Santi Jiménez
Todo un camino por recorrer 01, 02. 2007
Mixta sobre papel, 70x100 cm.

Salvador Fernández Moreda
Presidente da Deputación da Coruña

 

Dalgún xeito conmemorar o número dez (aínda que todos lembramos que houbo un iniciático número cero) desta nosa e, sobre todo, vosa publicación, arredor do tema Cultura de redes non é casual. Ten un aquel de clara intencionalidade que lle outorga unha especial plusvalía ao exemplar que tendes nas mans. Posto que o bo goberno cultural debe ser, ante todo, un sistema de regulacións que procure as máximas interaccións posibles, sensibilizar polo articulamento de programas e proxectos en colaboración interinstitucional e entre axentes ben merece o esforzo. A tradicional relación gobernantes-gobernados, amodo pero decididamente encamíñase cara a unha interacción de actores individuais e institucionais que comparten a responsabilidade do ben común. O espazo público visualizado polas administracións locais debe garantir este xogo de sinerxías entre os axentes da cultura locais. Rede significa procurar xuntos uns mesmos obxectivos, de aí as múltiples vantaxes sociais e económicas de tecer redes entre nós.

Desde hai uns anos así o entendemos e asumimos por parte da área de cultura do organismo provincial. A pretendida constitución da Rede Cultural da Deputación da Coruña, cos programas de música, teatro, monicreques e compañías de danza, é unha mostra. Cun exercicio de vontade e tamén de innovación política en xestión cultural pública cara aos nosos administrados (concellos e entidades asociativas principalmente), puxemos en práctica novas canles, novos soportes e colaboramos para xerar novas relacións. En formato de rede, menos centralizadas e máis sistémicas. Nesta intencionalidade na xestión, é vital a implicación de todos os actores culturais, non só no labor de uso das axudas, senón na posibilidade que se abre a conformar outras políticas culturais máis implicadoras: na definición dos seus obxectivos e das súas escalas.

Porque, en definitiva, desde esta nova iniciativa do proxecto interea e noutras accións de natureza formativa e investigadora que se levan implementando na nosa provincia, trátase de dar argumentos para concienciar a todos os axentes, nomeadamente aos concellos e aos seus responsables políticos e técnicos, da conveniencia de traballar en rede. Isto, entre outras vantaxes, posibilita a xeración e a activación dunha amalgama de protagonistas xa existentes e a incorporación doutros novos. Ben para intensificar as interrelacións, ben para favorecer intermediacións tendentes a procurar determinados retos definidos dende unha perspectiva de políticas públicas.

As voces dende a reflexión e as experiencias ou boas prácticas que aquí se amosan, aínda que escasas porque estamos nos albores de entender a acción cultural pública desde tales parámetros sistémicos, procuran explorar a creación de escenarios de suma positiva que animen a minimizar a problemática inherente e a incerteza intuída. Fornecer a densidade relacional, promover a cultura do traballo en equipos e a intermediación semella, hoxe en día, un exercicio de pluralismo político e sentido común. Tamén de sustentabilidade cultural. Anímovos, pois, a tecer esa rede de redes, permeable e heteroxénea que axude a proxectar a acción cultural e a provincia da Coruña cara a un tempo mellor. Velaí vai o meu compromiso de colaborar na tarefa.

 

 

   Atrás       Subir