Estás en:Novas

A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece un total de 570 actuacións nos meses de verán

171 concertos, 139 representacións teatrais e 135 proxeccións audiovisuais levarán a nosa cultura a todo o territorio

O deputado Xurxo Couto destaca que a Rede Cultural confírmase como o circuíto máis sólido para a cultura galega cun orzamento de 2.600.000 euros

A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece un total de 570 actuacións nos meses de verán

Un total de 570 actuacións constitúen a oferta da Rede Cultural da Deputación da Coruña para os meses de xullo, agosto e setembro. O circuíto cultural que se desenvolve nos distintos concellos da provincia consolídase como a máis potente aposta para a difusión da cultura ao vivo no territorio.

En total serán 570 as actuacións culturais que este verán se desenvolverán nos concellos da Coruña integrados na Rede Cultural da Deputación. Das distintas modalidades, a música é a que se impón neste verán con 171 actuacións, seguida do teatro e monicreques que conta con 139 representacións e o cinema que inclúe 135 proxeccións, boa parte ao aire libre. Ademais, a programación cultural da Deputación inclúe tamén 35 propostas de "Lingua a escena" para promover o uso do galego, 50 de "Alicerce", dedicado á cultura non profesional; 24 actuacións de maxia e 16 de danza.

"O verán será, sen dúbida, unha etapa de especial interese para a recuperación do sector da cultura ao vivo, con programación que se producirá maiormente ao aire libre e que ofrecerá eses case seiscentos espectáculos na nosa Rede Cultural que se presenta, de novo, como un circuíto cultural sólido e recoñecido que promove unha programación de calidade en todos os concellos", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O verán convértese así na época en que máis se concentra a programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña xa que só nestes meses se ofrecen 570 actuacións do total de 1409 que compoñen o programa anual.

As actividades desenvolveranse en 91 concellos cun orzamento de 2.600.000 euros dos que a achega da Deputación da Coruña ascende a 1.555.000€. Un total de 1.473 compañías e grupos profesionais participan nesta nova edición no catálogo da Rede Cultural. Aínda que no verán os concertos musicais posiciónanse no primeiro posto da programación, no cómputo anual o teatro e os monicreques con 524 actuacións son os que se sitúan no podio da Rede, seguida da música con 299 concertos por diante das 173 proxeccións audiovisuais, os 173 espectáculos que animan a usar o galego ou os 112 de cultura amadora.

"Os datos da Rede Cultural evidencian que, ademais de ser de grande valor para a difusión da nosa cultural en todo o territorio é tamén unha ferramenta moi importante para recuperación económica do sector xa que xera contratacións artísticas e emprego, tan necesarios neste momento nun ámbito que padeceu como poucos o confinamento provocado pola pandemia", explica Xurxo Couto.

Actuacións musicais como as de Tanxugueiras, De Vacas, Guadi Galego, A Gramola Gominola, Magín Blanco, Budiño & Pablo Novoa, Ses, Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre; teatrais con compañías como Boabab Teatro, Ghazafelhos, maxia como a do Mago Teto ou Dani Polo ou películas como Ons, O que arde ou A illa das mentiras son algunhas das propostas máis solicitadas do catálogo da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Axenda completa de actividades en: https://dacoruna.gal/axendaredecultural

 

Páxinas suxeridas