Estás en:Novas

Os premios PEL da Deputación da Coruña recoñecen o talento e a innovación das empresas da provincia

"Estes galardóns recoñecen o talento a innovación das pequenas empresas da provincia, que contribúen a reactivación económica, crean emprego e permiten que A Coruña siga a ser o motor económico de Galicia", afirmou o presidente, Valentín González Formoso

Galchimia, empresa de química orgánica que desde Touro converteuse nun referente internacional no seu campo, e as burbullas astronómicas de Albarari (Oleiros), premiadas como mellores empresas consolidada e de recente creación

A coruñesa BionixTechnologies, galardoada polo desenvolvemento do primeiro respirador artificial fabricado en Galicia durante a pandemia da Covid-19

O Concello de Brión, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA) e a xornalista de El País Sonia Vizoso completan a lista de gañadores nas distintas categorías do galardón

Os premios PEL da Deputación da Coruña recoñecen o talento e a innovación das empresas da provincia

A Deputación da Coruña celebrou esta tarde en Oleiros o acto de entrega da IV edición dos premios PEL, uns galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano ás mellores empresas da provincia, as iniciativas de asociacións empresariais e concellos en materia de emprego e aposta polo desenvolvemento económico.

Os premios PEL recoñecen o talento a innovación das pequenas empresas da provincia. Todas elas, co traballo diario das persoas que hai detrás, contribúen á reactivación económica que tanto necesitamos tras a pandemia, crean emprego e permiten que A Coruña siga a ser o motor económico de Galicia”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que presidiu o acto de entrega dos galardóns.

Un acto que estivo conducido polo popular presentador Brais Doval, e contou coa asistencia do vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane e o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos representantes do mundo empresarial da provincia da Coruña.

75.000 euros en premios

A empresa de Oleiros, Albarari S.L., recibiu o premio na categoría de mellor iniciativa empresarial nova, polo seu orixinal modelo de negocio que combina a actividade educativa e divulgativa en materia de astronomía, coa posibilidade de vivir unha experiencia inmersiva en plena natureza orientada á observación do firmamento, poñendo en valor os excepcionais recursos turísticos en materia de astronomía que ofrece a nosa comunidade. Ademais,Albarari recibiu recentemente a prestixiosa certificación da Fundación Starlight nos seus Campamentos Astronómicos, converténdose deste xeito nos primeiros Campamentos Starlight da nosa comunidade.

Pola súa banda,  Galchimia, con sede no pequeno municipio rural de Touro, foi galardoada na categoría de mellor iniciativa empresarial consolidada, por ser un referente internacional en química orgánica, proporcionando servizos de química de investigación, desenvolvemento de procesos e análise a clientes de todo o mundo e fomentar o emprego estable, igualitario e de calidade. Galchimia experimentou un crecemento do seu cadro de persoal dun 15% nos últimos 3 anos, superando no 2020 os 50 traballadores, dos cales máis do 70% son indefinidos e algo máis da metade son mulleres.

Como novidade, nesta cuarta edición creouse unha nova categoría, a de mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19, na que resultou gañadora a startup tecnolóxica coruñesa Bionix Supply Chain Technologies por crear nun tempo récord e en plena pandemia un respirador artificial de baixo custo facilmente industrializable, o respirador Freesterra.

Asemade, na categoría destinada ao concello promotor do emprego de calidade o galardón foi para o Concello de Brión, polas medidas implantadas a favor do fomento da iniciativa empresarial e o emprendemento, como a posta en marcha da cooperativa de transformación de produtos do agro DaquíDarredore a súa contribución á fixación da poboación, especialmente da mocidade, e por todos os proxectos levados a cabo desde os diferentes departamentos co fin de mellorar as oportunidades e a calidade de vida da súa veciñanza.

En canto á categoría destinada a premiar ás mellores asociacións empresariais da provincia, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA) resultou galardoado pola súa contribución á mellora no posicionamento do sector biotecnolóxico galego, buscando a mellora competitiva e a xeración de negocio mediante o impulso de accións e servizos directamente dirixidos ás empresas deste sector.

Neste acto tamén tivo cabida un recoñecemento para a mellor comunicadora en materia de Emprego, Industria e Economía, que recaeu na xornalista de El Pais, Sonia Vizoso, cunha dilatada experiencia profesional neste ámbito.

A provincia da Coruña, líder en proxectos empresariais de éxito

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso destacou a gran calidade das 74 candidaturas que este ano concorreron ao certame nas diferentes categorías, facendo fincapé en que son “unha excelente mostra do enorme potencial que ten a provincia da Coruña para continuar innovando, apostando polo talento da nosa xente e liderando a creación de proxectos empresariais de éxito”.

"Hoxe premiamos ás empresas, pero sobre todo premiamos o talento e o esforzo das persoas que hai detrás delas", afirmou o presidente, que lembrou que o Plan de Emprego Local (PEL) que dá nome a estes galardóns partiu tamén dunha idea ambiciosa: converter a Deputación, que apenas desenvolvía actividade no eido do emprego, no maior axente activo de promoción de emprego da provincia.

"Así foi como naceu o PEL, un plan que, en cinco anos, permitiulles a 3.316 persoas incorporarse ao mercado laboral e a 2.100 emprendedoras e emprendedores da provincia facer realidade as súas ideas de negocio", apuntou González Formoso, que considerou "necesario" que as administracións sigan "implicándose a fondo en plans coma o PEL, que suman os esforzos dos sectores público e privado para dar solución ao principal problema deste país: o desemprego".

Un PEL máis social para atender as urxencias da pandemia

O presidente afirmou tamén que a experiencia acumulada co PEL neste último lustro “resultou crucial para poder dar unha resposta áxil e eficaz ás necesidades urxentes que xurdiron coa chegada da Covid-19”. “A pandemia puxo a proba a nosa capacidade de adaptarnos e desenvolver un PEL aínda máis social, que chegara a máis persoas e empresas”, sostivo González Formoso, que destacou os 25 millóns de euros que a Deputación destinou no último ano aos programas REACTIVA de axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia, coma a hostalaría, as axencias de viaxes ou o pequeno comercio, así como os 600 empregos creados nos concellos “nun contexto socioeconómico especialmente difícil coma o actual”.

Pola súa banda, Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña e tamén presidente do xurado, agradeceulle á Deputación da Coruña o impulso a "unha brillante iniciativa que valoriza a innovación, o esforzo e a responsabilidade social das nosas empresas" e destacou o elevado nivel das empresas que concorreron aos premios e a profesionalidade do xurado, composto por José Manuel Cotos, profesor titular da USC; José Andrés Faíña, presidente do Grupo de investigación de Competencia e Desenvolvemento da Unión Europea da UDC; Carlos Fernández Bermúdez, subdirector da Cámara de Comercio da Coruña; Rosa Mary Cardeso, secretaria da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Emma Lustres, produtora en Vaca FilmsStudio.

A esta cuarta edición dos premios PEL presentáronse un total de 74 candidaturas nas diferentes categorías. Estas candidaturas, tan diversas coma innovadoras, abranguían actividades de servizos técnicos ou tecnolóxicos, así como o comercio e os servizos de educación e formación, as actividades empresariais industriais e téxtiles, empresas relacionadas co turismo e o fomento da cultura e empresas comprometidas coa sociedade nos momentos máis difíciles.

Cada un dos galardoados recibiu un trofeo de olería de Buño, un diploma acreditativo e un premio en metálico de 15.000 euros.

Páxinas suxeridas