Estás en:Cultura Programación do Teatro Colón

Programación do Teatro Colón

Segue en directo a Programación de Teatro Colón

A área de Cultura da Deputación da Coruña manterá a programación prevista no Teatro Colón da Coruña e ofrecerá os espectáculos a través de streaming para ampliar o público moi reducido polas limitacións imposta pola situación sanitaria. A música protagonizará o programa dos dous últimos meses do ano en que haberá estreas e propostas que van do jazz á tradicional pasando por rap, pop ou música de autor .

O Candil

13 de novembro | 20:00

A Escola Galega de Teatro Musical produce o seu primeiro traballo profesional, O Candil, un musical galego. Baseado nas historias do cancioneiro galego, este musical, que se acaba de estrear, pretende lembrar a figura da muller galega de principios do XIX. O Candil convídaos á gran festa clandestina do Pavillón Lino. Un espectáculo protagonizado por tres mulleres que buscan o propio ser, nun momento de confusión e cambio da mentalidade global. Estamos en 1919, A Coruña pasa a ser un dos núcleos políticos, artísticos e sociais que máis brillan. Sexan todos benvidos a esta comedia musical baseada nas historias do cancioneiro galego.

Fuliada na Vila

14 de novembro | 20:00

Banda de 11 músicos dirixidos por Richi Casás cun arranxos preciosistas de jazzband sobre as músicas galegas de tradición oral. O repertorio sobre o que bebe este proxecto parte de gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recolleu na casa de Rosa e Adolfina no ano 1980, punto de partida da aposta artística. Sobre esta herdanza, o saxofonista edifica unha novidosa proposta musical na que conflúen varias culturas: das pandeiretas ás orquestras; dos ritmos latinos ao jazz.

Fuliada na Vila, de Richi Casás, é o segundo traballo editado por aCentral Folque na colección ZECA. A través dun libro e un CD de nova creación, o autor propón unha viaxe aos mundos musicais e emocionais que conforman a súa traxectoria; unha reflexión sobre diversos temas, como a función social da música de raíz ou o papel que deben xogar os arquivos que a conservan; sobre os valores do mundo rural, que o autor peneira, igual que fai coas músicas, para ofrecer unha proposta de futuro.