Do espectacular ao relacional. Unha aposta polo traballo en rede e a implantación sociocomunitaria das políticas culturais

Xavier Campos
Consellaría de Cultura e Deporte
Xunta de Galicia

Mónica Rivas
Casa da lúa, óleo sobre lenzo, 60 x 60 cm. / Corazón fresa, óleo sobre lenzo, 60 x 60 cm.
Paradise, acrílico sobre lenzo, 90 x 136 cm. / Pomba e flor, acrílico sobre lenzo, 89 x 116 cm.



 

 

 

 

 

 

Falaba hai uns días con amigos cos que comparto a paixón polo traballo cultural sobre as dificultades que temos actualmente os xestores culturais do ámbito público para restituír o noso papel nun contexto en que os cidadáns somos educados desde pequenos en opcións de consumo cultural esencialmente pasivas, espectaculares e orientadas a un tipo de recepción masiva que rexeita todo aquilo que considera esixente, minoritario ou incómodo de máis. E reflexionabamos tamén sobre como, pola contra, o labor que desenvolvemos desde as administracións públicas, lonxe de admitir este paradigma predominante, ten hoxe que se esforzar por atopar os camiños que repoliticen de novo á cultura, isto é, a convertan outravolta nun elemento xerador de ideas, valores e sentido para a vida cotiá. Porque unha sociedade coma a actual, diante das incerteza, tensións e desacougos que o proceso de mundialización capitalista está provocando nas nosas vidas, acreditamos que precisa da cultura –entendida en sentido amplo– como toma de terra e ferramenta útil á hora de afrontar estas mudanzas.

Pola súa banda, o cambio político producido en Galiza após 25 anos de gobernos AP/PP e as radicais transformacións que o acceso ás novas tecnoloxías provoca nos circuítos e hábitos sociais de consumo cultural confirman, tamén a nivel galego, a vivencia deste tempo coma un tempo de cambios e de crise, no sentido primixenio do termo. A necesidade neste sentido de máis análises e investigacións sobre as nosas políticas culturais e sobre as mudanzas sociais que estamos a vivir é hoxe absolutamente evidente e ineludíbel, e máis se non queremos correr o risco de acabar dando, aínda coa mellor das vontades e o máximo de esforzo persoal, pouco máis que paus de cego na nosa acción cultural1. Enténdase que este artigo está absolutamente exento de tal pretenciosidade, e véxase simplemente como un achegamento parcial a algunhas cuestións, cambios de enfoque e prioridades das políticas culturais en Galiza que nos ocupan e preocupan desde a propia experiencia persoal.

O primeiro, unha herdanza envelenada

A miúdo digo e con convencemento, mais nunca como desculpa que todos arrastramos unha pesada lousa. Os creadores, os xestores, os responsábeis políticos, os activistas do tecido asociativo e amador... todos nós vimos –vivíramolo ou non en función da nosa idade– dun pasado de 25 anos de política cultural en Galiza caracterizada, basicamente, pola confusión entre cultura, espectáculo e propaganda gobernamental e pola ausencia dun modelo integral de desenvolvemento dos nosos sectores culturais. Esta ausencia de modelo e de proxecto que moitos apuxeron ao PP non deixou de ser, porén, un modelo en si mesmo de facer política, con consecuencias, iso si, acho que perversas para o conxunto da nosa cultura. Cara aos distintos sectores, supuxo a política dos despachos e das solucións particulares con resultados eficaces no seu desvertebramento e desactivación;  cara a sociedade, a substitución encuberta da cultura de base pola cultura espectacular (e a poder ser, foránea)  e a confusión entre o traballo cultural público e a organización de macroeventos desde a lóxica das empresas e as comisións de festas.

Sendo xenerosos, e presumindo que a acción política do PP respondeu a algún paradigma teórico concreto, poderiamos subliñar como unha das súas principais características a aposta, case que exclusiva, polo modelo da “democratización cultural”2, isto é, pola promoción da oferta de espectáculos para o seu consumo por parte da poboación.  A centralidade da oferta cultural dentro das políticas culturais públicas, que supón a asunción dun papel pasivo para os cidadáns como receptores, foi acompañada por unha certa obsesión polos resultados, que procura e precisa grandes cifras de asistencia para lexitimar as súas apostas, favorecendo á súa vez unha grande confusión de papeis entre as administracións públicas e os sectores privados. Así, non resulta estraño, por exemplo, observar como aínda hoxe moitos macroconcertos de figuras mediáticas, organizados cunha lóxica de beneficio clara e lexitimamente empresarial, seguen a ser sufragados en grande parte con cargo aos orzamentos públicos das distintas administracións, ou como con cartos das mesmas destinados ao labor cultural se financian acotío todo tipo de eventos turísticos, gastronómicos e festivos nos que a compoñente cultural non pasa, no mellor dos casos, de coartada meramente colateral.  

O problema maior, a pesar disto, non é que a aposta pola oferta de espectáculos fose a opción predominante en detrimento doutras, senón que a desidia e a intención basicamente instrumentalizadora coa que se fixo provocou que nin os propios obxectivos que o paradigma da democratización cultural procura fosen conseguidos cun mínimo de satisfacción. Mostra disto é que  só agora comeza a haber estudos e análises avaliadores do nivel de recepción das programacións públicas ou dos efectos que teñen na xeración de públicos, por poñer algúns exemplos3 . E os resultados, por certo, son desoladores. Nestes anos, nin se corrixiron as debilidades do mercado, nin se conseguiu aumentar o consumo cultural, nin se favoreceu a diversidade e a excelencia da oferta artística nin se sensibilizou e educou ao públicos para unha mellor recepción das diferentes propostas.

As institucións nos foguetes, e a sociedade...

Fronte á realidade triste do campo institucional –coa honrosa e meritoria excepción dalgúns concellos e cidades, sobre todo a partir de finais dos noventa– , tivo que ser en xeral a sociedade civil quen tomase a iniciativa na promoción, cara dentro e cara fóra, da nosa cultura. Desde experiencias puntuais como a Burla Negra ao labor constante das asociacións pedagóxicas, de defensa da lingua, da promoción do patrimonio etc, podemos dicir que foi a propia sociedade quen, a través da suma destas diferentes iniciativas, se conformou paseniño como a verdadeira protagonista de grande parte dos proxectos máis interesantes que se deron na acción cultural en Galiza ao longo destas dúas últimas décadas, e case sempre sen contar co apoio e co papel director dunha administración galega que, neste sentido, dimitiu decote das súas responsabilidades.

A modo de resumo, poderiamos dicir que o modelo de política cultural do que vimos caracterizouse por promover o espectáculo cara a fóra e por ocultar, cara a dentro, os  grandes ocos e baleiros que viviron os sectores e os axentes culturais do país, tanto no campo sociocultural coma no dos creadores e no das empresas culturais. A herdanza recollida, en definitiva, non foi un punto de partido idóneo a partir do cal poder seguir construíndo a cultura do país, senón máis ben un caos no que ás veces cumpría primeiro deconstruír, noutras ordenar e, na maioría dos casos, resolver aquelas cuestións de maior urxencia e necesidade. Só a partir de rematada esa primeira fase de traballo, que é xustamente o momento no que estamos agora, é factíbel poñer enriba da mesa  un novo modelo de política cultural, verdadeiramente transformador, para ir desenvolvendo nos vindeiros anos.

As resistencias, como é lóxico, van ser grandes. Entre algunhas xa facilmente detectábeis e derivadas do propio peso da inercia destes anos encóntranse, por exemplo, a tendencia das administracións a seguir centrando o seu esforzo case que exclusivamente no campo da oferta, ou o propio conxunto de malos hábitos adquiridos por todos nós –xestores, creadores, responsábeis políticos– e que  son difíciles de substituír no curto prazo por unha nova cultura política e social de boas prácticas e relación cooperativa.

Menos curtopracismo e máis transformacións

A cultura galega precisa hoxe, de maneira imprescindíbel, dun outro modelo de política cultural pública. E ese modelo ten que ser integral e estratéxico, é dicir, ten que debuxar o horizonte futuro ao que queremos chegar e ten que ter en conta todos os planos: o da creación,  promovendo a formación, a investigación e a excelencia artística; o das industrias culturais, apoiando a existencia dun tecido empresarial galego que sustente con profesionalidade, saber facer e independencia o talento artístico existente; o patrimonial, con políticas que favorezan a conservación e aproveitamento intelixente do noso patrimonio e o poñan en relación coas dinámicas creativas actuais; e, tamén e sobre todo, o dos proxectos socioculturais, que promovan e busquen a implicación activa dos cidadáns e a súa implantación comunitaria a través da cooperación dos diferentes axentes culturais -asociativos, públicos e privados- existentes no territorio.

Entendéndoo así, a Consellaría de Cultura anunciou publicamente ao longo deste 2007  a súa aposta por levar a cabo un cambio estrutural nas políticas culturais galegas. A decisión, substanciada tanto na xa emprendida reforma interna da Consellaría4como no deseño e implementación de políticas sectoriais integrais –Lei do Libro, Plan Galego das Artes Escénicas etc– trata fundamentalmente de crear ferramentas administrativas máis eficaces e máis útiles para afrontar os novos retos que a cultura galega ten por diante. Non se trata, xa que logo, de atender agora uns ámbitos en detrimento dos outros, senón precisamente de traballar no desenvolvemento pleno de todos eles, a través de organismos especializados e cunha permanente interlocución cos sectores.

Desta maneira, nos próximos meses camiñaremos cara a un novo modelo de Consellaría, cara unha Consellaría que se esforzará por promover a cooperación e a complicidade entre axentes a nivel social e territorial  e que se quere a si mesma como unha eficaz dinamo-cultural, mobilizadora de vontades e  recursos e impulsora de proxectos vertebradores e colectivos. Neste sentido, os retos das políticas culturais públicas en Galiza esixen hoxe, xustamente, a promoción sen complexos da nosa cultura e da nosa identidade, a través dunha acción política que cree as condicións precisas para a creación e desenvolvemento de maior densidade cultural no territorio, para a consolidación e dinamismo de núcleos creativos de calidade e para o fortalecemento dun certo sector empresarial máis estábel, autónomo e profesionalizado.

O traballo cultural en rede, unha aposta central para os novos tempos

Mais vaiamos ao que nos ocupa, porque a análise do contexto do que vimos e dos condicionantes previos cos que temos que traballar xa foron, seguramente, máis debullados do que cumpría. Centrémonos, pois, no tema do artigo e fagámolo dando conta dunha aposta: a da Consellaría de Cultura polo traballo cultural en rede, a colaboración entre axentes e os proxectos colectivos de base ampla que se sosteñan e medren vizosos a partir da súa propia natureza complexa e plural.  

Aínda que a plasmación desta aposta polo traballo relacional en rede vai ter –estao tendo xa– reflexo na acción política da Consellaría a través de proxectos dos diferentes ámbitos da mesma, do campo sociocultural e artístico da Dirección Xeral ao das industrias culturais do IGAEM/AGADIC, quizais sexa no primeiro deles no que se vai facer máis evidente. E isto é así porque a especial atención que a dimensión máis social da cultura vai ter na nova Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural parte de dous convecementos. O primeiro, o da crise do actual modelo cultural da sociedade capitalista, caracterizado pola homoxeneización da cultura e pola súa conversión en simple produción intensiva de mensaxes –polo demais, nada inocentes- elaborados e transmitidos segundo a lei da oferta e da demanda. O segundo, a necesidade de promover e construír, desde o ámbito público, modelos alternativos e mesmo antagonistas dos predominantes na cultura actual, que permitan devolver carga simbólica e xeración de valor a unha cultura que, entendida en sentido amplo, debe ser novamente ferramenta formadora e transformadora e que, entendemos, precisa fortalecer, para conseguilo, a súa presenza na experiencia vivencial das persoas.

Fronte ao modelo da cultura espectáculo que vivimos case en exclusiva durante anos, a aposta actual vai ir na liña de dar prioridade a outros camiños, a través de proxectos que permitan que a relación das persoas coa nosa cultura se dea tanto desde a recepción de propostas como, fundamentalmente, desde o protagonismo e a implicación na proximidade.  Experiencias tan fermosas coma os obradoiros Olladas de Muller de Ribadeo, Vilar de Santos e Arousa, a creación do grupo musical Malvela de Mos ou o proxecto Leña Verde en Boiro e no resto da comarca do Barbanza son todos bos exemplos, en ámbitos distintos, de que a cultura pode e debe ser importante na achega de máis sentido e valor para a vida das persoas.

É precisamente desde esta concepción desde a que a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, dentro das súas liñas de traballo para 2008 e 2009, vai poñer en marcha unha serie de programas socioculturais que, por un lado, nacen a partir da vontade de mudar a lóxica do cidadán receptor pola do cidadán protagonista  e que,polo outro, farán pasar aos xestores e técnicos culturais de programadores do que os cidadáns poden ou deben ver a conectores entre distintas persoas, axentes e propostas culturais, cunha función moito máis relacional e orientadora.

Un novo programa sociocultural da Dirección Xeral

O programa CULTURA NOVA, que comezará de maneira piloto nas comarcas do Barbanza e A Mariña en 2008 e que será presentado antes do remate do ano 2007 baixo un outro nome de marca, será o primeiro deles. CULTURA NOVA é un proxecto de carácter sociocultural comarcal, destinado a traballar as relacións entre mocidade e cultura desde a aposta pola creación de redes de colaboración entre os diferentes axentes (asociativos, institucionais, educativos, patrimoniais, creadores etc)  das comarcas devanditas. A procura dun modelo relacional para a xente nova arredor da cultura, que promova a creación e desenvolvemento de máis densidade cultural, é en si mesmo o primeiro obxectivo deste proxecto, que contará con accións formativas, con exhibición de espectáculos e con medidas de apoio aos novos creadores. Os eixes artísticos (música-escrita, imaxes e novas escenas), que darán coherencia e unidade a nivel galego ao programa, contarán no seu desenvolvemento preferentemente con colectivos, empresas e institucións das propias zonas, procurando a colaboración entre elas e procurando garantir a maior implicación e coñecemento sobre a realidade na que se pretende intervir. Para a súa xestión, a Casa da Parra compostelá será o lugar onde se centralicen os traballos de coordinación nacional e dinamización da rede de comarcas nas que ano a ano se pretenderá ir desenvolvendo este proxecto, con espazos cabeceira do mesmo en cada unha delas (o centro social de Boiro ou a Casa do Padroado de Sargadelos, por exemplo, serán os primeiros espazos vinculados ao programa Cultura Nova na Barbanza e Mariña).

O traballo en rede na proxección exterior da cultura galega

Ao tempo que se porán en marcha novos programas de tipo sociocultural ou de apoio á creación que empregarán como método o traballo en rede dos diferentes axentes, actualmente a Consellaría está xa aplicando esta fórmula nalgunhas experiencias de interese para a nosa cultura. A nivel de programacións, a vertebración e coordinación das salas de música en Clubtura e a creación con eles da Rede Galega de Música ao Vivo, ou no ámbito musical a posta en marcha de Galician Tunes, como experiencia compartida polas empresas, os artistas e a administración para a promoción exterior da música galega. Porén, quizais sexa no campo da colaboración cos colectivos e axentes culturais galegos de espazos coma Barcelona, París, Lisboa ou Bruxelas no que a aposta por unir esforzos se vexa de maneira máis clara. E neste sentido, experiencias coma a refrega francesa ou a rede.cat catalana son singularmente interesantes, porque se constitúen como redes de axentes culturais galegos neses respectivos territorios para a colaboración no deseño e xestión de programas conxunto de actividades. No caso catalán, rede.cat nace ademais da experiencia de traballo compartido noutra rede –como foi Nunca Máis de Cataluña– e emprega a grande rede da sociedade actual –internet- para o traballo e a relación interna dos seus compoñentes. Neste 2007, froito do traballo común da Consellaría e de rede.cat fixéronse neste en Barcelona actividades de promoción da nosa cultura no exterior, coma o festival musical SonGaliza ou algunhas das actividades recollidas na Axenda Cultural Galega en Cataluña.

Outros casos, como as actividades galegas de Muziek Publique en Bruxelas,  programacións como a de Portugalizando en Lisboa ou proxectos que poden saír nos vindeiros meses en Gales e en Madrid están tamén integrados nesa vontade de tecer rede de colaboración entre a Consellaría e as persoas e colectivos culturais galegos no exterior, dentro dun programa definido de traballo que, neste sentido, vai promover a relación, interacción e conxestión de actividades tanto entre eles como entre eles e a propia Consellaría.

Notas

1 Neste sentido resulta especialmente importante a posta en marcha do Observatorio da Cultura Galega, froito do convenio asinado en 2007 pola Consellaría de Cultura e o Consello da Cultura galega.

2 Santerre, Lise (1999), De la démocratisation de la culture à la democratie culturelle. Québec, Ministère de la Culture et des Communications.

3 Na web do IGAEM (www.igaem.xunta.es) pódense consultar a este respecto, entre outros, os estudos feitos sobre os niveis de satisfacción dos públicos da Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como os niveis de asistencia aos distintos espectáculos.

4 Está previsto que en 2008 se produza a conversión do IGAEM na Axencia Galega das Industrias Culturais, un organismo que incluirá nos seus órganos de decisión ás Consellarías de Cultura, Economía e Industria, e que terá como obxectivo central fortalecer o tecido empresarial galego no ámbito da cultura. Pola súa banda, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural centralizará toda a relación cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro e desenvolverá todas as políticas integradas dentro das dimensións máis socioculturais e artísticas.

 
 

   Atrás       Subir