Estás en:Novas

Finalizan as obras de humanización da avenida Ribados, en pleno corazón residencial do Burgo, tras un investimento de 252.000 euros do Plan único

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde, José Ramón Rioboo, visitaron o lugar onde se executaron os traballos

González Formoso destaca as máis de 50 obras que o Plan Único da Deputación financia en Culleredo desde a súa creación, cun investimento de 7,5 millóns de euros

Rioboo destaca o resultado da actuación, que abarcou todos os ámbitos, como "exemplo da rexeneración urbana" que promoverá en todas as parroquias.

Finalizan as obras de humanización da avenida  Ribados, en pleno corazón residencial do Burgo, tras un investimento de 252.000 euros do Plan único

Valentín González e José Ramón Rioboo visitaron a zona

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, visitaron esta mañá a recentemente renovada avenida de Ribados, situada no corazón do Burgo. A modernización da vía, efectuada polo Concello co financiamento provincial, supón unha mellora integral en canto a funcionalidade e estética.

Esta intervención, con cargo ao Plan único da Deputación, ten como obxectivo principal dotar o peón de maior protagonismo nun dos principais núcleos residenciais de Culleredo. A humanización desenvolveuse desde a intersección con Costa da Lonxa ata Visitación de la Encina.

A actuación incluíu a reforma das beirarrúas, para garantir a mellora da mobilidade, e das zonas de aparcadoiro, en formigón impreso. Variouse o eixo da estrada para poder ampliar as beirarrúas e que cumpran cos criterios de accesibilidade.

Dotouse, tamén, a este espazo de novas plantacións de árbores e mobiliario urbano, coma bancos e papeleiras, para prestar servizos adecuados aos veciños da zona. Así mesmo, incluíuse a canalización para o futuro soterramento da liña eléctrica, que actualmente discorre por vía aérea.

As obras incluíron tamén a colocación de novos elementos de iluminación, de tipo LED, con columnas de 8 metros de altura. Tamén se mellorou a rede de recollida de pluviais, con novos colectores e pozos de rexistro, a de abastecemento, con novas tubaxes, e a de saneamento.

González Formoso destacou que a obra, cun investimento de 252.021 euros é un exemplo de como o Plan único axuda a mellorar as infraestruturas e servizos municipais e a renovar espazos coma a avenida de Ribados, "facéndoos máis accesibles, máis seguros e cómodos para os peóns".

O presidente da Deputación sinalou que, desde a súa creación en 2017, o Plan único leva investido 7,5 millóns de euros en Culleredo e permitiu a aprobación de máis de 50 obras de mellora das infraestruturas do municipio. Novos sistemas de alumamento enerxeticamente sostible, renovación de rúas, prazas e parques infantís e incluso obras coma a glorieta da zona do Pasaxe foron financiadas con cargo ao POS+, que neste 2021 conta cunha achega de 1,8 millóns de euros e permitirá, entre outras obras, construír unha rotonda na avenida de Vilaboa que regule o tráfico na N-550 cun investimento de máis de 568.000 euros.

O alcalde, Jose Ramón Rioboo, agradeceulle a González Formoso "a implicación da Deputación nun proxecto que incrementa a calidade de vida da cidadanía". O alcalde sinalou o resultado da actuación, que abarcou todos os ámbitos, como "exemplo da rexeneración urbana" que promoverá en todas as parroquias.

Rioboo avanzou así mesmo que, completadas estas obras neste tramo, o concello tramita a súa continuación nunha segunda fase que incluirá a rúa Visitación de la Encina.

Adxudicada a dragaxe da Ría

Ademais, Rioboo acompañou o presidente da Deputación para comentar a recente contratación do proxecto de dragaxe da Ría do Burgo, tras a adxudicación das obras realizada polo Goberno do Estado.

Executarao a empresa UTE ACCIONA- MATÍAS ARROM BIBLIONI quen, cunha baixa do 33,66% acometerá o proxecto por algo máis de 32 millóns de euros. As obras realizaranse nun prazo estimado de 26 meses.

O primeiro edil destacou a "relevancia" desta intervención, que marcará a "folla de ruta de futuras obras para seguir humanizando o noso municipio", avanza, á súa vez que recalca que "un dos grandes obxectivos é que Culleredo sexa un lugar máis transitable, verde e exemplo de sustentabilidade".

Páxinas suxeridas