Estás en:Novas

Vimianzo enaltece a artesanía da Costa da Morte

O Castelo de Vimianzo acolleu a 27 edición da Mostra de Artesanía en Vivo

Ao acto acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez, o deputado José Manuel Pequeño e diversos mandatarios dos municipios limítrofes.

Vimianzo enaltece a artesanía da Costa da Morte

O Concello de Vimianzo enalteceu coa presentación da súa XXVII Mostra de Artesanía en Vivo o valor dos produtos artesanais de toda a Costa da Morte, nun evento que tivo lugar no Castelo de Vimianzo, "o noso emblema", apuntaba a alcaldesa.

Ao acto acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez, o deputado provincial José Manuel Pequeño, os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e diversos mandatarios dos municipios limítrofes.

Tiveron lugar varias actuacións musicais, por parte do grupo de gaitas Trubisquiña e o dúo Queimán e Andrea Pousa, así como a representación teatral de man dos Quinquilláns. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e José Manuel Pequeño pronunciaron unhas palabras nas que valoraron "os complicados tempos vividos polas e polos artesáns e artesás durante todo este contexto sanitario", e quixeron agradecer "o inconmensurable esforzo por parte dunhas persoas que forman parte do selo de identidade dun pobo, da Costa da Morte e de toda a comunidade", insistiron.

Esta Mostra está integrada por preto dunhas 20 persoas que fan posible que o Castelo cobre vida desde o 15 de xullo ao 15 de setembro, durante o verán, e as fin de semanas durante todo o ano. Oleiros vidos desde Buño, un maquetista de barcos, a Asociación de Amigos do Liño de Galicia, a asociación de Palilleiras As Nemanquiñas de Vimianzo; a artesanía en prata e soprado de vidro, a asociación de Veciños o Santiaguiño de Carreira de Zas e a artesanía do trenzado da palla de Baíñas. Ademais, ASPADEX tamén ten un posto, e conta con demostracións ao vivo de maneira intermitente.

Pequeño Castro quixo destacar "o potencial que presenta a combinación de patrimonio arquitectónico e cultural transformándoo na Mostra que hoxe vimos presentar, integrada por persoas vidas de todos os recunchos da Costa da Morte e que é digna de ver, en vivo, coas súas demostracións e vendo o produto de primeira man", apuntou.

Pola súa banda, a alcaldesa afirmou que "temos a obriga, desde as administracións, de preservar o noso e concienciar da relevancia do patrimonio, en todas as súas modalidades", porque forma parte da "nosa sociedade e da identidade propia", sendo parte "viva e eterna do noso modo de vida", finalizou.

Páxinas suxeridas