conmovedor. Velaí, para empezar, as tres claves dunha posible campaña que queira facer do texto (sigo resistíndome a falar só do libro) unha chamada á atención colectiva: ten que estar por todas partes, sobre todo nas máis inusuais; ten que divertir e promover o goce e/ou ten que conmover a quen se achegue a el para que, dun ou doutro xeito, fique tocado nalgunha freba inesperada do seu interior.

De tocar frebas do noso interior -é dicir, do noso insconciente- sabe ben e bota man arreo a linguaxe publicitaria. Se é quen de poñernos a consumir infinidade de produtos que, sen a debida promoción, non chegariamos a incorporar aos nosos hábitos, algo haberá que aprender dela para achegar a auga ao noso rego. Unha regra de ouro que os publicitas teñen clara -e que nós non deberiamos esquecer no noso empeño de promocionar a lectura- é que cada público, cada destinatario, necesita a súa mensaxe. Non podemos presentarlle o mesmo texto a un neno, a un adolescente, ao pai ou nai dese adolescente e aos seus avós. Tampouco podemos falarlles do mesmo xeito a todos, pois cada un deles responde a uns trazos xergais nos que se autoidentifica a formar parte dun grupo diferenciado.

A cultura, e de forma especial, o libro, pecou con demasiada frecuencia duns protocolos de comunicación inzados de máis de grandilocuencia e solemnidade. Cómpre recoñecer e valorar o consumo e prácticas culturais de cada grupo poboacional e, a través desa segmentación, deseñar as nosas estratexias de achegamento. Fallar na linguaxe coa que queremos chegar aos nosos destinatarios, ou equivocarse na definición das características de cada grupo tradúcese, na meirande parte dos casos, nunha baixa rendibilidade dos esforzos e dos investimentos realizados. Romper esquemas, desmontar prexuízos e apearse da gravidade soen ser boas prácticas de partida que deberiamos anotar nos nosos decálogos de promotores do libro e da lectura. Isto tradúcese, por exemplo, en incorporar os cómics aos andeis das bibliotecas, en utilizar mensaxes sms para promocionar unha determinada obra ou en cantar a ritmo de rap a biografía do último homenaxeado no Día das Letras Galegas, como acaba de demostrar un docente imaxinativo dun centro do Barco de Valdeorras.

Ana Karina Lema Astray
Silencios - Técnica mixta sobre tea (Díptico) 130 X 97 cm.

Vaiamos agora, para finalizar, a algunhas cuestións elementais que, quizais por elementais, se nos esquecen adoito. E poñámolas unha detrás doutra para advertir a evidente interrelación entre algunhas destas formulacións.

1. Ler non é doado. Todos o sabemos, sabemos que a lectura require un esforzo, unha concentración e unha dedicación que outros medios, outras formas de lecer, non esixen. Xa que logo, desterremos da nosa linguaxe referenzas á facilidade da práctica lectora. Porque ler é fácil para moi poucos, para os menos. Vaiamos coa verdade por diante e aceptemos que á maioría dos nosos interlocutores ler non lles atrae. Digámoslles que ler, malia ese esforzo, paga a pena, e demostrémoslles por que.

2. Ler é unha excepción cultural. Cando menos entre nós, así o debemos ter en conta. Antes de poñerse a ler, cada cidadán galego fai moitas outras cousas e, se lle queda tempo -cousa que non soe acontecer- abre un libro. O cal tampouco significa que o vaia ler. Xa que non podemos loitar contra iso -ou alomenos non parece doado facelo- permitámoslle que así o faga. Deámoslle por boa esa suposta práctica lectora. E descubrámoslle, poñamos ao seu alcance, libros que se poden abrir sen necesidade de que teñan que ser lidos. Libros de imaxe, álbumes ilustrados (dos que, por certo, contamos actualmente en galego con edicións de calidade probada e premiada a nivel estatal e internacional), textos despregables, posters literarios, barallas de poemas ou xogos con referentes en obras e escritores (e aí está, para demostrárnolo, a magnífica campaña de lectura "Hora de Ler", recentemente presentada e deseñada pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia).

3. Ler non é organizar actividades paralectoras. Sexan benvidos os contacontos, as dramatizacións de textos, as visitas de autores e autoras, as sinaturas de libros... pero que non se acaben convertendo en substitutivo da lectura. Non vaia ser que os nosos lectores acaben preferindo ser animados a ler máis que ser lectores.

4. Ler, malia todo, é necesario e segue a formar parte da nosa práctica diaria. Mesmo se pode dicir que nunca como na actualidade os nosos mozos escribiron e leron tantos correos electrónicos, chats, mensaxes telefónicas ou blogs. Perdámoslle medo a esas ferramentas populares e accesibles para enchelas de contidos valiosos. Convirtámolas nas nosas aliadas e, para iso, aprendamos a entendelas e utilizalas.

5. Ler non está de moda, non forma parte das dinámicas de consumo defendidas desde programas de televisión de audiencias millonarias, por personaxes de sona ou por líderes sociais. Aceptemos que ser culto xa non é un valor nesta sociedade que apeou á cultura dos piares prioritarios, en aras do éxito económico, a poder ser fulgurante, ou da fama gañada a calquera custo, e convirtamos a nosa condición de minoría en elemento de exotismo diferencial. Ser exóticos consiste en ter mensaxe oculta, en ter algo que dicir, en ofrecer misterio. O misterio segue a ser un punto valorado na bolsa cambiante dos nosos valores e prácticas sociais.

6. Ler pode ser prescindible pero os seres humanos seguimos sen poder prescindir da necesidade de que nos conten boas historias. Aproveitemos esa necesidade para proclamar a existencia dunha boa historia, en formato libro, capaz de engaiolar a cadaquén. Divulguemos o feito de que hai un libro feito á medida das nosas necesidades. Que cada un de nós temos alomenos un libro que nos vai engaiolar. Trátase, xa que logo, de atopar ese libro.

7. Ler non implica a obriga de rematar un libro que non gusta. Animemos a pechar e abandonar os libros que se caen das mans, do mesmo xeito que animamos a atopar os bos libros que se devoran sen necesidade de estratexias de apoio.

8. Ler é unha práctica que, como todas, necesita un tempo e un espazo. Cremos tempos nas repletas axendas de actividades diarias e propoñamos espazos alternativos para a lectura. Espazos aos que chegar sexa doado, que formen parte dos itinerarios diarios, que resulten cómodos e acolledores, nos que, ante todo, un se atope ben.

9. Ler e animar a ler é responsabilidade de todos. Corresponsabilicemos ao tecido social no esforzo de falar do libro e da lectura. Contemos cos creadores e dinamizadores culturais, si, pero non esquezamos aos lectores e lectoras que, malia todos os atrancos, seguen a estar aí: a despachar pan nunha panadería, a poñer cafés nun bar, a dirixir o tráfico nunha praza... Propoñámoslle aos nosos lectores escollidos falar dun libro aos demais, e fagamos que falar de libros sexa algo cotián, frecuente, accesible, non só cousa de mestres e escritores. Porque hai un libro para cada lector e cada lector pode falar dun libro.

10. Ler é unha práctica que habitualmente se herda. Existen os lectores espontáneos, pero na biografía de case todo bo lector apareceu nun momento dado unha persoa para a cal os libros eran fundamentais. Convidar a formar parte do círculo dos iniciados e demostrar que paga a pena formar parte dese círculo move resortes internos a prol da lectura. Sempre e cando as razóns esgrimidas sexan sinceras e as emocións, certas.

11. Ler e animar a ler implica paixón. E implica obviamente ler. Se non lemos dificilmente poderemos animar a ler. Se non nos apaixona a lectura, dificilmente lograremos apaixonar aos demais. Só o que sente a paixón, apaixona. A paixón, malia todas as modas en contra, segue a contar con moitos adeptos/as.

Velaquí o reto. Formular retos, como se se nos fose a vida niso, e facer o posible por chegar á meta fixada, é fundamental nesta lea do libro e da lectura. Porque efectivamente unha parte da nosa vida, a que se le, se conta, se escribe e se soña, se nos pode ir co libro que non se le, coa lectura inexistente.

 
 

   Atrás       Subir