Programación do Teatro Colón
Segue en directo a Programación de Teatro Colón
A área de Cultura da Deputación da Coruña manterá a programación prevista no Teatro Colón da Coruña e ofrecerá os espectáculos a través de streaming para ampliar o público moi reducido polas limitacións imposta pola situación sanitaria. A música protagonizará o programa dos dous últimos meses do ano en que haberá estreas e propostas que van do jazz á tradicional pasando por rap, pop ou música de autor .
O Candil
13 de novembro | 20:00
A Escola Galega de Teatro Musical produce o seu primeiro traballo profesional, O Candil, un musical galego. Baseado nas historias do cancioneiro galego, este musical, que se acaba de estrear, pretende lembrar a figura da muller galega de principios do XIX. O Candil convídaos á gran festa clandestina do Pavillón Lino. Un espectáculo protagonizado por tres mulleres que buscan o propio ser, nun momento de confusión e cambio da mentalidade global. Estamos en 1919, A Coruña pasa a ser un dos núcleos políticos, artísticos e sociais que máis brillan. Sexan todos benvidos a esta comedia musical baseada nas historias do cancioneiro galego.
Fuliada na Vila
14 de novembro | 20:00
Banda de 11 músicos dirixidos por Richi Casás cun arranxos preciosistas de jazzband sobre as músicas galegas de tradición oral. O repertorio sobre o que bebe este proxecto parte de gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recolleu na casa de Rosa e Adolfina no ano 1980, punto de partida da aposta artística. Sobre esta herdanza, o saxofonista edifica unha novidosa proposta musical na que conflúen varias culturas: das pandeiretas ás orquestras; dos ritmos latinos ao jazz.
Fuliada na Vila, de Richi Casás, é o segundo traballo editado por aCentral Folque na colección ZECA. A través dun libro e un CD de nova creación, o autor propón unha viaxe aos mundos musicais e emocionais que conforman a súa traxectoria; unha reflexión sobre diversos temas, como a función social da música de raíz ou o papel que deben xogar os arquivos que a conservan; sobre os valores do mundo rural, que o autor peneira, igual que fai coas músicas, para ofrecer unha proposta de futuro.
FAIA & Benxamín Otero
11 de decembro
Un espectáculo íntimo, unha experiencia diferente na que deixarse levar pola verdade do canto. A voz e as percusións tradicionais de FAIA están acompañadas por Benxamín Otero no corno inglés e a caixa de música e por Hevi no son e na produción. Completa o espectáculo un tocadiscos no que xiran as gravacións orixinais das que FAIA aprendeu, sendo a interactuación cos arquivos, co noso patrimonio sonoro, coas nosas mulleres, unha parte importante e especial do concerto.
Emilio Rúa: Lendas no Camiño
17 de decembro de 2020 | 20:00
Emilio Rúa mostra dunha forma intimista con guitarra e piano parte das lendas que recompilou durante 20 anos converténdoas en cancións e que se plasmarán nun disco no 2021. Como di o autor, "profundo nesta temática galega que é parte do noso Patrimonio Cultural Inmaterial, moi valioso, que resistiu o paso do tempo e mantívose vivo grazas á xente que as transmitiu na fala da xente". Ademais, neste espectáculo estarán presentes outras cancións da súa autoría e dos seus discos, sempre imprescindibles nos directos..
Ugia Pedreira: A Pedreira
18 de decembro de 2020 | 20:00
A Pedreira é a nova proposta escénica da artista Ugia Pedreira. É un espectáculo que acredita a música como unha arte escénica. Guitarra en man pasa por múltiples mesturas sonoras, desde unha dama vintage do blues da galeguidade á cantautora de nume folk americano, ou latinoamericano, unha rapera trad ou unha sofisticada pandereteira galega con reminiscencias africanas.
A Pedreira é un proxecto en solitario de Ugia, esta vez para ela soa. Acompañada de guitarra, pandereita e do seu corpo móbil, incorpora, nalgúns momentos, ao músico bretón Pierre-Yves Rougier con quen comparte vida, visión e común pensar sobre o feito musical.